Aceifa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aceifa é o nome que recibían, na Península Ibérica durante a reconquista, as razzias musulmás, do árabe al-ṣayfa: "Expedición de guerra sarracena que se realiza en verán".

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome árabe ṣayfa está etimoloxicamente relacionado con ṣayf (verán) e inicialmente significaba "colleita", pero co paso do tempo utilizouse como "expedición militar", debido á "colleita" de mercadorías no espolio, e que tamén adoitaban ser realizadas no período estival.

Historia[editar | editar a fonte]

Campañas militares de Almanzor. En verde escuro, territorios reconquistados para Al-Andalus. No mapa aparecen as distintas aceifas de Almanzor e as datas nas que se realizaron.

As primeiras razzias importantes contra o territorio cristián peninsular comezaron tras a derrota de Vermudo I contra Hixam I na batalla do río Burbia (791), chegando mesmo a saquear a sede real de Oviedo no 794.

As aceifas mouras víronse interrompidas co ascenso ao trono de Afonso II e a vitoria cristiá na batalla de Lutos, dando lugar como resposta a unha serie de razzias cristiás, como a realizada en 798 contra Lisboa.

Os conflitos internos no emirato de Córdoba interromperon as incursións, diminuíndo polo menos en intensidade, ata o acceso ao trono de Abd al-Rahman II. Despois de poñer fin ás pretensións ao trono do seu tío Abdallah e de sufocar unha revolta en Murcia, organizou anualmente aceifas contra os cristiáns (no seu momento máis intenso organizáronse ata tres no mesmo ano). A maioría dirixíase contra Árava e, especialmente, contra Galicia, que era a rexión máis exposta do reino daquela. A pesar diso, non faltaron os ataques contra Ausona (Vic), Barcelona, Xirona e mesmo Narbona nas expedicións dos anos 828, 840 e 850.

Na lei Malikí había un precepto sobre como se debía levar a cabo a guerra santa:

"A guerra santa debe levarse a cabo cada ano, cunha forza militar suficiente, cara ao bando máis exposto. É un deber de solidariedade (uns contribuíndo coas súas persoas, outros cos seus bens) que se impón a todo home libre, púber e válido, mesmo baixo a dirección dun líder inicuo."[1] — Foros da casa Cuenca-Teruel

Este precepto foi cumprido con celo por Almanzor. No ano 981, cando Hixam II delegou os seus poderes ao señor da guerra, que foi nomeado al-Mansūr bi-l-Lah ("O vitorioso de Deus"), organizou ata cinco expedicións cara terras cristiás.

Á súa morte, tras a batalla de Calatañazor (1002), Almanzor deixou un terrible legado: ata 52 vitoriosas campañas militares aos reinos cristiáns,[2][3] das cales as máis coñecidas son as aceifas organizadas a Barcelona (985) e Santiago de Compostela (997), onde segundo a lenda fixo que os escravos cristiáns levasen a Córdoba as campás da catedral. Pero tampouco se salvaron un gran número de mosteiros cristiáns como San Millán de Suso, cidades portuguesas ou a capital do reino León, que saqueou ata catro veces.[4]

Durante a dominación almorábide e almohade, as aceifas foron dirixidas tanto a territorio cristián como musulmán. Os almorábides atacaron todo o norte de África, chegando ata Ghana. O fanatismo destes novos invasores fixo que algúns reis taifas se aliasen cos reis cristiáns do norte, converténdose tamén en branco das aceifas estivais.

As últimas aceifas importantes en territorio peninsular produciríanse pouco despois da batalla de Alarcos, en 1198 a Madrid e en 1199 a Guadalaxara. A batalla das Navas de Tolosa (1212) arruinaría definitivamente o poder militar almohade. Al-Andalus nunca máis volvería á ofensiva.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Maíllo Salgado, Felipe (1983). "La Guerra Santa según el derecho Malikí. Su preceptiva. Su influencia en el derecho de las comunidades cristianas del medioevo hispano. "Studia Histórica, Historia Medieval". Studia Historica Historia Medieval (en castelá) (Ediciones Universidad de Salamanca) I (2): 32. ISSN 0213-2060. 
  2. "Acerca de las campañas militares de Almanzor". Miscelánea de Estudios Árabes y Hebraicos. XIX-XV: 7–29. 1965-1966. 
  3. "New light on the military campaigns of Almanzor". Islamic Quarterly XIV: 126–142. 1970. 
  4. Castellanos Gómez, J. (2003). Geoestrategia en la España musulmana: las Campañas Militares de Almanzor. Centro de Publicaciones del Ministerio de Defensa de España. ISBN 978-84-7823-967-2.