Sindicato de Obreros del Campo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sindicato de Obreros del Campo
Tiposindicato e organización
IdeoloxíaNacionalismo andaluz
Data de fundación1976
Secretario/aDiego Cañamero
PaísEspaña
Na rede
http://www.soc-andalucia.com
editar datos en Wikidata ]

O Sindicato de Obreros del Campo é un sindicato obreiro reivindicativo, de clase, unitario, democrático, independente, sociopolítico, ecoloxista, solidario, nacionalista andaluz e internacionalista de Andalucía.[1] O SOC promove a defensa dos traballadores do medio rural e, en particular, os intereses dos xornaleiros sen terra de Andalucía.[2] O seu nome completo é Sindicato de Obreros del Campo y del Medio Rural de Andalucía (SOC-MRA) e desde 2007 está integrado no Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT). O SOC ten presenza nas oito provincias andaluzas, aínda que o seu maior arraigamento reside nas provincias de Cádiz e Sevilla.

Historia[editar | editar a fonte]

O SOC constituíuse como tal na Asemblea Fundacional celebrada en Antequera en agosto de 1976.[2] No entanto, antes desa data xa eran continuos os contactos entre as Comisións de Xornaleiros de cada localidade e comarca. Estas víñanse creando desde a primavera de 1975 co obxectivo de organizar os xornaleiros andaluces.

"O SOC foi o primeiro sindicato legalizado en Andalucía tras a ditadura franquista e de feito o seu número de inscrición no Rexistro do Consello Andaluz de Relacións Laborais é o 1. O primeiro Congreso do SOC celebrouse en Morón de la Frontera durante o mes de setembro de 1977 e tivo unha especial importancia por ser o primeiro Congreso do sindicalismo agrario desde a Guerra Civil. Asistiron 250 delegados de toda Andalucía e foron invitadas delegacións da CUT de Chile, a OLP de Palestina e a Fronte Polisaria do Sáhara Occidental"[3]
SOC Andalucía

Nos seus primeiros tempos o SOC foi, ademais, fundador da Confederación de Sindicatos Unitarios de Trabajadores (CSUT), sindicato vinculado ao Partido del Trabajo de España (PTE), de orientación maoísta. Nesta época destacaron dirixentes como Francisco Caseiro, Gonzalo Sánchez, Francisco Ortiz, Antonio Gómez, Juan Manuel Silva, Pepi Conde, Manuel Lara e Diamantino García, coñecido este último como "o Cura dos Pobres".

A histórica folga de fame do pobo de Marinaleda ou as ocupacións de leiras por toda Andalucía foron converténdose en sinais de identidade dunha forma alternativa de facer sindicalismo. Nestes primeiros tempos o SOC sufriu unha importante represión, con miles de multas e centos de sindicalistas procesados e mesmo encarcerados:

"Desde a creación en 1974 e 1975 das Comisións de Xornaleiros, que despois darían paso á creación do Sindicato de Obreros del Campo e até ben entrado os anos 80, os militantes do SOC sufrimos unha forte represión política e sindical, xa que as detencións, algunha que outra malleira e o cárcere foron normas habituais dos diferentes gobernos (ditadura, UCD)"[4]
SOC Andalucía
"O IX Congreso resolveu por unanimidade aprobar o relatorio de construción dun Sindicato Andaluz do Traballo que aglutine o sindicalismo de esquerdas, de clase, nacional e alternativo de Andalucía"[5]
SOC Andalucía

  

Neste Congreso deuse vía libre a que o SOC se presentase baixo determinadas condicións ás eleccións sindicais:

"...a crítica que fixo o SOC ao modelo actual de eleccións sindicais segue sendo válida pois os precarios non poden exercer o seu dereito a participar e no campo isto tradúcese en que só poden exercer o voto o 2% dos traballadores. Aínda así, debemos deixar unha porta aberta para que baixo certas condicións as unións locais que así o consideren poidan facelo. ¿Que condicións son esas? O acordo da unión local, en primeiro lugar. Que as eleccións se realicen cando haxa campañas de recolección por que así garántese unha maior participación e non cando lle veña ben ao empresario. E en terceiro lugar, a executiva do sindicato debe aceptar os candidatos de común acordo coa unión local"[6]
SOC Andalucía
Diego Cañamero (camisa de raias), Juan Manuel Sánchez Gordillo (camisa verde) e outros membros do Comité Executivo cantando o himno de Andalucía ao finalizar o IX Congreso do SOC.

