Columba de Iona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «San Columba»)
San Columba de Iona
San Columba perante a porta do rei Bridei I
Biografía
Nacemento7 de novembro de 521 en Gartan, Irlanda
Pasamento9 de xuño de 597 (75 anos) en Iona, Escocia
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica
Igrexa ortodoxa
Comuñón Anglicana
Festividade9 de xuño
AtributosTúnica de monxe, tonsura céltica e báculo.
Patrón/a deDerry, inundacións, encadernadores, poetas, Irlanda e Escocia

Columba ou Comba, nado en Galtán no condado de Donegal (Irlanda)[1] o 7 de decembro de 521[2] e finado en Iona (Escocia) o 9 de xuño de 597[1], chamado tamén en ocasións de Columba de Iona ou, en irlandés antigo, Saint Colm Cille, Columkill ou Columcille (que significa «Pomba da igrexa»), foi unha destacada figura entre os monxes misioneiros gaélicos que reintroduciron o cristianismo en Escocia a comezos da Idade Media e un dos coñecidos como Doce Apóstolos de Irlanda.

É patrón dos asolagamentos, dos encadernadores, poetas, e de Irlanda e Escocia. A súa festa celébrase o 9 de xuño.

Nenez e mocidade en Irlanda[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Fedlimid e Eithne, do clan Uí Néill, nado en Gartan, preto de Lough Gartan, Donegal. Por liña paterna era descendente de Niall dos nove reféns, un rei irlandés do século V e a súa nai era descendente dun rei de Leinster.[2] Profesou coma freire e foi ordenado crego. Segundo a tradición, contra o 560 viuse envolto nunha disputa con San Finnian acerca dun salterio. Columba copiou o manuscrito no scriptorium seguindo ordes de san Finnian, quen arelaba quedar coa copia. A disputa foi a causa da batalla de Cúl Dreimhne, que tivo lugar en 561, e na que houbo numerosas baixas (a copia do salterio mencionada nesta historia identifícase tradicionalmente co Cathach de San Columba). Como penitencia por esas mortes, Columba decidiu marchar como misioneiro a Escocia para converter a tantas persoas coma homes morreran na batalla. Exiliouse de Irlanda, a onde só retornaría nunha ocasión, varios anos despois.

Escocia[editar | editar a fonte]

En 563 viaxou a Escocia con doce compañeiros. De acordo coa lenda, desembarcou na punta sur da península de Kintyre, preto de Southend. Porén, como aínda tiña á vista a súa terra natal, dirixiuse cara o norte, á costa oeste de Escocia. En 563, o rei de Dalriada, concedeulle terra na illa de Iona,onde fundou o mosteiro que se converteu no centro da súa misión evanxelizadora entre os pictos. Ademais das súas tarefas dirixindo o único foco de cultura letrada da rexión, adquiriu unha gran reputación como home santo grazas á súa actividade diplomática entre as tribos; disque tamén fixo milagres no seu afán de converter aos pictos.

Visitou o rei pagán Bridei I, rei de Fortriu, na súa base de Inverness, e conseguiu gañarse o seu respecto. Dende aquela xogou un importante papel na política do país. Foi moi enérxico na súa predicación do evanxeo e, ademais de fundar varias igrexas nas Hébridas, traballou para converter o seu mosteiro de Iona (a abadía de Iona) nunha escola para misioneiros. Foi un salientábel home de letras, ao que se lle atribúe a composición de varios himnos e a copia da súa propia man de máis de 300 libros. Unha das poucas veces, senón a única, que deixou Escocia trala súa chegada foi cara o final da súa vida, cando regresou a Irlanda para fundar o mosteiro de Durrow. Morreu en Iona e fica soterrado na abadía que el mesmo fundou.

Legado[editar | editar a fonte]

Columba é considerado un personaxe fundamental na revitalización do monaquismo. Os seus logros ilustran a importancia da igrexa celta na recuperación do cristianismo en Europa occidental trala caída do Imperio romano.[3]

Vita Columbae[editar | editar a fonte]

San Columba convertendo ao cristianismo ao rei Bridei I] e os pictos (pintura de William B. Hole,1899)

A principal fonte de información sobre a vida de Columba é a Vita Columbae, escrita por Adomnán,[4] noveno abade de Iona, que finou en 704. Tanto a Vita Columbae como Beda o Venerable refiren a visita de Columba a Bridei. Mentres que Adomnan só explica que Columba visitou a Bridei, Beda relata unha tradición máis tardía, quizais de orixe picta, segundo a que o santo chegou a converter ao rei dos pictos. Outra fonte temperá é un poema en loanza de Columba, probabelmente composto tamén no século VII, que ten 25 estrofas de catro versos de sete sílabas cada un.

