Rafael Úbeda Piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rafael Úbeda Piñeiro
Nacemento1932
 Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Moraña, Os Milagres de Amil 03-10.JPG
editar datos en Wikidata ]

Rafael Úbeda Piñeiro, nado en 1932 é un pintor pontevedrés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Atraído pola arte desde cativo, comezou a estudar pintura de cabalete, mural e gravado ó longo do bacharelato, que cursou na súa cidade natal. En 1956 trasladouse a Madrid, onde fai a carreira de Belas Artes na Escola de San Fernando, onde destacou e obtivo unha bolsa para El Paular como paisaxista. Ó mesmo tempo seguiu os cursos da Escola Nacional de Artes Gráficas.

Entre 1963 e 1964 asistiu en Breda (Países Baixos), ós cursos da Hoger Akademy St. Joosta, e en Maarsen, no mesmo país, estudou as técnicas calcográficas de Hércules Seghers, xunto ó profesor Willen van Leusden. En 1965 obtivo o gran premio de pintura de Roma, e residiu nesa cidade durante catro anos, na súa etapa de paisaxismo construtivo. Os veráns pasábaos en Ámsterdan, no obradoiro do profesor Flip van der Burgt, integrándose no famoso grupo internacional de gravadores "Zebra". En 1967 foi seleccionado en Milán para realizar un gran mural na basílica da Anunciación, en Nazaret, (Galilea).

Ó seu regreso a España sucedéronse exposicións por todo o estado, e realizou novos murais na Illa da Toxa (O Grove) e no Santuario da Virxe dos Milagres de Amil (Moraña) (1978). Concorreu a certames de gravado, técnica na que destaca. Expuxo en diferentes cidades de Europa e América. Nos Estados Unidos foi moi ben recibido, e alí regresou en 1992, invitado pola cidade de Chicago (Illinois), como único artista español, para celebrar os 25 anos da instalación dunha gran escultura de Picasso na cidade.

Exerceu a docencia, foi catedrático de institutos de segunda ensinanza en Pontevedra, Canarias e Madrid; profesor de Pintura na Escola Superior de Belas Artes de San Jorge; de perspectiva, na de San Fernando de Madrid; de debuxo e Gravado na Superior de Belas Artes de Tenerife; de debuxo na Escola Nacional de Artes Gráficas de Barcelona, e de Pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde a súa creación. Tamén impartiu cursos en Francia.

A súa afección á música levouno a adquirir unha sólida formación como executante de violín, ata intervir en concertos de cámara. É doutor en Belas Artes cunha tese sobre a interacción das artes e a música.

A súa obra figura no Museo Provincial de Pontevedra, no de Arte Contemporánea de Madrid; Managua; Heildelgerg; Museo Carlos Maside de Sada, A Coruña; Huesca; Museo do Pobo Galego, en Compostela; Utrech; Aurich; Norden; Academia de San Fernando, en Madrid, e en numerosas institucións públicas.

Exposicións antolóxicas da súa obra tiveron lugar en Compostela, en 1989; A Coruña e Pontevedra, dúas veces, unha dedicada á pintura, e outra á obra gráfica. Igualmente, no Centro Cultural de Caixavigo, na Coruña e no pazo da Xunta de Galicia en Madrid.

Rafael Úbeda é un artista multiforme. Iniciouse nun paisaxismo de tendencia "fauve". Derivou máis tarde, durante a súa estancia italiana, cara un xeometrismo estrutural, de base cubista e cromatistmo moi quente, con vermellos dominantes, para chegar, á fin, á súa etapa actual, por completo expresionista, de raíz irónica e con idéntica estrutura xeométrica. O dinamismo da súa pintura é unha auténtica explosión de cor, de movemento. Hai nas súas criaturas énfase e deformación deliberada e altamente expresiva. Os seus antecedentes están na tradición, desde as ilustracións prerrománicas dos Beatos de Liébana a Grünewald, Van Gogh ou Picasso.

Outro tanto acontece coa súa obra gravada, cunhas pranchas que requiren unha análise minuciosa para recoñecer a súa condición de debuxante. Está en posesión de numerosos premios e galardóns.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Areán, Carlos y Pablos, Francisco: Rafael Ubeda. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989.
  • Campoy, A. M.: Rafael Ubeda. Madrid, Galería de Arte Paul Klee, 1987.
  • 20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación provincial, 1989.
  • I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
  • Pablos, Francisco: Pintura sonora, cromatismo melódico. Madrid, Casa de Galicia, 1992.
  • Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
  • Pablos, Francisco: Ubeda. Grandes artistas gallegos. Vigo, Caixavigo, 1989.
  • Pablos, Francisco: O secundario elevado ó protagonismo, presentación do catálogo da exposición Bodegóns e Floreiros, reproducido co núm. 24.
  • García Iglesias, J. M.: Rafael Ubeda, o la vivencia musical de la plástica. A Coruña. Fundación Caixa Galicia, 1994.
  • Gran Enciclopedia Gallega. Gijón, S. Cañada, edt., 1974.
  • Rubio Martínez, M.: Ayer y hoy del grabado y sistemas de estampación. Tarragona, Edic. Tarraco, 1979.
  • Pontevedra con Centroamérica catálogo Deputación provincial de Pontevedra, 1999 coa obra reproducida na p. 47.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]