Somalia británica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 9°33′N 44°4′L / 9.550, -44.067

British Somaliland
Dhulka Biritishka ee Soomaaliya
الصومال البريطاني

Somalia británica

 

18841960
 

Bandeira Escudo
Mapa de situación da Somalia britáica
Capital Hargeisa
Lingua inglés (oficial)
somalí, árabe (non oficiais)
Relixión Islam
Goberno Protectorado do Imperio británico
Período histórico Idade Contemporánea
 • Establecido 1884
 • Ocupación italiana 19401941
 • Independencia (unión coa Somalia italiana para formaren Somalia) 1960
Moeda rupia (1884-1941)
xilin de África Oriental (1941-1962)
Mapa da Somalia británica.

A Somalia británica (en inglés, British Somaliland; en somalí Dhulka Biritishka ee Soomaaliya; en árabe, الصومال البريطاني), foi un protectorado británico situado na parte norte do chamado corno de África. Establecido en 1884, alcanzou a independencia o 1 de xullo 1960, integrándose coa Somalia italiana para formar a República Federal de Somalia (coñecida como Somalia). En 1991 proclamou unilateralmente a súa independencia, como Somalilandia, que non foi recoñecida polas institucións internacionais, pero varios países próximos, como Djibuti, manteñen con ela relacións diplomáticas.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Límites, extesión e poboación[editar | editar a fonte]

A Somalia británica estaba limitada:

A súa extensión territorial era de aproximadamente 178 000 km2.[1]

Os habitantes do territorio eran inicialmente nómades na súa totalidade.[2]

Durante o dominio británico apareceron e desenvovéronse algunhas poboacións: Berbera contaba cuns 30 000 habitantes en 1921; Zeila, 7 000 e Bulhar, 7 300.[1]

A poboación en 1958 estimábase en 600 000 habitantes.[3]

Economía[editar | editar a fonte]

O territorio exportaba produtos gandeiros (peles e coiros, gando vacún, lanar e caprino) e materias de orixe vexetal (goma arábiga e resinas, especias).[2]

As importacións incluían arroz, dátiles, azucre e produtos téxtiles.[1]

O principal porto da Somalia británica era Berbera. O porto de Zeila foi perdendo tráfico pola competencia do de Djibuti, que tiña liña férrea con Adís Abeba.[2]

Os transportes no interior realizábanse con camelos, e máis tarde tamén con automóbiles.[1][2]

Cara a 1923 había estaciones radiotelegráficas en Berbera, Burao, Hargeisa, Zeila e Los Khorai. Tamén se contaba con 73 km de liñas telegráficas.[1] En 1958 había instalados no territorio 420 teléfonos, repartidos en Hargeisa, Berbera e Burao; a rede de estradas ascendía a 4 000 km, que podían quedar inutilizados polas chuvias; e había un enlace aéreo con Adén.[3]

En 1923 tan só había unha escola no territorio, con 48 alumnos.[1] En 1958 había 37 escolas elementais, unha para europeos (40 alumnos), 9 intermedias (952), unha secundaria (81), outra profesional (22) e 120 escolas musulmás con 2 750 alumnos.[3]

A moeda era, até 1941, a rupia da India británica.[1] Ese ano o protectorado incorporouse ao East African Currency Board, creado en 1919, e a súa moeda pasou a ser o xilin de África Oriental, aínda que até o 1 de outubro de 1951 continuou circulando a rupia india.[4]

Administración[editar | editar a fonte]

O protectorado estaba administrado por un gobernador que tamén exercía como comandante en xefe. As forzas armadas incluían 400 cameleiros (o Camel Corps) e 500 membros da policía.[1]

Administrativamente o protectorado dependeu de diferentes organismos. Inicialmente dependeu da India, até 1898, como parte de Adén.[5] En 1905 quedou suxeito ao Secretario de Estado para as Colonias.[1] En 1941 pasou a depender do ministerio da Guerra.[6] En 1948 o territorio pasou de novo ao departamento de Colonias.[7]

O territorio dividíase en tres distritos.[1]

En 1949 un estudo levado a cabo para a Sección de Estudos Africanos da Oficina Colonial chegou á conclusión de que era conveniente crear consellos tribais e municipais. Existía o problema da falta de elites locais e da tradición dunha autoridade indíxena vinculante. Pese a todo, en 1951 creáronse os consellos de distrito, e o 1 de abril de 1953 formáronse os consellos locais de Berbera e Hargeisa.[8]

O gobernador británico era a máxima autoridade lexislativa e executiva. Había un consello de anciáns e funcionarios que se reunía dúas veces ao ano e cuxa función era de asesoramento.[9]

Historia[editar | editar a fonte]

Intereses dos colonialistas europeos na zona[editar | editar a fonte]

Mohamoud Ali Shire, o 26º Sultán de Warsangali.

A mediados do século XIX, Francia, Italia, Gran Bretaña, Exipto e Abisinia interesáronse poa península Somalí.

