Ponte da Ramallosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°06′55″N 08°48′45″O / 42.11528, -8.81250

Ponte da Ramallosa
Puente romanico de Ramallosa.JPG
Localización
RíoMiñor
ConcelloNigrán - Baiona
ProvinciaPontevedra
Características
ConstruciónSéculo XIII
Lonxitude36 m
TipoRománico-gótico
Materialpedra

A ponte da Ramallosa é unha construción románica sobre o río Miñor, entre as parroquias da Ramallosa (Nigrán) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).

Historia[editar | editar a fonte]

Desembocadura do Miñor nunha postal de Eugenio Krapf.

Segundo a tradición, a ponte foi mandada construír no século XIII por Pedro González Telmo[1], bispo de Tui, despois da fundación da vila de Baiona por Afonso IX (rei de León e Galicia) en 1201. Posiblemente con anterioridade houbera outra ponte, pola que discorría a vía romana XX (per loca maritima) do itinerario de Antonino.

A ponte, de 36 m, ten 10 arcos, algúns apuntados e outros de medio punto, con luces de entre 3 e 5,5 m. Os piares teñen un espesor bastante uniforme, próximos aos 5 m. Os tallamares, situados a ambos os dous lados, son apuntados de planta triangular, formando uns apartadoiros ao nivel da calzada.

Ten un perfil lixeiramente alombado cunha suave pendente. A calzada está pavimentada con lousas irregulares de pedra. A anchura entre os peitorís varía entre 3,17 e 3,37 m. O peitoril actual é baixo, formado por unha soa fiada de cachotes.

Nun dos piares centrais hai un pequeno altar cun cruceiro, que ten na columna unha imaxe de San Telmo e unha escena dunhas ánimas queimándose no purgatorio.

A carón da ponte celebrábanse ritos relacionados coa fertilidade[1]. Segundo a tradición, a muller que non lograba ter fillos debía verter sobre o seu ventre auga do río. Para que este conxuro fora efectivo debía realizarse ás 12 da noite e, ademais, o padriño da criatura debía ser a primeira persoa que atravesase a ponte logo de realizar o rito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Vaqueiro, V. (1998): Guía da Galiza máxica. Ed. Galaxia. Páx. 211. ISBN 9788482882055.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]