Vibo Valentia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 38°40′31″N 16°05′54″L / 38.67528, -16.09833

Vibo Valentia
Vibo Valentia
Localización
Vivo Valentia en Italia
Vivo Valentia
Vivo Valentia
PaísItalia Italia
RexiónBandeira da Calabria Calabria
ProvinciaVibo Valentia (VV)
Xeografía
Altitude476 msnm
Superficie46,3 km² km²
Demografía
Poboación33.839(2016)
Densidade735,6 hab/km²
Xentiliciovibonesi
Outros datos
Código postal89900, 89811
AlcaldeElio Costa (centrodereita)
Desde o 1 de xuño de 2015
Web oficial
Vista da cidade

Vibo Valentia é un municipio italiano da rexión de Calabria, capital da provincia de Vibo Valentia. En 2016, segundo o censo dese ano, tiña unha poboación de 33.839 habitantes.[1] Comprende unha extensión de 46,3 km², e ten unha altitude de 476 m sobre o nivel do mar.

Foi unha importante cidade da costa oeste da Brucia,[2] ás beiras dunha baía chamada na Antigüidade, Sinus Hipponiates (actual Golfo de Santa Euxemia).[3]

É o concello máis poboado da denominada Costa degli Dei ou Costa bella. A súa área urbana, que consta de varios municipios, ten 87.245 habitantes.[4]

A cidade de Vibo Valentia ten unha longa historia de máis de 8.000 anos. Foi, de 1582 a 1593, e de 1806 a 1816, a capital da Calabria Ulterior, rexión establecida pola Constitución de Melfi do Reino de Sicilia establecida en 1231 e vixente neste reino, así como no de Nápoles e no das Dúas Sicilias até finais de 1816, e da tesouraría (facenda pública) da Calabria Ulterior e mais da Calabria Citerior.[5]

En Vibo Valentia hai dous museos, un arqueolóxico chamado "Vito Capialbi", e outro de arte sacra. Ademais, ten un xardín botánico.

Historia[editar | editar a fonte]

No principio da súa historia foi unha localidade da tribo dos brucios,[2] que a chamanan Veip (de onde provén Vibo). Segundo Estrabón, establecéronse alí colonos de Locros, cidade da Magna Grecia, e a cidade pasou a chamarse Hipponio (en grego antigo, Ἱππώνιον),[3] ou sinxelamente Hippo, en osco ou brucio, que se transformou en Vibo.

En 389 a.C foi ocupada por Dionisio I de Siracusa, que a destruíu e trasladou os seus habitantes a Siracusa, e entregou o seu territorio á cidade de Locros. Ao cabo de dous anos (379 a.C.), os cartaxineses restableceron a independencia de Hippo e permitiron o regreso dos seus habitantes desde o exilio.

Non pasou moito tempo tras a súa recobrada liberdade cando caeu de novo en mans dos brucios, pouco despois do 356 a.C. En 294 a.C. conquistouna Agatocles, tirano de Siracusa (317-289 a.C.) e titulado rei desde 304 a.C., que a utilizou como base para as súas empresas militares e construíu un porto cunha estación naval (epineion). Pero cando Agatocles partiu da cidade, a gornición foi atacada e destruída polos brucios, que recuperaron Vibo. Conservárona até que toda a Brucia pasou a Roma.

En 218 a.C. o seu territorio (Vibonensis ager) foi asolado pola frota cartaxinesa, aínda que non se menciona a cidade durante as operacións de Aníbal en Brucia.

Xunto ao asentamento grego constituíuse unha colonia romana, de 4.000 persoas (incluíndo 300 cabaleiros) e desde entón foi coñecida polo nome de Valentia, en 192 a.C. O nome grego, Hippo, foi conservado pola poboación, moitas veces utilizando a forma brucia, Vibo, até que finalmente foi coñecida como Vibo Valentia.

