Ramón Carrete-de Losada Pardo
Retrato de Ramon Carrete-de Losada Pardo publicado no diario "El Pensamiento Gallego" o 10 de marzo de 1896 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | abril de 1804 Santiago de Compostela, España |
Morte | 7 de abril de 1876 (71/72 anos) Saintes, Francia |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | militar, militar carlista |
Carreira militar | |
Rango militar | xeneral de brigada |
Conflito | primeira guerra carlista Terceira Guerra Carlista |
Ramón Carrete-de Losada Pardo[1], nado en Santiago de Compostela en 1804[2] e finado en Saintes (Charente Marítimo, Francia) o 7 de abril de 1876[2], foi un militar carlista galego que participou en moitas das accións e expedicións máis importantes da primeira guerra carlista e acadou o cargo de Comandante Xeneral de Galicia durante a terceira guerra carlista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do oficial da Armada Española, que participou na batalla de Trafalgar, e propietario Juan Antonio Carrete-Losada Sotomayor (nado en A Porta, Sobrado) e de Teresa Pardo Osorio (nada en Vilalba), tivo polo menos tres irmáns: Joaquín, Javiera, que casou con Manuel García-Barros Reguero, e Rita María del Carmen Carrete-de Losada Pardo (nada en Santiago en 1811), casada co catedrático da Universidade de Santiago Pablo Zamora Marcos. Ramón Carrete naceu en Santiago e foi bautizado o 18 de abril na igrexa de San Bieito do Campo, na mesma cidade[3].
Estudou na universidade compostelá ata que, tras a caída do goberno liberal, alistouse no corpo de Voluntarios Realistas o 1 de xullo de 1823, acadando o grao de alférez en 1825. Dous anos despois pasou a prestar servizos como sub-tenente, primeiro, e tenente, despois, no Rexemento Provincial de Compostela, sendo destinado máis tarde á gornición da Coruña co grao de capitán. En 1830 foi destinado en comisión ao País Vasco, de onde volveu cara a Ferrol. No ano 1833 prestou servizos en numerosos puntos, comezando por participar desde o 4 de abril nunha operación militar na fronteira portuguesa baixo o mando do xeneral Pedro Sarsfield. Continuou, formando parte do Exército Cristino do Norte que dirixía Sarsfield, polas guarnicións de Oviedo, León, Ciudad Rodrigo e, finalmente, Bilbao. En decembro era destinado á gornición de Gernika, onde, no contexto da primeira guerra carlista, decidiu en maio de 1835 ingresar no exército carlista.
O 28 de maio de 1835 obtivo o grao de capitán carlista con despacho no 5º Batallón de Biscaia, participando na toma de Bergara, Eibar e na acción do porto de Descarga (18 de xuño). Tamén participou no primeiro sitio de Bilbao (xuño de 1835) baixo o mando do xeneral Zumalacárregui e nas accións de Arrigorriaga e La Solana. Máis tarde, en febreiro de 1836, foi destinado ao corpo de Granaderos do Exército, no que participou nas tomas de Lekeitio, Peña de Orduña e Barrón, así como no bloqueo de Donostia entre o 29 de abril e o 1 de xuño de 1836. O 26 de xuño integrouse en Amurrio na chamada Expedición Gómez que percorreu o norte peninsular, tomando Riaño, Oviedo, Lugo, A Coruña e, por fin, Santiago. Así, o 17 de xullo foi testemuña desde o alto de San Marcos (no monte do Gozo) do estalido da polvoreira da Almáciga, tras o que marchou pola rúa de San Pedro para tomar a cidade, aloxándose na casa familiar coas súas irmás Rita e Javiera. Desde aquí a expedición dirixida polo xeneral Gómez virou cara a Andalucía, conquistando de xeito efémero as cidades de León, Palencia, Valladolid, Sigüenza, Utiel, Albacete, Villarrobledo, Baeza, Córdoba, Pozoblanco, Almadén, Cáceres, Alcántara, Écija, Osuna, Ronda, Arcos de la Frontera, Pedro Muñoz e El Burgo de Osma. Por fin, o 20 de decembro regresou a Amurrio co grao de 2º comandante e o cargo de Aposentador Maior.
Apenas chegou ao País Vasco, participou nos estertores do segundo sitio de Bilbao, que fracasou o 24 de decembro. En marzo de 1837 integrouse na formación da que se chamaría a Expedición Real, que tiña por obxectivo a toma de Madrid. Nesta expedición distinguise nas accións de Huesca, no paso do río Cinca, Girona, Chiva, Guisona, Villar de los Navarros, Alcalá de Aransuegue, Retuerta e Barbastro, onde foi ferido. Por este motivo en outubro de 1837 recibiu a cruz de San Fernando de 1ª clase.
