Saltar ao contido

Rusificación de Finlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Ataque (1899), de Edvard Isto, simboliza o comezo da rusificación de Finlandia. A aguia bicéfala de Rusia arrebata a lei dos brazos da dama de Finlandia.

A rusificación de Finlandia (en finés: sortokaudet/sortovuodet traducible como tempos/anos de opresión) foi unha política do Imperio ruso que pretendía limitar o status especial do Gran Ducado de Finlandia e posiblemente acabar coa súa autonomía política e cultural entre 1899–1905 e 1908–1917, pretendendo integrala plenamente no ámbito político, militar e cultural do Imperio ruso. Formou parte dunha política maior de rusificación levada a cabo a finais do século XIX e comezos do XX polos gobernos rusos que pretendían abolir a autonomía cultural e administrativa das minorías non-rusas dentro do imperio.

As dúas campañas de rusificación tiveron unha ampla resistencia en Finlandia, comezando polas peticións e seguindo con folgas, resistencia pasiva (incluíndo resistencia ao recrutamento) e tamén eventualmente actuacións de resistencia activa. A oposición finlandesa á rusificación foi un dos principais factores que levaron á declaración de independencia de 1917.

Anexión de Finlandia á Rusia imperial

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Guerra finlandesa.
A inauguración da Dieta de Porvoo por Alexandre I en 1809.

O Imperio Ruso atacou o Imperio Sueco en 1808, na que posteriormente se coñeceu como "guerra finlandesa". O 17 de setembro de 1809 Finlandia pasou a formar parte do Imperio ruso mediante o tratado de Hamina, polo cal Suecia renunciaba a este territorio. Ese mesmo ano, a Dieta de Finlandia recoñeceu ao tsar Alexandre I de Rusia como gran duque de Finlandia. Pola súa banda, Alexandre confirmou os dereitos dos finlandeses, en particular, prometendo a liberdade manter os seus costumes e relixión, así como manter a súa identidade:[1][2][3]

"A Providencia colocounos en posesión do Gran Ducado de Finlanda, desexamos polo presente acto confirmar e ratificar a relixión e as leis fundamentais da terra, así como os privilexios e dereitos que cada clase no devandito Gran Ducado en particular, e todos os habitantes en xeral, sexa a súa posición alta ou baixa, desfrutaron ata agora segundo a constitución. Prometemos manter todos eses beneficios e leis firmes e impertérritas na súa forza"[4]

Reinado de Nicolao I

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Nicolao I de Rusia.

Cando morreu Alexandre I, o seu irmán Nicolao sucedeuno no trono. O novo gran duque de Finlandia confirmou o status constitucional especial do Gran Ducado como país independente, aínda que vinculado ao Imperio ruso, baixo o seu mando.[5][6]

Durante moitos anos, Rusia permitiu que os diferentes pobos que se unían ao seu imperio controlaran os seus propios asuntos locais. Esta política supuxo que as diferentes áreas conquistadas durante este tempo, como os países bálticos, Polonia e especialmente Finlandia, mantiveran unha ampla autonomía durante varios anos.[7]

Durante os reinados de Alexandre I e Nicolao I, a política rusa apenas afectou ao Gran Ducado de Finlandia. Foi durante o reinado de Alexandre II cando o nacionalismo ruso comezou a tratar de destruír o status especial de Finlandia como estado independente.[8]

Reinado de Alexandre II

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Alexandre II de Rusia.
Alexandre II de Rusia en 1880.

Tras a morte de Nicolao I en 1855, Alexandre II subiu ao trono de Rusia e converteuse no novo gran duque de Finlandia. O novo tsar respectou o status especial e a autonomía de Finlandia.

