Troll

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trolls cunha princesa raptada (John Bauer, 1915).
Askeladden e un troll, por Theodor Kittelsen

Un troll[1] (do nórdico troll) é un temible membro dunha mítica raza antropomorfa do folclore escandinavo. O seu papel nos mitos cambia desde xigantes diabólicos –similares aos ogros dos contos de fadas ingleses– ata teimados salvaxes máis parecidos a homes que viven baixo terra en outeiros ou montículos, inclinados ao roubo e o rapto de humanos que, no caso dos infantes, eran substituídos por nenos cambiados. Tamén se lles pode chamar «xente do outeiro» ou «do montículo». Nos contos das illas Shetland e Orcadas, os troles son chamados trowes.

Os trolls no folclore escandinavo[editar | editar a fonte]

Os trolls, que adoitan amorear ouro, son unhas das criaturas máis frecuentes nos contos de fadas escandinavos, máis comúns incluso que os elfos, ananos, meigas ou xigantes (hai que dicir que nestes contos de fadas non hai unha distinción clara entre meigas e trolls femia, como tampouco entre trolls macho e xigantes). Aparecen descritos baixo calquera tamaño, podendo ser tan enormes como xigantes ou tan pequenos como ananos. Non obstante, sempre se lles considera posuidores dunha pobre intelixencia (especialmente os machos, mentres que as femias ou trollkonor poden ser bastante maliciosas), un nariz grande, brazos longos, peludos e non demasiado agraciados (excepto algunhas femias). Nos contos de fadas escandinavos, os trolls xeralmente vólvense de pedra ó contacto coa luz solar. Esta debilidade compártena cos "Svartalfar" (elfos escuros) e os ananos nórdicos.

Os trolls viven no bosque e nas montañas e ás veces raptan nenos obrigándoos a vivir con eles (especialmente princesas). De cando en vez, atrévense incluso a roubar un bebé acabado de nacer, deixando en troques un dos seus propios pequenos. Os nenos suecos máis novos cren a miúdo nos trolls, e unha maneira de ensinarlle ós nenos a cepillarse os dentes é dicirlles que é para desfacerse duns "dentes de troll" moi pequeniños, porque se non lles farán buracos nos dentes.

Nos contos das illas Shetland e Órcadas, os troles denomínanse Trowe, que é unha variante escocesa do troll nórdico.

Os trolls na ficción moderna[editar | editar a fonte]

Na literatura[editar | editar a fonte]

Na literatura infantil sueca, os trolls non son malos por natureza, senón primitivos e incomprendidos. As súas falcatruadas débense a unha combinación dos trazos da personalidade humana máis básicos e comúns, como a envexa, o orgullo, a avaricia, a inxenuidade, a ignorancia e maila estupidez. Nalgúns contos de principios do século XX, concretamente de Elsa Beskow, os trolls son tamén descritos como unha raza indíxena de cazadores e recolectores que foxen da invasión da civilización humana, polo que cando o home constrúe unha estrada, os trolls desaparecen da zona.

A autora finlandesa de lingua sueca Tove Jansson, acadou fama e recoñecemento internacional grazas á familia de trolls Mumin.

No mundo de J.R.R. Tolkien, os trolls son uns humanoides creados na Primeira Idade do mundo por Melkor, moi altos (miden en torno ós 10 pés/3 metros de altura) pero de pobre intelixencia, que cando se ven expostos á luz solar, vólvense de pedra. No O Señor dos Aneis, unha nova raza de trolls aparece, os chamados Uruk-hai que, a diferenza dos trolls correntes, son capaces de viviren á luz do sol.

Na serie de libros sobre o Mundodisco de Terry Pratchett, os trolls son grandes criaturas silíceas, é dicir, de composición rochosa. Segundo van crecendo e facéndose maiores, pasan de simples croios a enormes montañas. Teñen unha tendencia "cultural" cara á violencia, e a súa intelixencia é inversamente proporcional á temperatura ambiente, tornándoos notablemente necios en climas temperados ou cálidos. O bar O Tambor Roto ten trolls como gardas de seguridade, que a miúdo se comen ós malos clientes.

