Sholem Aleichem

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sholem Aleichem en 1907

Solomon Naumovich Rabinovich, máis coñecido polo sobrenome literario de Sholem Aleichem (Yiddish e hebreo: שלום־עליכם , ruso e ucraíno: Шо́лом-Але́йхем), nado en Pereiaslav o 2 de marzo de 1859 e finado en Nova York o 13 de maio de 1916, foi un escritor e dramaturgo en lingua yiddish, considerado un dos fundadores da literatura yiddish moderna[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Solomon Naumovich (Sholom Nohumovich) Rabinovich (ruso: Соломо́н Нау́мович (Шо́лом Но́хумович) Рабино́вич) naceu en 1859 en Pereiaslav pero medrou no shtetl (pequena vila cunha poboación xudía importante) de Voronko, na gobernatura de Poltava do Imperio ruso: Соломо́н Нау́мович (Шо́лом Но́хумович) Рабино́вич (agora no distrito de Kiev na Ucraína central). O seu pai, Menachem-Nukhem Rabinovich, era daquela un rico comerciante.[2] Non obstante, un mal negocio deixou á familia na pobreza e Solomon Rabinovich medrou en difíciles circunstancias. Cando tiña 13 anos, a familia volveu a Pereiaslav, onde súa nai, Chaye-Esther, morreu nunha epidemia de cólera en 1872.[3]

Educouse nun cheder ata 1876 cando pasou á escola rusa en Pereiaslav, na que se graduou en 1876 e despois pasou tres anos como titor da filla dun rico terratenente, Olga (Hodel) Loev (1865-1942) pero perdeu o traballo ao xurdir unha relación amorosa entre eles e negarse o pai a aceptar o casamento. Entre 1880 a 1883 foi rabino gobernamental[4] en Lubny.[5] O 12 de maio de 1883 casou con Olga, coa que tivo seis fillos, e nos máis tarde herdaron a propiedade do pai de Olga. En 1890, Sholem Aleichem perdeu a súa fortuna especulando na bolsa e fuxiu dos seus acredores, e foi súa nai quen finalmente pagou a súa débeda. En 1891 instalouse en Odesa e de 1893 a 1905 viviu en Kiev.

Logo de presenciar os pogroms que se sucederon no sur do Imperio en 1905, Sholem Aleichem deixou Kiev para establecerse en Nova York, onde chegou en 1906. A súa familia permaneceu en Xenebra, e el foi tamén en 1908. En xullo dese ano durante unha xira por Rusia, Sholem Aleichem esvaeceuse nun tren en Baranowicze, diagnosticáronlle unha recaída de tuberculose hemorráxica aguda e pasou dous meses no hospital da cidade. Máis tarde afirmou que foi o catalizador para escribir a súa autobiografía, Funem yarid.[6] Durante os seguintes catro anos permaneceu impedido para realizar unha actividade normal e viviu en Alemaña de doazóns de amigos e admiradores. Ao comezo da Primeira Guerra Mundial como cidadán ruso tivo que establecerse na neutral Dinamarca antes de volver a Nova York coa súa familia nese mesmo ano.

Carreira literaria[editar | editar a fonte]

Un volume relatos de Sholem Aleichem en Yiddish, co retrato e a sinatura do autor

Como os seus contemporáneos Mendele Mocher Sforim e I.L. Peretz Sholem comezou a escribir contos en hebreo e ruso. En 1883, cando tiña 24 anos, publicou o seu primeiro relato en Yiddish, Tsvey Shteyner, adoptando o pseudónimo de Sholem Aleichem, a versión yiddish da expresión hebrea shalom aleichem, que significa a "paz sexa contigo" e que se utiliza tipicamente como saúdo. Contra 1890 era xa unha figura central da literatura yiddish, e será sobre todo recoñecido polos seus relatos [7].

Ademais da produción literaria propia, Sholem Aleichem utilizou a súa fortuna persoal para animar a outros escritores yiddish. En 1888–89, publicou dos números dun almanaque, Di Yidishe Folksbibliotek que deu a coñecer novos escritores en yiddish. A súa obra máis coñecida, Tevye der milkhiker, que se convertería na base do musical Fiddler on the Roof publicouse por primeira volta en 1894. Nos anos seguintes, ademais de en yiddish, escribiu textos non literarios en ruso para un xornal de Odessa e para Voskhod, a principal publicación xudía de Rusia da época, así como en hebreo para Ha-melitz, e para unha antoloxía editada por YH Ravnitzky. Foi durante este período que Sholem Aleichem contraeu tuberculose.

En agosto de 1904, Sholem Aleichem editou Hilf: a Zaml-Bukh fir Literatur un Kunst ( Varsovia, 1904) e traduciu tres relatos presentados por Tolstoi para axudar as vítimas do progrom de Kishinev.

