Sequoia xigante
Sequoia xigante | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
O Grizzly Giant en Mariposa Grove (Parque Nacional de Yosemite) | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Sequoiadendron giganteum (Lindl.) J.Buchh. | |||||||||||||||||
Sequoiadendron é un xénero de árbores pertencente á familia das Cupresáceas, tamén chamada Taxodiáceas. Este xénero ten unha soa especie, Sequoiadendron giganteum Buchh, a sequoia xigante[2]. Sequoaidendron giganteum é unha das tres especies de coníferas coñecidas como sequoias, clasificada na subfamilia das Sequoioideae, xunto con Sequoia sempervirens (a sequoia común) e Metasequoia glyptostroboides (a sequoia do alba ou metasequoia).
Descrición
[editar | editar a fonte]A sequoia xigante é o organismo vexetal máis grande do mundo en termos de volume total. Crece a unha altura media de entre 50 a 85 metros con de 5 a 7 de diámetro. Hai referencias de que existiron árbores de 94 metros de altura e máis de 11 de diámetro. A sequoia xigante máis vella coñecida, segundo o reconto dos seus aneis de crecemento, tiña 3.200 anos de idade.
En 2010 encontrouse unha sequoia de 105,5 metros de alto e 10 de diámetro de tronco cuxas raíces alcanzan aproximadamente os 35 metros.
A casca da sequoia é fibrosa e pregada, e pode ter 60 cm de groso na base do tronco, que ten forma de columna, o que lle proporciona unha protección significativa contra o lume. As follas son perennes, con forma de subela, de 3 a 6 mm de longo e dispostas espiralmente nos rebentos.
As sementes encóntranse en conos de conífera de 4 a 7 cm de longo e maduran en 18 a 20 meses, aínda que normalmente permanecen verdes e pechadas por ata 20 anos; cada cono ten de 30 a 50 tecas dispostas espiralmente, con varias sementes en cada teca, o que dá unha media de 230 sementes por cono. A semente é marrón escura, de 4 a 5 mm de longo e 1 de ancho, cunhas ás amarelo-marróns de 1 mm por cada lado. Algunhas sementes sóltanse cando as tecas do cono se encollen durante o tempo cálido a finais do verán, pero a maioría das sementes son liberadas cando o cono seca pola calor do lume ou o dano dun insecto.
A sequoia xigante rexenérase por sementes. As árbores novas empezan a producir conos á idade de 12 anos, e ata os 20 poden xerar brotes dos restos dunha cachopa. As sequoias xigantes de calquera idade poden brotar do tronco cando as ramas vellas se perden por rotura ou lume pero, a diferenza da sequoia común, as árbores maduras non brotan dos cortes das cachopas.
Nalgún momento da súa vida, unha árbore grande pode chegar a ter aproximadamente 11.000 conos. A parte superior da copa dunha árbore madura produce máis cantidade de conos cás súas partes máis baixas e estímase que pode dispersar de 300.000 a 400.000 sementes por ano; estas sementes aladas poden chegar ata a 180 metros de distancia da árbore orixinaria.
As ramas máis baixas morren bastante facilmente por mor da moita sombra, polo que os troncos das árbores maduras que viven en arboredos encóntranse xeralmente libres de ramas ata unha altura de 20 a 50 metros, pero as árbores solitarias e as de menos de 100 anos reteñen a maior parte das ramas baixas mortas.
Distribución
[editar | editar a fonte]A distribución natural da sequoia xigante está restrinxida a unha área limitada da parte occidental de Serra Nevada, California, que comprende un total de só 14.416 ha (144,16 km²). Non existen bosques formados soamente por exemplares desta especie, aínda que nalgunhas pequenas áreas chegan a formar case un bosque puro. Na parte setentrional encóntranse os dous terzos dos exemplares, do río dos Americanos no Condado de Placer contra o sur ao río dos Santos Reis, hai soamente oito arboredos desconectados. Aínda quedan arboredos meridionais concentrados entre o río dos Santos Reis e o Arboredo de Deer Creek no meridional Condado de Tulare. Os arboredos alcanzan un tamaño de 1.240 ha con 20.000 árbores maduras, ata pequenos arboredos con só seis árbores vivas, e moitos están protexidos nos parques nacionais de Kings Canyon National Park e Giant Sequoia National Monument.
