Saltar ao contido

Posidonia oceanica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Posidonia oceanica

Posidonia oceánica
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Liliopsida
Subclase: Liliidae
Orde: Alismatales
Familia: Posidoniaceae
Xénero: Posidonia
Especie: P. oceanica
Nome binomial
Posidonia oceanica
(L.) Delile
Área de distribución de Posidonia oceanica
Área de distribución de Posidonia oceanica

Área de distribución de Posidonia oceanica

Posidonia oceanica é unha especie vexetal acuática que habita no mar Mediterráneo, pertencente o xénero Posidonia. Non é unha alga, senón unha planta fanerógama do grupo das anxiospermas.

Posidonia oceanica, ó igual co resto de membros do xénero, ten a súa orixe no período Cretáceo[1]. Naquela época dominaban na terras as plantas ximnospermas, mais xa apareceran as anxiospermas. Algunhas destas plantas vivían en terreos próximos ó mar ou a correntes de auga. Aínda que os restos fósiles son moi escasos, hai indicios de que diversas especies de anxiospermas adaptáronse a unha vida parcial ou totalmente somerxidas[1]. Co paso do tempo, e tras as extincións masivas do Mesozoico, algunhas destas especies adaptáronse a unha vida completamente acuática mais mantendo características propias de plantas terrestres[1]. Estas especies eran practicamente idénticas as actuais fanegoramas mariñas[1].

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por vez primeira por Linneo no 1767, baixo o nome de Zostera oceanica[1]. Máis tarde, no 1805, K.D.Koenig creou o xénero da Posidonia e bautizou a especie co nome de Posidonia caulini[1]. Anos máis tarde, no 1813, Delile considerou coma correcto o criterio de Konig deixando sen modificacións o novo xénero, mais bautizando de novo á especie co nome definititvo de Posidonia oceanica[1].

Características

[editar | editar a fonte]

A posidonia é unha planta mariña igual morfoloxicamente a unha planta terrestre, xa que ten raíces, follas, talos, flores e froitos. Aínda que existen outras plantas mariñas, tales coma a Cymodocea nodesa, Zostera Noltei ou a Zostera marina, a posidonia é a de maior envergadura. Este grupo de vexetais adóitase agrupar baixo o nome de fanerógamas mariñas.

Rizoma

A diferenza das algas mariñas, a posidonia pode establecerse en substratos móbiles formados por mesturas de área e barro. Mediante os rizomas e raíces, a planta suxeitase ós fondos mariños evitando a erosión e difusión do terreo. Grazas a esta fixación no fondo, a posidonia pode desenvolverse e medrar tanto horizontal coma verticalmente. Debido a esta circunstancia a posidonia pode sobrevivir á acumulación do sedimento mariño e colonizar grandes extensións de terreo. Esta adaptación biolóxica, ademais, permite á especie conseguir os nutrientes necesarios, coma o fósforo ou outras sales minerais, para o seu crecemento[1]. Ademais isto permite estimar a idade das colonias da posidonia, xa que tense avaliado que para medrar medio metro verticalmente, a posidonia precisa de preto de cen anos. Por tanto este é un bo dato para avaliar o estado de conservación dos ecosistemas alí onde se atopa.

Froito

Ademais dos nutrientes minerais, a posidonia necesita realizar a fotosíntese para así poder sintetizar a glucosa necesaria para o crecemento e reprodución [1]. Esta dependencia da luz fai que a súa presenza só sexa factible naquelas augas máis superficiais (ata os 35-40 metros) e naquelas augas menos contaminadas e arredadas a desembocaduras de ríos e areais [1]. Polo tanto a dobre dependencia da luz e dos nutrientes, fai que a posidonia teña un ciclo vital anual de gran complexidade. Para o crecemento son necesarios ambos factores, mais estes non existen de maneira abundante na mesma época do ano[1]. Así tense estudado, que durante o verán (con máximos de intensidade lumínica) a glucosa sintetizada na fotosíntese é almacenda nos rizomas e raíces en forma de amidón[1]. Durante o outono e inverno, a luz diminúe, mais as augas mariñas dispoñen dese momento da maior concentración de nutrientes, polo que a especie leva a cabo o proceso da respiración para sintetizar os outros compoñentes necesarios: lípidos, proteínas,...[1] Na primavera e inicio do verán a especie acada o seu pico de crecemento e reprodución aproveitando as reservas acumuladas nos meses previos[1]. Ata chegar a pleno verán, no que o crecemento se interrompe para comezar o mesmo ciclo de novo[1].

