Salmonela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Salmonella»)

Salmonella é un xénero bacteriano formado por bacilos gramnegativos, anaerobios facultativos, con flaxelos perítricos que rodean ó microorganismo e non desenvolve esporas. Son bacterias móbiles que producen sulfuro de hidróxeno. Non fermentan glicosa nin lactosa.

É un axente zoonótico de distribución universal. Transmítese por contacto directo ou contaminación cruzada durante a manipulación, no procesado de alimentos ou no fogar, tamén por vía sexual.

Microbioloxía[editar | editar a fonte]

Son bacterias gramnegativas. Crece con facilidade no medio de cultivo ágar sangue formando colonias de 2 a 3 milímetros. En laboratorios de microbioloxía clínica íllase con medios selectivos, Selenito, Hektoen, SS ou XLD, para inhibir o crecemento doutras bacterias patóxenas e da flora intestinal saprófita.

A taxonomía de Salmonella é complicada. Actualmente hai dúas especies dentro do xénero: Salmonella bongori (previamente subespecie V) e S. enterica, que se divide á súa vez en seis subespecies.

  • I enterica
  • II salamae
  • IIIa arizonae
  • IIIb diarizonae
  • IV houtenae
  • (V S. bongori, xa incluída nunha especie distinta)
  • VI indica

Cada subespecie á súa vez, está conformada por diversos serotipos, e ata a actualidade foron identificados máis de 2.500.

Patoxenia[editar | editar a fonte]

Produce gastroenterite, cun período de incubación de entre 5 horas e 5 días, diarrea e dor abdominal. A través das feces do enfermo elimínanse gran cantidade de bacterias; e febre entérica, cun período de incubación de 7 a 28 días, causante da dor de cabeza, febre, dor abdominal e diarrea, erupción máculo-papulosa en peito e lombo. Os enfermos presentan un período de convalecencia entre 1 e 8 semanas.

As persoas curadas eliminan Salmonella durante máis dun ano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]