A sequoia xigante encóntrase xeralmente nun clima húmido caracterizado por veráns secos e invernos con neve abundante. A maioría dos arboredos de sequoias xigantes áchanse en terras de base granítica, residuais e aluviais, a altitudes comprendidas entre 1.400 e 2.000 msnm no norte, e entre 1.700 e 2.150 ao sur.
A sequoia xigante encóntrase xeralmente na ladeira sur das montañas setentrionais, e na ladeira setentrional das serras máis meridionais.
Para manter a densidade de poboación actual serían necesarios uns altos niveis de reprodución, pero poucos arboredos teñen suficiente cantidade de árbores novas para manteren a densidade actual de sequoias xigantes maduras no futuro. A maioría das sequoias xigantes experimenta un descenso gradual na densidade dende a chegada dos colonos europeos.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]As sequoias xigantes teñen dificultade para reproducirse no seu hábitat orixinal, e moi raramente se reproducen en cultivo, debido a que as sementes só pode crecer satisfactoriamente en solos ricos en minerais e con luz directa do sol, liberados de competiren co resto da vexetación. Aínda que as sementes poidan xerminar nun substrato húmido na primavera, estas plántulas morrerán coa seca do verán. Por tanto requiren dun incendio controlado periódico para baleirar o humus da vexetación competidora e coa rexeneración da terra poderen producir unha xerminación proveitosa.
Os lumes traen tamén chorros de aire quente no alto do dosel forestal, mediante as correntes de convección, que secan e abren os conos. A subseguinte liberación de grandes cantidades de sementes coincide coas condicións óptimas de sementeiro posterior ao lume, xunto con cinza solta no solo que pode actuar tamén como cuberta para protexer as sementes caídas dos danos da radiación ultravioleta.
Sen o lume, a sombra das especies existentes excluirá aos novos sementeiros da sequoia, e as sementes non xerminarán. Cando hai un alcouve repleto de árbores, dado que requiren moita humidade, xeralmente se concentran cerca de correntes de auga.
Debido aos esforzos na supresión dos lumes e ao pastoreo de gando a principios e mediados do século XX, a baixa intensidade dos incendios que xa non se producían de forma natural en moitos arboredos e tampouco se dan na actualidade. A supresión dos lumes levou tamén ao acumulación de combustible no solo e o crecemento denso do abeto branco, moi sensible aos incendios, o que aumentou o risco de lumes máis intensos que poden utilizar aos abetos coma escalas para acadar as copas das sequoias xigantes maduras. Os lumes naturais poden ser tamén factores moi importantes para manter á formiga carpinteira baixo control.
En 1970 o Servizo Nacional de Parques dos Estados Unidos empezou queimas controladas de arboredos para corrixir estes problemas. As políticas actuais permítenlle tamén aos lumes naturais proseguir sen interrupcións. Un dos incendios incontrolados estragou severamente a segunda árbore máis grande do mundo, a árbore de Washington, en setembro de 2003, 45 días despois de empezar o lume, por mor do que non foi capaz de resistir a tormenta de neve de xaneiro de 2005, que causou o abatemento da metade do seu tronco.
Pero ademais do lume, hai tamén dous axentes animais que inflúen na liberación de gran cantidade de sementes da sequoia xigante. O máis significativo dos dous é un escaravello de cornos longos (Phymatodes nitidus) que pon os ovos nos conos, nos que as larvas abren furados, o que corta o abastecemento de auga vascular ás tecas do cono, facendo que os conos poidan secar e abrir e permitan caer as sementes. Os conos estragados polos escaravellos durante o verán, abrirán lentamente durante os meses seguintes. Algunhas investigacións indican que moitos conos, especialmente os situados no máis alto das copas, poden secar parcialmente polo dano do escaravello antes que o lume os poida abrir completamente. O outro axente é o esquío de Douglas (Tamiasciurus douglasi) que roe nas tecas verdes carnosas dos conos máis novos; os esquíos están activos durante todo o ano e cando roen o cono, sacan e deixan caer sementes ao solo.
Descubrimento e nomeamento
[editar | editar a fonte]A sequoia xigante era moi coñecida polas tribos nativas dos EUA que moraban nesta área. Os antigos nativos americanos dábanlle á sequoia os nomes de wawona, toos-pung-ish e hea-mi-withic, os dous últimos na lingua da Tribo do Río Tule.
