Sindicato Andaluz de Trabajadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sindicato Andaluz de Trabajadores
Bandera Sindicato Andaluz de los Trabajadores.svg
Sindicato nacionalista andaluz
LíderDiego Cañamero
Fundación23 de setembro de 2007
SedeAvda. Blas Infante 4, 8º (Sevilla) Andalucía Andalucía
IdeoloxíaEsquerda, socialismo, nacionalismo andaluz, anticapitalismo, asamblearismo, internacionalismo
Afiliados40.000 (sen referencia)
sindicatoandaluz.org

O Sindicato Andaluz de Trabajadores (en galego, Sindicato Andaluz de Traballadores), SAT, é un sindicato de Andalucía constituído en Sevilla o 23 de setembro de 2007 tras a unión de varios sindicatos andaluces, entre eles o Sindicato de Obreros del Campo e Autonomía Obrera.

Características[editar | editar a fonte]

Segundo os seus propios Estatutos, o SAT defínese como un sindicato de clase, anticapitalista, asembleario, independente, antipatriarcal, nacionalista andaluz, de esquerdas, repúblicano e utópico[1]. Entre as súas fins están a de construír un modelo de sociedade alternativo ao capitalismo, a loita polos dereitos nacionais do pobo andaluz, a defensa da súa absoluta autonomía e independencia, a unidade sindical e a defensa de traballadores e traballadoras, así como das persoas migrantes. Para a súa consecución teñen realizado reivindicacións e actos de notable percorrido nos medios.

Accións salientables[editar | editar a fonte]

Polémica con Cayetano Martínez de Irujo[editar | editar a fonte]

Tras unhas polémicas declaracións no programa Salvados de Cayetano Martínez de Irujo nas cales declarou Cando ves que a xente nova non ten a menor intención de progresar, iso é grave. Iso só pasa en Andalucía. Sinceramente. Iso no norte de España non pasa, no centro tampouco. Nin tan sequera en Estremadura, ademais de insinuar que en Andalucía a xente non quería traballar[2] o SAT organizou unha manifestación, á que asistiron uns 500 afiliados, nas terras do conde, esixíndolle unhas desculpas públicas e unha reunión cos sindicalistas co obxectivo de amosarlle a realidade, segundo o sindicato, dos xornaleiros andaluces.

Cayetano Martínez de Irujo aceptou a petición do sindicato, reuníndose o 20 de decembro de 2012 con Juan Manuel Sánchez Gordillo e Diego Cañamero, quen acoden acompañados dun grupo de afiliados. Tras a reunión dos sindicalistas con Cayetano, o Conde de Salvatierra rectificou, alegando que coñeceu unha realidade que descoñecía, así como matizou que as súas declaracións estaban referidas a un grupo reducido de andaluces. Ademais, amosou un interese común polas propostas do Sindicato Andaluz de Trabajadores e accedeu a visitar a cooperativa de Marinaleda, dirixida por Sánchez Gordillo, así como iniciar un proceso para facilitar o acceso ás súas terras aos xornaleiros andaluces.[3] Tras coñecer as instalacións de Marinaleda, o conde recoñeceu o interese que ten polo sistema cooperativista e anunciou a posibilidade de crear un sistema de policultivo nas súas terras co apoio do SAT, comprometéndose a defender e promocionar os produtos de Huma, a cooperativa de Marinaleda.

Ocupación da terra Somonte[editar | editar a fonte]

O domingo 4 de marzo de 2012 ás 11 da mañá uns 500 membros do SAT ocuparon a Terra Somonte, no concello de Palma del Río e Esta propiedade da Xunta de Andalucía, que saía o día seguinte a poxa.

A partir desta ocupación, unhas 30 persoas de Posadas, Palma del Río e outros pobos quedaron nela co obxectivo de permaneceren, comezar a traballala e así pór en práctica a idea de que a terra ten que ser autoxestionada polos propios traballadores e traballadoras para crear o máximo emprego e favorecer o desenvolvemento da economía local e comarcal.

Na madrugada do venres 26 de marzo, forzas da Garda Civil desaloxaron a terra. Os xornaleiros andaluces volveron a ocupar Somonte a madrugada seguinte, atopándose unhas 100 persoas no seu interior.

Os xornaleiros, reunidos en asemblea tras o desaloxo, decidiron continuar coa loita e volver a ocupala, contando para iso co apoio solidario de varias decenas máis de compañeiros chegados dende diversos puntos de Andalucía, e en especial dos pobos próximos.

Logo da ocupación as melloras foron considerables, con moitos xornaleiros traballando na agricultura e na gandeiría. Os produtos obtidos pódense mercar nos mercados dos pobos próximos. O proxecto suscitou interese tanto dentro coma fóra do estado, recibindo case a diario a xornalistas de todo o mundo e persoas anónimas que o queren coñecer e colaborar nel.

Ocupación da terra Las Turquillas[editar | editar a fonte]

Arredor de 1.000 sindicalistas ocuparon a mañá do 24 de xullo de 2012 a Terra Las Turquillas, onde se sitúa a Yeguada Militar del Ejército. A finca, dependente do Ministerio de Defensa, ten 1.200 hectáreas, a inmensa maioría en baldío, dado que o Exército só utiliza 20 hectáreas.