En 1907 estreou á vez en Nova York dúas pezas teatrais para os dous teatros yiddish, mais o seu fracaso comercial fixo que non puidera representar máis pezas nos Estados Unidos[8]

Recepción crítica[editar | editar a fonte]

Estatua de Sholem Aleichem en Netanya (Israel), realizada por Lev Segal

As narracións de Sholem Aleichem caracterízanse pola naturalidade dos diálogos dos personaxes e a precisión das súas descricións da vida no shtetl As primeiras críticas centráronse na humor e gozo de vivir dos personaxes, interpretado como un xeito de superar as adversidades. As críticas posteriores viron un lado tráxico na súa escritura.[9] Nos Estados Unidos denominárono o "Mark Twain xudeu"[10] debido ao estilo de escritura similar dos dous autores e ao uso de sobrenomes literarios. Ambos os dous autores escribiron tanto para adultos como nenos, e realizaron amplas xiras por Europa e os Estados Unidos. Cando Twain soubo que Sholem rebicía o nome do Mark Twain xudeu, respondeu "por favor dicirlle que eu son o Sholem Aleichem americano."[11]

Crenzas e activismo[editar | editar a fonte]

Sholem Aleichem foi un apaixonado defensor do yiddish como lingua nacional xudía, e sentía que debía recibir o mesmo status e respecto ca outras linguas europeas modernas, ao longo de toda a súa vida mantivo o seu "yiddismo", ao tempo que tamén se dedicaba á causa do sionismo, que está presente en moitas das súas obras.[12] En 1888 fíxose membro e Hovevei Zion e en 1907, foi un dos delegados norteamericanos do 8º Congreso Sionista da Haia

Sholem Aleichem tiña un temor mortal ao número 13. Os seus manuscritos nunca tiñan unha páxina 13; numerándo esas páxinas como 12a.[13]

Morte[editar | editar a fonte]

Funeral de Sholem Aleichem o 15 de maio de 1916

Sholem Aleichem morreu en Nova York o 13 de maio de 1916 de tuberculose e diabetes, aos 57 amps, mentres traballaba na súa última novela, Motl peysi dem khazns, e recibiu sepultura no cemiterio de Old Mount Carmel en Queens[14] Foi un dos enterros ao que acudiu máis xente na historia de Nova York, estimándose en 100.000 os asistentes.[15]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Natascha, 1884 (novela)
  • Stempenju, 1888 (novela)
  • Reb Sender Blank un sajn filgeschezte familje, 1888
  • Josele Solovei 1889 (novela)
  • Schimele 1889
  • Tewje der milchiker, 1894
  • Moschiachs zajtn, 1898 (novela sionista)
  • Zesejt un zeschprejt, 1905 (drama)
  • Motl peysi dem khazns, 1907 (contos)
  • Blondzhende schtern, 1911 (novela)
  • Funem jarid, 1916 (novela autobiográfica)
  • Ketavim Ivriim, 1976 (recompilación dos seus escritos en hebreo)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dan Miron. "Sholem Aleicheim" en The YIVO Enciclopedia of Jewish of Eastern Europe
  2. "Jewish virtual library" (biografía). 
  3. Sholem Aleichem (1985). "34. Cholera". From the Fair. Viking Penguin. pp. 100–4. 
  4. Oficial gobernamental do Imperio Ruso con funcións administrativas e representativas dentro das comunidades xudías: http://www.yivoencyclopedia.org/article.aspx/Crown_Rabbi
  5. Kaplan Appel, Tamar (3 de agosto de 2010). "Crown Rabbi". The YIVO Encyclopedia of Jews in Eastern Europe. YIVO Encyclopedia of Jews in Eastern Europe (Yale University Press). ISBN 9780300119039. OCLC 170203576. Arquivado dende o orixinal o 2015-03-27. Consultado o 2015-05-31. 
  6. Potok, Chaim (14 de xullo de 1985). "The Human Comedy Of Pereyaslav". New York Times. 
  7. Ken Frieden (2012) Classic Yiddish Fiction: Abramovitsh, Sholem Aleichem, and Peretz SUNY Press, p. 137
  8. Weitzner (1994) Jacob Sholem Aleichem in the Theater, Fairleigh Dickinson Univ Press, p. 5
  9. "Sholom Aleichem Aleichem, Sholom – Essay – eNotes.com". eNotes. Consultado o 12 de xuño de 2017. 
  10. "Sholem Aleichem" en Encyclopaedia Britannica
  11. Levy, Richard S. (2005) Antisemitism: a historical encyclopedia of prejudice and persecution, Volume 2. ABC-CLIO 2005, "Twain"
  12. Oyf vos badarfn Yidn a land, (Why Do the Jews Need a Land of Their Own?), tradución de Joseph Leftwich e Mordecai S. Chertoff, Cornwall Books, 1984, ISBN 0-8453-4774-8
  13. "A Reading to Recall the Father of Tevye", New York Times, 17 de amio de 2010
  14. "Mount Carmel Cemetery". Mountcarmel. 30 de xuño de 2007. 
  15. "Vast Crowds Honor Sholem Aleichem; Funeral Cortege Of Yiddish Author Greeted By Throngs In Three Boroughs. Many Deliver Eulogies Services At Educational Alliance Include Reading Of Writer's Will And His Epitaph.". New York Times. 16 de maio de 1916. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]