Xesús Ríos Vicente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xesús Ríos Vicente
Nacemento21 de xaneiro de 1938
Lugar de nacementoMancera de Abajo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfilósofo
editar datos en Wikidata ]

Jesús Ríos Vicente, nado en Mancera de Abajo, Salamanca, o 21 de xaneiro de 1938, foi un filósofo e profesor de universidade que impartiu clases na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade da Coruña. Coñécese polo seu labor para dar maior visibilidade á importancia da filosofía no ámbito académico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vida e docencia[editar | editar a fonte]

Xesús Ríos Vicente é un filósofo galego, profesor na Universidade de Santiago de Compostela, así coma posteriormente na Universidade de A Coruña, da que formou parte dende o ano 1975. Comezou os seus estudos nun interno de Salamanca para posteriormente desprazarse até unha academia de Hospitalet de Llobregat, onde comezou a desenvolver a súa vida profesional traballando coma multiempleado e coñeceu á que sería a súa futura muller Mª del Carmen Vázquez Fidalgo. Continuou cos seus estudos en Madrid e Barcelona para posteriormente dar seus primeiros pasos en Santiago e, dun xeito máis destacado, na Universidade da Coruña como profesor e docente. Ademais de docente, coñécese a súa afán e paixón pola poesía. A maioría dos seus poemas, segundo o propio autor, son dedicados á súa muller[1].

No ano 1990, solicitou fondos económicos á Deputación da Coruña, ao Concello e á propia Universidade para organizar o I Congreso de Filosofía da Coruña baixo o tema: Pasado, presente e futuro? do marxismo. Este evento, que se desenvolveu dende o 23 ao 25 de maio deu comezo a toda a actividade filosófica posteriormente desenvolta na Coruña, en conxunto e colaboración coas demais universidades, galegas, españolas e internacionais [2].

Foi tal o éxito do Congreso de Filosofía que ao ano seguinte, dende o 21 ao 23 de maio celebrouse a súa segunda edición, o II Congreso de Filosofía da Coruña, baixo as mans de Xesús Ríos Vicente co tema: O tema de Deus na filosofía contemporánea [3].

O ano 1992 fou un ano importante e destacado no autor, pois ademais de publicar a súa obra máis coñecida e destacada Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea [4] tamén participaría na celebración do III Congreso de Filosofía da Coruña, do 27 ao 30 de abril baixo o tema: A utopía posible, de novo, repleto de éxito. Dito congreso serviu, ademais, para homenaxear ao profesor Carlos Baliñas Fernández, fundador dos estudos universitarios de Filosofía en Galicia [5]. Durante ese mesmo ano, Xesús Ríos gañaría a praza de profesor titular de Filosofía na UDC (Universidade da Coruña) de xeito unánime na facultade de humanidades, cuxo tribunal que o elixiu estaba presidido por Carlos Baliñas [6]. Ao mesmo tempo, realizou durante o verán dese mesmo ano un curso baixo o tema Ideoloxía e linguaxe ao que acudiron destacados filósofos do panorama español e demais países estranxeiros.

Foi membro, pai, así como unha das figuras máis relevantes da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA), unha organización creada no 1993 que programaba actos de reunión das figuras máis representativas do panorama filosófico actual, así como unha ferramenta moi útil para establecer conexión entre as distintas universidades galegas. O mestre Xesús Ríos foi máis tarde nomeado vicepresidente da SIFA [7].

Ademais, é coñecida a súa posición con respecto á defensa de aportar unha maior visibilidade á filosofía no ámbito académico así como tamén na vida. No seu momento, posicionouse en contra da reforma educativa LOGSE debido á marxinalización que se lle aplicaba á filosofía dende o ámbito académico, máis concretamente dende a secundaria, bacharelato e o proceso selectivo [8]. Dita defensa da filosofía, tanto como disciplina académica coma estilo de vida mantívoa presente dende as diferentes entrevistas que facilitou aos medios de comunicación e prensa, a través das cales sempre argumentaba a necesidade da filosofía así coma a importancia da mesma, pois para Xesús Ríos a filosofía fainos máis libres, aporta un maior espírito crítico e ensínanos a actuar conseguindo unha sociedade máis libre e máis xusta. Dende a súa chegada á Universidade da Coruña, colaborou en distintas organizacións e iniciativas que pretendían loitar contra a cuestión da marxinalización da filosofía, como poden ser: un movemento que xurdiu na Facultade de Humanidades por parte de profesores e alumnos, o envío de comunicados sobre a causa ó MEC ou a celebración dunha reunión na Coruña o día 24 de febreiro de 1995, no cal convocouse a todos os profesores de filosofía de Galicia [9].