A primeira referencia á sequoia xigante por europeos é de 1833, no diario do explorador J. K. Leonard; a referencia non menciona ningunha localidade, pero a súa ruta fora polo Arboredo de Calaveras; este descubrimento non se publicou. O seguinte europeo en ver a especie foi John M. Wooster, que gravou as súas iniciais na casca da árbore "Hércules" no Arboredo de Calaveras en 1850, mais este descubrimento tampouco se publicou. Déuselle moita máis publicidade ao "descubrimento" do Arboredo de Calaveras por Augusto T. Dowd en 1852, e isto é comunmente citado como o descubrimento da especie. A árbore que atopou Dowd, e que bautizou como a "Árbore do Descubrimento", foi tallada en 1853.
O primeiro en dar un nome científico á especie foi John Lindley en 1853, que a denominou Wellingtonia gigantea, sen se decatar de que este era un nome inválido baixo o Código Internacional de Nomenclatura pois o nome Wellingtonia xa fora utilizado anteriormente para outra planta non relacionada (Wellingtonia arnottiana da familia Sabiaceae). O nome "Wellingtonia" persistiu en Inglaterra como un nome común, aínda que está desaprobado como unha reliquia de imperialismo cultural (R. Ornduff en Aune 1994). O ano seguinte, Joseph Decaisne incluíuna no mesmo xénero que a sequoia común da costa, denominándoa sequoia xigantea, mais tampouco foi válido este nome, pois se aplicara anteriormente á sequoia común (en 1847, por Endlicher). O nome Washingtonia californica foi aplicado tamén por Winslow en 1854, aínda que tampouco era válido, pois pertencía ao xénero das Palmeiras Washingtonia.
En 1907 foi incluído por Carl Ernst Otto Kuntze no xénero fósil Steinhauera, porén a dúbida en canto a se a sequoia xigante estaba relacionada ou non co fósil, tamén invalidou este nome.
Os fallos de nomenclatura foron corrixidos finalmente en 1939 por J. Buchholz, quen indicou tamén que a sequoia xigante era distinta da sequoia común no nivel de xénero e acuñou o nome Sequoiadendron giganteum para ela.
Sequoias destacadas
[editar | editar a fonte]A data de febreiro de 2005, as dez árbores cun maior volume eran:
Nome da árbore | Localización | Altura | Circunferencia | Volume | |||
---|---|---|---|---|---|---|---|
(m) | (ft) | (m) | (feet) | (m³) | (ft³) | ||
Xeneral Sherman | Giant Forest | 83.79 | 274.9 | 31.27 | 102.6 | 1486.9 | 52,508 |
Xeneral Grant | Grant Grove | 81.72 | 268.1 | 32.77 | 107.5 | 1319.8 | 46,608 |
President | Giant Forest | 73.43 | 240.9 | 28.35 | 93.0 | 1278.4 | 45,148 |
Lincoln | Giant Forest | 77.97 | 255.8 | 29.96 | 98.3 | 1259.3 | 44,471 |
Stagg | Alder Creek | 74.07 | 243.0 | 33.22 | 109.0 | 1205.0 | 42,557 |
Boole | Converse Basin | 81.93 | 268.8 | 34.44 | 113.0 | 1202.7 | 42,472 |
Xenese | Mountain Home | 77.11 | 253.0 | 26.00 | 85.3 | 1186.4 | 41,897 |
Franklin | Giant Forest | 68.21 | 223.8 | 28.90 | 94.8 | 1168.9 | 41,280 |
King Arthur | Garfield | 82.39 | 270.3 | 31.76 | 104.2 | 1151.2 | 40,656 |
Monroe | Giant Forest | 75.53 | 247.8 | 27.82 | 91.3 | 1135.6 | 40,104 |
Fonte: United States National Park Service - [1] Arquivado 19 de agosto de 2006 en Wayback Machine.. Nótese que as cifras do volume teñen un baixo grao de certeza, debido ás dificultades na medida; as medidas do diámetro do talo están tomadas nunhas poucas alturas fixas por riba do tronco, e asumen que o tronco é circular na sección transversal e que ese estreitamento entre puntos de medida é constante. As medidas do volume tampouco toman en conta as cavidades. As medidas son do tronco só, e non inclúen o volume de madeira das pólas nin das raíces.
A árbore Xeneral Sherman estimáselle un peso de 2.100 toneladas (Fry & White 1938).