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Existen varias maneiras polas cales se dispersa e reproduce a especie. Por unha banda os rizomas poden medrar horizontalmente, ocupando pouco a pouco novas áreas de distribución. Este proceso é moi lento, xa que se ten estimado un crecemento de 5 cm. por ano[1].

Imaxe dun rizoma

Unha segunda maneira de colonización é a propagación de rizomas arrincados da planta orixinal. Estes son desprazados polas correntes mariñas, ata ser depositados nun lugar axeitado para enraizar[1]. Por último coma planta anxiosperma, a posidonia dispón de flores e sementes, propias dunha reprodución sexual. As augas máis cálidas son as que permiten con maior facilidade este tipo de reprodución. Estas sementes son verdosas e medran en acios. Trala polinización, sepáranse e flotan na superficie, sendo transportadas durante quilómetros ata atoparen algún lugar axeitado onde xerminar[1]. Cada metro cadrado de posidonia pode conter máis de 1000 acios, cada un dos cales pode ter entre 5 e 6 follas. Colocadas unhas ó carón doutras, a extensión total cuberta serían duns 40 metros cadrados. A pesar de todas estas opcións, a resiliencia da especie é moi lenta; polo que para recuperar colonias desaparecidas necesítanse décadas, ou incluso séculos dependendo da extensión orixinal[1].

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

A existencia da posidonia afecta directamente á liña costeira onde se atopa. As follas alongadas permiten diminuír as correntes e a forza das ondas. O resultado é que as partículas en suspensión deposítanse e raramente se transportan, protexendo así a costa. Tense observado que a eliminación de zonas extensas de posidonia afectan negativamente a costa, aumentando a erosión. Pola tanto trátase dunha especie fundamental para a estabilidade dos areais. Ademais as praderías de posidonia son uns grans sumidoiros de [[CO2]] e ademais osixenan e clarifican a auga. Adicionalmente as follas mortas acuguladas no litoral achegan area de gran calidade, grazas ós esqueletos de sílice e carbonato dos epífitos mortos que medraban sobre elas.

Biodiversidade

[editar | editar a fonte]

Finalmente son capaces de desenvolver un hábitat específico que alberga un gran número de especies e son a base de moitos ecosistemas mariños. Así téñense citado ata 39 especies de peixes que empregan as pradeiras de posidonia coma refuxio ou alimento[2], tales coma as bogas (boops boops), as sabogas, o symphodu ocellatus ou a serranus scriba. Tamén os invertebrados, sérvense da posidonia con diversos fins. Citar a ameixa xigante (Pinna nobilis, endémica do mediterráneo e considerada en perigo), a estrela de capitán pequena (asterina pancerii, ameazada), o smaragdia viridis (pequeno caracol verde que se alimenta das follas) ou o crustáceo isópodo (stenoroma appediculatum)[2].

