A única gravación da banda, a cinta demo Illiteracy Will Prevail, a día de hoxe aínda non foi publicada oficialmente, coa excepción da canción "Spank Thru". Porén, partes filtradas da casete están dispoñibles en distintas páxinas de Internet.
A banda formárona a principios de 1985 o guitarista e vocalista Kurt Cobain, que acababa de ser expulsado do instituto, o baixista Dale Crover e o batería Greg Hokanson.[1] O grupo pasou varios meses ensaiando material orixinal e versións, incluídas cancións de Ramones, Led Zeppelin e Jimi Hendrix,[2][3] antes de que Hokanson marchase en decembro.
Pouco despois, Cobain e Crover foron á casa da tía de Kurt, Mari Earle, en Burien para gravar a demo Illiteracy Will Prevail nun gravador de 4 pistas.[1] Non se sabe con seguridade a data da gravación; Michael Azerrad asegurou que foi en decembro de 1985 no seu libro Come as You Are: The Story of Nirvana,[1] mentres que Gillian Gaar defende que é máis probable que fose na Semana Santa de 1986 no seu libro Entertain Us!: The Rise of Nirvana.[2] Crover encargouse tanto do baixo como da batería, e a parella gravou 13 temas orixinais en total, que Cobain posteriormente recordou como un xconxunto de cancións punk "totalmente abrasivas" que reflectían o seu interese por Black Sabbath e Black Flag.[2]
Posteriormente en 1986, Buzz Osborne e Mike Dillard uníronse ao grupo tocando o baixo e a batería respectivamente. Esta encarnación só ensaiou durante moi pouco tempo; no libro de Michael Azerrad Come as You Are: The Story of Nirvana, Cobain fala da súa frustración con Osborne por non ter tomado o suficientemente en serio a banda e que non mercase un amplificado de baixo.