Os 269 delegados e delegadas elixiron por unanimidade o novo Comité Executivo, onde destacan a figura de Juan Manuel Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda e líder da CUT; e do secretario xeral Diego Cañamero, portavoz do SAT entre 2007 e 2015 e alcalde de El Coronil (Sevilla) en dúas ocasións: entre 1987 e 1991, e entre 1995 e 2001.

Debido ao seu carácter socio-político, o SOC participou en campañas e mobilizacións políticas. Así, dirixentes e militantes deste sindicato manifestáronse a favor dos dereitos do Sáhara Occidental ou de Palestina. Así mesmo, tamén visitaron Cuba para mostrar a súa solidariedade contra o bloqueo estadounidense que sofre a illa. O SOC tamén estivo activo no movemento contra a Guerra de Iraq, simpatizando coa resistencia iraquí. O SOC participou tamén no movemento antiglobalización, debido á súa vinculación á organización internacional Vía Campesiña e aos foros sociais. Tamén pediu o voto negativo á reforma do Estatuto de Andalucía, sometida a referendo en febreiro de 2007.

Organización[editar | editar a fonte]

O SOC organízase territorialmente mediante unións locais que desenvolven a súa actividade sindical no marco municipal. As unións locais coordínanse a nivel comarcal e envían representantes á Asemblea Nacional do sindicato, máximo órgano de decisión entre congresos, da mesma maneira que o actual funcionamento interno do SAT.

O SOC está dirixido por un Comité Executivo elixido polo Congreso e coordinado polo secretario xeral.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

O SOC, debido á práctica da acción directa e á súa oposición ás eleccións sindicais no campo, entroncaba coa tradición libertaria e anarquista do movemento xornaleiro andaluz. Con todo, a súa crítica ás eleccións sindicais non é por principios ideolóxicos, como fai o anarquismo clásico, senón debida á inxustiza do sistema electoral. Segundo o Estatuto dos Traballadores español, só os empregados cun mínimo de seis meses de antigüidade na empresa teñen o dereito de voto, polo que segundo os sindicalistas do SOC só o 2% dos 500.000 xornaleiros terían dereito a voto con esta lexislación, ao estar contratados a inmensa maioría dos traballadores do campo durante as campañas de recolección, é dicir, con contratos de moi curta duración.

O SOC, de feito, chegou a presentar propostas para a reforma do sistema electoral no campo e así poder participar nas eleccións. Nun dos seus últimos congresos o SOC aprobou abrir a porta a presentarse baixo certas condicións.

O SOC defínese como un sindicato nacionalista andaluz na súa declaración de principios:

"Se o marco de actuación é andaluz, é porque cremos que Andalucía é unha nación á que están roubando a súa economía, a súa cultura, a súa lingua e incluso chegando a desvirtuar a súa historia. Temos que ser conscientes que se non queremos seguir condenados ao subdesenvolvemento, á dependencia e á marxinación como pobo, hai que loitar polo dereito de autodeterminación. O día de Andalucía é o 4 de decembro, aínda que participaremos en todos aqueles actos que nos reafirmen como pobo."[7]
SOC Andalucía

O SOC chegou ademais a acordos con sindicatos nacionalistas doutros territorios de España para a protección dos xornaleiros andaluces noutros territorios, por exemplo o sindicato vasco LAB.[8]

Unha certa presenza do cristianismo de base tamén estivo presente no SOC nas súas orixes, sobre todo na Sierra Sur de Sevilla, onde algúns párrocos pertencentes ao movemento de curas obreiros lideraron nas súas localidades a formación do sindicato na clandestinidade do franquismo. Entre outros destacaron as figuras de Diamantino García, párroco de Los Corrales, Estebán Tabares, párroco de Aguadulce e Juan Heredia, párroco de Gilena.

Xunto ao compoñente libertario e andalucista existe o legado marxista herdado da pertenza do SOC á CSUT, sindicato maioritariamente dirixido polo PTE.

Politicamente, o SOC estaba vinculado a un partido, a CUT, organización das candidaturas unitarias de traballadores formadas en diferentes localidades por sindicalistas do SOC nas eleccións municipais de 1979. Algúns dos seus afiliados máis destacados, como Diego Cañamero ou Juan Manuel Sánchez Gordillo, comparten responsabilidades de dirección en ambas as formacións. A CUT (como CUT-BAI) intégrase dentro de Izquierda Unida desde a súa fundación en 1986 até 2015 ano da súa saída, tendo presenza como grupo nos órganos de dirección da provincia de Sevilla, en Andalucía e a nivel federal.

Notas[editar | editar a fonte]