Tras percorreren o quilómetro que separa a estrada das terras, entraron na Zona Militar -advertida por grandes carteis- e acadaron o recinto militar, onde unha comisión do SAT se entrevistou cos mandos militares. Dentro do recinto militar agardaba unha compañía de antidisturbios da Garda Civil e tropas militares, polo que en asemblea se decidiu non forzar a entrada ao recinto, iniciando os traballos de infraestrutura e loxística para permaneceren na mesma.

O portavoz nacional do SAT, Diego Cañamero, sinalou que o obxectivo da ocupación era que a terra pase a mans dos traballadores e que a leira, adicada á cría de cabalos, pasase a ser utilizada por cooperativas de traballadores. "Non queremos a propiedade da terra, queremos o seu uso", enfatizou Diego Cañamero, "que a terra sirva para dar traballo e crear riqueza, e non para recibir subvencións de Europa".

O dirixente sindical destacou que a comarca sevillana onde se sitúa a leira sofre "un 40% de paro" e, perante esa situación, "non pode ser que terras públicas ou privadas poidan estar alleas á realidade dun pobo que xa non sabe que facer co paro". "Queremos demostrar que, en mans de cooperativas, as terras terá outro uso, pensando na creación de traballo e en sacar produtividade á terra e non só en subvencións da UE", explicou Diego Cañamero.

Perante a vixilancia das forzas de seguridade que acompañou a ocupación, que se desenvolveu sen incidentes, o dirixente sindical declarou que "viñemos a quedarnos, non é unha ocupación simbólica". "Somos conscientes, cremos no que facemos e facémolo pacificamente", declarou Cañamero, que asegurou que "se nos expulsan, volveremos e o faremos ata que o goberno ceda esas terras ós traballadores".

O 10 de agosto produciuse o desaloxo por membros da Garda Civil; sen incidentes, os sindicalistas saíron pacificamente.

A "expropiación forzosa" de alimentos[editar | editar a fonte]

O 7 de agosto de 2012 un grupo de afiliados ao SAT encabezados polo deputado de Izquierda Unida (IU) na Xunta de Andalucía e alcalde de Marinaleda, Juan Manuel Sánchez Gordillo, entraron nun supermercado da cadea valenciana Mercadona, na localidade sevillana de Écija, e tras encher varios carros de compra con produtos básicos anunciaron s súa intención de non pagar o importe, alegando que realizaban unha "expropiación forzosa" de alimentos de primeira necesidade para doalos a unha ONG que se encargaría de repartilos entre os barrios máis humildes da localidade.[4] Tras a negativa dos empregados, produciuse un momento tenso entre os sindicalistas e os traballadores do comercio. A empresa Mercadona denunciou os feitos alegando que "se levaron a comida e agrediron a dous traballadoras".[5]

De xeito paralelo, en Arcos de la Frontera (Cádiz), Diego Cañamero, acompañado doutros sindicalistas e simpatizantes, entraron noutro supermercado, neste caso da compañía francesa Carrefour, aínda que sen poder levarse os produtos debido á presenza de efectivos da Garda Civil. Tras negociar cos directivos do supermercado, a cadea permitiulles levar os produtos para fins sociais,[6] e comprometeuse co sindicato a colaborar mediante máis doazóns de alimentos.

O 8 de agosto de 2012, o Ministro de Interior ordenou deter aos sindicalistas que realizaron os actos, entre eles Sánchez Gordillo, aínda que, ao ser deputado, non foi posible detelo. O dirixente do sindicato, Diego Cañamero foi liberado horas despois, así como a maioría dos detidos, que foron recibidos polos afiliados na comisaría de Blas Infante. Tras a posta en liberdade dos detidos, Sánchez Gordillo lanzou un comunicado no que explica que o obxetcivo da "expropiación forzosa" foi, ademais da repartición dos alimentos, dar un toque de atención ao goberno sobre a situación do sector máis afectado da sociedade española en xeral e andaluza en particular. Gordillo lamentou ademais que "volvese o franquismo e o terrorismo estatal a España coa chegada do PP” e asegurou non entender “por qué non se detén a Botín e a outros banqueiros que rouban miles de millóns, ou moitos xerifaltes dos partidos que roubaron a mans cheas”.[7]

Os feitos foron apoiados por sectores andalucistas e por parte de IU, sendo o máis visible Gaspar Llamazares, mentres que foi duramente criticado tanto polo Partido Popular como polo PSOE, así como polos principais sindicatos.[8]

Marchas Obreiras por Andalucía[editar | editar a fonte]

O SAT reanudou o xoves 16 de agosto de 2012 en Xaén as súas mobilizacións despois de estar en todas as portadas de xornais e canles de televisión estatais e mundiais pola expropiación de alimentos, formulando unha serie de marchas obreiras que partiron de distintos pobos de todas as provincias de Andalucía cara a cadansúa capital.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]