En 1839 os británicos estableceron unha estación de carboneo en Adén, na costa arábiga fronte a Somalia, como apoio para as súas rotas cara á India. Para abastecer a gornición contaban con subministracións de gando desde a costa somalí.

En 1862, os franceses establecéronse en Obock, no que despois sería a Somalia francesa, e os italianos fixeron o mesmo en 1869 en Assab, que posteriormente formaría parte da Eritrea italiana.[7]

Os portos de Zeila[10] e Berbera foron conquistados por Exipto en 1875. Aínda que protestou pola ocupación exipcia, Gran Bretaña considerouna inicialmente como unha forma de evitar que o territorio pasara a mans doutra potencia europea, pero cando as revoltas no Sudán Anglo-Exipcio puxeron a Exipto nunha situación difícil, o Reino Unido decidiu facerse cargo deses portos,[7]

Para iso, en 1888, tras a sinatura en 1883[10] e 1884 de varios tratados cos entón gobernantes da zona, os sultáns somalís, como Mohamoud Ali Shire, do Sultanato de Warsangali, ese territorio pasou a control británico,[11] de maneira que nese ano de 1888 se creou o protectorado (Somaliland Protectorate).[1][12]

Somalia en tempos do Mad Mullah.

Entre 1901 e 1920 o territorio foi atacado polos dervixes do interior. O seu líder somalí, o relixioso e militar nacionalista Sayyid Muhémmad Abd-Al'la al-Hassan ou Mohammed Abdullah Hassan (1856-1920), chamado polos británicos "o mulá tolo" (Mad Mullah),[13] instaurou o Estado dos dervixes, un reino no interior dos territorios somalíes, sen límites definidos, e mantivo durante vinte anos unha guerra antiimperialista contra italiáns e británicos. Sayyid Muhámmad foi un dos primeiros exemplos de enfrontamento entre a sharia ou lei islámica e a sheer ou costume tradicional somalí.[1][13]

Este enfrontamento produciuse por primeira vez polo caso de Nuurayn Axmed Sabr, un xeque ahmadiya e home piadoso que foi nomeado cadí (xuíz) da cidad de Baraawa, na costa de Benadir, polo sultán de Zanzíbar Sayyid Barghash, e no seu cargo opúxose ao costume de excluír ás mulleres da herencia; o cadí foi deposto polos líderes locais, pero foi confirmado máis tarde polos ulemas de Zanzíbar, que o recoñeceron como un xuíz competente.[13] Entre 1914 e 1915 as tropas do maior T. A. Cubitt infrinxiron fortes perdas aos dervixes, pero non foi até 1920 que estes foron finalmente derrotados pola intervención da Royal Air Force. O mulá fuxiu a Imi e faleceu allí en xaneiro de 1921.[2][13]

Ocupación italiana[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda Guerra Mundial, na Campaña de África Oriental, o protectorado foi ocupado por Italia en agosto de 1940, pero recapturado polos británicos en marzo de 1941.[14]

Desembarco británico en 1941.

A defensa británica contaba coa gornición local (Camel Corps) e o Corpo de policia, aos que se engadiron outras forzas, como o rexemento King's Rifles e tropas procedentes da India e de Rodesia. Tamén contaban con forzas aéras e se apoiaban en fortificacións semipermanentes cuxa construción, iniciada en 1936, obedecía á protección dos accesos a Berbera. En total había 25 000 efectivos para a defensa.

Os italianos contaban con cinco brigadas coloniais reforzadas con carros de combate medios e lixeiros, camisas negras e tropas indíxenas. Os italianos cruzaron a fronteira o 3 de agosto, e o 19 caeu Berbera, última praza en poder dos británicos.[15]

O Reino Unido recuperou o territorio no marco da ocupación da África Oriental Italiana. O 15 de marzo de 1941 producíronse desembarcos de tropas indias, somalís, árabes e británicas. O día 16 tomaron Berbera, co que recuperaron o protectorado.[15]

Acordo con Etiopía[editar | editar a fonte]

O 29 de novembro de 1954 asinouse un acordo entre os gobernos británico e etíope polo cal o distrito de Haud era devolto a Etiopía. Este territorio formaba parte do protectorado británico en virtude do acordo de 1897, que estipulaba que Etiopía podía reclamalo e a Gran Bretaña dabería cedelo nese caso. En xaneiro de 1955 fíxose público o acordo, creando malestar entre a poboación somalí, que usaba o territorio como zona de pasteiros estacionais. As reaccións foron en ocasións violentas. En 1956 os somalís intentaron que se presentase a cuestión de Haud nas Nacións Unidas e perante o Tribunal Internacional de Xustiza. O prestixio da potencia colonial no protectorado foi decaendo e, en xaneiro de 1956, unha delegación somalí visitou o ministerio de Colonias e expresou o seu desexo de que o territorio se unira á Somalia Italiana, daquela baixo administracón fiduciaria por mandato da OUN. Cando en maio o subsecretario de Colonias, Alan Lennox-Boyd, visitou o territorio, prometeu melloras económicas e culturais encamiñadas a unha futura independencia, aínda que non dixo que esta fora xunto coa parte italiana.[9]

