Partido Demócrata-Radical

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Demócrata-Radical, máis coñecido como Partido Radical, foi unha formación política española do último terzo do século XIX. Xurdiu en 1871 como resultado da descomposición do Partido Progresista, logo do asasinato do seu líder, Juan Prim. Estivo activo sobre todo durante o Sexenio Democrático.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Á morte de Prim, e coa monarquía de Amadeo I de España xa establecida, o Partido Progresista escindiuse en dúas ramas, que darían lugar aos dous partidos dominantes do período. A rama dereita, co liderado de Sagasta, uniuse a membros da Unión Liberal para formar o Partido Constitucional. A rama esquerda, seguindo a Ruiz Zorrilla, uniuse ao sector monárquico do Partido Democrático (denominado os cimbrios, con Cristino Martos) para formar o Partido Radical.

Deste xeito, o Partido Radical formou a rama esquerda do sistema político leal á monarquía de Amadeo. Como tal, formou goberno baixo a presidencia de Ruiz Zorrilla, introducindo diversas reformas, en xeral fracasadas ou de éxito parcial. Coa proclamación da República, Ruiz Zorrilla acompañou a Amadeo ao exilio, e o partido practicou o retraemento. Durante a ditadura republicana de Serrano, o partido colaborou co goberno, baixo o liderado de Martos. Coa Restauración, o partido iniciou unha rápida disolución, e os seus membros repartíronse entre os diversos partidos monárquicos de esquerda e republicanos. Ruiz Zorrilla fundou o Partido Republicano Progresista, mentres Martos acabou por unirse ao Partido Liberal de Sagasta.

O Partido Radical (ou Partido Republicano Radical) fundado en 1908 por Alejandro Lerroux non ten ningunha relación co Partido Radical do Sexenio Democrático.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]