Personaxes de O detective Conan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Esta é unha lista dos personaxes que aparecen no manga e mais o anime O detective Conan de Gosho Aoyama.

Principais[editar | editar a fonte]

Shinichi Kudo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Shinichi Kudo.

Shinichi Kudo é o protagonista desta historia. É un rapaz de 17 anos que ten engaiolada á policía de Toquio, pois coa súa idade xa ten resoltos unha chea de casos e resulta de grande axuda á policía nos máis complicados de resolver. O deporte que máis lle gusta é o fútbol e o seu personaxe literario favorito é Sherlock Holmes. Os seus pais son Yusaku Kudo, un sobranceiro escritor de novelas de misterio e Yukiko Kudo, unha famosa actriz. A súa mellor amiga dende que eran nenos é Ran Mouri da que está namorado.

Conan Edogawa[editar | editar a fonte]

Conan Edogawa é Shinichi encollido por mor da droga experimental dos Homes de Negro. Coa aparencia dun cativo segue a resolver os casos máis complicados aínda que moitas das veces todo o creto lévao o señor Mouri. O profesor Agasa fabrícalle unha morea de aparellos coma os tenis de forza, a paxariña imitadora de voces, o reloxo de dardos narcóticos ou os lentes radar.

Ran Mouri[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ran Mouri.

Ran Mouri é a amiga da infancia de Shinichi, do que está namorada. Vai o mesmo instituto ca el e é a capitana do equipo de karate, ten bastante caracter pero é moi boa persoa. Os seus pais son Kogoro Mouri, un detective de pouca monta e Eri Kisaki, unha prestixiosa avogada. Ran non sabe que Conan é Shinichi, aínda que o sospeita nalgúns capítulos ao longo da historia. A súa mellor amiga é Sonoko Suzuki.

Kogoro Mouri[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Kogoro Mouri.

Kogoro Mouri é o pai de Ran. Hai anos fora policía e traballara en moitos casos a carón do inspector Megure. Agora Kogoro traballa coma detective privado na súa Axencia de Detectives Mouri. Pouco a pouco vai gañando sona en todas partes grazas a Conan, xa que é este quen resolve os casos durmindo a Kogoro co seu reloxo de dardos e imitando a súa voz coa paxariña. Así é como empeza a ser coñecido polo seu novo alcume: Kogoro Dormente. A Kogoro non lle cae moi ben Shinichi porque pensa que ameaza a súa reputación coma detective sobranceiro.

A Organización dos Homes de Negro[editar | editar a fonte]

A Organización dos Homes de Negro é unha organización criminal secreta ficticia que fai o papel de antagonista principal na serie O detective Conan. Os primeiros membros dos que se soubo foron Gin e Vodka, os responsables da transformación en cativo de Shinichi Kudo.

Historia da Organización[editar | editar a fonte]

A Organización dos Homes de Negro comezou os seus tratos xa hai 50 anos. O seu membro coñecido máis antigo era Pisco (Kenzo Matsuyama) quen realizaba investigacións do campo. A Organización está presidida por un misterioso xefe, descoñecido, quen envía ordes aos integrantes por medio do teléfono móbil. Ademais os pais de Ai Haibara, tamén eran membros da Organización.

Cargos dentro da Organización[editar | editar a fonte]

A Organización ten varios cargos asignados dentro dela.

  • Científicos: son os que se encargan de produciren os fármacos para o portentoso arsenal da Organización.
  • Subordinados: compañeiros do xefe, asasinan a sangue frío. Gin e Vermouth son os encargados de desenvolveren a tarefa.
  • Francotiradores: a Organización posúe varios francotiradores para rematar coas vidas dos seus inimigos.
  • Xente de menor rango: membros da Organización que traballan nela co trato de saír algún día. Están chantaxeados. Akemi Miyano formaba parte deste grupo.

Membros principais[editar | editar a fonte]

Gin e Vodka[editar | editar a fonte]

Gin e Vodka son os nomes en clave das dúas persoas que lle administraron a droga a Shinichi. Pertencen á Organización dos Homes de Negro e pouco se sabe sobre eles. Gin ten maior cargo ca Vodka dentro da organización.

Vermouth[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sharon Vineyard.

