Saltar ao contido

Pernileiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pernileiro

Pernileiro
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Burhinidae
Xénero: Burhinus
Especie: B. oedicnemus
Nome binomial
'Burhinus oedicnemus'
(Linnaeus, 1758)
Laranxa: Presenza predominante no verán, invernando nas áreas de cor azul e as veces nas de cor verde. Verde: viven todo o ano Azul Zona de invernada
Laranxa: Presenza predominante no verán, invernando nas áreas de cor azul e as veces nas de cor verde.
Verde: viven todo o ano
Azul Zona de invernada

Laranxa: Presenza predominante no verán, invernando nas áreas de cor azul e as veces nas de cor verde.
Verde: viven todo o ano
Azul Zona de invernada

O pernileiro ou alcaraván[2] (Burhinus oedicnemus) é unha ave da orde das caradriformes que é o único membro da familia Burhinidae. As seis razas desta especie están distribuídas polo oeste de Europa, o norte de África e en Asia dende o Oriente próximo pasando polo sur de Asia central ata a India.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha ave de tamaño algo maior có dunha pomba, de aspecto compacto e patas longas. A súa plumaxe é cor da area con listas escuras, máis marcadas no papo e no pescozo. A parte inferior do corpo é clara, ás veces case branca. Ten a cabeza e os ollos grandes, estes co iris amarelo. O bico é grande e amarelo coa punta negra. As patas son tamén amarelas e fortes, coa articulación do talón grosa e moi visible. Machos e femias son de aspecto semellante, e mesmo a plumaxe dos exemplares novos é moi semellante á dos adultos. Non teñen unha plumaxe diferente tampouco durante a época de cría. A forma nominativa Burhinus oedicnemus oedicnemus é a meirande e máis escura de tódalas razas da especie.

O seu canto é a característica máis importante para identifica-la súa presenza. Emíteo principalmente á noitiña ou pola noite, é pode durar ata ó mencer. As horas da súa máxima intensidade son as primeiras da mañá. É melodioso, afrautado, relativamente alto e saudoso. Cantan pousados ou en voo e poden oírse case a un quilómetro de distancia. A miúdo cantan varios machos a un tempo. Se se senten ameazados os adultos baten coas ás no chan. Un exemplo do seu canto pode escoitarse en:

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Viven en xeral en zonas secas e pedregosas, con pouca vexetación ou vexetación baixa. En Europa aparecen en terras ermas, arneiros, costas con dunas e bosques moi raros e con area e beiras de ríos con bancos de grixo. Poden vivir tamén en zonas de prácticas militares, canteiras de áridos e zonas de obras abandonadas. Ocasionalmente aparecen en terras de cultivo.

A forma tipo cría nunha faixa ampla que abrangue dende o oeste de Francia e o sur de Inglaterra dirixíndose cara ó sueste ata o mar Negro e a península de Anatolia. Cara ó suroeste chegan a España, cara ó sur ata Sicilia, Creta e Chipre. En Centroeuropa foi sempre escaso e non mantén máis que algunhas poboacións relictas.
Sobre o status das outras variedades non hai datos exactos.
Zona de distribución:

Desprazamentos

[editar | editar a fonte]

Poden ser aves sedentarias, ou parcila ou totalmente migratorias dependendo das áreas de cría e da variedade. A raza canaria indicus e máis das poboacións da subespecie saharae son sedentarias ou fan migracións de curta distancia. Os individuos da variedade harteri voan cara ó sur no inverno e establécense preto dos oasis, e nas estepas da península Arábiga e leste de África, en especial no Sudán, Eritrea e Somalia.

A forma nominativa tampouco ten un comportamento uniforme: máis dos exemplares europeos son migradores pero algunhas poboacións inglesas poden pasa-lo inverno no seu territorio de cría. A zona de invernada das aves de Europa está o norte do Mediterráneo e no sur de Francia pero poden chegar mesmo ata o Sahel no continente africano. Durante as migracións atravesan os Alpes e o mediterráneo sen buscar zonas específicas que favorezan a viaxe. Os que cruzan o deserto escollen a ruta dos oasis.

Os pernileiros europeos xúntanse en grupos a partir de mediados do mes da sega e abandonan o territorio de cría xuntos. Fan unha primeira parada durnte a que remudan as plumas e, en setembro, comezan a migración definitiva. Deixan as zonas de invernada do sur a finais de xaneiro, pero non chegan a Europa central ata mediados de marzo ou abril.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Son aves de actividade nocturna ou crepuscular. Só durante a época de cría dos polos e en días moi escuros se observan fases longas de actividade diúrna. O inicio da súa xornada vai acompañado de chíos que son máis intensos ó amencer. Pasan o día agachados e anasados contra a terra. Só en casos en que a obtención de alimentos sexa moi doada comen polo día. En xeral pasan moitas horas case inmóbiles o que, xunto coa súa plumaxe mimética fai que sexan difíciles de localizar.

