Wikipedia:Sobre Galicia/maio 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antón Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (antigo concello de Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista.

En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e cronista xeral de Galicia.

Dedicouse ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.