Vermouth é unha peza importante dentro da Organización. A súa verdadeira identidade é Sharon Vineyard, unha famosa actriz estadounidense.

Menores[editar | editar a fonte]

Akemi Miyano[editar | editar a fonte]

Akemi Miyano era a irmá de Shiho Miyano e formaba parte dos últimos chanzos da organización. Traballaba para eles co trato futuro de que deixasen ceibe a súa irmá. Pero os Homes de Negro non cumpriron a súa palabra e acabaron por desfacerse dela.

Tequila[editar | editar a fonte]

Tequila é un dos membros da Organización dos Homes de Negro. Morre a causa dunha explosión estando nunha presentación dunha compañía de videoxogos.

Pisco[editar | editar a fonte]

Kenzo Matsuyama é un home de 71 anos, magnate do mundo empresarial. Co nome en clave de Pisco é un dos membros da Organización dos Homes de Negro con máis idade. Tiña como cometido matar a un concelleiro no Hotel Cidade de Haido. Ó final asasínao Gin por orde de Vermouth pola súa incompetencia ó deixarse fotografar pola prensa.

Axentes de policía[editar | editar a fonte]

Policía metropolitana de Toquio[editar | editar a fonte]

Juuzou Megure[editar | editar a fonte]

Juuzou Megure é o inspector xefe da policía da xefatura de Toquio. Encóntrase a miúdo con Kogoro e Conan e adoita ir acompañado polo axente Takagi. É un home corpulento e ten un carácter autoritario. En ocasións moléstalle ver que Kogoro estea involucrado en tantos asasinatos e acaba por crer que o señor Mouri é gafe. Ten unha cicatriz na testa e por iso leva sempre o sombreiro posto.

Wataru Takagi[editar | editar a fonte]

Inocente e despistado, Wataru Takagi é inspector da policía de Toquio e acompaña normalmente a Megure. Está namorado de Sato.

Miwako Sato[editar | editar a fonte]

Miwako Sato é inspectora da policía de Toquio esperta en artes marciais. Admira ó inspector Megure coma se fose un verdadeiro pai para ela, xa que o seu morreu sendo ela unha cativa.

Axente Chiba[editar | editar a fonte]

O axente Chiba é un policía de Toquio que ás veces axuda a resolver algún caso.

Ninzaburo Shiratori[editar | editar a fonte]

Ninzaburo Shiratori é o recentemente ascendido a inspector xefe; a forma de ser deste policía é un tanto engreída xa que non admite nunca que Conan ten certa capacidade para encauzar os casos. Está, ao igual que Takagi, namorado de Sato.

Yumi Miyamoto[editar | editar a fonte]

Yumi Miyamoto é unha axente de tráfico da policía de Toquio. En moitas ocasións axuda a Takagi a conquistar a Sato.

Axente Tome[editar | editar a fonte]

O axente Tome é o xefe da policía científica encargado de encontrar indicios e pegadas que poidan aclarar a autoría dos asasinatos.

Policía da prefectura de Osaca[editar | editar a fonte]

Heizo Hattori[editar | editar a fonte]

Heizo Hattori é o comisario xefe da policía de Osaca. O seu fillo é Heiji Hattori e a súa muller, Shizuka Hattori.

Comisario[editar | editar a fonte]

O Sr. Toyama é o comisario da policía de Osaca, que traballa sempre con Heizo Hattori ao seu carón. É o pai de Kazuha Toyama.

Outros policías estatais[editar | editar a fonte]

Sango Yokomizo[editar | editar a fonte]

Ó comezo, Sango Yokomizo fora o inspector xefe da prefectura de Saitama. Tempo despois é destinado a prefectura de Shizuoka para ocupar ese mesmo posto nesa comisaría. Yokomizo admira moito o señor Mouri e a súa faceta de Kogoro Dormente.

Inspector Yamamura[editar | editar a fonte]

O inspector Yamamura é oficial novato da policía da prefectura de Gunma. É un entusiasta do seu traballo pero a súa forma de levar as pescudas é bastante inxenua e inepta. Admira a Kogoro Mouri.

Axentes do FBI[editar | editar a fonte]

Jodie Saintemillion[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Jodie Saintemillion.

Jodie Saintemillion é a profesora de inglés do instituto Teitan. Chegou ó Xapón dende os Estados Unidos. Faise pasar por profesora pero en realidade é axente do FBI e está perseguindo a Vermouth.

