Provincia de Darién

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaProvincia de Darién
Imaxe

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 8°24′30″N 77°54′54″O / 8.4083, -77.915Coordenadas: 8°24′30″N 77°54′54″O / 8.4083, -77.915
EstadoPanamá Editar o valor em Wikidata
CapitalLa Palma Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación48.378 (2010) Editar o valor em Wikidata (4,07 hab./km²)
Lingua usadaLingua emberá setentrional
Lingua catío
Border Kuna (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Superficie11.892,5 km² Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Creación1822 Editar o valor em Wikidata
ISO 3166-2PA-5 Editar o valor em Wikidata

Darién é unha das dez provincias de Panamá.[1] A súa capital é a cidade de La Palma. Ten unha extensión de 11 896,5 km², sendo a máis extensa do país. Está situada no extremo oriental do país e limita ao norte coa provincia de Panamá e a comarca Guna Yala. Ao sur limita co océano Pacífico e a República de Colombia. Ao leste limita co departamento de Chocó na República de Colombia e ao oeste limita co océano Pacífico e a Provincia de Panamá.

Toponimia[editar | editar a fonte]

O significado de Darién orixínase na lingua falada polos indíxenas cueva,[2] unha nación indíxena que foi exterminada polos conquistadores ao longo do século XVI.[3] Precisamente do nome Tanel ou Tanela, río que desemboca na marxe esquerda do baixo Atrato. O río Tanela (o Aluka Tiwal dos nativos), españolizado e dexenerado pola pronuncia, quedou co nome de Darién.[4] Con este nome designouse a rexión onde se asentaron e as diferentes comunidades indíxenas que alí estaban ou se estableceron. Posteriormente foi o nome co que se coñeceu o río Atrato.[5] Cabe sinalar que o establecemento español Santa María la Antiga del Darién, primeira cidade fundada en Terra Firme tomou o seu nome deste río.[5][6] Posteriormente denominouse con este nome a toda a rexión, e definiu os límites co Urabá.[7]

Historia[editar | editar a fonte]

A provincia do Darién nun mapa de 1785.

En 1508 a Coroa resolveu colonizar o chamado Reino de Terra Firme; a área escollida comprendía desde o cabo, ao oeste en América Central (nos actuais límites entre Nicaragua e Honduras), até o cabo de La Vela en Colombia, polo leste.

As provincias nas que se dividiu Terra Firme foron: Nova Andalucía, comprendida entre o río Atrato no golfo de Urabá e o cabo de La Vela, en Colombia; e a Gobernación de Veragua, que se estendía desde o río Atrato até o cabo Gracias a Dios en América Central. O Gobernador de Nova Andalucía foi Alonso de Ojeda e o Gobernador de Veragua foi Diego de Nicuesa, quen pasou a ser o Primeiro Gobernador do Istmo de Panamá, xa que a súa vertente norte estaba incluída na provincia baixo a súa xurisdición. Por outra banda, Diego de Nicuesa fundou o poboado de Nombre de Dios en 1510.

O bacharel Martín Fernández de Enciso fundou Santa María la Antigua del Darién, ao oeste do golfo de Urabá en setembro de 1510, por insinuación de Vasco Núñez de Balboa, quen coñecía esas terras por chegar a elas con Rodrigo de Bastidas. O 1 de setembro de 1513 Vasco Núñez de Balboa, exercendo como gobernador interino na rexión, decide explorar territorios cara ao sur, e logra atoparse co Mar do Sur con 190 españois e mil indíxenas. Logrou observar este océano o 25 de setembro de 1513 e tomou posesión do mesmo, o 29 de setembro dese ano, no Golfo de San Miguel.[8]

En 1513 Pedro Arias de Ávila foi nomeado gobernador e capitán xeneral da nova provincia de Castela do Ouro (próxima á Gobernación de Veragua) e localizada entre a parte norte de Colombia, Panamá e os territorios da vertente sur recentemente descuberta por Vasco Núñez de Balboa (Mar do Sur), quen o recoñeceu como novo gobernador. Asumiu o cargo en 1514, a pesar de contar xa entón cuns 64 anos de idade, establecendo a Santa María la Antigua del Darién como capital da nova provincia. En xaneiro de1519 acusa de traizón a Vasco Núñez de Balboa e execútao no poboado de Acla; logo, en agosto de 1519 funda a cidade de Panamá no seu primitivo asentamento (actualmente chamada Panamá a Vella), a onde trasladou a capital.