Pensamento[editar | editar a fonte]

Xesús Ríos Vicente traza a súa obra afondando na hermenéutica, na filosofía contemporánea e no existencialismo do século XX [10]. Entre os autores que inflúen no seu pensamento destacan, entre outros, Martin Heidegger, Husserl, Paul Ricoeur, e, sobre todo, Gabriel Marcel. Xa na súa tese de licenciatura [11] toma a perspectiva deste último, con motivo do tratamento do tempo, como visión na que afondar e na que apoiarse para a comprensión da vida e da morte dentro da literatura de Unamuno. Esta será unha tónica xeral das súas obras, nas que abundan as referencias ó filósofo francés.

Na súa produción, Xesús Ríos Vicente trata diferentes temas con certa recorrencia, para o que se serve en moitos casos de exemplos literarios, considerando a poesía como unha forma moi ilustrativa de plasmar moitas das inquedanzas e profundas reflexións propias da filosofía. Deste xeito, moitos dos temas que trata serán tratados e ilustrados mediante metáforas e versos que reflicten as preocupacións de filósofos como Marcel, citando entre outros a Holderlin, Rilke e a José A. Valente [12].

Un destes temas é por exemplo a condición ontolóxica do ser humano en tanto ser temporal. O tempo, xa tratado por Marcel, é unha das constantes na súa obra, e dende unha perspectiva moi heideggeriana comprende ó ser humano como un ser inserto na súa condición temporal, a sabendas de que o seu final conduce á morte [13]. Para plasmar estas ideas válese por exemplo da metáfora da vida como camiño, que conformaría a condición ontolóxica do ser humano, explorando o seu constante anhelo de retorno, de volta a unha “inocencia perdida” que se plasma na poesía de Juan Ramón Jiménez, por exemplo [14]. Así, o camiño lembraría a situación dun ser humano condenado á dor e á morte, ó sufrimento e á vivencia, mentres procura un retorno causado por unha sorte de nostalxia divina que se adivina, en última instancia, como unha nostalxia de si mesmo [15]. O ser humano entenderíase dende esta perspectiva como o “Homo Viator”, o “home viaxeiro”, de condición itinerante [16]. A historia do suxeito humano sería a historia da procura do presente, en base a unha nostalixa de si, a superar mediante o percorrido do camiño interior.

Nesta liña, Ríos Vicente describe tamén a morte como unha vía dese retorno que marca xa o final, e que ningún individuo pode experimentar en si máis que a través do “espello” no que se mostra, isto é, a través da morte das súas persoas achegadas, que si experimenta [17]. O suxeito non pode acadar esa transcendencia propia. Ademais, nese camiño cara á morte o individuo atópase só, condición que se mestura coa “fronteira” e o “estrañamento” que produce a filosofía [18]. Tal e como Ríos a entende, a filosofía nace xustamente dunha “perplexidade” ante as cousas, dun “estrañamento” que leva a un estado de “fronteira”. Esta é producida polo “abraio” ante as cousas, o cuestionamento da orde dada, e a procura dun sentido, dunha verdade, dunha “certeza” afondando no obxecto ó que o propio suxeito pertence en última instancia, tratando de salvarse a través da salvación daquel.

Seguindo este esquema, a filosofía resultaría ser un intento de atopar a certeza da realidade, unha nova orde das cousas tras o cuestionamento do dado, pero pode chegar a ser unha situación irreversible, da que semella imposible acadar o retorno. Ademais, tal e como Ríos a entende, a filosofía sería unha sorte de diálogo entre diferentes pensadores que pode transcender o tempo, conectando as súas experiencias e vivenzas, entroncando así no que entende por “tradición”, abrindo unha posible vía para saír da “perplexidade” [19]. En relación a este punto, aínda que a situación de “fronteira” nos leve a unha soidade practicamente inevitable, Ríos Vicente insta a intentar apartarse dela mediante o entroncar coa “tradición”, malia o posible fracaso deste intento de saída. Nesas cuestións expresa o seu carácter existencialista, atopando ó suxeito nun punto de non retorno, sabedor da súa finitude no camiño, o cal expresa mediante versos de poetas como Celan.