A rebelión polaca, que comezou o 22 de xaneiro de 1863 supuxo o final das principais reformas sociais en Rusia. Porén, permitiuse que reformas iniciadas en Finlandia en 1856 e 1863 continuaran vixentes sempre que se abandonasen os intentos de separatismo. O primeiro intento de asasinar ao emperador tivo lugar ne 1866.[9]

Asasinato do tsar

[editar | editar a fonte]

As relacións entre Finlandia e Rusia empeoraron lentamente desde a década de 1880. O motivo debeuse á intensificación da vella tendencia nacionalista na política rusa.[10] A razón máis evidente para a adopción desta nova política foi o asasinato do tsar en 1881,[11][12] pero tamén estivo relacionada co aumento do imperialismo paneuropeo, que viu que as nacionalidades minoritarias debían fusionarse coa maioría para asegurar a unidade do reino.[13]

Os nacionalistas rusos tomaron como exemplo a política alemá nos territorios polacos.[14] O novo emperador, Alexandre III deixouse guiar polos vellos nacionalistas e aceptou amplamente as súas accións.[15][16][17][18]

Entre os paneslavistas rusos xa houbo intencións claras de nacionalizar Finlandia durante a guerra de Serbia de 1876-1877. O coronel finlandés Evert Gustav Waldemar Becker, que loitara en Turquía e nos Balcáns, xa estaba familiarizado cos plans paneslavistas rusos para Finlandia, que so esperaban o momento adecuado para poder poñerse en marcha.[19] En 1880, Becker escribiu na revista francesa Le Contemporain un artigo titulado Finlandia independente e imparcial, no que definiu a posición do Gran Ducado de Finlandia dentro do Imperio ruso, recoñecendo a importancia finlandesa para Rusia como forma de evitar ataques sobre San Petersburgo. Becker tamén escribiu sobre as futuras medidas represivas 20 anos antes de que estas comezaran, detallando as medidas de nacionalización que se implantarían posteriormente. Tamén escribiu sobre a resistencia armada, a retirada de Finlandia de Rusia e a independencia do país. Tanto en Finlandia como en Rusia, os seus escritos foron recibidos con desaprobación e con temor de que puxeran en perigo as boas relacións entre ambos países.[20]

Reinado de Alexandre III

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Alexandre III de Rusia.
Alexandre III xunto a súa muller María Feodorovna nunha visita a Dinamarca en 1893.

Aínda que Alexandre III confirmou o status autónomo de Finlandia, as primeiras medidas de rusificación tiveron lugar durante o seu reinado, cando o servizo de correos de Finlandia quedou subordinado ao de Rusia.[21] Durante o seu reinado, Rusia deixou de lado as políticas liberais que introducira Alexandre II, adoptando unha serie de políticas máis conservadoras e nacionalistas.[22]

Primeiros ataques ao status especial de Finlandia

[editar | editar a fonte]

Desde 1883, moitos xornais rusos comezaron a criticar a posición especial de Finlandia dentro do Imperio. O conflito entre Rusia e o Reino Unido polo control de Afganistán en 1885, despertou o temor da mariña finlandesa de ser mobilizada para as operacións militares, como xa sucedera durante a guerra de Crimea,[23][24][25] cando os finlandeses foron enviados á protexer ás tropas rusas. Os médicos finlandeses se ofreceron a atender aos feridos e enfermos rusos de balde.[26]

Antes da década de 1880, o status especial de Finlandia apenas se discutía na prensa rusa, pero xa durante a rebelión polaca, a revista rusa Moskovskie Vedomosti chamara a atención sobre os escritos "separatistas" en Finlandia publicados polo xornal liberal Helsingfors Dagblad.[27][28][29][30] O 15 de abril de 1863, o redactor xefe do Helsingfors Dagblad, o liberal Anders Herman Chydenius presentara a idea de declarar a neutralidade de Finlandia.[28][31] Detrás deste pensamento estaba a preocupación de que os suecos finlandeses terían que loitar conta os finlandeses, mentres que a neutralidade de Finlandia evitaría a loita "fraticida".[29][27][32] Aparentemente, sobre esta publicación do Helsingfors Dagblad, o xornal británico Daily News publicou unha historia na que afirmaban que os políticos finlandeses suxeriran que Finlandia e Rusia eran dous estados diferentes e que esperaban que Finlandia se volvera neutral cando comezara a guerra.[29][27][33][34] O fennómano J. Snellman tomou posición no debate sobre a neutralidade cando publicou na súa revista Litteraturbladet o artigo "Guerra ou paz" a comezos de xullo de 1863. O seu punto de partida foi a lealdade dos fennómanos ao emperador, condenando a especulación e as aspiracións pouco realistas de que Finlandia declarara a súa neutralidade. O artigo foi unha clara resposta á imparcialidade dos liberais.[35]

