Panteras Negras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nome dado frecuentemente ao Black Panther Party (Partido Pantera Negra), orixinariamente chamado Black Panther Party for Self-Defense (Partido Pantera Negra para a Autodefensa), organización afroamericana estadounidense fundada en Oakland, California en 1966 por Huey P. Newton, Bobby Seale e David Hilliard.

Ideario político[editar | editar a fonte]

O partido rexeitará o integracionismo e as posturas de non violencia de Martin Luther King deixando claro desde os seus comezos que non se comprometerían de ningún xeito coas estruturas do poder branco. Escollen organizarse baixo o termo "autodefensa", como principio oposto á non violencia. Moi influenciados polo movemento polos Dereitos Civís e sobre todo polo pensamento de Malcom X, o partido botará a andar pouco despois do seu asasinato baixo o "Programa dos Dez Puntos".

  • 1-Queremos a liberdade, queremos o poder de determinar o destino da nosa comunidade negra;
  • 2-Queremos pleno emprego para o noso pobo;
  • 3-Queremos a fin da rapina da nosa comunidade negra por parte do home branco;
  • 4-Queremos vivendas decentes, adaptadas ao ser humano;
  • 5-Queremos para o noso pobo un ensino que amose a verdadeira natureza desta decadente sociedade americana.
  • 6-Queremos un ensino que ensine a nosa verdadeira historia e o noso papel na sociedade actual;
  • 7-Queremos que todos os homes negros fiquen exentos do servizo militar;
  • 8-Queremos a fin inmediata da BRUTALIDADE POLICIAL e DO ASASINATO do pobo negro;
  • 9-Queremos a liberdade para todos os homes negros detidos nas cadeas e nos cárceres federais, estatais, de condado e municipais;
  • 10-Queremos que toda a xente negra enviada a xuízo sexa xulgada en tribunais paritarios ou de persoas da comunidade negra, como está previsto na constitución dos Estados Unidos;

Queremos terra, pan, vivenda, educación, roupa, xustiza e paz.

O grupo partiu dunhas posicións iniciais firmemente asentadas no nacionalismo negro, aceptando soamente membros afroamericanos. Porén, o aumento da súa importancia social na década dos 60 levou a Newton e a Seale e reconsiderar esas posturas e a rexeitar o nacionalismo negro como un novo xeito de racismo. A organización evoluíu entón até posturas máis próximas a un socialismo revolucionario con raíces marxistas-leninistas. A consecuencia dese fenómeno, os Panteras Negras mudarán o seu lema "Black Power!" (Poder Negro!) por "All Power To The People!" (Todo o poder para o pobo! ou Poder Popular!) máis acorde co ideario socialista.

Accións sociais[editar | editar a fonte]

No seu traballo coa comunidade destacou o "Programa de almorzo gratuíto para nenos", encadrado dentro de diversas accións que tentaban reparar os altos niveis de anemia e desnutrición da poboación negra, inicialmente só na zona de Oakland. Entre outras accións levaron a cabo tamén a habilitación de clínicas gratuítas, e realizaron probas de anemia, un servizo de ambulancias gratuítas e programas de rehabilitación de alcólicos e drogadictos. É de destacar que a loita contra as drogas foi un dos puntos máis importantes do seu ideario, pois considerábanas unha arma de dominación e alleamento da clase dominante sobre a poboación. Parte das súas accións neste sentido pasaron tamén pola difusión de propaganda contra o seu consumo e pola sabotaxe das operacións do narcotráfico. Ademais, o seu programa social incluía clases gratuítas de dereito e economía, así como de autodefensa e primeiro auxilios. Tamén promoveron a distribución gratuíta de roupa, e un servizo de transporte para uso de familiares das persoas presas.

Autodefensa[editar | editar a fonte]

Entre as súas accións políticas destacaron a reivindicación do dereito a levar armas cargadas en público, protagonizada por unha marcha ao Capitolio do Estado de California, en Sacramento na que os participantes portaban rifles.

Tamén se comprometeron na creación de patrullas de autodefensa, formadas por homes armados que levaban unha copia do Código Penal de California, demostrando así que non violaban ningunha lei. A súa misión era a de protexer a poboación negra da brutalidade policial. Tales patrullas entraron en conflito numerosas veces coa policía, producíndose numerosos mortos e feridos. En 1970 polo menos 34 membros dos Panteras Negras foran asasinados pola policía, forza que á súa vez reivindicaba 14 mortos e numerosos feridos de entre as súas filas. As tensión entre a organización e a policía agraváronse cada vez máis, sobre todo no que atinxía aos axentes afroamericanos, obxectivo prioritario da organización por consideralos colaboracionistas.

Represión e Decadencia[editar | editar a fonte]

En 1967 o FBI comezará a investigar os grupos afroamericanos, entre eles os Panteras Negras. Sospéitase que dentro desas tácticas de control incluíanse prácticas de infiltración, sabotaxe e asasinato, que se supoñen orixe das múltiples disensións internas que deixarían o partido practicamente inoperante xa en 1970.

Produto das accións do FBI, os Panteras Negras entraron en conflito cos Blackstone Rangers, unha cuadrilla da cidade de Chicago. Porén en California o conflito forxouse coa organización United Slaves (Escravos Unidos), que en 1969 asasinaron aos responsábeis locais dos Panteras Negras Bunchy Carter e John Huggins. Sospéitase tamén da instigación dun infiltrado do FBI George Sams no asasinato do militante Alex Rackley a mans dos seus propios compañeiros de partido, tras sinalalo como un informador.

A partir de 1970 os Panteras Negras ficarán divididos en varias faccións, das que destacan dúas tendencias fundamentais, unha liderada por Huey P. Newton e David Hilliard máis próxima ao espírito de servizo á comunidade e aos principios da autodefensa, e outra máis partidaria dunha estratexia de confrontación próxima á loita armada. Produto deste cisma foi o xurdimento en 1971 do Black Liberation Army (Exército Negro de Liberación), un grupo paramilitar que xa existía solapadamente na parte máis radical da organización.

A última líder dos Panteras Negras, tras o exilio de Huey P. Newton foi Elaine Brown, primeira e única muller en tomar un cargo de poder dentro da organización. Elaine Brown liderou o partido entre 1974 e 1977 e achegou ideoloxicamente o principio da loita contra o sexismo. Os Panteras Negras disolvéronse afogados por problemas económicos e pola loita contra as autoridades.

Influencia e descendencia política[editar | editar a fonte]

Produto da influencia contemporánea dos Panteras Negras, xurdiron grupos tan relevantes como o Gay Liberation Front (Fronte de Liberación Gai), os White Panthers (Panteras Brancas), os Brown Berets (Boinas marróns), ou os Gray Panthers (Panteras Grises). En 1989 un grupo orixinariamente escindido forma o New Black Panther Party (Novo Partido Pantera Negra) en Dallas, Texas, en confrontación cos restos do partido orixinal, en 1999 pasará a integrarse na organización Nation of Islam (Nación do Islam). En 2004 formouse con moitos dos antigos membros unha nova "National Alliance of Black Panthers", (Alianza Nacional de Panteras Negras) tentando revitalizar o antigo movemento.

Militantes famosos[editar | editar a fonte]