Saltar ao contido

Placa de ágar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Placa de ágar na que se fixo unha sementeira por estrías de microorganismos illados de esponxas mariñas de grandes profundidades, na que se ven colonias illadas no centro.

Unha placa de ágar é unha placa de Petri que contén un medio de cultivo formado por ágar e nutrientes, que se utiliza para o cultivo de microorganismos, principalmente bacterias, ou de pequenas plantas como certos brións da especie Physcomitrella patens.

Ao medio de cultivo poden engadirse tamén compostos para o crecemento selectivo, como antibióticos.[1]

As células de microorganismos forman na placa colonias, que é o que se ve a simple vista na placa. Cada colonia é un clon xenético idéntico ao do organismo inicial que foi sementado nesa zona da placa (agás casos raros de mutacións, que o fagan cambiar). Deste modo a placa pode usarse para estimar a concentración de organismos nun cultivo microbiolóxico líquido ou nunha dilución axeitada dese cultivo usando un contador de colonias, ou tamén para xerar cultivos xeneticamente puros a partir de cultivos mixtos de organismos xeneticamente diferentes, usando unha técnica coñecida como "sementeira por estrías". Nesta técnica, ríscase sobre a superficie do ágar cunha asa de sementeira (ou inoculador) inicialmente estéril, que recolleu unha pinga dun cultivo no seu extremo. Ao facermos este riscado van quedando nas estrías microorganismos, que orixinarán colonias; quedan un gran número de microorganismos nas primeiras estrías e poucos nas últimas. Chegado a certo punto durante unha "sementeira" exitosa, o número de microorganismos depositados será tan pequeno que se formarán colonias individualizadas nesa área, que poden ser despois retiradas para pasalas a outros cultivos usando outra asa de sementeira estéril.[1]

En 1881, Fanny Hesse, que traballaba como técnica para o seu marido no laboratorio de Robert Koch, suxeriu que o ágar era un axente efectivo para a implantación de cultivos bacterianos, xa que se levaba utilizando na fabricación de confituras desde había certo tempo.[2]

Placa de ágar vista nun contador de colonias electrónico.

Igual que noutros medios de cultivo, as formulacións de ágar utilizadas nas placas poden clasificarse como "definidas" ou "non definidas". Os medios definidos prepáranse cos compostos químicos requiridos polo organismo dos cales se coñece a súa composición molecular exacta, mentres que os medios non definidos prodúcense a partir de produtos naturais como pode ser o extracto de lévedo, dos que non se coñece a composición química precisa.[3]

As placas de ágar poden formularse para que sexan placas permisivas, nas cales se pretende que crezan todos os tipos de organismos que estean presentes, ou restritivas ou selectivas, nas que se pretende que só creza un determinado tipo de organismos.[4] O medio selectivo pode conter un requirimento nutricional, como por exemplo, un determinado composto como a lactosa, que funciona como única fonte de carbono, e así selecciónanse só organismos que poden metabolizar ese composto, ou tamén pode incluír un determinado antibiótico ou outra substancia para que se seleccionen só aqueles organismos que son resistentes aos antibióticos ou a esa substancia. Isto está correlacionado en certa medida cos medios definidos e non definidos; os medios non definidos, ao estaren feitos de produtos naturais e conteren unha combinación descoñecida de moitas moléculas orgánicas, son tipicamente máis permisivos en canto a que cobren as necesidades dunha ampla variedade de organismos, mentres que os medios definidos poden ser deseñados con precisión para seleccionar organismos con determinadas características.

As placas de ágar poden ser tamén placas indicadoras nas cales os organismos non se seleccionan polo seu crecemento nelas, senón por un cambio de cor nalgunhas colonias, xeralmente causado pola acción dun encima sobre determinados compostos engadidos ao medio.

Algunhas placas de ágar usadas comunmente son:

Glóbulos vermellos do sangue en placa de ágar utilizados para a diagnose de infeccións. Á esquerda un cultivo positivo para Staphylococcus, e á dereita un cultivo positivo para Streptococcus.
Hemólise de Streptococcus spp. (esquerda) α-hemólise (S. mitis); (no medio) β-hemólise (S. pyogenes); (dereita) γ-hemolysis (= non hemolítico, S. salivarius).

