Tombouctou[1] (en francésTombouctou e na lingua Koyra ChiiniTumbutu; ás veces escrita Timbuktu) é unha cidade da rexión de Tombouctou, en Malí. Foi o centro intelectual e espiritual que favoreceu o espallamento do islam en África nos séculos XV e XVI. É a sede da prestixiosa Universidade Sankore, ademais doutras madrasas. As tres grandes mesquitas, Djingareyber, Sankore e Sidi Yahya, son os maiores expoñentes da idade dourada de Tombouctou, e aínda que foron restauradas en varias ocasións na actualidade corren risco de desertificación.
Debido á súa situación a uns 15km ao norte do río Níxer, no cruzamento das rutas comerciais transaharianas dende o Sáhara ata Araouane, foi historicamente importante polo comercio de rochas de sal procedentes de Taoudenni. Tamén foi o punto de encontro entre os pobos no oeste africano, nómadesbérberes, pobos árabes do norte e comerciantes xudeus. Este feito deulle á cidade un halo fabuloso, sendo recoñecida en moitos lugares coma unha terra afastada e exótica. Na actualidade, Tombouctou ten unha poboación pertencente ás etniassonghai, tuareg, fulbe e mandé.
A maior contribución de Tombouctou á civilización mundial e ao islam foi a súa produción cultural. Arredor do século XIV escribíronse e copiáronse moitos libros, e a cidade comezou a considerarse coma un lugar importante da tradición escrita en África. Por esta razón, a Unesco declarou a cidade e a rexión como Patrimonio da Humanidade no ano 1988.