Streptococcus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Clasificación dos estreptococos.

Streptococcus (estreptococo) é un xénero de bacterias grampositivas esféricas (cocos) pertencentes ao filo Firmicutes[2] e ao grupo das bacterias do ácido láctico. A súa división celular ten lugar ao longo dun só eixe, polo que crecen formando cadeas ou parellas, de onde vén a raíz inicial do seu nome (do grego στρεπτος streptos, que significa dobrado ou retorto, como unha cadea, ou cadea retorta). Isto diferénciaos dos estafilococos, que se dividen ao longo de múltiples eixes e orixinan grupos con forma de acio en vez de cadeas. A maioría dos estreptococos son oxidase negativos e catalase negativos, e moitos son anaerobios facultativos.

En 1984, moitos organismos antes considerados Streptococcus foron separados e pasados aos xéneros Enterococcus e Lactococcus.[3]

Streptococcus pertence á clase Bacilli, que inclúe tanto bacterias con forma de bacilo coma de coco (esféricas).

Patoxénese e clasificación[editar | editar a fonte]

Son responsables da farinxite esptreptocócica, a ademais, certas especies de Streptococcus poden producir meninxite, pneumonía bacteriana, endocardite, erisipela e fascite necrotizante. Porén, moitas especies de estreptococos non son patóxenas, e forman parte do microbioma comensal humano da boca, pel, intestino, e aparato respiratorio superior. Ademais, os estreptococos son un ingrediente necesario para producir o queixo suízo Emmental.

As especies de Streptococcus clasifícanse segundo as súas propiedades hemolíticas.[4] As especies alfa hemolíticas causan a oxidación do ferro das moléculas de hemoglobina dos glóbulos vermellos, dando unha cor verde en medio de ágar sangue. As especies beta hemolíticas causan a rotura completa dos glóbulos vermellos. Cultivadas en ágar sangue aparecen amplas áreas claras de células sanguíneas rodeadas de colonias bacterianas. As especies gamma hemolíticas non causan hemólise.

Os estreptococos beta-hemolíticos poden ser caracterizados con máis detalle polo serotipado de Lancefield, que depende dos carbohidratos específicos presentes na parede celular bacteriana.[5] Hai 20 serotipos descritos, chamados grupos A ao V de Lancefield (exclúenese os I e J).

No ambiente clínico, os grupos máis importantes son os estreptocos alfa-hemolíticos S. pneumoniae e o grupo Viridans, e os estreptococos beta-hemolíticos dos grupos de Lancefield A e B (tamén chamados “strep grupo A” e “strep grupo B”).

Alfa-hemolíticos[editar | editar a fonte]

Pneumococos[editar | editar a fonte]

O grupo Viridans[editar | editar a fonte]

Este grupo non ten antíxenos dos grupos de Lancefield definidos pero non son S. pneumoniae. Forman parte da flora normal do tracto respiratorio pero tamén causan carie dental, endocardite bacteriana, e outros trastornos en hóspedes inmunodeprimidos.[6]

Beta-hemolíticos[editar | editar a fonte]

S. viridans alfa hemolitico (dereita) e S. pyogenes beta-hemolítico (esquerda) crecendo en ágar sangue.

Grupo A[editar | editar a fonte]

S. pyogenes, tamén coñecido como Streptococcus do grupo A (GAS), é o axente causante dun gran número de infeccións. Estas infeccións poden ser non invasivas ou invasivas. As infeccións non invasivas tenden a ser máis comúns e menos graves. As máis comúns destas infeccións son a farinxite estreptocócica e o impétigo.[7] A escarlatina é tamén unha infección non invasiva, pero é pouco frecuente na nosa época.

As infeccións invasivas causadas polos estreptococos β-hemolíticos do grupo A tenden a ser máis graves e menos comúns. Ocorren cando a bacteria infecta áreas nas que non se atopa habitualmente, como o sangue e os órganos.[8] As enfermidades que poden causar son, entre outras: síndrome de choque tóxico estreptocócico (STSS), fascite necrotizante, pneumoníaa, e bacteremia.[7]

Complicacións adicionais poden ser febre reumática aguda e glomerulonefrite aguda. A febre reumática é unha doenza que afecta ás articulacións, riles, e válvulas cardíacas, é unha consecuencia de infeccións de estreptococos A non tratadas pero non causadas directamente pola bacteria, senón por anticorpos producidos polo sistema inmunitario para loitar contra a infección que establecen reaccións cruzadas con outras proteínas do corpo. Estas reaccións cruzadas son as que causan os danos. Globalmente, estímase que os estreptococos do grupo A causan máis de 500.000 mortos ao ano, o que os converte nuns dos patóxenos máis importantes no mundo.[7] As infeccións polos estreptococos do grupo A diagnostícanse xeralmente con Test Rápido Strep ou por cultivo.