En 1869 o paneslavista ruso e biólogo Nikolai Danilevski afirmou no seu libro Россия и Европа (transliterado Rossiia i Evropa, en galego: Rusia e Europa) que os finlandeses pertencían a unha raza improdutiva cuxa misión histórica era fusionarse coa creativa civilización rusa.[36]

Os nacionalistas rusos trataron de inculcar nos seus xornais a idea de que Finlandia non era un estado, senón unha provincia rusa, e que a declaración feita por Alexandre I na Dieta de Porvoon foi simplemente unha declaración retórica adaptada ás circunstancias do momento.[37][38] Despois destas declaracións, as revistas rusas atacados con vehemencia a Finlandia, e a furia dos conservadores aumentou aínda máis tras inauguración en 1885 do monumento á batalla de Koljonvirta.[39]

Xendarmería imperial

[editar | editar a fonte]

En 1889 levouse a Finlandia á xendarmería imperial rusa para realizar tarefas de espionaxe e denuncia de irregularidades.[40] A xendarmería formaba parte do exército imperial e non estaba suxeita a lei finlandesa. En 1903 os xendarmes recibiron un novo estatuto, tras o cal participaron en moitos actos que quebrantaban a paz social en Finlandia, incluíndo o control de pasaportes. Entre 1904 e 1905 os parlamentarios das illas Åland víronse acosados no porto de Turku polos xendarmes cando lles requiriron os seus pasaportes. Este incidente causou un gran malestar en todo o país. A burguesía, que se vira afectada por esta violación dos seus dereitos, suxeriu que se debían tomar medidas para evitar que isto volvera a suceder no futuro. Como resultado, promulgáronse novas leis que exixían ao gobernador abolir os estatutos da xendarmería de 1903 e outras normas similares de xeito que "os xendarmes xa non se utilizarían nas accións concernentes aos cidadáns finlandeses ou que doutra forma estiveran baixo o mandato do goberno do país".[41]

Manifesto de Correos

[editar | editar a fonte]

Outra das primeiras medidas represivas que se levaron a cabo baixo a dirección do Gobernador Xeral de Finlandia foi un proxecto para a harmonización da Oficina de Aduanas, Monetaria e Correos de Finlandia por parte de tres comités ruso-finlandeses con institucións rusas similares.[42][43][44][45][46] O 12 de xuño de 1890 o tsar Alexandre III de Rusia emitiu a orde imperial coñecida como o Manifesto de Correos, mediante a cal o servizo de correos de Finlandia se fusionaba co servizo de correos ruso.

Manifesto sobre o novo Código Penal

[editar | editar a fonte]

O Senado finlandés confirmara en 1889 a aprobación dun novo Código Penal que debía entrar en vigor a comezos de 1891. Os rusos consideraron que había varios artigos que ofendían os seus intereses, o que provocou que en decembro de 1890 o emperador emitira un manifesto no que se pospoñía a súa entrada en vigor.[47] O resultado desta decisión foi que as sentenzas ditadas atendendo ao antigo e o novo Código.[48] O emperador acabou por confirmar a entrada en vigor do novo Código Penal en 1894,[49] despois de que Finlandia adoptara varias emendas ás disposicións do Código, que, en particular, harmonizaron as disposicións sobre delitos estatais e de propiedade pública coas vixentes en Rusia.[50][51][52]

