Batalla das Navas de Tolosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación da batalla das Navas de Tolosa de F. P. Van Halen, do século XIX. Palacio do Senado de Madrid.

Batalla que se celebrou o 16 de xullo do ano 1212, preto das Navas de Tolosa. Considérase a batalla máis importante da Reconquista, e unha das poucas veces nas que case tódolos reinos cristiáns (salvo o Reino de León) se uniron contra os invasores musulmáns, co resultado dunha vitoria cristiá que tería grandes consecuencias históricas.

Índice

Os bandos [editar]

A batalla foi froito da cruzada organizada polo rei Afonso VIII de Castela, o Papa Inocencio III e o arcebispo de Toledo, Rodrigo Ximénez de Rada para combateren os almohades, pobo musulmán e bérber, que acudiran na axuda dos reinos de Taifas a mediados do século XII.

Polo bando cristián estaban as tropas de Afonso VIII de Castela, que era o principal continxente e estaban no centro da formación. Xunto a elas estaban tropas das ordes militares de Santiago, Calatrava, o Temple e do Hospital, e algúns cabaleiros chegados do resto de Europa, principalmente Francia e Italia.

Os outros reis cristiáns formaban os laterais do exército e eran Sancho VII de Navarra, Pedro II de Aragón e Afonso II de Portugal respectivamente. Destaca a ausencia de Afonso IX de León, que non acudiu pola inimizade que mantiña daquela co rei de Castela.

O bando almohade tiña como líder a al-Nasir.

Antes da batalla [editar]

Os exércitos cristián e almohade atopáronse preto de Despeñaperros, paso fronteirizo que separa as actuais Andalucía de Castela A Mancha. Os almohades toman o 13 de xullo o castelo do Ferral, á entrada de Despeñaperros, o que lles permite facerse fortes.

Al-Nasir instala o seu campamento no desfiladeiro da Losa, para bloquear o paso cristián. Porén, o exército cristián logra cruzar Serra Morena e instalan entre o 13 e o 14 de xullo o seu campamento en Mesa del Rey.

O campamento de al-Nasir é defendido pola súa garda, composta por escravos negros, encadeados uns ós outros por medio de cadeas enlazadas en estacas para evitar a fuxida destes. A forma desta formación defensiva é cadrada, con filas diagonais e perpendiculares que van desde os bordos da formación ata o centro desta. Esta formación é chamada o palenque.

Desenvolvemento da batalla [editar]

O actual escudo da Comunidade Foral de Navarra e o antigo escudo do seu reino procede da destrución do palenque polo rei Sancho VII. Hoxe considérase que o palenque non o conformaban escravos negros senón fanáticos relixiosos que desexaban ser mártires.

A batalla desenvólvese o día 16 de xullo de 1212, nas "navas" (chairas) que hai entre Miranda del Rey e Santa Elena. O exército cristián baixa de Mesa del Rey e atópase coa vangarda almohade.

A cabalería pesada cristiá é moi superior ós soldados almohades, polo cal al-Nasir coloca arqueiros e infantería, co fin de fustrigar a cabalería cristiá antes de envolvela coa súa infantería. Malia todo, os reis de Aragón e Navarra (Pedro II e Sancho VII respectivamente), impídeno ó estaren nos flancos do seu exército, facendo que os almohades non poidan envolvelos por aí.

As tropas cristiás esmagan os almohades, pero acaban sendo detidas e rexeitadas. As primeiras liñas cristiás retíranse paulatinamente, pero a cabalería pesada resiste en combate contra o exército almohade. Entón é cando atacan tamén Pedro II e Sancho VII, facendo un ataque en tenaces que acaba cos flancos inimigos.

A cabalería de Sancho VII de Navarra avanza asemade que diferentes grupos atacan, e acaban chegando ó campamento inimigo. Cargan contra o palenque, e dise que o mesmo Sancho VII rompe as cadeas que unen á garda de al-Nasir, acabando facilmente con ela.

Al-Nasir foxe a Baeza e dende aquí a Xaén, sen poder evitar a destrución do seu exército, que mentres el marcha, a súa matanza é completada polos líderes cristiáns.

Resultado da batalla [editar]

Descoñécese o número exacto de mortos e feridos desta batalla, pero calcúlase que os almohades perderon sobre 100000 homes do seu exército duns 120000, mentres que nos cristiáns a cifra reduciríase a uns 2000 dun exército duns 50000 homes.


Véxase tamén [editar]