Hidronimia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hidrónimo»)

A hidronimia (do grego ὕδωρ hýdor 'auga' e ὅνωμα ónōma 'nome') é a rama da toponimia que se dedica ao estudo dos nomes de lugares das masas de auga. Aplícase normalmente para as formas de auga doce, pois para as marítimas se adoita utilizar o nome talasonimia.

Características[editar | editar a fonte]

Os nomes dos ríos son palabras moi resistentes ao cambio lingüístico. Nese sentido, como formas lingüísticas, os hidrónimos considéranse formas moi conservadoras, sucedendo normalmente que os pobos que substitúen a outros nun asentamento conserven o nome dado aos recursos hídricos. Por exemplo o Guadiana orixinalmente foi o río Anas, ao que os árabes chamaron simplemente wadi ana 'río anas', conservando o nome usado polos seus habitantes anteriores, e posteriormente os seus sucesores cristiáns, ao conquistaren Al-Ándalus seguiron mantendo o nome na forma moderna Guadiana.

Esta pervivencia dos antigos hidrónimos é moi apreciada polos paleolingüistas, pois é un gran recurso para reconstruír linguas desaparecidas, as súas extensións ou posíbeis rutas migratorias[1].

Entre as linguas indoeuropeas os hidrónimos provenientes de linguas distintas comparten étimos comúns. Os ríos Danubio, Don, Dnister, Dniéper e Donets conteñen a raíz protoindoeuropea *danu-, (IEW 175), co significado de 'río, auga'. Estes topónimos son atribuídos ao antigo oseto ou escita.[2]. Na Europa occidental, a coincidencia nos nomes dos ríos levou o lingüista alemán Hans Krahe á hipótese dunha antiga lingua indoeuropea desaparecida, anterior a xermanos e celtas que foi denominada antigo europeo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Para un estudo de varios hidrónimos galegos é moi útil, entre outras este libro: Bascuas, Edelmiro, Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, Santiago de Compostela, 2002, ISBN 84-9750-026-1.
  2. antigo oseto en linguae imperii

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.