Usos
[editar | editar a fonte]A madeira da sequoia xigante madura é sumamente resistente á descomposición, pero é fibrosa e quebradiza, o que xeralmente a fai inapropiada para a construción. Dende a década de 1880 até os inicios da de 1920 cortáronse gran cantidade de árbores, aínda que para usos comerciais marxinais. Debido ao enorme peso das árbores e ao seu carácter quebradizo a miúdo estrelábanse cando batían no chan, malgastándose moita madeira. Os leñadores procuraron diminuír o impacto da caída cavando sucos e enchéndoos con pólas. A madeira utilizábase principalmente para producir táboas, para postes e valados, e incluso para mistos.
As imaxes de árbores nun tempo maxestosos, rotos e abandonados en arboredos anteriormente prístinos, e o uso tan marxinal que se facía destes xigantes, esporeou a protesta pública que motivou que a maior parte dos arboredos foran preservados como espazo protexido. O público pode visitar un exemplo claro dos restos das cortas de 1880 no Arboredo de Big Stump, preto do Arboredo General Grant. Aínda en 1980 algunhas árbores inmaturas foron apuntaladas no Bosque Nacional de Sequoias, e a publicidade foi o que axudou á creación do Giant Sequoia National Monument.
A madeira das árbores inmaturas é menos quebradiza, e probas recentes en árbores novas de plantacións amosan que a súa madeira é de calidade semellante á da sequoia común, o que deu como resultado algún interese en cultivar a sequoia xigante como unha árbore de moi alto rendemento para colleita de madeira, en California e tamén en partes de Europa occidental, onde pode medrar máis eficientemente cás sequoias vermellas da costa. No noroeste dos Estados Unidos algúns empresarios empezaron tamén a cultivar sequoias xigantes para árbore de Nadal. Á parte destas tentativas na silvicultura, os usos económicos principais para a sequoia xigante son actualmente o turismo e a horticultura.
Cultivo
[editar | editar a fonte]A sequoia xigante é unha árbore decorativa moi popular en moitas zonas. As áreas onde se cría exitosamente inclúen a maior parte de Europa occidental e meridional, o noroeste do Pacífico de Norteamérica, do norte ao suroeste da Columbia Británica, o sueste de Australia, Nova Zelandia e a zona central e meridional de Chile. Críase tamén, aínda que menos favorablemente, en partes da Norteamérica oriental.
Estas árbores poden aguantar temperaturas mínimas duns −30 °C ou máis frías durante curtos períodos, e comprobouse que algúns individuos parecen soportar temperaturas máis baixas, especialmente onde a neve fai unha cuberta profunda sobre as raíces. Fóra de seu rango de temperatura natural a follaxe pode sufrir queimaduras polo vento xeado.
Europa
[editar | editar a fonte]As primeiras sementes para o cultivo foron levadas a Europa en 1853 polo escocés John D. Matthew, que reuniu unha cantidade pequena de sementes no Arboredo de Calaveras, levándoas consigo a Escocia en agosto de 1853 (Mitchell 1996). Un envío moito maior de sementes foi o que colectou (tamén no Arboredo de Calaveras) William Lobb, actuando como axente para o Viveiro de Veitch en Budlake cerca de Exeter, chegando a Inglaterra en decembro de 1853; as sementes desta serie distribuíronse extensamente a través de toda Europa.
O crecemento que presentan no Reino Unido é moi rápido, coas árbores máis grandes, en Benmore no suroeste de Escocia, alcanzando os 54 metros con 150 anos (Rexistro das árbores das illas Británicas), e varios outros exemplares con alturas entre 50 e 53 metros de alto; o máis robusto, con 3.55 metros de diámetro, está en Perthshire.
A media de crecemento nalgunhas zonas é considerable; un exemplar novo en Italia alcanzou os 22 metros de altura e 88 cm de diámetro de tronco en tan só 17 anos (Mitchell, 1972).
O seu desenvolvemento no nordeste de Europa está limitado polos fríos invernos. En Dinamarca, poden alcanzar os −32 °C, e a maior árbore tiña 35 metros de altura e de 1,7 diámetro en 1976. Unha en Polonia soporta temperaturas por debaixo de −37 °C cunha gran cuberta de neve.
En España xa dende mediados do século XIX plantáronse sequoias con intención puramente decorativa nos xardíns de diversas cidades e residencias privadas. Entre todas elas, as consideradas como máis lonxevas e de dimensións máis impresionantes son as que subsisten aínda nos xardíns do Pazo Real da Granxa de San Ildefonso, plantadas contra 1870; o maior dos exemplares conta xa cun perímetro de tronco (medido a 2 metros de altura) superior aos 14 metros, o que evidencia unha taxa de crecemento anual espectacular.