A finais do século XVII houbo un proxecto colonizador escocés no istmo de Panamá, especificamente na baía de Caledonia (Darién), onde emerxe a figura do visionario William Paterson como eixo central da infrutuosa empresa. O intento colonizador da «Company of Scotland Trading to Africa and the Indies» enmárcase dentro do conflito de intereses entre España e as demais potencias europeas, a partir do século XVI como reacción ao Tratado de Tordesillas (1494). O 14 de xullo de 1698, Paterson partiu cunha expedición dunhas 1.200 persoas a bordo de cinco naves (Saint Andrew, Caledonia, Unicorn, Dolphin e Endeavour) desde Leith, Escocia. Os expedicionarios desembarcaron o 30 de outubro de 1698 na baía areosa de Anachucuna no norte do Darién e moi preto da chamada Illa de Ouro. Celebraron un “tratado de alianza e amizade” cun líder indíxena e fundaron na antiga Acla a colonia que denominaron Nova Caledonia. Resistiron unha forza española que tentou botalos. Con todo, o clima difícil e as condicións de insalubridade, propios desa rexión, rapidamente foron decimando os membros da expedición. En consecuencia, en xuño de 1699 os escoceses víronse obrigados a abandonar Nova Caledonia, a pesar das protestas de Patterson. Repregáronse en Xamaica.[9]

Unha segunda expedición partiu de Escocia o 24 de setembro de 1699 do porto do río Clyde con catro barcos: o Rising Sun, o Hamilton, o Hope of Boroughstonness e o Company´s Hope. Tiña unha tripulación total de mil trescentos homes. O 30 de novembro de 1699 arribaron a salvo ao porto de Caledonia. Con todo, este novo intento atopou unha resistencia moito maior por parte das forzas españolas e víronse constantemente asediados e superados numericamente e sen apoio exterior até que, o 28 de marzo de 1700, solicitaron ao xefe militar español establecer as condicións para a rendición.[10]

O Darién como territorio nacional da República da Nova Granada en 1846.

Durante a época de anexión á Gran Colombia, por Lei do 23 de xullo de 1824, o congreso de Colombia suprimiu a alcaldía maior do Darién e creou o "Cantón do Darién", incorporado á provincia de Panamá. Tras a disolución da Gran Colombia, o istmo de Panamá incorpórase á República da Nova Granada en 1831. En 1846 foi creado o Territorio nacional do Darién coa área do cantón antes mencionado, pero foi suprimido en 1850.

En 1855, ao establecerse o Estado Federal de Panamá, dividiuse o territorio panameño en departamentos e comarcas. Estableceuse entón a comarca do Darién, con Yaviza como capital; en 1890, a capitalidade trasladouse a Chepigana. Coa separación de Panamá de Colombia en 1903, Darién conservou o seu título de comarca.

Tras a separación de Panamá de Colombia, mediante a Lei Nº 22 do 27 de decembro de 1922 creouse a provincia de Darién, dividida en 2 distritos (Chepigana e Pinogana), tendo como capital a La Palma. Posteriormente, a Lei n.º 22 do 8 de novembro de 1983, crea a comarca Emberá de Darién, Gaceta Oficial n.º 19.976, do 17 de xaneiro de 1984 e o Decreto Executivo n.º 84 do 9 de abril de 1999, do Ministerio de Goberno e Xustiza, dita a Carta Orgánica Administrativa da comarca Emberá-Wounaan de Darién, na Gaceta Oficial n.º 23.776, do 16 de abril de 1999.

A comarca Kuna de Wargandi, foi creada mediante a Lei N°34, do 25 de xullo de 2000, nunha área xeográfica segregada dos distritos de Chepigana e Pinogana, na Provincia de Darién, cunha superficie de 77.500 hectáreas.[11]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Aspecto físico[editar | editar a fonte]

Paisaxe da provincia do Darién, preto da cidade de La Palma.
Parques nacionais de Panamá.

A provincia de Darién ocupa unha superficie de 11.896 km², unha área similar á da illa de Xamaica, que está constituída na súa parte central por unha planicie ondulada pola cal se atopan os vales dos ríos Chucunaque e Tuira, e está enmarcada polas áreas escarpadas das serras de San Blas, Bagre, Pirre, de Los Saltos e do Darién. Nesta última sitúase o Parque nacional Darién.

As montañas máis altas da Provincia de Darién son: Tacarcuna (2.280 m.s.n.m.), Piña (1.581 m.s.n.m.), Pirre (1.569 m.s.n.m.), Nique (1.550 m.s.n.m.), Chucantí (1.430 m.s.n.m.), Pavarandó, Armila, Tanela (1.415 m.s.n.m.), Sapo e Altos del Quía (1.361 m.s.n.m.)

En relación co país, o Darién ten o 8% das terras aptas para cultivos intensivos, o 60% aptas para pastos, cultivos permanentes e produción forestal, e o 25% para protección e reservas forestais. A vexetación natural dominante no Darién son os bosques, que segundo a altitude topográfica e o réxime pluvial clasifícanse en húmido tropical, moi húmido tropical e pluvial premontano.

