Xosé Quiroga García-Boente
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1979 ![]() Ourense, España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | fotógrafo ![]() |
Xosé Quiroga García-Boente, tamén coñecido como Xose Quiroga, nado en Ourense en 1979, é un fotógrafo e activista galego que vive en Barcelona.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comeza estudando Dereito, licenciándose na Universidade da Coruña, e logo fórmase en fotografía documental na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña. Compaxina o seu labor como fotoxornalista en medios independentes como Diagonal e La Directa, coa pescuda artística e a docencia en cursos especializados en fotografía e ética. Adoita empregar a linguaxe inclusiva en feminino.
Os seus proxectos artísticos evolúen desde as series iniciais, enfocadas cara a unha fotografía etnográfica crítica, aos temas que singularizan a súa traxectoria como fotorreporteiro e creador: exclusión, desigualdade, crise dos refuxiados no sur de Europa ou memoria histórica e do colonialismo.
Desde 2010 colabora coa artista de orixe peruana Daniela Ortiz con intervencións que constitúen unha reflexión sobre as formas de discriminación e inxustiza (racismo, clase social, nacionalidade, xénero e sexualidade), así como outras formas de protesta social (movementos contra os deshaucios, feministas, trans...).[1] Ortiz e Quiroga crearon en 2010 Antigonia. Nexo informativo, unha canle de guerrilla informativa (ou mediaactivismo) que serviu como punto de partida para proxectos artísticos conxuntos.[2] En 2013 desenvolven o proxecto artístico e de intervención cidadá NN 15.518. O título está tirado dunha lista de Against Racism na que se contabilizan e pormenorizan as 16.264 persoas migrantes falecidas en Europa, das que 15.518 son anónimas (No Name). Ortiz e Quiroga explican o proxecto nun tráiler. A mostra completouse coa distribución de textos e unha xornada aberta á participación da cidadanía e de políticos para facer unha lectura da lista de finadas.[3]
En 2014 Ortiz e Quiroga realizan un proxecto con moita repercusión nos circuíto artístico: Estat-Nació. Proponse unha mirada crítica ao discurso da soberanía en Cataluña fronte aos dereitos e leis de estranxeiría que afectan á poboación migrante. Así, no vídeo CC13, tomando como passe-par-tour imaxes da Via Catalá que tivo lugar na diada do 11 de setembro de 2013, sobrepóñense lugares e monumentos da cidade de Barcelona que remiten a unha memoria das prácticas de colonización e escravitude levadas a cabo en Latinoamérica e sobre todo por cataláns (o Xeneral Prim i Prats, Joan Güell i Ferrer, Antonio López i López, ou o Cercle Hispano Ultramarí). En 2012 realizaron CP12, un vídeo gravado no Día da Hispanidade no porto de Barcelona. Narra desde unha posición crítica a historia da colonización española de América por medio dunha contralectura fílmica do monumento a Cristovo Colón e pon en evidencia as contradicións que xorden da banalización da memoria cando o monumento serve como motivo nas fotografías turísticas.
Membro da plataforma para esixir o peche dos centros de internamento de estranxeiros, Tanquem els CIEs, do colectivo GroundPress e de MigrARTE, alíñase no movemento abolicionista das prisións, e por iso coordina desde 2014 o proxecto colaborativo Voizes Archive,[4] un arquivo de entrevistas a persoas que están ou estiveron no cárcere sobre a súa experiencia penitenciaria. Quiroga explica o proxecto:
O noso obxectivo [...] é procurar a colaboración de diferentes colectivos anticárceres e/ou de creación audiovisual para xerar un arquivo internacional de entrevistas a persoas presas; arquivo que consideramos que podería ser de utilidade tanto para o activismo a prol da abolición das prisións como para as reflexións e investigacións que desde o pensamento crítico, quer no marco, quer á marxe do ámbito académico, están a realizarse sobre o tema dos cárceres.[5]
En 2017 foi artista en residencia no Hangar de Barcelona, compartindo estada con Lot Amorós, Marcelí Antúnez, Rubén Patiño e Carla Boserman.[6] Algunhas das súas reportaxes forman parte de fondos institucionais: “Summer Fan”, foi incluído na colección do FAD e Estat Nació na do MACBA.
Coordinou o programa escolar Zona intrusa 7 no concello de Mataró, curado, en diferentes momentos, por Quiroga e Ortiz, Núria Güell e Levi Orta.[7]
Obra
[editar | editar a fonte]Accións, intervencións e instalacións con Daniela Ortiz
[editar | editar a fonte]- 2010 Royal Time, na Antiga Casa Haiku de Barcelona.
- 2011 Lanzamiento, Homesession, Barcelona.
- 2012 Homenaje a los caídos, Girona.