Abolición do Comité de Asuntos Finlandeses

[editar | editar a fonte]

O 13 de maio de 1891 aboliuse o Comité de Asuntos Finlandeses, que actuaba como enlace entre o Senado e o Ministerio de Estado en representación do goberno de San Petersburgo.[53] Suxeriuse ao Senado que os funcionarios rusos ou finlandeses que tiveran dominio completo da lingua rusa, foran nomeados para a Oficina do Secretario de Estado e a do Gobernador Xeral. Dispúxose ademais que a lingua rusa fora de ensinanza obrigatoria nas escolas e que os funcionarios melloraran as súas habilidades nesta lingua.[54]

Reinado de Nicolao II

[editar | editar a fonte]
O tsar Nicolao II de Rusia en 1898.
Véxase tamén: Nicolao II de Rusia.

A pesar dalgunha intromisión no goberno autónomo do Gran Ducado, nun primeiro momento a promesa de respectar os dereitos do país mantívose. De feito, Alexandre II ampliou os poderes da Dieta en 1869. Tras herdar o trono de Rusia, Nicolao II confirmou o día 25 de outubroxul./ 6 de novembro de 1894greg. a constitución finlandesa.[55][56] Porén, foi durante o seu reinado cando o status especial e a autonomía de Finlandia se converteron en obxecto de moitas medidas represivas.

En Rusia, os máis retrógrados, inspirados polo procurador do Santo Sínodo, Konstantin Pobedonostsev e o xeneral Aleksei Kuropatkin, espertaron o entusiasmo nacional pola posición especial de Finlandia.

Nun discurso, Kuropatkin, quen era o máis decidido e entusiasta contra a posición especial e a autonomía de Finlandia, declarou:[57]

Despois de conquistar moi pouco a Finlandia no século XIX, diriximos a nosa atención aos asuntos internos desta provincia rusa, e percibimos unha comunidade hostil e de aspiracións separatistas na capital. Para a xente obstinada, o século XX, terá a tarefa de unir a Finlandia á nación rusa.

Primeiro período de rusificación (1899–1905)

[editar | editar a fonte]
O gobernador xeral de Finlandia, Nikolai Bobrikov.

A situación cambiou especialmente a partir de 1898, cando o tsar Nicolao II nomeou o xeneral ruso Nikolai Bobrikov gobernador xeral de Finlandia. O 15 de febreiro de 1899 Nicolao II publicou o coñecido como Manifesto de Febreiro, que causou a desesperación dos finlandeses,[4][58] que levaban case un século desfrutando da prosperidade e control sobre os seus asuntos locais e permaneceran como súbditos fieis.[4] O manifesto aprobouse a través do Senado grazas ao voto decisivo do seu presidente, quen fora nomeado polo tsar, e despois de Nikolai Bobrikov ameazara cunha invasión militar.[4] A pesar de afirmar aparentemente os dereitos dos finlandeses nos asuntos puramente locais, o manifesto afirmou a autoridade do estado en calquera materia que puidera considerarse dentro "do alcance da lexislación xeral do imperio".[4]

Como resposta ao manifesto, 523 000 persoas asinaron unha petición que foi enviada ao tsar Nicolao II por unha delegación de 500 persoas. Outra petición chamada Pro Finlandia, que contiña os nomes de 1 050 estranxeiros prominentes tamén foi remitida ao emperador nos meses seguintes.[59]

Algunhas das políticas de Rusificación que se promulgaron incluían:

  • O xa mencionado Manifesto de Febreiro de 1899, o decreto do emperador Nicolao II polo cal afirmaba o dereito do goberno imperial de gobernar sobre Finlandia sen o consentimento cos corpos lexislativos locais, baixo o cal:[4]
    • o status da Igrexa ortodoxa rusa viuse fortalecido; incluíndo, por exemplo, o delito de someter a un fiel da igrexa ortodoxa a un servizo relixioso luterano;
    • a prensa quedou sometida a un maior sometemento á censura rusa;
    • o exército de Finlandia quedou baixo as normas do servizo militar ruso.
  • O Manifesto da Lingua de 1900, foi un decreto do tsar polo que a lingua rusa pasaba a ser a lingua da administración en Finlandia,[a] o que foi percibido pola poboación local como a colocación da minoría rusa ao cargo do país. Tamén se impuxo á utilización da lingua rusa nas escolas.
  • A lei de recrutamento, asinada por Nicolao II en xullo de 1901, pola que se incorporaba o exército de Finlandia ao exército imperial ruso, forzando aos finlandeses a servir nas unidades rusas. Na primeira leva, en 1902, tan só se presentaron o 42 % dos chamados a filas. En 1905 aboliuse o recrutamento obrigatorio posto que os finlandeses foron considerados como pouco fiables desde un punto de vista militar.
  • Os selos finlandeses foron eliminados. Desde xaneiro de 1901 tan só se permitiron os selos rusos.
  • Algunhas oficinas gobernamentais de Finlandia, como o Consello de Ferrocarrís e Fachos recibiron novo persoal ruso.

Desde abril de 1903 ata a revolución rusa de 1905, o gobernador xeral tivo poderes ditatoriais. Bobrikov utilizou este poderes para pechar varios xornais e deportar a varios líderes políticos. En xuño de 1904, Eugen Schauman asasinou a Bobrikov. O goberno imperial respondeu cunha purga aos contrarios á rusificación na administración finlandesa e unha censura máis restritiva. Porén, a campaña de resistencia pasiva logrou algúns éxitos, como a reversión de facto da lei de recrutamento.

A campaña de rusificación suspendeuse e reverteu parcialmente entre 1905 e 1907, durante o período de revoltas civís que se viviu no Imperio ruso tras as derrotas na guerra ruso-xaponesa.

Segundo período de rusificación (1908-1917)

[editar | editar a fonte]

O programa de rusificación reintroduciuse en 1908, reducindo gran parte da autonomía do Gran Ducado e provocando de novo a resistencia da poboación local, incluído o movemento Jäger. Entre 1909 e 1917 os políticos finlandeses no Senado de Finlandia foron substituídos por oficiais do exército ruso nados en Finlandia, que eran formalmente súbditos do Gran Ducado, creando o coñecido como senado dos almirantes ou senado dos sabres.[60] Rusia exixiu maiores taxas para non recrutar aos finlandeses. En 1910 a "Lei de procedementos lexislativos de todo o Imperio" eliminou gran parte da lexislación local do recentemente creado parlamento finlandés fronte á Duma e Consello de Estado rusos. En 1912 aprobouse a Lei de igualdade que abría as portas de todas as oficinas gobernamentais e civís de Finlandia aos cidadáns rusos.

Gran programa de rusificación de 1914

[editar | editar a fonte]

O coñecido como Gran programa de rusificación foi preparado polo Comité Especial de Consulta sobre os Asuntos de Finlandia e foi aprobado por Nicolao II de Rusia en setembro de 1914. Na súa primeira parte prevíase o fortalecemento do goberno ruso no Gran Ducado e a aplicación da lei rusa. Na súa segunda parte, pretendía lograr a converxencia estatal e económica. Os numerosos detalles do programa de 1914 deixaron claro que o obxectivo era acabar coa independencia de Finlandia e convertela nunha provincia rusa. A prensa finlandesa publicou o programa o 17 de novembro de 1914, aínda que por mor da primeira guerra mundial non se chegou a poñer en marcha.[61][62][63][64][65][66][67]

Esta medida fortaleceu a resistencia activa e contribuíu á creación do movemento Jäger o 27 de outubro de 1914. Tan só os distritos centrais simpatizaban co goberno imperial.[68]

Rusificación das oficinas e axencias gobernamentais

[editar | editar a fonte]