A súa reflexión tamén se centrou na cuestión da linguaxe, en relación a esta visión filosófico-poética, comprendéndoa como algo independente do ser humano, a través da que se pode perder a captación inmediata da realidade, cando cadra o suxeito co obxecto [20]. A linguaxe tamén funciona como instrumento ideolóxico, tal e como manifestou o autor no seminario de “Ideoloxía e linguaxe” [21], seguindo a análise de Paul Ricoeur.

Por último, outro dos temas sobre os que se centra o autor é a ética. Dentro do mundo que concibe, no que o ser humano se presenta só, no camiño como condición ontolóxica, e cun anhelo de retorno ante a súa finitude, Ríos Vicente entende que aínda se pode procurar unha ética de corte racional para aplicar no camiño [22].

Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea[editar | editar a fonte]

En 1992 Jesús Ríos Vicente publicou unha das súas obras máis importantes, Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea (1992). Nela, o autor céntrase en analizar o concepto do tempo así como as súas implicacións de cara á acción humana da man de Gabriel Marcel. A obra está dividida en diferentes partes: nun inicio explora o tema e o método a tratar, a saber, principalmente o tempo, dende o enfoque de Marcel; nunha primeira parte afonda nesta noción e na súa vivencia na conciencia, dende a consideración dos gregos (Platón, Aristóteles) até filósofos contemporáneos como Heidegger, centrándose en Marcel; e unha segunda parte centra nas “formas de superación do tempo” e na súa influenza na acción humana.

No libro plásmase a visión de Ríos Vicente, da man de Marcel, do ser humano como ser cuxa condición ontolóxica se atopa na temporalidade, no tempo, que non comprenden como dato obxectivo, senón sempre en relación ó vivido, as experiencias, ás vivencias, e ó presente, nunha tensión entre pasado e futuro. A temporalidade compréndese sempre en sucesión, o que se interpreta en clave existencialista, cun suxeito condenado ó sucederse do tempo, na metáfora do camiño. Engádese tamén que o tempo pode ser vivido de diferentes formas, e que coa aceleración da vida humana (un tempo que se sucede máis rápido), a riqueza do vivido tamén se reduce (tal e como sucede nas sociedades actuais, lembrando a certas nocións heideggerianas [23]).