Ágar sangue

[editar | editar a fonte]
Placa de ágar sangue (BAP)

As placas de ágar sangue (BAP polas súas siglas en inglés) conteñen sangue de mamífero (xeralmente de ovella ou cabalo), normalmente a unha concentración de 5–10%. Son medios enriquecidas e diferenciais usados para illar os organismos esixentes e detectar a actividade hemolítica. A actividade β-hemolítica produce a lise e completa dixestión do contido dos glóbulos vermellos que rodean á colonia. Exemplo de bacteria β-hemolítica é Streptococcus haemolyticus. A α-hemólise só lisa parcialmente a hemoglobina (as células son lisadas ou non, e a dixestión é incompleta) e aparecen verdes ou castañas (debido á conversión de hemoglobina en metahemoglobina). Un exemplo deste tipo é Streptococcus viridans. A γ-hemólise (propia dun organismo non hemolítico) refírese á falta de actividade hemolítica. Contén extracto de carne, triptona, cloruro de sodio, e ágar.

Ágar chocolate

O ágar chocolate (CHOC) é un tipo de placa de ágar sangue na cal as células sanguíneas foron lisadas ao quentar as células a 56 °C. O ágar chocolate utilízase para cultivar bacterias respiratorias esixentes, como Haemophilus influenzae. O nome de chocolate débese á cor que adquire o sangue da placa ao quentalo, pero non contén chocolate.

Ágar sangue de cabalo

Ágar sangue de cabalo (HBA polas súas siglas en inglés) é un tipo de medio de cultivo microbiolóxico enriquecido. Ao estar enriquecido permite o creecemento nel de certas bacterias esixentes, e serve para indicar a actividade hemolítica neses cultivos.

Ágar Thayer-Martin

O ágar Thayer-Martin (TM) é un tipo de ágar chocolate deseñado para illar Neisseria gonorrhoeae.

Ágar sales-sacarosa tiosulfato-citrato-bile

O ágar sales-sacarosa tiosulfato-citrato-bile (TCBS polas súas siglas en inglés) potencia o crecemento de Vibrio spp., incluída Vibrio cholerae [5]