Coa declaración do estado de guerra en 1914, as autoridades rusas tiveron novas oportunidades para impoñer restricións sobre a poboación. Limitouse a liberdade de reunión, impúxose unha censura máis forte sobre a prensa, os cidadáns finlandeses foron encarcerados e condenados baixo as leis rusas. Impuxéronse novos impostos. A ensinanza da lingua rusa levouse ás clases da escola superior e a historia rusa ensinábase en ruso. Creáronse tamén tribunais rusos en Finlandia e se aboliron os dereitos civís.[69]

Temendo revoltas por mor da represión, Rusia transferiu varios destacamentos militares a Finlandia en lugar de envialos á fronteira alemá. O Gran Ducado de Finlandia tiña un máximo de 100 000 soldados terrestres e mariñeiros.[70][71]

Orde para mellorar a posición do ruso en Finlandia

[editar | editar a fonte]

O 26 de outubro de 1916 o tsar Nicolao II de Rusia ordenou ao Senado e ao gobernador xeral, facer unha investigación sobre as habilidades da poboación co ruso e aumentar e fomentar a súa ensinanza mediante a distribución de bolsas, premios e aumentos salariais.[72]

Independencia e guerra civil

[editar | editar a fonte]

En 1917, tras a revolución rusa, produciuse a independencia de Finlandia que sería recoñecida polo novo goberno bolxevique no Tratado de Brest-Litovsk.[73] Tras a proclamación da independencia viviuse unha cruenta guerra civil entre as forzas socialdemócratas, comunmente coñecidas como «vermellos» (punaiset) e as forzas do Senado, controladas polos conservadores ou «brancos». No conflito pereceron arredor de 37.000 persoas e arredor de 20.000 nenos quedaron orfos.[74][75][76][77][78]

