Saltar ao contido

Sete marabillas do mundo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sete marabillas do mundo antigo»)

As sete marabillas do mundo (ou as sete marabillas do mundo antigo) ou simplemente as Sete Marabillas, é unha lista de sete estruturas notables presentes durante a antigüidade clásica, establecidas por primeira vez na publicación de 1572 Octo Mundi Miracula usando unha combinación de fontes históricas.[1][2]

As sete marabillas tradicionais son a Gran Pirámide de Giza, o Coloso de Rodas, o Faro de Alexandría, o Mausoleo de Halicarnaso, o Templo de Artemisa, a Estatua de Zeus en Olimpia e os Xardíns Colgantes de Babilonia. Usando os países actuais, dúas das marabillas estaban localizadas en Grecia, dúas en Turquía, dúas en Exipto e unha en Iraq. Das sete marabillas, só a Pirámide de Giza, que tamén é con moita diferenza a máis antiga das marabillas, permanece en pé, mentres que as outras foron destruídas ao longo dos séculos. Existe un debate académico sobre a natureza exacta dos Xardíns Colgantes e hai dúbidas sobre se existiron realmente.

A primeira lista coñecida das sete marabillas remóntase aos séculos II-I a.C., pero esta lista difire da versión canónica Octo Mundi Miracula, do mesmo xeito que as outras listas coñecidas de fontes clásicas.

As sete marabillas do mundo antigo

[editar | editar a fonte]

Velaquí a lista das sete marabillas do mundo antigo, ordenadas por data de construción.

  1. A Gran Pirámide de Gizeh. Rematada arredor do ano 2570 a.C., foi utilizada como tumba ou cenotafio do faraón Khufu, denominado Queops por Herodoto. Localizada en Gizeh, Exipto, é a única das sete marabillas que aínda se pode contemplar.
  2. Os Xardíns colgantes de Babilonia. Construídos entre o 605 e o 562 a.C.. Localizados en Babilonia, actual Iraq.
  3. O Templo de Artemisa en Éfeso. Construído cara a -550 - -325. Localizado en Éfeso, actual Turquía.
  4. A Estatua de Zeus, en Olimpia (Grecia). Esculpida cara a -430 por Fidias. Localizada en Olimpia, Grecia.
  5. O Mausoleo de Halicarnaso. Construído arredor de -353. Situado en Bodrum, actual Turquía.
  6. O Coloso de Rodas. Construído entre -294 e -282. Localizado na illa de Rodas, actualmente pertencente a Grecia.
  7. O Faro de Alexandría. Construído entre -294 e -283. Localizado en Alexandría, Exipto.

Orixe da lista

[editar | editar a fonte]
Cronoloxía e mapa das Sete Marabillas (en inglés). Datas en grosa verde e vermello escuro son da súa construción e destrución, respectivamente.

A orixe da lista é dubidosa, pero atribúeselle ao poeta grego Antípatro de Sidón, que escribiu sobre estas obras nun poema. Outro documento que contén a lista é o libro De Septem Orbis Miraculis, do enxeñeiro grego Filón de Bizancio. A lista tamén se coñece co nome grego de ta hepta thaemata (as sete cousas dignas de seren vistas). Esta catalogación das marabillas polos gregos debeuse producir entre os anos 150 e 120 aC.

De todas as sete marabillas, a única que resistiu até os días actuais foi a Gran Pirámide de Gizeh, construída hai máis de 4.000 anos. Dos outros monumentos podemos imaxinar o aspecto que tiñan, a partir de descricións en textos antigos e de reproducións estilizadas en moedas. Ese é o caso da estatua de Zeus Olímpico, construída en ouro e marfil, e con 40 pés de altura, do que conservamos ademais de descricións escritas detalladas, a súa reprodución nas moedas de Elis.

Moeda de Elis. Estatua de Zeus de Olimpia no seu reverso.

Actualización

[editar | editar a fonte]

A comezos do século XXI o cidadán suízo Bernard Weber promoveu a selección das novas sete marabillas do mundo, que viría substituír esta lista. Esa decisión foi tomada pola Unesco o 7 de xullo de 2007.

Marabillas naturais

[editar | editar a fonte]

Tal como con outras listas, non existe consenso sobre sete marabillas naturais. Unha das listas foi compilada pola CNN :

    Referencias
    1. Clayton & Price 2013, p. 5: "Quizais só coa execución destes debuxos a lista se fixou para sempre, pero os detalles de cada monumento foron examinados desde entón baixo o ollo científico de estudosos como Johann Fischer von Erlach."
    2. Tobin 2011, p. 6: "A lista "canónica" das Sete Marabillas que usamos hoxe foi realmente elaborada no século XVI polo artista neerlandés Maarten van Heemskerck, quen produciu un conxunto de debuxos das Sete Marabillas compilados a partir da súa lectura de autores antigos. A súa lista contiña dúas estatuas, o Zeus de Olimpia e o Coloso de Rodas; dous conxuntos de tumbas, as Pirámides de Exipto e o Mausoleo de Halicarnaso; e varios edificios, o Templo de Artemisa en Éfeso, as Murallas e os Xardíns Colgantes de Babilonia (contados como unha "marabilla") e o Faro de Alexandría.

    Véxase tamén

    [editar | editar a fonte]

    Outros artigos

    [editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas

    [editar | editar a fonte]