Tras recuperarse, foille dado o mando do 3º de Castilla, co que participou nas accións do Valle de Mena. A continuación incorporouse á desgraciada Expedición Negri en marzo de 1838. Co Conde de Negri ao mando, distinguiuse nas accións de Gayangos, Benatejón e Mayorga, pero foron derrotados en Vendejo, e disperso na acción do porto da Brújula a finais de abril. Traspasou as liñas inimigas ata que puido integrarse no exército carlista aragonés, onde pasou a ser instrutor de brigadas. Tamén recibiu o mando do 5º de Aragón, participando nas accións de Segura, Muniesa, Montalbán, Utrilla, na expedición ao río Jalón, no sitio de Morella, La Hoz de la Vieja, Villafranca e La Iglesuela, Castell de Cabres e Lonia. O 6 de xullo de 1840 cruzou a fronteira con Francia, pasando ao exilio, cando tiña xa o grao de coronel graduado.
No exilio francés entre 1840 e 1850, mentres transcorría a segunda guerra carlista, sobreviviu traballando de carrexador de carbón e como operario nun obradoiro de gravado, como cincelador e esmaltador. Tras regresar do exilio, foi ascendido o 13 de marzo de 1858 a xeneral de brigada do desmantelado Exército carlista, e déuselle o cargo de Comandante xeneral do Principado de Asturias coa encarga de procurar un levantamento que non conseguiu organizar, polo que no mesmo ano marchou a Galicia. Estivo en Santiago ata marzo de 1869, en que, tras un rexistro da súa casa, viuse obrigado a exiliarse de novo a Portugal.
No país luso participou en reunións cos tradicionalistas, polo que foi preso e pasou once meses no cárcere. Foi posto en liberdade baixo fianza en Porto a comezos do mes de abril, xunto a Ramón P. Villapol[4][5]. Unha vez libre, pasou o 18 de abril a fronteira para tomar posesión do cargo de Inspector Xeral de Depósitos do Norte, dentro do contexto da terceira guerra carlista, que desenvolveu ata que o 18 de abril de 1875 recibiu o cargo de Comandante Xeneral de Galicia. Tras a nova derrota do carlismo, prestou submisión a Afonso XII[6] e emigrou o 27 de febreiro de 1876 cara a Francia, cando se encontraba enfermo. Foi ingresado no Santo Hospital da localidade de Saintes, e na sala de San Luis faleceu ás 9 da mañá do 7 de abril.
Na "Relación de los señores generales y brigadieres que sirven en el Ejército Real", datado en Bergara o 10 de marzo de 1875, figuraba como Ramón Carrete co grao de brigadier co cargo de Inspector de Depósitos[7].
Obtivo moitas condecoracións, entre as que estiveron, ademais da Laureada de San Fernando, a cruz e placa da Orde de San Hermenegildo e a cruz de Barbastro.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Florencia Gardasse Salazar, coa que tivo tres fillos: Feliciano (nado en Vienne, Francia, e falecido no Carballiño en 1898, avó de Felipe Cordero Carrete), Hermenegildo ou Gildo (Francia, 1848—Vilagarcía de Arousa, maio 1929, tío de Laureano Gómez Paratcha) e Rita Carrete Gardasse (1849—Santiago, 6-9-1931).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén aparece mencionado co nome completo Ramón Carrete Losada Pardo Osorio Sotomayor, recollendo os catro apelidos.
- ↑ 2,0 2,1 "† El Señor D. Ramón Carrete de Losada y Pardo". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 10-4-1876. p. 3. Arquivado dende o orixinal o 03-11-2018. Consultado o 03-11-2018.
† El Señor D. Ramón Carrete de Losada y Pardo ha fallecido en Saintes Charente Inferior Francia el día 7 corriente á las nueve de la mañana á los 72 años
- ↑ "D. Ramón Carrete". El Eco de Galicia (en castelán) (Buenos Aires). 20-8-1901. p. 5-6. Arquivado dende o orixinal o 03-11-2018. Consultado o 03-11-2018. Este artigo é fonte de moitas informacións contidas neste artigo, sobre todo as relativas á súa folla de servizos.
- ↑ "Han sido puestos en libertad bajo fianza...". El Pensamiento Español (en castelán) (Madrid). 6-4-1870. p. 4.
- ↑ "Han sido puestos en libertad bajo fianza...". La Época (en castelán) (Madrid). 7-4-1870. p. 3.
- ↑ "Parte política. Madrid, 12 de febrero de 1876". La Época (en castelán) (Madrid). 12-2-1876. p. 2.
Según dicen de Bayona, el titulado general D. Ramón Carrete, que ha prestado estos días su sumisión á Alfonso XII, tiene 72 años, y desempeñaba en el campo carlista el cargo de comandante general de veteranos
- ↑ (Pardo 2000, p. 383)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pardo San Gil, Juan (2000). "La segunda guerra carlista "en el Norte" (1872-1876): los ejércitos contendientes". Biduma (PDF) (en castelán) 14. Errenteria: Archivo de Rentería. pp. 359–395. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de novembro de 2018. Consultado o 03 de novembro de 2018.