  1. En 1900, estímase que había 8 000 rusos en toda Finlandia, fronte a unha poboación de 2 700 000 habitantes.
  1. Klinge 1997, p. 17.
  2. Cederberg 1943, p. 9.
  3. Puntila 1963, p. 24.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Johnson, A.; Bickford, C., Hudson, W., Dole, N. Cyclopedic Review of Current History. Volume 9. Garretson, Cox & Co. 1899 páxina 198 e seguintes.
  5. Korhonen 1964, p. 131.
  6. Klinge 1997, pp. 76–77.
  7. Olsoni 1923, pp. 81-82.
  8. Klinge 1997, p. 77.
  9. Klinge 1997, pp. 211, 243.
  10. Klinge 1997, pp. 274.
  11. Cederberg 1943, p. 30.
  12. Platonov 1933, p. 454.
  13. Tommila 1960, p. 21.
  14. Homén 1906, p. 131.
  15. Pentti 2001, pp. 576-578.
  16. Cowles 1972, p. 219.
  17. Hedenström 1922, pp. 94-95.
  18. Paasikivi 1957, p. 15.
  19. Becker 1968, pp. 120-121.
  20. Becker 1968, pp. 153-158.
  21. Hornborg 1965, p. 224.
  22. Platonov 1933, p. 458.
  23. Cowles 1972, pp. 198-200.
  24. Hedenström 1922, pp. 138-140.
  25. Puntila 1963, p. 63.
  26. Pohjolan-Pirhonen 1984, pp. 210-211.
  27. 27,0 27,1 27,2 Juva 1935, pp. 50, 54.
  28. 28,0 28,1 Polvinen 1984, p. 44.
  29. 29,0 29,1 29,2 Sinkko 1976, p. 22.
  30. Torvinen 1965, p. 25.
  31. Paasivirta 1978, pp. 227-228.
  32. Klinge 1997, p. 210.
  33. Pohjolan-Pirhonen 1984, pp. 172-173.
  34. Torvinen 1965, p. 28.
  35. Paasivirta 1978, pp. 230-231.
  36. Pohjolan-Pirhonen 1984, pp. 211.
  37. Tommila 1960, p. 17.
  38. Torvinen 1965, p. 19.
  39. Virrankoski 2001, pp. 576-578.
  40. Juva 1935, p. 45.
  41. Juva 1957, pp. 291-292.
  42. Parmanen 1936, p. 64.
  43. Virkkunen 1906, p. 1.
  44. Tommila 1960, pp. 27, 191.
  45. Juva 1935, pp. 514-517.
  46. Puntila 1963, pp. 63-64.
  47. "Graciosa Declaración da da Súa Maxestade Imperial de aprazamento da entrada en vigor do Código Penal do Gran Ducado de Finlandia, de 19 de decembro de 1889, e a presentación dunha xentil presentación á Lei Constitucional finlandesa no próximo parlamento sobre o cambio ao novo estatuto." (en finés). Emitido o 1 de decembroxul./ 13 de decembro de 1890greg.. Consultado o 1 de xaneiro de 2019. 
  48. Juva 1935, pp. 520-521.
  49. "Graciosa Declaración da Súa Maxestade Imperial pola cal o Código Penal do Gran Ducado de Finlandia, 19 de decembro de 1889, e os regulamentos correspondentes do mesmo día entrarán en vigor." (en finés). Emitido o 2 de abrilxul./ 14 de abril de 1894greg.. Consultado o 1 de xaneiro de 2019. 
  50. Juva 1957, pp. 89-92.
  51. Hornborg 1965, pp. 233-234.
  52. "Gracioso Decreto da Súa Maxestade Imperial sobre as modificacións especiais no Código Penal do Gran Ducado de Finlandia do 19 de decembro de 1889" (en finés). Emitido o 11 de abrilxul./ 23 de abril de 1894greg.. Consultado o 1 de xaneiro de 2019. 
  53. Cederberg 1943, p. 36.
  54. Juva 1935, pp. 527-528.
  55. Hedenström 1922, pp. 101, 175.
  56. Juva 1957, p. 125.
  57. Paasikivi 1957, pp. 30-31.
  58. "1899. The Collection of Decrees of the Grand Duchy of Finland. No 3.". Consultado o 2017-12-09. 
  59. "Pro Finlandia.". Consultado o 23 de decembro de 2018. 
  60. Markku Tyynilä. "Historiaa: Amiraalisenaatin oikeusosasto". Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. Consultado o 8 de decembro de 2017. 
  61. Juva 1935, pp. 557, 561.
  62. Donner 1935, pp. 62-63.
  63. Hedenström 1922, p. 176.
  64. Korhonen 1964, pp. 420-421.
  65. Puntila 1963, pp. 87, 96.
  66. Jussila, Hentilä & Nevakivi 1995, p. 84.
  67. Ahvenainen, Pihkala & Rasila 1982, p. 131.
  68. Juva 1935, pp. 96-97.
  69. Wuorinen 1935, pp. 195–196.
  70. Hedenström 1922, p. 177.
  71. Jussila, Hentilä & Nevakivi 1995, p. 102.
  72. Paasikivi 1957, p. 186.
