Vitamina B

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como vitamina B un tipo de vitaminas relacionadas co metabolismo. Ao principio críase que só era unha pero logo descubriuse que eran varias con funcións parecidas. Son hidrosolubles, polos que se poden perder na auga de cocción e en caso de tomar exceso elimínanse polos ouriños (ata un límite).

Tipos[editar | editar a fonte]

As vitaminas do grupo B recoñecidas son as seguintes:

A vitamina B1 ou tiamina é fundamental para o proceso de transformación de azucres e cumpre un importante labor na condución dos impulsos nerviosos e no metabolismo do osíxeno. Atópase no fermento de cervexa, xerme de trigo, carne de porco, fígado e riles, peixe, pan integral, fabas cocidas, leite e os seus derivados, principalmente.

A vitamina B2 ou riboflavina é peza crave na transformación dos alimentos en enerxía, xa que favorece a absorción das proteínas, graxas e carbohidratos. Esta vitamina atópase no seu estado natural no fermento seco, o fígado, os queixos, os ovos, os cogomelos, o iogur, o leite, a carne, o peixe, os cereais, o pan integral e as verduras cocidas. A ausencia da B2 pode ocasionar anemia, trastornos no fígado, conxuntivite, secura, dermatite da pel e mucosas, ademais de úlceras na boca.

A vitamina B6 ou piridoxina cumpre un importante papel no crecemento, conservación e reprodución de todas as células do organismo. Achégana o fermento seco, o xerme de trigo, o fígado, os riles, a carne, o peixe, os legumes, os ovos, a coliflor, os plátanos, os feixós e o pan integral. A B6 utilízase con moito éxito en mulleres menopáusicas, dado que alivia os síntomas deste período. Niveis baixos de vitamina producen pelagra, con alteracións na pel (como eccemas), ademais de anemia, diarrea e ata demencia.

A vitamina B9 resulta indispensable para o sistema nervioso, tendo en conta que incide positivamente no seu crecemento e funcionamento, así como tamén no da medula ósea. Ademais, favorece a rexeneración das células. Atópase nas espinacas, os berros, as froitas, a cenoria, o cogombro, o fígado, os riles, o queixo, os ovos, a carne e o peixe. A súa carencia provoca cansazo, insomnio e inapetencia, e nas mulleres embarazadas pode traer como consecuencia malformacións no feto.

A vitamina B12 desempeña un papel moi importante no crecemento da persoa, contribúe ó desenvolvemento normal do sistema nervioso, é indispensable para a medula ósea, a síntese de glóbulos vermellos e o correcto funcionamento do tracto gastrointestinal. Conséguese en ovos, derivados do leite, fígado, riles, peixe e carnes. A falta de B12 trae como consecuencia anemia perniciosa ou debilidade na mielina, membrana protectora dos nervios da medula espiñal e do cerebro. Non se recomenda inxerila xunto coa vitamina C, xa que esta última anula a súa absorción.

Outras[editar | editar a fonte]

Outras substancias denomináronse tamén do grupo B, pero en realidade non son vitaminas nin parecen imprescindibles para a vida: