Violencia contra persoas LGBT

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Inauguración do Memorial pola Diversidade en honor a Daniel Zamudio Vera, no Cemiterio Xeral de Santiago, Chile.

A violencia contra persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais (LGBT) pode estar motivada por actitudes de odio cara á súa orientación sexual (homofobia) ou identidade de xénero (transfobia). Esta violencia pode ser sancionada e executada por un estado, como aqueles países nos que a homosexualidade está castigada cunha variedade de penas. A homosexualidade está castigada coa pena de morte en cinco países (Arabia Saudita, Irán, Iemen, Mauritania, Sudán), ademais da zona islámica de Nixeria. A pena capital para homosexuais tamén se sanciona nalgúns territorios controlados por grupos militares; o Estado Islámico en Siria e Iraq e os talibán en Afganistán.

A violencia contra as persoas LGBT tamén abarca a violencia cometida por individuos, que poden involucrarse en actos de intimidación, linchamento, asalto, ou acoso escolar homófobo e transfóbico, entre moitos outros. A violencia dirixida a estas persoas adoita ser pola súa sexualidade percibida e non a súa sexualidade real, polo que as persoas heterosexuais tamén poden ser obxectivo de agresións físicas e psicolóxicas que poden chegar ó asasinato. A violencia contra as persoas LGBT está motivada pola homofobia, bifobia ou transfobia, que moitas veces se ve alimentada por prexuízos e costumes relixiosas e culturais.[1] A CIDH destaca no seu informe que estes adoitan demostrar altos niveis de asañamento e crueldade. Por exemplo, en varios casos documentados pola CIDH, os corpos sen vida de persoas LGBT demostran que foron torturados, os seus xenitais mutilados, os seus corpos desmembrados e marcados con símbolos que denotan altos niveis de prexuízo.[2]

A homosexualidade é legal en practicamente todos os países occidentais e nalgúns deles a violencia contra as persoas LGBT considérase un delito de odio.[3] No resto do mundo, a lexislación que trata os dereitos LGBT e as actitudes fronte á homosexualidade son máis variadas. Moitos países, especialmente aqueles nos que a relixión dominante é o islam, os países africanos excepto Suráfrica, algúns países asiáticos (coas excepcións de Xapón e Taiwan) e algúns dos países exsoviéticos (sobre todo Rusia, Albania, Kósovo e Bosnia-Herzegovina son países moi perigosos para as persoas LGBT pola discriminación contra as persoas LGBT que abarca tanto lexislación discriminatoria como agresións e malos tratos físicos e psicolóxicos.

Notas[editar | editar a fonte]