Serie 334 de Renfe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A locomotora 334.018 cun Talgo na Estación de Santiago, antes da electrificación.

A serie 334 de Renfe (Euro 3000 segundo o modelo do fabricante) é unha serie de locomotoras diésel-eléctricas preparada para o transporte de pasaxeiros a 200 km/h por vías convencionais sen electrificación, sendo estas características necesarias para o parque de Renfe Operadora, xa que as únicas locomotoras diésel con capacidade para circular a 200 km/h ata a adxudicación das 28 unidades desta serie, as serie 354, sufriran unha serie de infortunios.

Ademais, unido ás baixas, en 2004 Renfe Operadora comezou a ofrecer un servizo Altaria (Renfe) entre Madrid e a Rexión de Murcia, que tivo un grande éxito aumentando a necesidade destas locomotoras.

A locomotora 334.014 cun Talgo cara Cáceres.

Fabricadas pola factoría valenciana de Vossloh, esta serie é moi similar ás unidades reformadas da serie 333 (subseries 300 e 400). Aproveita elementos da serie 319 como a calefacción, alternador e xerador principal, e os equipos Tren Tierra e ASFA de varias locomotoras da serie 333 que foron dadas de baixa. Os carretóns son de largo ibérico (1668 mm) pero os bastidores están preparados para o cambio de carretóns de largo UIC (1435 mm). Soportan unha aceleración lateral en curva de 1 m/s².