Artrite reumatoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A artrite reumatoide (AR) é unha doenza autoinmune, caracterizada polo feito de provocar inflamación crónica nas articulacións, e que produce unha destrución paseniña con diferentes graos de deformidade e incapacidade funcional. Ás veces, o seu comportamento é extraarticular, de xeito que pode causar lesións noutros lugares anatómicos fóra da articulación, como pode ser as cartilaxes, os ósos, os tendón ou os ligamentos das articulacións. Pode afectar a diversos órganos e sistemas, como os ollos, os pulmóns, o corazón ou os vasos sanguíneos. Aproximadamente o 1% da poboación mundial está afectada pola artrite reumatoide, sobre todo as mulleres, que son 3 veces máis susceptíbeis ca os homes de padecer a doenza. A aparición adoita acontecer entre os 40 e os 50 anos de idade, malia que pode aparecer en calquera idade. A artrite reumatoide pode chegar a ser unha doenza dolorosa e altamente incapacitante. É diagnosticada fundamentalmente polos signos e síntomas clínicos, así coma certos exames de laboratorio, incluíndo o factor reumatoide (FR) e a radioloxía. Tanto o diagnóstico coma o tratamento da AR é levado por especialistas en reumatoloxía.