  73. End of an Era. Arquivado 26 de agosto de 2013 en Wayback Machine. Revista TIME. Consultado o 26/01/2008~.
  74. Upton 1981, p. 447–481.
  75. Haapala 1995, pp. 9–13, 212–217.
  76. Peltonen 2003, pp. 9–24, 214–220.
  77. Tikka 2004, pp. 452–460.
  78. "War victims in Finland 1914–1920" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2017. Consultado o 23 de decembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ahvenainen, Jorma; Pihkala, Erkki; Rasila, Viljo (1982). Suomen taloushistoria 2 (en finés). Tammi: Teollistuva Suomi. ISBN 951-30-5088-2. 
  • Becker, Erik (1968). Becker-Bei suomalainen sotilas ja poliitikko (en finés). Hämeenlinna: Karisto. 
  • Cederberg, A. R. (1943). Suomen uusinta historiaa 1898-1942 (en finés). Porvoo: WSOY. 
  • Cowles, Virginia (1972). Romanovit (en finés). UKK. ISBN 951-638-007-7. 
  • Donner, Anders (1935). Suomi: maa kansa valtakunta (en finés). Otava: Kustannusosakeytio Otava. ASIN B00FJD5FI0. 
  • Haapala, Pertti (1995). Kun yhteiskunta hajosi, Suomi 1914–1920 (en finés). ISBN 951-37-1532-9. 
  • Hedenström, Alfred von (1922). Venäjän historia 1878–1918 (en finés). Otava. 
  • Homén, Th. (1906). Passiivinen vastarintamme: Politillisia kirjoituksia 1899–1904 (en finés). Otava. 
  • Hornborg, Eirik (1965). Suomen historia (en finés). Helsinqui: WSOY. 
  • Jussila, Osmo; Hentilä, Seppo; Nevakivi, Jukka (1995). Suomen poliittinen historia 1809-1995 (en finés). Wsoy. ISBN 951-0-20769-1. 
  • Juva, Einar W. (1935). Suomen kansan aikakirjat 8 (en finés). Otava. 
  • Juva, Einar W. (1957). P. E. Svinhufvud 1 1861-1917 (en finés). Helsinqui: WSOY. 
  • Klinge, Matti (1997). Schildts, Miktor, ed. Keisarin Suomi (en finés). ISBN 951-50-0682-1. 
  • Korhonen, Arvi (1964). Suomen historian käsikirja (en finés) 2. 
  • Olsoni, Emerik (1923). Venäjä ennen ja nyt (en finés). Wsoy. 
  • Paasikivi, Juho Kusti (1957). Paasikiven muistelmia sortovuosilta 2. Wsoy. 
  • Paasivirta, Juhani (1978). Suomi ja Eurooppa: Autonomiakausi ja kansainväliset kriisit (1808-1914) (en finés). Helsinqui: Kirjayhtymä. ISBN 951-26-1548-7. 
  • Parmanen, Eino I. (1936). Taistelujen kirja I-II (en finés). Wsoy. 
  • Peltonen, Ulla-Maija (2003). Muistin paikat. Vuoden 1918 sisällissodan muistamisesta ja unohtamisesta (en finés). ISBN 951-746-468-1. 
  • Platonov, S. F. (1933). Venäjän historia (en finés). Otava. 
  • Pohjolan-Pirhonen, Helge yms. (1984). Kansakunnan historia. 2, Autonomian aika. Porvoo: Wsoy. ISBN 951-0-12234-3. 
  • Polvinen, Tuomo (1984). Valtakunta ja rajamaa. N. I. Bobrikov Suomen kenraalikuvernöörinä 1898–1904 (en finés). Wsoy. ISBN 951-0-12660-8. 
  • Puntila, L. A. (1963). Suomen poliittinen historia 1809-1955 (en finés). Otava: Keuruu. 
  • Sinkko, Erkki (1976). Venäläis-Suomalainen lehdistöpolemiikki 1890-1894 (en finés). Tampereen yliopisto. ISBN 951-44-0467-X. 
  • Tikka, Marko (2004). Kenttäoikeudet. Välittömät ratkaisutoimet Suomen sisällissodassa 1918 (en finés). ISBN 951-746-651-X. 
  • Tommila, Päiviö (1960). Venäläinen sortokausi Suomessa (en finés). Wsoy. 
  • Torvinen, Taimi (1965). J.R. Danielson-Kalmari Suomen autonomian puolustajana (en finés). Wsoy. 
  • Upton, Anthony F. (1981). Vallankumous Suomessa 1917–1918 (en finés). ISBN 951-26-1828-1. 
  • Virrankoski, Pentti (2001). Suomen historia 1–2 (en finés). Helsinqui: Suomalaisen Kirjallisuuden Seura. 
  • Virkkunen, Artturi Heikki (1906). Laillisiin oloihin! Muistoja kuluneilta routa-vuosilta (en finés). Suomalaisen puolueen kanslia. 
  • Wuorinen, John H. (1935). Suomalaisuuden historia (en finés). Kustantaja. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]