Palacio Medici Riccardi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Palacio Medici Riccardi
Palazzo Medici Riccardi by night 01.JPG
Edificio
Nome inicialPalazzo Medici
EstiloRenacemento (Quattrocento)
Enderezovia Cavour 3
LocalizaciónFlorencia, Italia Italia
Coordenadas43°46′30.72″N 11°15′19.54″L / 43.7752000, -11.2554278Coordenadas: 43°46′30.72″N 11°15′19.54″L / 43.7752000, -11.2554278
Palazzo Medici Rccardi en Italia
Palazzo Medici Rccardi
Palazzo Medici Rccardi
Localización do Palacio Medici Riccardi
PropietarioFamilia Medici

Familia Riccardi (1659)
Gran Ducado de Toscana (1814)
Provincia de Florencia (1874)

Estado italiano
Uso(s)Museo, Concello de Florencia
Construción
Inicio1444
Remate1460
Dimensións
Pisos3
Equipo
Arquitecto(s)Michelozzo

O Palacio Medici Riccardi, pasa por ser o primeiro edificio renacentista (no Quattrocento) construído en Florencia.[1] Ten a tipoloxía de palacio urbano e foi construído por Michellozzo para Cosme de Medici, alcumado o Maior ou o Vello (en italiano Cósimo il Vecchio), entre 1444 e 1460,[2][3] sendo o fogar da familia Medici durante máis de cen anos.[4] O custo foi de 60 000 ducados e, en 1492, o inventario do seu mobiliario chegaba a 81 000 ducados.[5]

Michellozzo xa traballara previamente para Cosme na remodelación de vilas rurais da familia.[6]

Hoxe está situado no número 3 do que, en épocas anteriores, era chamada Vía Larga, agora vía Cavour, e contén a actual sede do Consello metropolitano.

O palacio de Cosme, o Maior[editar | editar a fonte]

O palacio é unha obra de Michelozzo encargada polo patriarca da familia Medici, Cosme il Vecchio, como vivenda da familia e representación do seu poder.[7] Nun primeiro momento, Cosme encargáralle un proxecto, unha maqueta, a Brunelleschi, mais acabouno rexeitando por un exceso de magnificencia e ornamentación[8] que, pensaba, espertaría a envexa dos seus concidadáns.[9] Os seus escrúpulos xustificábanse no feito de que dez anos antes, por mor da acusación de tiranía realizada polos seus adversarios políticos, sufrira prisión no Palazzo Vecchio e o exilio no Véneto, dende onde foi reclamado en medio da satisfacción popular.

O proxecto de Michelozzo, un arquitecto discípulo de Brunelleschi, consistía nun palacio cúbico de aparencia externa impoñente pero sobrio e austero, mentres o interior se organizaba en torno a un patio central porticado con columnas de capitel corintio ou composto, inspirado en parte nos elementos clásicos empregados por Leon Battista Alberti no Palazzo Rucellai, pero cunha innocación de tipo tipolóxica; xa non debía ser un expoñente do poderío da cidade senón que manifestara a relevancia da familia que o habitaba.[6] Porén, foi, precisamente, o Palazzo Medici o que definiu un dos modelos de arquitectura civil do Renacemento en Florencia, e alén de Florencia. Un exemplo da súa influencia foi o Palazzo Strozzi.

Análise arquitectónica[editar | editar a fonte]

O palacio foi e está situado nun lugar estratéxico, na encrucillada entre a Vía Larga (agora vía Cavour) e a Vía de Gori, preto das igrexas protexidas pola familia (San Lourenzo e San Marcos) e do Duomo. Por iso, toda a zona é denominada o "barrio dos Medici".

Michelozzo recorreu ao rigor clásico de Brunelleschi para purificar e enriquecer a tradición do gótico florentino creando un palacio, cunha planta orixinal, practicamente cúbico, cun patio central no cal un portal permitía o acceso ao xardín, rodeado por altos muros. Tamén se viu influído polo uso de modelos de orixe romana como a albanelería rústica ou o uso de cornixas para diferenciar os diferentes andares, ou polo uso de columnas nos patios como nos perístilos romanos.

Fachada[editar | editar a fonte]

A súa fachada é unha obra mestra de sobriedade e elegancia, aínda que ten elementos "excepcionais" como o uso do perpiaño, que na Idade Media quedaba reservado para os edificios públicos que albergaban o goberno da cidade.

O exterior está dividido en tres rexistros ou corpos separados por cornixas que sobresaen lixeiramente e diferencian os diferentes andares. Tamén, os perpiaños almofadados de pedra marcan os 3 andares porque son moito máis grosos e rústicos no nivel inferior, máis achatados e suaves no segundo andar e moi suavizado, case liso, no andar superior[10], marcando un desenvolvemento horizontal dos volumes. Tamén so vans contribúen a diferenciar os 3 andares: na parte inferior son nichos cadrados e fiestras nos superiores. Esta concepción tripartita infuirá, posteriormente, en Alberti no seu Palacio Ruccellai, que se desenvolverá tamén como un corpo tripartito pero diferenciado en altura polas ordes clásicas: dórica, xónica e corintia.[6]

Na planta baixa había un pórtico angular (amurallado en 1517); no piso superior, no canto da cornixa había canzorros con algunhas ameas que acentuaban o seu carácter de influencia militar. Ao longo dos lados leste e meridional corre un banco de rúa, unha base de pedra elevada, que se empregou por razóns prácticas e estéticas.