Medios xerais para bacterias

[editar | editar a fonte]
Catro tipos de placas de ágar no que se demostra o crecemento diferencial dependendo do metabolismo bacteriano.
Utilízase para o illamento de Enterococcus e de Streptococcus do grupo D.
O ágar CLED utilízae para illar e diferenciar bacterias do tracto urinario, xa que inhibe a especies do xénero Proteus e pode diferenciar entre fermentadores e non fermentadores de lactosa.
O ágar HE está deseñado para illar e recuperar bacterias fecais que pertencen á familia Enterobacteriaceae. O ágar HE é especialmente útil para illar Salmonella e Shigella.
É un medio selectivo e diferencial utilizado para bacterias gramnegativas, xa que inhibe o crecemento de bacterias grampositivas. O que inhibe o crecemento da maioría das bacterias grampositivas e fai a este medio selectivo é a adición de sales biliares e cristal violeta. Engádense lactosa e vermello neutro para diferenciar os fermentadores de lactosa, que forman colonias rosas, dos non fermentadores de lactosa, que forman colonias claras. Un medio alternativo chamado eosina azul de metileno (EMB) serve para un propósito similar.
O MSA é tamén un medio selectivo e diferencial. O manitol indica os organismos que fermentan manitol: a fermentación de manitol produce ácido láctico, o que baixa (acidifica) o pH e fai que a placa se poña amarela. O sal (cloruro sódico) é para seleccionar os organismos halófilos, de modo que aqueles organismos que non poidan resistir altas concentración de sal non crecerán ben nel.
O MHA contén infusión de carne, peptona, e amidón e utilízase principalmente para probar a susceptibilidade a antibióticos. Pode estar en forma de ágar sangue.
Fungos (ascomicetes) crecendo en cultivo axénico, cada un deles é un cultivo dun organismo seleccionado e está libre doutros organismos, o que permite o estudo de organismos illados.
Aspergillus niger cultivados en ágar pataca dextrosa.
O ágar nutriente utilízase xeralmente para o crecemdento de organismos non esixentes e a observación da produción de pigmentos. O seu uso en laboratorios escolares de ciencias non é perigoso porque nel non crecen selectivamente bacterias patóxenas.
O ágar Önöz permite unha diagnose bacteriolóxica máis rápida, xa que as colonias de bacterias do xénero Salmonella e Shigella poden diferenciarse de forma clara e fiable doutras Enterobacteriaceae. Cando se usa este medio, o rendemento da produción de colonias de Salmonella a partir de mostras fecais é máis alto que o obtido usando ágar LEIFSON ou ágar Salmonella–Shigella (SSA).
O PEA selecciona os Staphylococcus pero inhibe os bacilos gramnegativos (por exemplo, Escherichia coli, Shigella, Proteus etc.).
Un ágar non específico que imita o medio acuuoso. Usado para a análise de augas.
O TSA é un medio de uso xeral producido por dixestión encimática de sementes de soia e caseína. O TSA con frecuencia úsase como medio base doutros tipos de ágar; por exemplo, as placas de ágar sangue fanse enriquecendo placas de TSA con sangue, como se explicou anteriormente.
As placas de TSA serven para cultivar moitas bacterias semiesixentes, incluíndo algunhas especies de Brucella, Corynebacterium, Listeria, Neisseria, e Vibrio.
O XLD utilízase para o cultivo de bacterias a partir de mostras fecais humanas e contén dous indicadores. Está formulado para inhibir bacterias grampositivas, e para favorecer o crecemento de bacilos gramnegativos. As colonias de especies fermentadoras de lactosa aparecen de cor amarela.
Tamén se usa para cultivar posibles Salmonella presentes nunha mostra. A maioría das colonias de Salmonella presentan un centro negro con XLD.
O ágar cetrimida é un tipo de ágar que contén cetrimida usado para o illamento selectivo de bacterias gramnegativas da especie Pseudomonas aeruginosa.

Medios para fungos

[editar | editar a fonte]
Vista da base dunha placa de ágar Sabouraud cunha colonia de Trichophyton rubrum var. rodhaini.
O ágar Sabouraud utilízase para cultivar fungos e ten un pH baixo que inhibe o crecemento da maioría das bacterias; tamén contén o antibiótico xentamicina para inhibir especificamente o crecemento de bacterias gramnegativas.
Específico para o cultivo de mofos mucosos (que, en realidade, non son fungos).
PDA, utilizado para cultivar certos tipos de fungos.
Ágar de extracto de malte
O ágar de extracto de malte ten un alto contido de peptona e é ácido. Utilízase esencialmente no illamento de microorganismos fúnxicos.

Medios para brións

[editar | editar a fonte]
  • Ágar Knop
O ágar Knop utilízase para cultivar axenicamente (cultivo puro) protonemas e brións adultos, como os da especie Physcomitrella patens, usada en experimentos como organismo modelo.[6]
  1. 1,0 1,1 Madigan M, Martinko J (editors). (2005). Brock Biology of Microorganisms (11th ed. ed.). Prentice Hall. ISBN 0-13-144329-1. 
  2. "History of the agar plate". Laboratory News. Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2010. Consultado o 2010-02-22. 
  3. Baron S et al., (editors). (1996). Baron's Medical Microbiology (4th ed. ed.). University of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1. 
  4. Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed. ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  5. 5,0 5,1 Fisher, Bruce; Harvey, Richard P.; Champe, Pamela C. (2006). Lippincott's Illustrated Reviews: Microbiology (Lippincott's Illustrated Reviews Series). Hagerstown, MD: Lippincott Williams & Wilkins. ISBN 0-7817-8215-5.  Páxina 338
  6. Ralf Reski and Wolfgang O. Abel (1985): Induction of budding on chloronemata and caulonemata of the moss, Physcomitrella patens, using isopentenyladenine. Planta 165, 354-358.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Diferentes tipos de ágar específicos:

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]