Shuichi Akai[editar | editar a fonte]

Shuichi Akai é un misterioso axente do FBI que sempre leva posto un pucho negro de la.

James Black[editar | editar a fonte]

James Black tamén forma parte do FBI. Vivía en Chicago pero agora atópase no Xapón xunto a Jodie e Akai e é o que ten o maior rango de todos eles. É un home moi intelixente e ata Shinichi móstrase abraiado pola súa perspicacia.

Outros personaxes[editar | editar a fonte]

Asociación de Detectives Xuvenís[editar | editar a fonte]

Genta Kojima[editar | editar a fonte]

Genta Kojima é un neno amigo de Conan e que forma parte da Asociación de Detectives Xuvenís. É o máis mangallón do grupo e zóscalle a todo aquel que lle leva a contra a Ayumi. Gústalle papar a todas horas e onde sexa, e devece sempre por un prato de anguías á prancha.

Ayumi Yoshida[editar | editar a fonte]

Ayumi Yoshida é unha nena amiga de Conan e que tamén forma parte da Asociación de Detectives Xuvenís. Doce e moi amigable, Ayumi está namorada de Conan.

Mitsuhiko Tsuburaya[editar | editar a fonte]

Mitsuhiko Tsuburaya tamén é membro da Asociación de Detectives Xuvenís e amigo de Conan. Intenta ter sempre un razoamento científico.

Ai Haibara[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ai Haibara.

Shiho Miyano pertenceu á Organización dos Homes de Negro co nome en clave de "Sherry" e foi ela a creadora da droga que encolleu a Shinichi, a apoptoxina 4869 (APTX 4869), pero non soportou que Gin e Vodka asasinaran a Akemi Miyano, a súa irmá, e decidiu deixar na estacada á organización. Cando Gin e Vodka souberon dos seus verdadeiros propósitos, apreixárona. Shiho decidiu entón suicidarse tomando a súa propia droga pero os seus insólitos efectos secundarios convertérona na nena Ai Haibara. Ai faise amiga de Shinichi e vai vivir para a casa do profesor Agasa.

Amigos[editar | editar a fonte]

Hiroshi Agasa[editar | editar a fonte]

Hiroshi Agasa é o veciño e amigo de Shinichi. Ten 52 anos e é un científico ó que todo lle sae mal, pero de cando en vez fai algo de xeito e dállo a Conan para axudarlle nos seus casos. É, ademais, o primeiro en coñecer a verdadeira identidade de Conan. Gústanlle moito os nenos e por iso non dubida en levar sempre de excursión os nenos da Asociación de Detectives Xuvenís. Ó final acaba acollendo de bo grao na súa casa a Ai Haibara.

Sonoko Suzuki[editar | editar a fonte]

Sonoko Suzuki é a mellor amiga de Ran e compañeira de instituto. Pertence a unha familia adiñeirada. Sempre anda á procura dalgún mozo co que saír.

Heiji Hattori[editar | editar a fonte]

Se ben Shinichi é o detective xuvenil máis coñecido en Toquio, Heiji Hattori é o detective xuvenil máis coñecido en Osaka. A rivalidade que nun primeiro intre xorde entre os dous detectives vaise convertendo co paso do tempo nunha verdadeira amizade. Heiji ten 17 anos e descubriu a verdadeira identidade de Conan a partir das súas deduccións. É un bo loitador de kendo. Os seus pais son Heizo Hattori, comisario xefe da policía de Osaka e Shizuka Hattori.

Kazuha Toyama[editar | editar a fonte]

Kazuha Toyama é a mellor amiga de Heiji desde que eran cativos. O seu pai traballa con Heizo na comisaría de Osaka.

Makoto Kyougoku[editar | editar a fonte]

Makoto Kyougoku é o mozo de Sonoko. É karateka e aparece moi pouco na historia.

Familia[editar | editar a fonte]

Yusaku Kudo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Yusaku Kudo.

Yusaku Kudo é o pai de Shinichi e actualmente reside nos Ánxeles. Sabe que Conan é Shinichi. Yusaku é un célebre escritor de novelas de misterio, famoso pola súa obra "O Misterioso Barón Nocturno". É bastante infantil e sempre que pode gástalle (coa axuda de Yukiko) unha broma de mal gusto ó pobre de Shinichi.