O exemplo máis antigo rexistrado do nome Artur nun documento británico atópase na Vita Columbae escrita por Adomnan, onde aparece coma Arturius. Refírese a un príncipe escocés, fillo de Áedán mac Gabráin, rei de Dál Riata desde 574, bastante lonxe do lugar no que adoita situarse o lendario Rei Artur, no suroeste da Gran Bretaña.

A Vita Columbae adoita aducirse así mesmo como a primeira referencia coñecida do monstro do lago Ness. Segundo Adomnan, Columba atopou un grupo de pictos que estaban a soterrar un home que matara o mostro, e salvou a un nadador facendo o signo da Cruz e coa imprecación «Non has ir máis lonxe», que aterrorizou á besta, para abraio dos pictos reunidos, que glorificaron o Deus de Columba. Independentemente da veracidade que queira concederse a este incidente, o texto de Adomnan afirma especificamente que o monstro moraba no río Ness (que desemboca no lago), máis que no lago propiamente dito.

Grazas á reputación do seu fundador, e á súa importancia como centro de ensino, Iona converteuse nun lugar de peregrinación. Unha rede de cruces célticas marca a ruta que conduce ao seu sepulcro en Iona.

San Columba foi, como Santiago, historicamente reverenciado como santo guerreiro, e a miúdo era invocado para pedir a vitoria na batalla. En 849, as súas reliquias dividíronse entre os reinos de Alba e Irlanda. Os exércitos escoceses levaban ante si algunhas delas, nun relicario confeccionado en Iona a mediados do século VIII, chamado o Brecbennoch. Segundo a lenda, o Brecbennoch foi levado a Bannockburn por un exército escocés moito menor en número ca os seus inimigos, e a intercesión do santo axudou á vitoria. Adoita identificarse este obxecto co Relicario Monymusk. «O Columba spes Scotorum...» («O Columba, esperanza dos escoceses»), comeza unha pregaria do século XIII no Antifonario de Inchcolm, coñecido como a «Iona do leste».

A festividade de San Columba celébrase o 9 de xuño[1]. Xunto con San Patricio (17 de marzo) e Santa Bríxida (1 de febreiro), é un dos tres santos patróns de Irlanda. Antes da batalla de Athelstaneford, era o único patrón de Escocia. Igualmente é venerado como santo pola Igrexa ortodoxa.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 VV.AA. (1986). entrada Columba. Tomo 5. Planeta. p. 2393. ISBN 84-320-7370-9. 
  2. 2,0 2,1 Walters, Kathie (2003). Celtic Flames (en inglés). Macon (Georgia): Good News Ministries. p. 30. ISBN 1-888081-55-4. 
  3. "[h]is achievements illustrated the importance of the Celtic church in bringing a revival of Christianity to Western Europe after the fall of the Roman Empire" Dowley, Tim; et al., eds. (1977). Eerdman's Handbook to the History of Christianity (en inglés). Grand Rapids, Michigan: Wm. B. Eerdmans Publishing Co. ISBN 0-8028-3450-7. 
  4. Grimley, Anthony; Wooding, Jonathan M. (2010). Living the Hours: Monastic Spirituality in Everyday Life (en inglés). Norwich: Canterbury Press. p. 27. ISBN 978-1-85311-971-2. 
  5. Orthodox wikipage for Saint Columba, https://web.archive.org/web/20150905085335/http://orthodoxwiki.org/Columba_of_Iona, accessed 25th December 2006

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adomnan of Iona, Life of St Columba (tr. & ed. Richard Sharpe) (Penguin, 1995) ISBN 0-14-044462-9 [1]
  • Dauvid Broun & Thomas Owen Clancy (eds.) Spes Scotorum: Hope of Scots. Saint Columba, Iona and Scotland (T & T Clark, 1999) ISBN 0-567-08682-8
  • Cambridge Biographical Dictionary. Cambridge, England: Cambridge University Press, 1990.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]