Group B[editar | editar a fonte]

S. agalactiae, ou streptococos do grupo B (GBS), causa pneumonía e meninxite en neonatos e en anciáns, con bacteremia sistémica ocasional. Poden tamén colonizar os intestinos e o tracto reprodutor feminino, o que incrementa o risco de rotura prematura de membranas durante o embarazo, e a transmisión do microorganismo ao meniño. Existe unha proba para detectar a presenza do microorganismo da nai antes do parto. Cando as mulleres dan positivo na proba poderían ter que recibir antibióticos profilácticos durante o parto, como prevención para o contaxio do neno.[9] Por exemplo, no Reino Unido, onde só o 1% das unidades de maternidade fan a proba para o GBS,[10] morren uns 75 meniños ao ano por enfermidades relacionadas con GBS, e sofren infeccións graves outros 600.[11][12]

Group C[editar | editar a fonte]

Este grupo inclúe a S. equi (un descendente clonal ou biovar do ancestral S. zooepidemicus), que causa infeccións do tracto respiratorio superior nos cabalos,[13] e a S. zooepidemicus, o cal causa infeccións en varias especies de mamíferos, como bovinos e cabalos. Streptococcus dysgalactiae é tamén membro do grupo C de estreptococos β-hemolíticos que poden causar farinxite e outras infeccións pióxenas similares ás dos estreptococos do grupo A.

Grupo D (enterococos)[editar | editar a fonte]

Moitos antigos membros do grupo D de estreptococos foron reclasificados e situados no xénero Enterococcus (incluídos Enterococcus faecalis, Enterococcus faecium, Enterococcus durans, e Enterococcus avium).[14] Por exemplo, Streptococcus faecalis chámase agora Enterococcus faecalis.

As restantes cepas non enterocócicas do grupo D inclúen a Streptococcus bovis e Streptococcus equinus.

Os estreptococos non hemolíticos raramente causan doenzas. Porén, os estreptococos do grupo D beta-hemolíticos debilmente hemolíticos e mais Listeria monocytogenes (que en realidade é un bacilo grampositivo) non deberían confundirse cos estreptococos non hemolíticos.

Grupo F[editar | editar a fonte]

Os estreptococos do grupo F foron descritos en 1934 por Long e Bliss entre os "estreptococos hemolíticos diminutos".[15] Tamén se coñecen como Streptococcus anginosus (de acordo co sistema de clasificación de Lancefield) ou membros do grupo de S. milleri (de acordo co sistema europeo de clasificación).

Grupo G[editar | editar a fonte]

Estes estreptococos son xeralmente, pero non exclusivamente, beta-hemolíticos. Un exemplo é Streptococcus canis, que se encontra tipicamente en animais, pero que pode causar infeccións en humanos.

Grupo H[editar | editar a fonte]

Os estreptococos do grupo H causan raras infeccións orixinadas por bacterias que se encontran en cans de tamaño medio. Raramente causan enfermidades nos humanos, a non ser que estes teñan contacto directo coa boca do can, ou ben o can pode lamber as mans do humano e desde alí producirse o contaxio.

Taxonomía molecular e filoxenética[editar | editar a fonte]

Árbore filoxenética das especies de Streptococcus, baseada en datos da base de datos PATRIC.[16] Os grupos de ARNr 16S están indicados con corchetes (á dereita) e os seus membros máis importantes están indicados en vermello.

Os estreptococos foron divididos en seis grupos baseándose nas secuencias do seu ADNr (xenes do ARNr 16S), que son: Anginosus, Bovis, Mitis, Mutans, Pyogenes e Salivarius.[17] Os grupos do ARNr 16S foron confirmados por secuenciación de xenoma completo (ver figura). Os importantes patóxenos S. pneumoniae e S. pyogenes pertencen, respectivamente, aos grupos Mitis e Pyogenes, mentres que o axente causante da carie dental, Streptococcus mutans, ten unha posición basal entre os Streptococcus.