Yukiko Kudo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Yukiko Kudo.

Yukiko Kudo é a nai de Shinichi e actualmente reside nos Ánxeles. Sabe que Conan é Shinichi. Yukiko é unha famosa actriz que deixou a súa carreira no mundo do espectáculo ó casar, cando tiña 20 anos. É bastante infantil e sempre que pode gástalle (coa axuda de Yusaku) unha broma de mal gusto ó pobre de Shinichi.

Eri Kisaki[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Eri Kisaki.

Eri Kisaki é a nai de Ran e muller de Kogoro Mouri de quen se quere separar. Traballa como avogada no Bufete de Avogados Kisaki e é coñecida como A Raíña, por ser moi boa na súa profesión.

Shizuka Hattori[editar | editar a fonte]

Shizuka Hattori é a muller do comisario Heizo e nai de Heiji Hattori. É unha experta das artes marciais.

Mundo Kaito[editar | editar a fonte]

Caco Kid[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Kaito Kuroba.

Caco Kid, antes coñecido como 1412 é un ladrón moi sobranceiro que non utiliza a violencia para maquinar os seus roubos. Ten un gran talento para o disfrace, é un bo imitador de voces e ten unha aparencia física moi parecida á de Shinichi. Unha americana branca cunha capa de seda, unha camisa azul, unha gravata vermella, un sombreiro de copa e un monóculo constitúen a súa mítica indumentaria. A súa verdadeira identidade é Kaito Kurobane (Kaito Kuroba no orixinal), un estudante de instituto de 17 anos afeccionado á maxia.

Seiko Nakamori[editar | editar a fonte]

Seiko Nakamori (Aoko Nakamori no orixinal) é a mellor amiga de Kaito, aínda que ela sinte algo máis por el. Ten 17 anos e tamén estuda no mesmo instituto. Odia a Caco Kid porque sempre lle está a crear problemas ó seu pai Ginzo Nakamori. Non sabe que Kaito e Caco Kid son a mesma persoa.

Ginzo Nakamori[editar | editar a fonte]

Ginzo Nakamori é o pai de Aoko. Ginzo é inspector da policía e o seu maior desafío é conseguir atrapar dunha vez por todas ó famoso ladrón Caco Kid aínda que este sempre consegue escaparlle no último momento. É unha persoa con un carácter moi autoritario e sempre está a rifar e a zoscarlle ós seus axentes.

Saguru Hakuba[editar | editar a fonte]

Saguru Hakuba é un detective londiniense da idade de Shinichi e de Kaito. Desprázase o Xapón para intentar atrapar a Caco Kid. Ten como mascota unha ave rapaz chamada Watson.

Beniko Koizume[editar | editar a fonte]

Beniko Koizume (Akako Koizume no orixinal) é unha compañeira de clase de Kaito e Aoko. É practicante de bruxería e adoita ter visión do que acontecerá. Akako sabe que Kaito e Caco Kid son a mesma persoa.

Keiko Momoi[editar | editar a fonte]

Keiko Momoi é a mellor amiga de Aoko. Leva lentes e ten unha faciana que recorda moito á de Conan.

Outros[editar | editar a fonte]

Tomoaki Araide[editar | editar a fonte]

Tomoaki Araide é o médico que se encarga de facer as revisións ós estudantes no instituto Teitan. Ran parece levarse moi ben con el, cousa que en ocasións esperta un certo desacougo en Shinichi. O seu pai, que tamén era médico, morreu asasinado, electrocutado na bañeira da súa casa.

Yoko Okino[editar | editar a fonte]

Yoko Okino é unha famosa actriz e cantante. Ten como primeiro admirador a Kogoro Mouri.

Azusa Enomoto[editar | editar a fonte]

Azusa Enomoto é a camareira do bar chamado Poirot, que está embaixo da Axencia de Detectives Mouri.

Midori Megure[editar | editar a fonte]

Midori Megure a muller do Inspector Megure. Coñecéronse traballando xuntos nun caso no que un tipo atropelaba a raparigas de instituto. Os dous acabaron feridos, pero finalmente todo rematou ben e acabaron casando.