Os límites da provincia de Darién son:

  • Ao norte: coa Comarca Emberá Wounaan, e a comarca Guna Yala
  • Ao sur: co océano Pacífico e a República de Colombia.
  • Ao leste: coa República de Colombia.
  • Ao oeste: coa Provincia de Panamá e o océano Pacífico.

Clima[editar | editar a fonte]

As precipitacións pluviais alcanzan de 1.700 a 2.000 mm anuais nas inmediacións da enseada de Garachiné, cun marcado período de seca entre os meses de xaneiro a abril (Clima Aw segundo Köppen). No entanto, nas zonas de pedemonte e vales do interior da provincia a precipitación pode superar os 8000 mm anuais e practicamente non hai estación seca (Clima Af segundo Köppen), enmarcada na rexión considerada das máis chuviosas do planeta. A temperatura varía segundo a altitude entre 17° e 35 °C. Os distintos tipos de chans e a súa aptitude de uso están principalmente asociados ás súas variacións topográficas e aos materiais xeolóxicos xeradores.[12]

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Na rexión darienita as concas hidrográficas forman cursos de auga extensos e sedimentarios, vertendo as súas augas aos diferentes ríos por exemplo o Río Chucunaque (231 km) e o Tuira (230 km), que son ambos os máis longos e caudalosos de Panamá.

O sistema hidrográfico do Darién rexistra un marcado mínimo nos seus caudais durante o período marzo-abril, e un máximo no mes de novembro.

Actualmente, o uso dos recursos de auga limítase fundamentalmente á dotación de servizos de auga potable a 15 centros poboados. A falta de información detallada sobre topografía, hidrometeoroloxía e fluviometría non permite estimar o potencial hidroeléctrico nos ríos Pirre, Antadó, Tuira, Chico e Yape.

Goberno e política[editar | editar a fonte]

A Constitución Política de Panamá de 1972, reformada polos Actos Reformatorios de 1978 e polo Acto Constitucional de 1983, presenta un goberno unitario, republicano, democrático e representativo. Están representados o tres Órganos do Estado, igual que nas outras provincias da República de Panamá.

División administrativa[editar | editar a fonte]

A partir do 14 de febreiro de 2018, a provincia de Darién comprende tres distritos políticos-administrativos: Chepigana, Pinogana e Santa Fe,[13][14][15] divididos á súa vez en 26 correxementos:

Distritos e correxementos de Darién
Distritos Correxementos Cabeceira de distrito
Chepigana Camoganti, Chepigana, Garachiné, Jaqué, La Palma, Puerto Piña, Sambú, Setegantí, Taimatí, Tucutí La Palma
Santa Fe Agua Fría, Cucunatí, Río Iglesias, Río Congo, Río Congo Arriba, Santa Fe, Zapallal Santa Fe
Pinogana Boca de Couben, El Real de Santa María, Metetí, Paya, Pinogana, Púcuro, Yape, Yaviza, Wargandí El Real de Santa María

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación da provincia caracterízase por ser escasa, dispersa e heteroxénea, e está localizada en numerosos centros poboados pequenos vinculados aos cursos de auga. Rexístranse permanentemente fluxos migratorios moi significativos desde e cara á provincia.

En 1970 a poboación alcanzou un total de 22.685 habitantes, constituída principalmente por mulatos, negros, colombianos chocoanos, indíxenas e colonos provenientes doutras áreas de Panamá. Aproximadamente o 60% desta poboación atópase radicada en 523 centros poboados de menos de 500 habitantes cada un.

Para o ano 2000 o Censo de Poboación e Vivenda mostrou que a poboación darienita en maio dese ano era de 40.284 habitantes e había unhas 11.514 vivendas, distribuídas en 613 centros poboados.

Datos preliminares do XI Censo Nacional de Poboación e VI de Vivenda, mostran que Darién ten unha poboación o 16 de maio de 2010 de 46.951 habitantes, dos cales 25.764 son homes e 21.187 son mulleres. Ademais, contabilizáronse un total de 15.310 vivendas.[16]

Cultura[editar | editar a fonte]

A poboación darienita está composta maiormente por indíxenas, afrodescendentes e colonos que migraron desde outras provincias (principalmente chiricanos, santeños, herreranos e veragüenses) en busca de boas terras e mellores oportunidades.

Os xéneros musicais e de baile que distinguen ao pobo darienita son de ascendencia africana como o bullerengue, a cumbia, o bunde e o tamborito. Cada un dos grupos humanos que emigraron a esta provincia loitan por conservar as súas raíces e manter os seus costumes e tradicións, pero a proximidade con Colombia e os medios radiais de colombianos, tenden a favorecer o gusto do darienita pola música popular de Colombia, especialmente polo Vallenato comercial.


É común a preparación de comidas como o guacho de mariscos, peixe e arroz con coco; tamén o serendengue entre outras. É tradicional unha especie de bebida feita con plátano cocido, que lle chaman "chocao".