Son tamén salientables a situada dende aproximadamente 1880 no Mosteiro de Silos, a que crece dende o século XIX no patio das Escolas Maiores da Universidade de Salamanca, e, sobre todo, as que aínda subsisten en Pamplona situadas no patio do edificio do Instituto Navarro de Administración Pública, na pradería da Universidade de Navarra e nos xardíns do Palacio de Navarra; esta última alcanza actualmente máis de 37 metros de altura e tense constancia de ser plantada na súa actual localización en 1855 o que a converte nunha das sequoias máis antigas de Europa. As sequoias dos xardíns da Casa do Príncipe de San Lorenzo del Escorial, duns 60 metros de altura e de 1853, foron regalo da raíña Vitoria de Inglaterra.
Galiza
[editar | editar a fonte]En Galiza plántanse como ornamental en arboredos e pazos dende hai anos. Algúns exemplares de sequoias figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, coma por exemplo a sequoia xigante do Pazo do Casal, en Bergondo (A Coruña).
Estados Unidos e o Canadá
[editar | editar a fonte]As sequoias xigantes cultívanse satisfactoriamente no noroeste do Pacífico, dende o oeste de Oregón ao norte e suroeste da Columbia Británica, cunhas taxas de crecemento rápidas.
No nordés dos Estados Unidos de América o cultivo da especie tivo un éxito limitado, pois alí o crecemento é moito máis lento, e as árbores son propensas a enfermidades fúnxicas coma a Cercospora e a Kabatina debido ao clima quente e húmido do verán nesta zona. A árbore máis alta que se encontra no leste é unha que alcanza os 35 metros de altura nos xardíns de Blithewold, en Brístol, Rhode Island. Crecen tamén espécimes no Arnold Arboretum de Massachusetts, en Boston, onde hai unha sequoia plantada en 1972, con 18 metros de altura en 1998, e tamén en Delaware, Wilmington, e nos lagos Finger na rexión de Nova York.
Un cultivar 'Hazel Smith' seleccionado en 1960 está a resultar máis satisfactorio nos EUA do nordeste. Este clon foi o único sobrevivente de varios centos de plántulas cultivadas nun viveiro de Nova Jersey.
Australia e Nova Zelandia
[editar | editar a fonte]Os Xardíns Botánicos de Ballarat, en Australia, conteñen unha colección significativa con moitas sequoias de máis de 150 anos. Hai tamén interesantes espécimes en diversos xardíns privados e públicos de Nova Gales do Sur, Victoria ou Tasmania.
Pódense atopar varias mostras impresionantes de sequoia xigante na Illa Meridional de Nova Zelandia. Os máis destacados son un conxunto de árbores nun parque público de Picton, así como grandes espécimes nos parques públicos e botánicos de Queenstown[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Schmid, R. & Farjon, A. 2013. Sequoiadendron giganteum. En: IUCN 2013. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 13 de xullo de 2013. (en inglés)
- ↑ Nome vulgar galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; a través de Buscatermos da USC
- ↑ "Sphaydenphotography.com". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 08 de setembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sequoia xigante |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aune, P. S., ed. (1994). Proceedings of the Symposium on Giant Sequoias. US Dept. of Agriculture Forest Service (Pacific Southwest Research Station) General Technical Report PSW-GTR-151.
- Fry, W. & White, J.B. (1938). Big Trees. Stanford University Press.
- Mitchell, A. F. (1972). Conifers in the British Isles. Forestry Commission Booklet 33. HMSO.
- Mitchell, A. F. (1996). Alan Mitchell's Trees of Britain. HarperCollins ISBN 0-00-219972-6.
- Thomas, H. H., Shellhammer, H. S., & Stecker, R. E. (1980). Giant sequoia ecology. U.S. Department of the Interior, National Park Service, Scientific Monograph Series 12. Washington, D.C. 182 p.
- Kilgore, B. (1970). Restoring Fire to the Sequoias. National Parks and Conservation Magazine 44 (277): 16-22.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ARKive: Sequoiadendron giganteum
- Gymnosperm Database - Sequoiadendron giganteum
- Arboretum de Villardebelle - photos of cones & shoots with phenology notes
- Forest Service database entry on Sequoiadendron giganteum Arquivado 05 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- Giant Sequoia Fire History in Mariposa Grove, Yosemite National Park (.pdf file!) Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Save-the-Redwoods League
- Imaxes de sequoias xigantes en todo o mundo