No mundo de Harry Potter, os trolls son xigantescos monstros que matan a quen queira que atopan. En Harry Potter e a pedra filosofal, Harry e Ron Weasley salvan a Hermione Granger dun troll da montaña adulto. Na película (igual que na película O Señor dos Aneis), o troll foi animado por ordenador. Hai outras poucas mencións posteriores dos trolls: por exemplo, rumoreouse que a Firebolt (vasoira voadora último modelo) de Harry , que Dolores Umbridge "confiscou" foi custodiada por trolls. Uns "Trolls de Seguridade" son tamén mencionados en varias ocasións, xa que aparentemente poden ser contratados como gardiáns.

Nas novelas do paleontólogo e escritor finlandés (que, curiosamente, tamén escribe en sueco) Björn Kurtén, como por exemplo, A Danza do Tigre, os neandertais son chamados "trolls" polo home moderno.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Os trolls teñen unha gran presenza en tódalas obras de corte fantástico, e polo tanto, teñen cabida como personaxes destacados en xogos de rol ou mesmo videoxogos.

  • No xogo de rol Dungeons & Dragons (ou Dragóns e Alxubes), os trolls son monstros altos e fracos, de anchos e puntiagudos narices e pel verde. En D&D, os trolls rexenéranse continuamente, reparando todo dano, salvo se este é causado polo lume ou por ácido. Hai que puntualizar que esta versión de troll foi orixinada pola novela fantástica de Poul Anderson, Tres Corazóns e Tres Leóns.
  • No xogo de rol Earthdawn, os trolls son unha raza alta, musculosa e honorable da que os xogadores poden formar parte. Os trolls de Earthdawn, de cornos retortos como as cabras, son moi peludos e teñen uns enormes caninos inferiores.
  • Os trolls do xogo fantástico Warhammer son similares ós de Dungeons & Dragons. Pero, ademais, teñen un ácido estomacal altamente corrosivo que pode disolvelo todo, dende carne e ósos a rocas e metais. Hai moitos e diferentes tipos de troll, como os viscosos "trolls de río" e os resistentes á maxia "trolls de pedra". Os trolls son máis ben estúpidos, e son aliados dos orcos, como de costume.
  • Nos videoxogos de tema fantástico, os trolls aparecen baixo moitas formas e temperamentos. Cabe destacar que a maioría dos xogos de ordenador adoptou o tipo de troll de Dungeons & Dragons, con rexeneracións dalgún tipo.
  • No videoxogo de tipo rol de maior éxito, EverQuest, os trolls son unha das opcións dos xogadores á hora de escoller personaxe.
  • En Dark Age of Camelot, os trolls son tamén unha raza de xogador, pero de aspecto máis de golem de rocha, aínda que aparecen entre as filas do bando do "Midgard" nórdico.
  • Na serie de xogos para PC Warcraft, de Blizzard Entertainment, os trolls son unha raza de áxiles, sensibles e con saberes chamánicos. Son salvaxes, lanzan hachas ou lanzas e practican o vudú. Os trolls do Warcraft se adaptan rapidamente ó seu entorno, indo dende os verdes Trolls do Bosque e os branco-azulados Trolls do Xeo, ós Trolls da Xungla/Sombra de pel gris. Os Trolls do Bosque aliáronse unha vez coa Horda dos Orcos para loitar contra os Altos Elfos, pero os abandonaron logo da súa derrota na segunda guerra. O Señor da Guerra Orco Thrall aliouse ós Trolls da Sombra cando a Horda foi desfeita na súa illa mentres escapaban da prisión dos humanos. Dato curioso: Os trolls do Bosque e do Xeo falan cun acento español, mentres que os Trolls da Sombra falan con acento xamaicano.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]