Portal:Muller/Artigo destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Muller:

1[editar a fonte]

O concerto delle donne ou canto delle dame (lit. conxunto de mulleres) foi unha agrupación profesional de cantantes femininas da corte de Ferrara (Italia) de finais do Renacemento, que tivo gran renome polo seu virtuosismo técnico e artístico. A agrupación foi fundada por Afonso II, duque de Ferrara, en 1580 e estivo activa ata a disolución da corte en 1597. Giacomo Vincenti, un editor musical, loou a estas mulleres como "virtuose giovani" (novas virtuosas), facéndose eco dos sentimentos de cronistas e comentaristas contemporáneos.

As orixes da agrupación encóntranse nun grupo de afeccionados cortesáns de alto rango que interpretaban música os uns para os outros no contexto da informal musica secreta do duque na década de 1570. A agrupación foi evolucionando cara a un grupo só de mulleres profesionais, o concerto delle donne, que ofreceu concertos formais para os membros do círculo íntimo da corte e visitantes importantes. O seu estilo de canto florido e altamente ornamentado levou prestixio a Ferrara e inspirou a compositores da época.

O concerto delle donne revolucionou o papel da muller na música profesional, e continuou a tradición da corte de Este como centro cultural. A fama do grupo de mulleres espallouse por toda Italia, inspirando imitacións nas poderosas cortes dos Medici e os Orsini. A fundación do concerto delle donne foi o acontecemento máis importante na música secular italiana a finais do século XVI; as innovacións musicais que se estableceron na corte foron importantes no desenvolvemento do madrigal, e finalmente a seconda pratica.


2[editar a fonte]

O feminismo é un conxunto de teorías sociais, movementos políticos e filosofías morais, principalmente motivadas por ou concernentes ás experiencias das mulleres, especialmente referidas á súa situación social, política e económica. Como movemento social, o feminismo principalmente está enfocado a erradicar a desigualdade de xénero e promover os dereitos das mulleres e os seus intereses na sociedade. Isto tamén concirne ao efecto que producen os roles de xénero nos homes, e o estímulo aos homes para trocar os roles tradicionais masculinos.

O feminismo alterou principalmente as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade occidental, desde a cultura ao dereito. As activistas feministas fixeron campañas polos dereitos legais das mulleres (dereitos de contrato, dereitos de propiedade, dereitos ao voto), polo dereito da muller á súa autonomía e á integridade do seu corpo (dereitos ao aborto e dereitos reprodutivos —incluíndo o acceso á contracepción—), pola protección contra a violencia de xénero e a sexual ou polo remate da discriminación no traballo en todas as súas formas.


3[editar a fonte]

O Ilves Naiset, ou simplemente Ilves, é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere (Finlandia). Actualmente compite na Naisten Liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, sendo un dos equipos fundadores da competición e o único que disputou todas as edicións da mesma. Logo de ter empregado distintas pistas da cidade, na década de 1980 o equipo xogou na pista de xeo de Koulukatu, e dende 1989 xoga os seus partidos como local no Tesoman jäähalli, un pavillón con capacidade para 1 500 persoas.

Comezou as súas operacións contra o ano 1971 e inicialmente xogaba contra equipos masculinos de categoría júnior ata que en 1982 comezou a competir de xeito oficial na recentemente creada Naisten SM-sarja. Trátase do segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo feminino finlandés, tendo dominado o campionato nacional durante a última metade da década de 1980 e os primeiros anos da década de 1990. O equipo gañou o seu primeiro campionato en 1985 e logo conquistou nove campionatos máis, se ben a última vez que gañou o campionato foi en 2010, e cun total de 28 medallas (10 de ouro, 12 de prata e 6 de bronce) é o equipo con máis metais da historia da competición. En 2011 Ilves Naiset converteuse no único equipo feminino finlandés en alzar un título continental logo de conquistar a IIHF European Women's Champions Cup.

Ao longo da historia do equipo pasaron polas súas filas algunhas das xogadoras máis destacadas do hóckey sobre xeo feminino finlandés. Sete antigas xogadoras do equipo ingresaron no Salón da Fama do Hóckey sobre Xeo Finlandés, unha delas, Anne Haanpää, pola súa traxectoria na arbitraxe. O Ilves retirou os números 10, 15 e 16 en honor a Anne Haanpää, Johanna Koivula, e Marianne Ihalainen respectivamente. Ademais, tres mulleres do equipo foron homenaxeadas no chamado "Ilves Hockey Legends", no que están incluídas algunhas das personalidades máis destacadas do equipos de hóckey sobre xeo do Ilves, tanto en categoría feminina como na masculina.


4[editar a fonte]

O Itinerario de Exeria, tamén coñecido como Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae ou Peregrinatio ad Loca Sancta, é un conxunto de textos en latín escritos por Exeria relatando a súa peregrinación dende a Gallaecia ata Terra Santa entre os anos 381 e 384

Como libro de viaxes, é unha fonte importante para coñecer a situación naquel momento das zonas percorridas. Nel detállanse costumes dos nativos, crenzas populares, rituais relixiosos e expresións da fala vernácula. Está redactado en primeira persoa no latín coloquial utilizado na vida diaria, cunha espontaneidade natural que difire do estilo solemne propio da lingua escrita. O seu valor é filolóxico, sociolóxico e literario.

Presentado de forma epistolar, o manuscrito documenta o longo itinerario a través dunha serie de cartas que ofrecen datos, anécdotas e detalles interesantes dos lugares visitados. É moito máis que unha simple guía informativa; é unha crónica humana na que a autora expresa os seus sentimentos ante cada situación e describe con empatía o trato que recibe das persoas coas que se cruza. O relato está dirixido a un grupo de mulleres mencionadas coa locución “dominae sorores”, unha fórmula habitual para referirse a amigas e compañeiras.

Algúns expertos consideran que é o primeiro texto dunha escritora galega.


5[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/5

6[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/6

7[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/7

8[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/8

9[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/9

10[editar a fonte]

Portal:Muller/Artigo destacado/10