Aberteifi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaAberteifi
Imaxe

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 52°05′03″N 4°39′28″O / 52.0842, -4.6579Coordenadas: 52°05′03″N 4°39′28″O / 52.0842, -4.6579
EstadoReino Unido
PaísGales
Área principalCeredigion Editar o valor em Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación4.184 (2011) Editar o valor em Wikidata (323,48 hab./km²)
Xeografía
Superficie1.293,45 ha Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postalSA43 Editar o valor em Wikidata
Prefixo telefónico01239 Editar o valor em Wikidata

Páxina webvisitcardigan.com Editar o valor em Wikidata

Aberteifi en galés e Cardigan na súa forma anglicizada e tamén a máis estendida noutras linguas, é unha cidade galesa duns 4.000 habitantes (2007) na baía do mesmo nome.

Topónimos[editar | editar a fonte]

Cardigan é a forma anglicizada de Ceredigion que deriva do nome de Ceredig co sufixo territorial -ion que significa "terra de Ceredig". Pénsase que Ceredig foi un dos fillos de Cunedda que estableceu a dinastía de Gwynedd no século V. Desde o século XIII, Ceredigion (Cardiganshire) converteuse no nome do condado e Cardigan quedou restrinxido á vila ou cidade.[1]

Aberteifi é o topónimo galés. Aber significa desembocadura ou ría, e aparece en moitos topónimos de Gales. Teifi é o nome do río: de Tam, á súa vez derivado de Taf, un grupo de nomes de ríos celtas e europeos que significan algo así como "fluir" (outra hipótese antiga é que signifique "escuro") [2]. Nese grupo están, por exemplo, os ríos Támese, Team, Tame e Tawe e os hidrónimos galegos Tamuxe, Tambre, Támoga e Támega [3].

A peza de roupa «cárdigan» non debe o seu nome á vila, senón a James Brudenell, sétimo Conde de Cardigan (1797–1868), participante na Guerra de Crimea, que a tería feito despois de se lle queimar por accidente parte da chaqueta.[4]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Localización[editar | editar a fonte]

A cidade está no condado de Ceredigion, que se chamou Cardiganshire até 1996. Aberteifi - Cardigan está na marxe norte do Teifi preto da súa desembocadura na baía de Cardigan, no bordo de Ceredigion con Pembrokeshire. A pequena illa deshabitada de Cardigan Island atópase na desembocadura do Teifi en Gwbert. A estrada A487 de Fishguard a Caernarfon pasa pola vila. Cardigan foi a capital do condado de Cardiganshire até 1974.

Infraestruturas[editar | editar a fonte]

O centro rexional de Gales Occidental ten un hospital, un colexio, un centro cultural con cine, concello, teatro e tendas.

Peirao[editar | editar a fonte]

Abeteifi - Cardigan ten porto desde principios da Idade Media. Creceu en importancia e na época de Isabel I sendo o máis importante de Gales despois de Milford Haven. No século XIX construíuse un pequeno estaleiro e un barrio de cordeleiros. A finais do século XIX, máis de 300 veleiros e máis de 1.000 mariñeiros estaban rexistrados no porto da vila; Alí construíronse 300 barcos en cinco estaleiros. A lousa de Cilgerran era exportada polo porto. O peirao tamén se utilizaba para a pesca e a exportación de arenque e salmón. Cando o río se colmou, as operacións portuarias paralizáronse a principios do século XX. Os plans para descubrir a conca portuaria nunca se realizaron.

Irmandade[editar | editar a fonte]

Cardigan está irmandado con Brioude, en Francia e con localidade de Trevelin, provincia de Chubut, un dos lugares de migración galesa na Arxentina[5].

Historia[editar | editar a fonte]

En 1093 o anglo-normando Lord Arnulf de Montgomery construíu o castelo de Cardigan na desembocadura do Teifi, que uns anos despois foi destruído por galeses.

En 1110 construíuse outro castelo de madeira, arredor do cal xurdiu un asentamento. Despois de varios asedios sen éxito, o castelo foi conquistado en 1165 por Rhys ap Gruffydd, príncipe de Deheubarth, quen construíu un castelo de pedra, sendo o primeiro castelo de Gales en ser construído en pedra por un príncipe galés.

En 1376 tivo lugar no castelo un concurso de poetas e músicos, que se considera o primeiro Eisteddfod. O National Eisteddfod de Gales tivo lugar na cidade dúas veces no século XX: en 1942 e 1976.


Despois da morte de Rhys ap Gruffydd en 1197, o castelo e a vila foron duramente disputados entre os seus herdeiros e os ingleses e cambiaron de mans varias veces. O rei Xoán I deulle á cidade unha primeira carta en 1199. En 1240 Cardigan finalmente caeu en mans dos ingleses, que construíron alí unha muralla de pedra. Durante a guerra civil inglesa o castelo foi atacado polas tropas parlamentarias. Oliver Cromwell construíu unha escola gratuíta no século XVII, derruída no século XIX.

St Mary Street

Cultura[editar | editar a fonte]

As atraccións culturais de Cardigan inclúen unha ponte fluvial de seis arcos (1726), un concello de estilo neogótico prerrafaelita de Ruskin (1859), un mercado cuberto e un almacén no porto con obradoiros artesáns.

O camiño costeiro de Pembrokeshire remata en St Dogmael's. Un destino popular é a baía de Llangranog, onde o compositor Edward Elgar pasou vacacións en 1902; as cancións galesas que escoitaba nos seus paseos inspiraron a súa Introduction and Allegro for Strings (Introdución e Allegro para cordas).

As ruínas do castelo foron de propiedade privada até 2003 e quedaron en mal estado, dende entón foron amplamente restauradas e serven de centro educativo e cultural desde 2014.

Lingua galesa[editar | editar a fonte]

A lingua galesa fálase predominantemente na vila. Máis de 70 % dos residentes entenden e falan galés; 48 % tamén pode escribilo.[6] En 2003, o Concello adoptou un plan de acción lingüística para preservar e promover a lingua.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "BBC - Wales - What's in a name - Cardigan". archive.ph. 2012-06-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2022-03-03. 
  2. "BBC - Wales - What's in a name - Aberteifi". archive.ph. 2012-06-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2022-03-03. 
  3. Artigo no Portal das Palabras da RAG onde falan da etimoloxía de Tambre
  4. "Cardigan Sweater - Traditional and Warm". www.cardigansweater.com. Consultado o 2022-03-04. 
  5. "Recepción a la alcaldesa de Aberteifi Cardigan". web.archive.org Poderlocal.net (en castelán). 2017-10-28. Archived from the original on 28 de outubro de 2017. Consultado o 2022-03-03. 
  6. 2001 Census. Neighbourhood Statistics: Cardigan

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • HE Conrad: Gales ; Prestel Verlag, Múnic 1982, ISBN 3-7913-0594-8, páx 291.
  • Peter Sager: Gales, Colonia, DuMont, 1995

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]