Pinna nobilis con Posidonia

Follas e rizomas proporcionan un hábitat ideal para a creación e o desenvolvemento de múltiples especies vexetais e animais “sésiles”, que á súa vez atraen outros animais. Ademais a complexa estrutura do sistema da posidonia leva á creación de múltiples microhabitats que representan moitas comunidades bióticas, dende a coralina ata ós fondos móbiles. Isto explica que unha hectárea de pradería de posidonia poida xerar ata 30 toneladas de material orgánico e é o fogar dunha biomasa animal superior ás 10 toneladas, con preto de 500 especies de diversos xéneros e especies. Un único metro cadrado de pradería pode producir preto de 14 litros de osíxeno ó día mediante a fotosíntese. Ademais son o lugar único de reprodución de moitas especies, tanto as que viven permanente coma as esporádicas. O seu ciclo anual renovase cada ano, e en cada unha das fases predominan uns organismos sobre outros. Así os primeiros en establecerse nas follas novas son as bacterias, as cales forman unha parede que dalgún xeito inhiben as propias substancias defensivas xeradas pola posidonia. Deste xeito foméntase ó asentamento de micro algas (especialmente nas zonas máis expostas á luz solar). Posteriormente establécense macrófagas. Responsables de que as colonias de posidonia cambien de cor, pasando do verde ó marrón ou ó rosa, dependendo da especie colonizadora. A simbiose é tal que moitas veces as incrustacións das algas na folla da posidonia son observables a simple vista. Así téñense documentado as estruturas regulares máis habituais. Dende os túneles brancos do briozoos Electra posidoniae ou os acios do hidroideo Aglaophenia. Xunto destes pódese atopar as formacións rosas do foroaminífero Miniacina miniacea, cuxos restos, cando transportados son responsables da coloración rosa das costas Sardas do mesmo nome. Ademais de colonizadores, tamén existen depredadores. Así a Sarpa salva, os crustáceos do xénero Idothea ou os ourizos de mar aliméntanse directamente das follas.

Distribución

[editar | editar a fonte]

O rango de distribución da posidonia vai dende a costa occidental de Andalucía ata o mar de Mármara. Esta presente en todos os países do mar Mediterráneo, agás no Líbano e Israel[2]. A pesar da súa ampla distribución, considérase que a posidonia só cobre un 2% da extensión total do Mediterráneo. De feito a súa expansión está en continuo declive, debido a polución e á influencia humana sobre o leito mariño. Así, existen estimacións dunha superficie total de Posidonia no ano 2014, de entre 2,5 e 4,5 millóns de hectáreas, das cales 10.000 hectáreas atoparíanse en España[2]. En España, a posidonia distribúese dende o Cap de Creus ata Xibraltar, sendo Andalucía a que alberga unha maior extensión de pradeira e cun maior grado de conservación, e sendo Almería a provincia coas pradeiras máis extensas e mestas.[2] Para mellorar o estado de conservación e protexer este ecosistema desenvolveuse entre o 2011 e 2015, o proxecto LIFE Posidonia[3]. Neste proxecto actuábase en 9 LICs andaluces que albergaban a maior parte da posidonia andaluca. Estes LIC son[3]:

  • Fondos mariños Levante almeriense
  • Illote de San Andrés
  • Cabo de Gata-Nijár
  • Baixos de Roquetas de Mar
  • Fondos mariños Punta Entina-Sabinar
  • Cantís de Maro - Cerro Gordo
  • Calahonda
  • Fondos mariños El Saladillo - Punta de Baños
  • Fondos mariños Baía de Estepona

Figuras de protección

[editar | editar a fonte]

Pola súa importancia biolóxica e a súa progresiva desaparición, son varias as figuras de protección que protexen esta especie[2]:

  • Protexida pola Directiva Hábitats e o Regulamento 1967/2006 sobre pesca sustentable no Mediterráneo a nivel da Unión Europea.
  • Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, Documento BOE-A-2007-21490.
  • Presente no Listado de Especies Silvestres en réxime de protección especial (Real Decreto 139/2011)

Na práctica, algunha das medidas que se toman para protexer as posidonias son[2]:

  • Emprego de boias de fondo: As embarcacións de mergullo ou de lecer xa non empregan áncoras.
  • A construción de arrecifes artificiais.
  • Control e erradicación de algas exóticas (coma a Caulerpa sacemora ou a Lophocladia lallemandi).
  • Medidas de vixilancia.
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Romero, J. Col.lecció Norai 9, ed. Posidònia: els prats dels fons del mar. ISBN 8460636291. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Varios autores (11.2014). "Suplemento Life + Posidonia Andalucía". Quercus. 
  3. 3,0 3,1 "Proxecto Life+Posidonia de Andalucía". Consultado o 19 de agosto de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • El Mar mediterráneo : fauna, flora, ecología. Robert Hofrichter. Barcelona : Omega, cop. 2004. (en castelán)