Amalarico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amalarico, nado en 502[1] e finado en 531, foi rei dos visigodos (511 - 531), fillo de Alarico II.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era un neno cando o seu pai morreu na batalla contra Clodoveo I o Grande, rei dos francos (507). Pola súa seguridade foi levado a España, que -xunto coa Provenza- eran por aquel entón gobernadas polo seu avó materno, Teodorico, rei dos Ostrogodos.

O mozo Amalarico foi proclamado rei en 522. Catro anos despois, á morte de Teodorico, foi coroado rei dos visigodos, cedendo a Provenza ao seu primo Atalarico. Casou con Clotilde, filla de Clodoveo I, pero os seus malos tratos a ela coa escusa de el ser ariano e ela católica- conduciron a unha invasión dos francos en cuxo transcurso, morreu asasinado (531).

Rexencia de Teodorico (511 - 526)[editar | editar a fonte]

Amalarico primeiro gobernou baixo a rexencia do seu avó Teodorico, rei dos ostrogodos. Sábese que este esixía aos visigodos o pago dun tributo en gran que servía para abastecer a Roma. A cambio entregaba ao reino visigodo un donativo anual. Aínda que os impostos recadados eran importantes, Teodorico esixiu que aumentasen ata alcanzar os niveis de Eurico e Alarico II (que gobernaban sobre un territorio maior). Producíronse diversos actos inxustos dos recadadores ordinarios (exactores) e dos recadadores de impostos atrasados (compulsores), e fíxose habitual o uso de pesos falseados para medir os grans entregados. As rendas dos dominios reais foron aumentadas en exceso e os dereitos aduaneiros alcanzaron un nivel esaxerado. Na mesma época sábese que os homicidios eran bastante correntes e que a situación xeral era pouco estable.

Parece ser que foi Teodorico quen estableceu un novo tipo de tremisses (moeda), fabricado xa en cecas peninsulares, que non existiran en tempos do Imperio, a imitación dos cales fabricaron as súas moedas os borgoñóns e francos, e que eran máis fáciles de distinguir das moedas bizantinas e cuxo peso e aliaxe eran bos.

Cara a fins do seu reinado Teodorico nomeou comandante militar ao ostrogodo Teudis, quen casou cunha dama hispanorromana de gran riqueza (podía manter un exército privado duns dous mil homes), grazas ao cal gobernou o país ao seu antollo, aínda que non descoidou enviar a Italia o tributo anual.

Reinado de Amalarico (526 - 531)[editar | editar a fonte]

Amalarico asinou un tratado con Atalarico, neto e sucesor de Teodorico en Italia, en virtude do cal se fixaron os límites de ambolos dous reinos e anulouse o tributo visigodo aos ostrogodos; a Provenza pasou a formar parte do imperio ostrogodo e retiráronse as guarnicións destes na Península, quedando ámbolos dous reinos separados. O tesouro real visigodo foille reintegrado. En virtude dos acordos cos ostrogodos, fixáronse definitivamente os límites da provincia Narbonense, chamada tamén Septimania ou Gallia. Amalarico fixou a súa residencia en Narbona. No ano 526, Amalarico casa con Clotilde, filla de Clodoveo, descendente dos burgundios.

Nada máis casar comeza a maltratala e vexala, obrigándoa a bautizarse como ariana, aínda que ela ía en segredo á igrexa católica. Os merovinxios atacaron o reino coa escusa de defender á súa irmá, polo que nun ataque de rabia, Amalarico golpeouna ata matala. Os francos tomaron a cidade no 531, provocando a súa fuxida a Barcino (Barcelona) onde morreu asasinado. Sucedeuno Teudis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brockhaus Geschichte, Second Edition


Predecesor:
Xesaleico
Rei dos visigodos
526-531
Sucesor:
Teudis