Tratado de Tordesillas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa do tratado de Tordesillas
O Tratado de Tordesillas

Coñécese como Tratado de Tordesillas ó asinado en Tordesillas, Castela na actual provincia de Valladolid, o 7 de xuño de 1494 e que define a división do Novo Mundo entre España e Portugal.

O tratado establece unha división entre só os dous estados signatarios, tendo como liña divisoria o meridiano localizado a 370 leguas (1770 km) ao oeste das illas de Cabo Verde - meridiano que se situaría hoxe a 46° 37' oeste.

Foi ratificado pola España en Arévalo o 2 de xullo e por Portugal en Setúbal o 5 de setembro do mesmo ano. Os orixinais do tratado atópanse no Arquivo Nacional da Torre do Tombo (Lisboa) e no Arquivo Xeral de Indias (Sevilla).

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O principio da expansión marítima portuguesa, baixo a éxida do Infante D. Henrique, levou as carabelas portuguesas polo océano Atlántico, rumbo ao sur, contornando a costa africana. Coa descuberta da Costa da Mina, inicíase o comercio de marfil, ouro e escravos, a atención de Castela foi despertada, Iniciouse unha serie de escaramuzas no mar, tomando parte embarcacións de ambas as Coroas.

Portugal, tentando protexer o seu investmento, negocia con Castela o Tratado de Alcáçovas en 1479, obtendo en 1481, do Papa Sisto IV, a bula Æterni regis, que dividía as terras descubertas e por descubrir por un paralelo á altura das Canarias, dividindo o mundo en dous hemisferios: a norte, para a Coroa de Castela, e a sur, para a Coroa de Portugal. Sumándose a outras dúas bulas anteriores de 1452 (dun diversas) e 1455 (Romanus Pontifex), o Papa Nicolao V, Portugal recibira todas as terras conquistadas e a conquistar ao sur do cabo Boxador e da Gran Canaria.

Preservanse, dese modo, os intereses de ambas as Coroas, defínese, a partir de entón, os dous ciclos da expansión: o chamado ciclo oriental, polo cal a Coroa portuguesa garantía o seu progreso para o sur e para Oriente, contornando a costa africana; e o que se denominou posteriormente de ciclo occidental, polo que Castela se aventura no océano Atlántico, a oeste.

Bulas Alexandrinas[editar | editar a fonte]

En maio de 1493, o Papa Alexandre VI - de orixe española - decretou pola bula Inter cætera que as novas terras descubertas situadas a oeste dun meridiano a 100 leguas das illas do Cabo Verde pertencerían á España, e as terras a leste deste meridiano pertencerían a Portugal.

A bula excluía todas as terras coñecidas xa baixo control dun estado cristián. A bula non agradou ao rei Xoán II de Portugal, que abriu negociacións cos soberanos españois Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela para mover a liña máis a oeste, argumentando que o meridiano en cuestión se estendía baixo todo o globo, limitando así as pretensións españolas na Asia. O tratado contrariaba a bula de Alexandre VI, mais foi aprobado polo Papa Xulio II nunha nova bula de 1506.

O Tratado[editar | editar a fonte]

O tratado resolvía os conflitos que seguiron á descuberta do Novo Mundo por Cristovo Colón. Segundo Juan Pérez de Tudela foi o froito do espírito do Tratado de Alcáçovas. Significa non só a consecución da vontade de esquivar un conflito, senón un acto de submisión recíproca.

O acto final das negociacións levouse a cabo sen os reis, os cales delegaran os seus poderes nuns procuradores plenipotenciarios, tres por cada nación. Por parte de Portugal: Ruy de Sousa, o seu fillo Juan de Sousa e o licenciado Aires Dalmada. Esteban Vaez asiste como notario. Por Castela: Enrique Enriquez, Gutiérre de Cárdenas comendador maior de Santiago e contador real, e o doutor Rodrigo Maldonado.

Aínda que os acordos foron asinados o día 7 de xuño ambas partes estableceron darse un prazo para ratificalos, 50 días para o Tratado Africano e 100 días para o Tratado Oceánico.

Moi poucas das novas terras foran xa vistas, pois foron determinadas polo tratado e non por exploracións. España víase así coa case totalidade das Américas. Porén, cando Pedro Álvares Cabral descubriu o Brasil en 1500, a parte oriental das novas terras foron atribuídas a Portugal, e España non tivo medios necesarios para garantir os limites do Tratado e impedir a expansión portuguesa para o oeste.

As outras potencias marítimas europeas (Francia, Inglaterra, Países Baixos, etc.) foron totalmente excluídas do Tratado, non tendo así dereito algún sobre as novas terras. Puideron só recorrer á piratería e ao contrabando para explorar as riquezas do Novo Mundo, mais a situación mudou cando apareceu o Protestantismo e a autoridade papal foi rexeitada. A situación ficou representada pola frase de Francisco I de Francia, pedindo para ver a cláusula no testamento de Adán que excluía a Francia desta división de terras.

Coa volta ao mundo de Fernão de Magalhães, unha nova disputa xurdiu a fin de localizar a continuación da liña de demarcación no outro lado do mundo. Unha das terras disputadas polos dous signatarios era o arquipélago das Molucas, importante rexión debido ás súas especias. Despois de moitas negociacións, o tratado de Zaragoza, asinado o 22 de abril de 1529, define a continuación do meridiano a 297,5 leguas a oeste das Molucas, con vantaxe para Portugal, recibindo España unha compensación financeira.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]