É normal o uso de vestidos cosidos completamente a man na muller mentres que o home vístese igual ao home da cidade.

Podemos mencionar que os principais cultivos que se producen na provincia son: millo, arroz, plátano, banano, iuca, ñame e feixóns.

No olfo de San Miguel os recursos de pesca son abundantes en camaróns, peixes, e lagostas, que son explotados por unha frota que opera directamente desde a cidade de Panamá. Nos ríos interiores da provincia practícase a pesca artesanal destinada principalmente ao autoconsumo.

Outro sector importante é a da madeira, xa que se extraen madeiras preciosas (cedro, balsa, bálsamo, caoba, cocobolo etc.).

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Esta provincia é unha das máis extensas en canto a áreas boscosas e se esta dividendo en pobos, pero tamén posúe lugares e os máis mencionados son[17]

  • Parque nacional Darién.
  • Boca de Couben
  • Praia Morto
  • Porto Piña ou Baía Piña
  • Estación Pirre
  • Rio Tuira e Chucunaque
  • Pobo Metetí
  • Pobo da Palma
  • Pobo de Yaviza

Datas importantes da provincia[editar | editar a fonte]

Algunhas das celebracións importantes desta provincia son:[18]

  • 3 ao 6 de marzo, Festival de Diaños e Congos Chepigana, Darién.
  • 19 de marzo, Festival Bulla e Bullerengue, Darién.
  • 7 de agosto, Fundación da Provincia de Darién.
  • 27 de decembro, Aniversario de Fundación da Provincia de Darién.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Generalidades de Panamá". LaGuia.com. Consultado o 15 de novembro de 2012. 
  2. Romoli, Kathleen. 1980. Los de la lengua cueva. Los grupos indígenas del istmo oriental en la época de la conquista española. Bogotá: Instituto Colombiano de Antropología.
  3. "Los Indígenas Acorralados: los Kuna de Urabá entre Conflicto, Desplazamiento y Desarrollo" 756 (145). 2009: 32–39. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2015. Consultado o 18 de xaneiro de 2015.  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  4. Manuel García Villaba (1787). "Descripción de la provincia del Darién a norte y sur. Medios de poblarla al sur y discurso reflexivo sobre su conquista". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2013. Consultado o 15 de novembro de 2012. 
  5. 5,0 5,1 "Los cunas del Atrato, según las crónicas españolas". Biblioteca Luis Ángel Arango. 1990. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2013. Consultado o 25 de maio de 2012. 
  6. "Los Emberá, Waunana y los Cuna: Cinco siglos de transformaciones territoriales en la región del Chocó". Biblioteca Luis Ángel Arango. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2013. Consultado o 25 de maio de 2012. 
  7. "Chocó en la cartografía histórica: de territorio incierto a departamento de un país llamado Colombia". Biblioteca Luis Ángel Arango. Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2012. Consultado o 25 de maio de 2012. 
  8. "Datos Generales e Históricos-2007" (PDF). Contraloría General de la República. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de novembro de 2009. Consultado o 25 de mayo de 2010. 
  9. Gonzalo Hernández de Alba. "Nueva Caledonia : una colonia de escoceses en el Darién, fundada en 1698". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2011. Consultado o 6 de novembro de 2010. 
  10. María Rosa de Muñoz y Armando Muñoz Pinzón. "La Colonia Escocesa en Darién: Sinopsis Histórica". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2013. Consultado o 6 de novembro de 2010. 
  11. "Creación de la Comarca Kuna Wargandí" (PDF). FAO. Consultado o 23 de outubro de 2012. 
  12. "Clima por región". Visita Panamá. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2013. Consultado o 15 de novembro de 2012. 
  13. Páxina web oficial en que se da a noticia da Lei 57 de 14 de xullo de 2017 en que se crea o distrito de Santa Fe Consultado o 1 de abril de 2018.
  14. "Municipios (Distritos) de Darién". Editorial OX. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2012. Consultado o 15 de novembro de 2012. 
  15. "Que modifica la entrada en vigencia del corregimiento de El Zapallal y el distrito de Santa Fé de Darién" (PDF). 
  16. "Censos nacionales 2010". censos2010.gop.pa. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2010. Consultado o 29 de maio de 2010. 
  17. "Guía de Viajes y Turismo de Panamá". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2021. Consultado o 18 de novembro de 2021. 
  18. "Cultura y Festividades". Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2021. Consultado o 18 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alì, Maurizio e Amórtegui, David (2014). “The Darien Gap: Political Discourse and Economic Development in Colombia”. ICQI - Tenth Congress of Qualitative Inquiry. University of Illinois. Urbana-Champaign, 21-24 mai.
  • Panamá en Cifras: Anos 2000-2004, A Dirección de Estatística e Censo da Contraloría Xeneral da República.