Independencia do protectorado[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1959, Lennox-Boyd visitó Hargeisa, onde ademais de prometer cambios institucionais, anunciou a posibilidade de que se iniciaran negociacións para a emancipación do territorio. Estas desenvolvéronse nos primeiros meses de 1960.[16]

O protectorado británico accedeu á independencia o 26 de xuño de 1960, mentres que o italiano facíao o 1 de xullo. Inmediatamente ambos os países uníronse baixo a constitución do 1 de xullo de 1960, que contemplaba institucións comúns para un único estado, que se denominaría Somalia, por exemplo 33 membros do parlamento representarían o territorio antes británico, e 88 á parte ex italiana.[17]

Independencia de Somalia[editar | editar a fonte]

Despois do derrocamento do gobierno central de Somalia en 1991, a antiga Somalia británica declarou a súa independencia (non recoñecida) en maio de 1991 como a República de Somalilandia.[18]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bradbury, Mark (2008): Becoming Somaliland. Oxford: James Curreyxford. ISBN 978-1-84701-311-8.
  • Brons, Maria (1993): Somaliland: Zwei Jahre nach der Unabhängigkeitserklärung. Hamburg: Institut für Afrika-Kunde. ISBN 978-3-928049-23-8.
  • Lécuyer-Samantar, Nicole (1979): Mohamed Abdulle Hassan - Poète et guerrier de la Corne de l’Afrique. Paris: ABC. ISBN 978-2-8580-9109-6.
  • Lewis, Ioan Myrddin (1965): The Modern History of Somaliland - From Nation to State. London: Weidenfeld & Nicolson.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 "Somaliland Inglés". Enciclopedia Espasa. Tomo 57 (en español). Espasa Calpe. 1927. pp. 261–262. ISBN 842394557X. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Somaliland Inglés". Enciclopedia Espasa. Apéndice. Tomo 9 (en español). Espasa Calpe. 1933. p. 1422. ISBN 8423945790. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Torres Miró, Emilio (1961). "Geografía e Historia - Gran Bretaña - Somalia Británica". Enciclopedia Espasa. Suplemento 1957-1958 (en español). Espasa Calpe. p. 818. ISBN 8423945936. 
  4. Somalia Currency Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Cetral Bank of Somalia (en inglés). Consultada o 20 de abril de 2017.
  5. "Aden". Enciclopedia Espasa. Tomo 2 (en español). Espasa Calpe. 1908. p. 896. ISBN 8423945022. 
  6. Orts Ramos, Antonio (1953). "Geografía e Historia - Inglaterra - Imperio colonial británico - Protectorado de Somaliland". Enciclopedia Espasa. 1945-1948 (en español). Espasa Calpe. p. 965. ISBN 8423945898. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "Eastern Africa". The New Encyclopaedia Britannica. Vol 17 (en inglés). Encyclopaedia Britannica. 1992. pp. 833 e 834. ISBN 0852295537. 
  8. Millman, Brock (1963). British Somaliland: An Administrative History, 1920-1960 (en inglés). Routledge. ISBN 9781315871349. 
  9. 9,0 9,1 Casajuana Roca, Jaime (1960). "Geografía e Historia - Gran Bretaña - Posesiones en África Oriental - Somalia Británica". Enciclopedia Espasa. Suplemento 1955 - 1956 (en español). Espasa Calpe. p. 780. ISBN 8423945928. 
  10. 10,0 10,1 "Zeila". Enciclopedia Espasa. Tomo 70 (en español). Espasa Calpe. 1930. p. 1150. ISBN 8423945707. 
  11. "Berbera". Enciclopedia Espasa. Tomo 8 (en español). Espasa Calpe. 1910. p. 191. ISBN 8423945081. 
  12. Samatar, Abdi Ismail (1989): The state and rural transformation in Northern Somalia, 1884–1986. Madison: University of Wisconsin Press, p. 31.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Douglas Jardine (1923): The Mad Mullah of Somaliland. London: Herbert Jenkins. Libro reeditado en Nova York en 1969 na Negro Universities Press.
  14. Cartier, Raymond (1966). "Cronología de la segunda guerra mundial". En Editorial Planeta S. A. La segunda guerra mundial (en español). 
  15. 15,0 15,1 Ruiz-Fornells Ruiz, José (1948). "Guerra Mundial (1939-1941)". Enciclopedia Espasa. Suplemento 1940-1941 (en español). Espasa Calpe. pp. 953 a 976. ISBN 8423945871. 
  16. Torres Miró, Emilio (1964). "Geografía e Historia - Gran Bretaña - Somalia Británica". Enciclopedia Espasa. Suplemento 1959-1960 (en español). Espasa Calpe. p. 1140. ISBN 8423945944. 
  17. "Geografía e Historia - Somalia". Enciclopedia Espasa. Suplemento 1959-1960 (en español). Espasa Calpe. 1964. p. 1337. ISBN 8423945944. 
  18. Somalia official publications {{en]}}. Consultada o 20 de abril de 2017.