É nese contexto que se propoñen, tras analizarse a vivencia do tempo, diferentes formas de superación, momentos nos que esta sucesión pode deterse e anularse, quedando suspendida. A máis importante delas é o amor, aínda que se destacan outras como a intersubxectividade, a esperanza, etc. Todas elas terían como virtude que permiten que o tempo chegue a deterse en certo sentido, como unha forma de transcendencia individual que supere esa barreira temporal, chegando a rozar a eternidade.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Ríos Vicente, X., & Marcelino Agís. (2003). Identidad y cultura: la desacralización del símbolo. Reflexiones desde la filosofía. Servicio de Publicacións e Intercambio Científico.
  • Ríos Vicente, X., & Villaverde, M. A. (2008). Galicia y Japón: del sol poniente al sol naciente. Servico de Publicacións da Universidade da Coruña.
  • Ríos Vicente, X. (1992). Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea. Editorial Servicio de Publicaciones Universidade da Coruña.
  • Ríos Vicente, X. (2005). Hermenéutica y responsabilidad. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Ríos VIcente, X. (1992). El pensamiento filosófico y político en la ilustración francesa. Servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Data de publicación.
  • Ríos Vicente, X. (1997). La filosofía y sus márgenes. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico Universidade de Santiago de Compostela.
  • Ríos VIcente, X. (n.d.). Aspectos sociológicos en los escritos políticos de Ortega, Cuadernos de Pensamiento. Fundación Universitaria Española, Madrid.
  • Ríos Vicente, X. (1985). Moralismo pedagógico de la L.R.U (Ante a nova Universidade). Coordenadas, Revista universitaria de cultura, Santiago.
  • Ríos Vicente, X. (1991). La vivencia de Dios en Gabriel Marcel ( Primera aproximación). Cuadernos de Pensamiento Fundación Universitaria Española.
  • Ríos VIcente, X. (1994). Cuestionario de filosofía. Programa de simulación de estudios universitarios. ( Hércules”. Universidade da Coruña, Xunta de Galicia, Consellería de Educación y Ordenación Universitaria.
  • Ríos Vicente, X. (2002). Los ideales sociales y políticos en Don Quijote. Una propuesta pedagógica. (Vol. 8). Revista Galego-Portuguesa de Psicoloxía e Educación.
  • Ríos Vicente, X. (2005). “Espiritualismo y bergsonismo en Marcel: interiorización y libertad” (Vol. XXXVIII). Universidade de Navarra.
  • Vicente, X. R. (2002). Del buen hacer. En X. Fernández Roca, & M. Martínez López, Vir Bonus Docendi Peritus. Homenaxe a José Pérez Riesco (páxs. 335-348). A Coruña: Universidade da Coruña.
  • Vicente, X. R. (2001). Perplejidad, Hermenéutica y Frontera. Pensadores en la frontera (páxs. 267-291). A Coruña: Universidade da Coruña.
  • Vicente, X. R. (1973). El tiempo y la muerte en D. Miguel de Unamuno. Universidad de Barcelona.
  • Vicente, X. R. (2015). Se hace camino al andar: la poética del camino. Camino, luego existo (páxs. 149-168). Santiago de Compostela: Galaxia.
  • Vicente, X. R. (2003). Homo viator: la condición itinerante del hombre. En X. Ríos Vicente, & M. Agís Villaverde, Filosofía del Camino y el Camino de la Filosofía (páxs. 203-233). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  2. VV.AA. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  3. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  4. Ríos Vicente, X. (1992). Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea. Editorial Servicio de Publicaciones Universidade da Coruña.
  5. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  6. Vicente, J. R. (1992). Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea. A Coruña: Universidade da Coruña
  7. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  8. B.C., F. (16 de Febreiro de 1995). Jesús Ríos Vicente, profesor titular de la facultad de Humanidades. La Voz de Galicia, páx. 36.
  9. B.C., F. (16 de Febreiro de 1995). Jesús Ríos Vicente, profesor titular de la facultad de Humanidades. La Voz de Galicia, páx. 36.
  10. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
  11. Vicente, X. R. (1973). El tiempo y la muerte en D. Miguel de Unamuno. Universidad de Barcelona
  12. Vicente, X. R. (2015). Se hace camino al andar: la poética del camino. Camino, luego existo (páxs. 149-168). Santiago de Compostela: Galaxia.
  13. Ríos Vicente, X. (1992). Tiempo y conciencia en la filosofía contemporánea. Editorial Servicio de Publicaciones Universidade da Coruña
  14. Vicente, X. R. (2015). Se hace camino al andar: la poética del camino. Camino, luego existo (páxs. 149-168). Santiago de Compostela: Galaxia
  15. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
  16. Vicente, X. R. (2003). Homo viator: la condición itinerante del hombre. En X. Ríos Vicente, & M. Agís Villaverde, Filosofía del Camino y el Camino de la Filosofía (páxs. 203-233). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.
  17. vv.aa. (2012). A Universidade: Raíces históricas e desafíos de futuro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
  18. Vicente, X. R. (2001). Perplejidad, Hermenéutica y Frontera. Pensadores en la frontera (páxs. 267-291). A Coruña: Universidade da Coruña.
  19. Vicente, X. R. (2001). Perplejidad, Hermenéutica y Frontera. Pensadores en la frontera (páxs. 267-291). A Coruña: Universidade da Coruña.
  20. Vicente, X. R. (2001). Perplejidad, Hermenéutica y Frontera. Pensadores en la frontera (páxs. 267-291). A Coruña: Universidade da Coruña.
  21. Coruña, R. A. (28 de Xullo de 1992). Las ideologías como arma de dominación. La Voz de Galicia, páx. 34.
  22. Vicente, X. R. (2002). Del buen hacer. En X. Fernández Roca, & M. Martínez López, Vir Bonus Docendi Peritus. Homenaxe a José Pérez Riesco (páxs. 335-348). A Coruña: Universidade da Coruña.
  23. Heidegger, M. (2018). Ser y tiempo. México: Fondo de Cultura Ecónomica.