Se os molestan tenta escapar andando caladiñamente con pescozo estalicado ou correndo. Se o perigo é serio prefire tamén intentar fuxir correndo rapidamente e facendo moitos xiros antes que botar a voar. Perante inimigos voadores pode adoptar unha postura estricada, imitando un pau. Se ten que voar non volve directamente á zona do niño: póusase lonxe e vaise achegando con manobras de distracción coma amosar que está nun niño falso.

Voan en xeral preto do chan batendo as ás con forza e sen manobras de voo destacadas. A postura agresiva consiste na postura moi dereita do corpo e abrir moito as ás amosando a súa parte interior ó rival. A miúdo fungan co bico entreaberto.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Come case exclusivamente alimentos de orixe animal: insectos, moluscos terrestres, vermes, arañas etc. Ocasionalmente capturan lagartos e cobras pequenas, ovos e paxaros novos e mesmo algún pequeno mamífero. Busca as presas pola vista e o oído no chan perseguíndoas moitas veces cunha carreira ou voo curto. Vira pedras se sospeita que debaixo pode haber presas. Só na época de cría pode cazar de día.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
B. oe. indicus
Burhinus oedicnemus insularum

Durante o cortexo e a reprodución son aves territoriais, pero toleran a presenza de aves inmaturas e se cadra de adultos sen parella no seu territorio de caza. Téñense observado casos de exemplares desemparellados que axudan a alimentar os pitos doutras parellas.

Son monógamos estacionais, aínda que nalgúns casos as parellas fórmanse xa nos cuarteis de inverno e voan xuntas cara á zona de cría. Poden comezar a reproducirse ó ano, aínda que, en xeral o fagan a partir da segunda migración de retorno. Durante o cortexo o macho localiza varios sitios para facer o niño que indica con pedriñas, pero é a femia a que escolle a localización. A danza nupcial é moi variada consistindo en diversos tipos de saltos e reverencias. Fan o niño en sitios con pouca ou ningunha vexetación, a miúdo nun lugar algo elevado e preto dun mato. Poñen dous (poucas veces tres) ovos da cor da area ou da lama que chocan os dous membros da parella. En xeral fan dúas postas. Os pais defenden enerxicamente os ovos e chegan a facer fuxir inimigos do tamaño dun armiño. A incubación dura entre 25 e 27 días. Os polos, moi indefensos nas primeiras horas, seguen axiña ós pais fora do niño. En caso de perigo apértanse contra o chan co pescozo estirado e agardan a actuación dos adultos. Nesta posición poden mesmo ser atrapados sen que se movan. Poden voar os 40 días de idade, por ben que sigan case outro tanto tempo cando ós pais.

Evolución das poboacións

[editar | editar a fonte]

A desaparición dos seus hábitats provocou a redución drástica das poboacións centroeuropeas: está extinto en Polonia e os Países Baixos e a piques de estalo en Alemaña e Chequia. En Austria quedan algunhas pequenas poboacións en Marchfeld e Steinfeld (unhas 15 ou 20 parellas reprodutoras). En Alsacia e Hungría a situación é algo mellor. As poboacións mellor conservadas están en España e Francia, cunhas 50.000 parellas en total.

Poboación en Galiza

[editar | editar a fonte]

O pernileiro non ten grandes poboacións en Galiza. A pesar de ser unha limícola o seu hábitat non é a costa senón chairas esteparias. Así podemos velo en lugares tan afastados como A Limia (onde mantén a súa maior poboación), Cospeito ou Corrubedo, que é a única poboación costeira de Galiza.

En Corrubedo mantense unha poboación reprodutora dende fai moitos anos, o que se reflicte na existencia de nomes vernáculos coma galo das dunas ou galiña das dunas. Pero esta poboación estivo a piques de desaparecer. Nas décadas dos oitenta e noventa só se atopan datos de dúas a tres parellas reprodutoras e algo máis de vinte individuos invernantes. No ano 2005, un estudo, detectou un incremento reprodutor espectacular na especie para este lugar, así coma condutas e lugares de nidificación que pasaran desapercibidas para investigacións anteriores.

Nome común noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Triel
  • Búlgaro: Tirulik (Турилик)
  • Español: Alcaraván
  • Inglés: Stone Curlew
  • Finlandés: Paksujalka
  • Francés: Œdicnème criard
  • Húngaro: Ugartyúk
  • Neerlandés: Griel
  • Noruegués: Triel
  • Polaco: Kulon

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bearbeitet u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula-Verlag, Wiesbaden. Band 7. Charadriiformes (Teil 2). 2., durchgesehene Auflage 1986 ISBN 3-89104-445-3; S. 775–801.
  • Wolfgang Makatsch: Strand- und Sumpfvögel Europas einschließlich Nordafrikas und des Nahen Ostens. Gondrom Verlag Bindlach. 3. durchgesehene Auflage 1986. S. 240–242. ISBN 3-8112-0461-0
  • Peter Colston/Philip Burton: Limikolen. Alle europäischen Watvogel-Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung. BLV-Verlagshesellschaft München. 1986. S. 30–33. ISBN 3-405-13647-4
  • Hans-Günther Bauer/Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. 2. durchgesehene Auflage; AULA - Wiesbaden 1997. S. 166–167. ISBN 3-89104-613-8

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]