Geronimo Pratt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Geronimo Pratt
Nacemento 13 de setembro de 1947
  Morgan City
Falecemento 2 de xuño de 2011 e 3 de xuño de 2011
  Tanzania
Causa Infarto agudo de miocardio
Nacionalidade Estados Unidos de América
Etnia Afroamericano
Educado en Universidade de California, Os Ánxeles
Ocupación civil rights advocate, Activista polos dereitos humanos e Vietnam veteran
Premios Estrela de Bronze, Purple Heart e Estrela de Prata
editar datos en Wikidata ]

Elmer Gerard Pratt, nado o 13 de setembro de 1947 en Louisiana e finado o 2 de xuño de 2011 en Tanzania, foi un activista político estadounidense, veterano de Vietnam e antigo membro dos Panteras Negras. Máis coñecido polo nome de Geronimo Pratt, o seu nome de guerra, e tamén por Geronimo Ji Jaga, nome que adopta legalmente. Incriminado nun caso de asasinato e secuestro dentro do plan COINTELPRO do FBI contra a disidencia social, pasou 27 anos na cadea, oito deles incomunicado. Foi liberado no ano 1997, tras a anulación da súa sentenza, dende entón segue loitando polos dereitos humanos e civís. Tamén é coñecido por ser o padriño do rapeiro Tupac Shakur.

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Pasa a súa infancia e mocidade en Morgan City, onde asistiu a diversos casos de violencia racial, que incluían linchamentos e intimidacións por parte de diversos grupos, entre eles o Ku Klux Klan. Tamén experimenta a política de segregación racial. Anos máis tarde declararía á revista Race and Class Magazine que a radicalización do conflito racial no seu contorno convenceuno dende neno da necesidade das teses da autodefensa e da relativa inutilidade da proposta civil de Martin Luther King.

Malia pertencer a un ambiente sumamente humilde, a familia de Pratt conseguiu mandar aos seus irmáns maiores á universidade. Porén, un accidente do seu pai no ano 1965 obrígao a alistarse como voluntario no exército, para poder manter á familia.

No Vietnam[editar | editar a fonte]

Presta servizo durante dous anos da Guerra do Vietnam como parte da 82ª División Aerotransportada, na que se converte axiña nun grande experto militar. Nunha acción bélica, e tras un accidente de helicóptero, consegue afastar a cinco compañeiros das chamas, protexéndoos do fogo inimigo. Por esa e outras acción heroicas é condecorado co Corazón Púrpura e a Estrela de Prata. Retírase do exército, no ano 1968, co cargo de sarxento.

Ese mesmo ano aproveita un plan para a desmobilización de tropas que lle permite iniciar estudos universitarios na Universidade de California, Os Ánxeles (UCLA).

Militancia política[editar | editar a fonte]

Comeza a asistir a aulas no campus de Westwood, onde coñece a Bunchy Carter, membro do Partido Pantera Negra, organización á que axiña se incorporará. Os seus coñecementos militares son debidamente apreciados e axiña pasa a ostentar o cargo de Ministro de Defensa do Partido. É nese época cando Bunchy Carter lle dá o alcume de Geronimo, polo seu pasado como combatente e en honra á súa ferocidade.

Durante a crise interna dos Panteras Negras, a finais dos anos sesenta, sitúase no lado dos que avogan pola acción directa, enfrontándose á facción liderada por Huey Newton e David Hilliard, máis próxima ao rexeitamento da violencia.

Incriminación e cadea[editar | editar a fonte]

No ano 1968, a Caroline Olsen, unha mestra de escola de 27 anos asasinárona dun disparo durante un roubo nunha pista de tenis de Santa Monica (California). O home, ferido no mesmo ataque, identifica outra persoa como o asasino. Malia isto, Geronimo Pratt vese involucrado no crime e en 1970 e arrestado e acusado de asasinato e secuestro.

Pratt conta cunha coartada sólida, xa que no momento do tiroteo se atopaba nunha xuntanza do Partido Pantera Negra, en Oakland (California), lonxe de alí. Malia isto, o momento de tensión interna que vive o Partido Pantera Negra, fai que os membros dunha das súas faccións, a liderada por Huey Newton se neguen a prestar testemuño. O proceso agrávase cando Julio Butler, un membro do Partido do que despois se soubo que se trataba dun infiltrado do FBI, o sinala como autor do crime. Finalmente tamén Kenneth Olsen cambia o seu testemuño inicial e sinálao como autor dos disparos. Pratt foi condenado a 27 anos de prisión e entra na cadea no ano 1972.

Os primeiros oito anos da súa condena vainos pasar en réxime de illamento na prisión de San Quentin, até que a presión de Amnistía Internacional e outras asociacións conseguen que sexa trasladado á prisión de Folsom, en réxime normal, de onde será trasladado a outras cadeas ao longo dos anos.

Viúvo tras o asasinato da súa esposa Sandra en 1971 por elementos próximos á facción de Huey Newton, Pratt casará en 1976 con Asahki Ji Jaga, coa que concibirá dous fillos aproveitando o réxime de visita conxugal.

Pratt sempre defendeu a súa inocencia. Ao seu ingreso na cadea ponse a estudar Dereito e axuda os seus avogados Stuart Hanlon e Johnnie Cochran a construír a súa defensa. Os esforzos de Johnnie Cochran xunto aos de William Paparian axudaron especialmente ás apelacións que conducirían a anulación da sentenza.

Varios factores contribuirían tamén á súa liberación. En primeiro lugar, o feito de facerse público, en 1975, parte do plan COINTELPRO do FBI, e revelarse o carácter de Julio Butler como informador ao servizo do FBI e da policía dos Ánxeles, así como o interese explícito do Estado por desactivar a Geronimo Pratt como axente político.

A morte de Huey Newton no 1989 leva a que moitas personalidades das Panteras Negras próximas á súa facción reconsiderasen a súa postura e presentasen testemuñas que apoiaban a coartada de Prat no momento do crime.

Finalmente a acción de asociacións como Amnistía Internacional ou a Unión Americana polas Liberdades Civís, que protagonizaron actos de presión e promoveron a implicación de personalidades como Nelson Mandela, ou a de persoas que actuaran no primeiro xuízo do lado da acusación.

A sentenza de Geronimo Pratt foi anulada o 10 de xuño de 1997, sobre as bases de que non existira durante a persecución unha testemuña visual que o sinalase como autor, e tamén aludindo ao feito de ser Julio Butler un informador das forzas da orde. Pratt foi liberado baixo fianza de 25.000 dólares. Cumprira 25 dos 27 anos aos que fora condenado.

Na súa saída da prisión, declararía que as súas ideas políticas, lonxe de desaparecer, afianzáranse tras o paso pola cadea. Tamén acusou a Richard Nixon e aos responsábeis do FBI da persecución á que someteran á súa xeración.

Vida en liberdade[editar | editar a fonte]

Dende a súa liberación, Pratt traballou na causa das persoas encarceradas inxustamente, colaborando moi de preto coa Kuji Foundation Inc. e seguindo especialmente o caso de Mumia Abu-Jamal a quen coñeceu persoalmente como militantes dos Panteras Negras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]