- 2012 CP12, vídeo en branco e negro. Música: "Preludio a Colón" de Julián Carrillo.[1]
- 2013 NN 15.518, La Capella, Barcelona.
- 2013 Micro-acciones de emergencia, na ADN Platform de Barcelona, curada por Inés Jover e Claudia Segura. Escolma traballos de Núria Guell e Levi Orta, Carlos Motta e Sharon Hayes, entre outras.
- 2014 HS, no xacemento de Atapuerca. Esta acción denuncia que a carón do xacemento arqueolóxico permanecía, sen exhumar, unha foxa común de persoas asesinadas en 1936 polo bando franquista.
- 2014 Estat-Nació (partes I e II), na galería Àngels de Barcelona. Colección do MACBA.[2]
- 2014 Crítica de la razón migrante, colectiva producida en La Casa Encendida de Madrid e curada por Carolina Bustamante Gutiérrez e Francisco Godoy Vega. Escolmaba obras, entre outras, de María Galindo/Mujeres Creando, Lucía Egaña, Guillermo Gómez-Peña e Coco Fusco.
Proxectos fotográficos e exposicións
[editar | editar a fonte]- 2004 Desprestige, Sala Patachim, A Coruña.
- 2006 A rapa das bestas / Hum and Beast, Galería Sargadelos, Ourense.
- 2008 Escrava social. Acción de Mulheres Transgredindo e Nomepisesofreghao.
- 2008 Obxeto intelixente, Casa de Galicia, Madrid.
- 2009 Forgotten L’Aquila, no Occhi Rossi Festival.
- 2015 Migrantes, exposición colectiva producida polo XXIX Festival de Poesía do Condado, Salvaterra de Miño na que se incluíron fotografías de Gabriel Tizón e Xose Quiroga, e as Videocartas (Galicia-Berlín) de Ana Seijo Cuba e Sabela Pernas Soto.
- 2015 Live like a refugee: Borders, no Borders, Anti-Borders, Invisible Borders, no Centro de Arte Contemporánea de Tesalónica (Grecia).
Libros e escolmas videográficas
[editar | editar a fonte]- 2008 Tempos de festa en Galicia, con Iván Díaz Nespereira e Henrique Hortas López, Fundación Caixa Galicia. Libro.
- 2016 Apología/Antología: Recorridos por el vídeo en el contexto español, editado por Eli Lloveras e Anna Manubens, e producida por HAMACA, Tabakalera e a Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Vídeo online e en cd con libreto Ortiz e Quiroga forman parte desta escolma de 72 artistas da videocreación no Estado español, como Manuel Abad, Cecilia Barriga, Miguel Benlloch, Cabello/Carceller, Liliana Couso, Antón Reixa, María Ruido.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Premio Palermo Photo Story 2005
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Folla de sala" (PDF). La Capella. Consultado o 19/09/2018.
- ↑ ZEMOS98 (2014-05-13). "Entrevista a Xose Quiroga. Remapping Europe". Consultado o 2018-09-19.
- ↑ Na xornada participaron Ada Colau, David Fernàndez, Simona Levi, Jorge Luis Marzo, Arcadi Oliveres.
- ↑ "Voizes Archive". Voizes Archive (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2020. Consultado o 2018-09-19. Arquivado 22 de outubro de 2020 en Wayback Machine.
- ↑ "Xose Quiroga:Prisionización de la población migrante y programa Riscanvi en Catalunya". UNIA: arte y pensamiento (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2018. Consultado o 2018-09-22. Arquivado 23 de setembro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ "Paratext nº17 with Lot Amorós, Marcelí Antunez, Xose Quiroga, Ruben Patiño i Carla Boserman". Hangar (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2018. Consultado o 2018-09-22.
- ↑ "Zona intrusa 7.". Mataró Art Contemporni (en catalán). Consultado o 2018-09-19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Entrevistas e conversas en vídeo
[editar | editar a fonte]- Xose Quiroga en Galiza Ano Cero
- Remapping Europe. Xose Quiroga en Zemos98
- Daniela Ortiz e Xose Quiroga na canle FelipaManuela
- Daniela Ortiz e Xose Quiroga
- Lección de Xose Quiroga sobre xornalismo visual Arquivado 20 de setembro de 2018 en Wayback Machine. no IMVEC (Instituto de Monitorización y Vigilancia de Espacios Contaminados)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Canle DX (Daniela Ortiz / Xose Quiroga) en Vimeo
- Daniela Ortiz & Xose Quiroga. NN 15.518 en Barcelona Cultura
- Portfolio de Xose Quiroga en Reportdigital
- Obra de Xose Quiroga na colección do MACBA Arquivado 20 de setembro de 2018 en Wayback Machine.
- Proxecto Voizes Archive
- Xose Quiroga en Twitter