Xenómica[editar | editar a fonte]

Foron secuenciados os xenomas de moitas especies.[18] A maioría dos xenomas de Streptococcus teñen un tamaño entre 1,8 e 2,3 Mb e codifican de 1.700 a 2.300 proteínas. Na táboa móstranse algúns xenomas importantes.[19] As catro especies da táboa (pyogenes, agalactiae, pneumoniae, e mutans) teñen unha identidade de secuencia de proteínas de aproximadamente o 70%.[19]

Característica S. pyogenes S. agalactiae S. pneumoniae S. mutans
Pares de bases (bp) 1.852.442 2.211.488 2.160.837 2.030.921
ORFs 1.792 2.118 2.236 1.963
Profagos si non non non

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Result of detail taxonomy information". TXSearch Taxonomy Retrieval. DNA Data Bank of Japan. 19 February 2010. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2012. Consultado o 30 March 2010. 
  2. Ryan KJ, Ray CG, ed. (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  3. Facklam R (2002). "What happened to the streptococci: overview of taxonomic and nomenclature changes". Clin. Microbiol. Rev. 15 (4): 613–30. PMC 126867. PMID 12364372. doi:10.1128/CMR.15.4.613-630.2002. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 02 de xaneiro de 2013. 
  4. Patterson MJ (1996). Streptococcus. In: Baron's Medical Microbiology (Baron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1. 
  5. Facklam R (2002). "What happened to the streptococci: overview of taxonomic and nomenclature changes". Clin Microbiol Rev 15 (4): 613–30. PMC 126867. PMID 12364372. doi:10.1128/CMR.15.4.613-630.2002. 
  6. The free dictionary
  7. 7,0 7,1 7,2 Cohen-Poradosu, Ronit; Dennis L. Kasper (2007). "Group A Streptococcus Epidemiology and Vaccine Implications". Clinical Infectious Diseases. 
  8. "Streptococcal Infections (Invasive Group A Strep)". New York City Department of Health and Mental Hygiene. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2012. Consultado o 21 November 2012. 
  9. Schrag S, Gorwitz R, Fultz-Butts K, Schuchat A (2002). "Prevention of perinatal group B streptococcal disease. Revised guidelines from CDC". MMWR Recomm Rep 51 (RR-11): 1–22. PMID 12211284. 
  10. Hughes, RG; et al. "Prevention of Early Onset Neonatal Group B Streptococcal Disease". Royal College of Obstetricians and Gynaecologists. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2008. Consultado o 02 de xaneiro de 2013. 
  11. "Group B Strep Support Home Page". Group B Strep Support. 2007-01-09. 
  12. "RCOG: Preventing group B streptococcus infection in new born babies". RCOG. 2006-02. Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2008. Consultado o 02 de xaneiro de 2013. 
  13. Harrington D, Sutcliffe I, Chanter N (2002). "The molecular basis of Streptococcus equi infection and disease". Microbes Infect 4 (4): 501–10. PMID 11932201. doi:10.1016/S1286-4579(02)01565-4. 
  14. Köhler W (2007). "The present state of species within the genera Streptococcus and Enterococcus". International Journal of Medical Microbiology 297 (3): 133–50. PMID 17400023. doi:10.1016/j.ijmm.2006.11.008. 
  15. Whitworth JM (1990). "Lancefield group F and related streptococci". J. Med. Microbiol. 33 (3): 135–51. PMID 2250284. doi:10.1099/00222615-33-3-135. 
  16. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 25 de novembro de 2013. 
  17. Kawamura Y, Hou XG, Sultana F, Miura H, Ezaki T (1995) Determination of 16S rRNA sequences of Streptococcus mitis and Streptococcus gordonii and phylogenetic relationships among members of the genus Streptococcus. Int J Syst Bacteriol 45: 406–408
  18. xenomas de Streptococcus Arquivado 10 de marzo de 2013 en Wayback Machine. e información relacionada en PATRIC
  19. 19,0 19,1 Ferretti, J. J.; Ajdic, D.; McShan, W. M. (2004). "Comparative genomics of streptococcal species". The Indian journal of medical research. 119 Suppl: 1–6. PMID 15232152.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]