Foi unha das principais cidades do sur de Italia. A actividade principal do seu porto era a exportación de madeira. Nel construíronse varias dársenas. Cicerón mencionouna como "nobre e ilustre cidade municipal".

Os triúnviros prometeron a cidade aos seus soldados. Xulio César utilizouna como base naval contra Pompeio na Segunda Guerra Civil da República de Roma e foi atacada por Casio.[6] Augusto serviuse dela como base naval na súa loita contra Sexto Pompeio. Despois declarou o territorio de Valentia exento de ser distribuído entre os soldados para asegurar a lealdade da cidade. Máis tarde recibiu unha colonia, mencionada no Liber Coloniarum.[7]

Durante todo o Imperio romano foi un municipium, mencionado por moitos autores latinos. Aparece nos Itinerarios do século IV. Na inscrición da Vía Popilia aparece unicamente como Valentia. Na época imperial, cando as dúas comunidades (Hippo e Valentia) xa estaban unidas, pasou a chamarse Vibo Valentia. Estrabón chamouna Vibona Valentia, pero probabelmente é un erro.

A deusa Proserpina tiña un templo dedicado en Valentia, cuxas ruínas aínda se mencionan no século XI, cando Roger I de Sicilia levou as súas columnas para adornar a catedral de Mileto.

O historiador Duris de Samos dixo que cerca da cidade había unha cova e unhas fontes onde estaba o corno de Amaltea, que foi adornado e colocado alí por Gelón de Siracusa.

Os bizantinos fortificaron a cidade pero os sarracenos destruíron a fortificación no século X. Federico II Hohenstaufen reconstruíuna e cambiou o seu nome polo de Monteleone. Federico foi o artífice da cidade moderna. En 1070, os normandos construíron un castelo no sitio da antiga acrópole.[8]

Unhas pequenas ruínas poden aínda verse na actual poboación de Bivona, a uns 5 km de Monteleone, que corresponden probabelmente á cidade grega, mentres que a cidade romana estaba no mesmo lugar que Monteleone, pero non quedan restos.

Monteleone foi declarada capital da Calabria Ulterior polos franceses no século XIX.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Poboación do concello de Vito Valentia Censo de 1.1.2016. ISAT.
  2. 2,0 2,1 Brucia é unha denominación historiográfica para a actual rexión italiana da Calabria. O topónimo procede da tribo dos brucios, que ocuparon a zona antes da colonización grega do século VIII a.C.
  3. 3,0 3,1 Hopponium (Ἱππώνιον); Hipponiates (Ἱππωνιάτης) no Dictionary of Greek and Roman Geography (1854) (en inglés).
  4. Tabella dei gradi/giorno dei Comuni italiani raggruppati per Regione e Provincia (PDF) Arquivado 04 de marzo de 2014 en Wayback Machine.. Consultada o 25 de setembro de 2012.
  5. "La storia di ViboValentia" en pavonerisorse.it (en italiano). Consultada o 25 de setembro de 2016.
  6. César, De bello civili III, CI.
  7. App. Alex. de Bell. civ. lib. IV.
  8. Nicolai de Jamsilla (1770): De rebus gestis Federici II imperatoris.... Neapolis: Joannis Gravier.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Michele Furci (1994): Monteleone: Provincia del Regno di Napoli (1806-1816). Vivo Valentia: Edizioni Mapograf.
  • Romano Michele A. (2006): L'archeologia di Paolo Orsi a Monteleone Calabro (1912-1925). Vivo Valentia: Soc.coop. Nuova Qualecultura A R.l. ISBN 978-88-9527-000-2.
  • Francesco Albanese (1974): Vibo Valentia nella sua storia. 2 Volumes. Vibo Valentia: Ed. Grafica Calabrese.
  • Fulvio Mazza (1995): Vibo Valentia. Storia, cultura, economia. Soverìa Mannelli, Catanzaro, Calabria: Rubbettino Editore. ISBN 978-88-7284-419-9.