As fiestras xeminadas ou bíforas, con parteluz, e cun medallón no no medio delas co escudo de armas dos Medici,marcan regularmente a fachada e están enmarcadas por un anel semicircular. As fiestras diferéncianse lixeiramente entre os diferentes andares pois teñen marcos máis amplos na parte superior para equilibrar a altura do piso inferior. Con ese efecto pretendíase dar maior importancia ao segundo andar ou piano nobile.

Patio[editar | editar a fonte]

O patio de Palazzo Medici

Tamén presenta un notable estudo sobre a harmonía e variedade na decoración de tal xeito, que suxire un efecto de simetría que non existe. O primeiro rexistro está composto por un pórtico con columnas de fustes lisos e capiteis compostos sobre os que apoia un alto friso con medallóns que conteñen os escudos de armas dos Medici, e formas variadas e mitolóxicas atribuídas a Bertoldo di Giovanni, que se conectan con grilandas ou festóns realizados coa técnica do fresco, hoxe repintadas, e que se deben ao traballos de Maso di Bartolomeo.

No segundo andar, de mampostería sólida, aparecen fiestras bíforas sobre os eixos dos arcos do pórtico interior que lembran a fachada exterior e son recubertas por un friso. No andar superior, aparecen estancias con columnas xónicas aliñadas coas liñas do pórtico.

A decoración, sobre todo, está influída por formas clásicas con gusto e imaxinación. Pódese apreciar un certo xogo coa perspectiva nas columnas das esquinas, onde hai máis carga estrutural, pois son algo máis baixas cás demais. Iso provoca que as fiestras dos lados estean máis próximas cás outras; unha irregularidade que os arquitectos posteriores trataron de solucionar de diferentes xeitos.

Decoración dos interiores[editar | editar a fonte]

A capela dos reis Magos, parede leste: a procesión con Lourenzo o Magnífico, seguido polo seu pai, Piero e o seu avó Cosme o vello; detrás deles a procesión do florentinos ilustres

Dentro do Palacio realizáronse, ao longo do tempo, numerosas obras decorativas. Unha das primeiras foi a Capela dos reis Magos (Cappella dei Magi). Esta foi unha obra mestra da pintura mural coa técnica do fresco do florentino Benozzo Gozzoli, alumno de fra Angelico, encargada por Piero de Medici (alcumado o Gotoso) que supervisou o deseño e o desenvolvemento de traballo. Este pequeno espazo foi a capela privada da familia, e foi construída e pintada en 1459.[4] Aparece pintada nas tres paredes máis grandes unha representación da Procesión dos reis Magos. Un tema relixioso que foi un pretexto para representar unha serie de retratos da familia e de figuras políticas da época, que veñen oficialmente a Florencia a invitación dos Medici e son retratos que tiñan como finalidade a celebración dos éxitos políticos de familia polo que son representados na cabeza do cortexo, aparecendo entre os personaxes retratados Lourenzo o Magnífico de mozo, seu irmán Giuliano seu pai Piero o Gotoso e o xefe da familia, Cosme o vello. O propio Gozzoli tamén aparece autoretratado.[4]

Sobre o altar atópase unha copia do orixinal de Filippo Lippi, A natividade, de finais do Quattrocento, que hoxe se expón en Berlín.

A era de ouro de Lourenzo o Magnífico[editar | editar a fonte]

O xardín do palacio

A finais do século XV, as grandes coleccións de arte dos Medici permaneceron no palacio, como o David de Donatello, que foi exposto no patio, ou como as tres pinturas de Paolo Uccello a Batalla de San Romano, que unha vez decorou o cuarto do Magnífico, sen descoidar as obras de Botticelli, Verrocchio, Pollaiolo, Domenico Ghirlandaio, coleccións de pedras preciosas, cameos e vasos en pedras semipreciosas e cristal de rocha, etc.,

No gran xardín no lado norte do palacio, o chamado Xardín de San Marcos, a muller de Lourenzo, Clarice Orsini, colocou moitas esculturas clásicas mercadas, en gran parte, en Roma, baixo a dirección do escultor Bertoldo. Deste xeito, creouse o que foi o antecedente dunha Academia de Belas Artes por primeira vez en Europa, onde os mozos artistas podían copiar e estudar os clásicos e aprender as súas técnicas artísticas. O máis importante destes artistas novos foi Michelangelo Buonarroti, como indica Vasari, na súa obra As Vidas. Moitas veces os mozos artistas tamén foron aloxados no edificio de Lourenzo, como aconteceu, por exemplo, con Michelangelo, que viviu os seus anos de mocidade no palacio.

Tamén tivo grande importancia a frecuente presenza do círculo de humanistas neoplatónicos florentinos, entre os que estaba o filósofo Pico della Mirandola e o poeta Agnolo Poliziano. Creouse no palacio un ambiente cultural que permitiu o desenvolvemento do pensamento e da arte do Renacemento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O Século XVI[editar | editar a fonte]

Escudo de armas dos Medici

Con Lourenzo morto en 1492 rematou unha era para toda a cidade. Os florentinos, enfurecidos polos sermóns de Savonarola, que predicaba contra os traxes lascivos, contra a prepotencia e o neo-paganismo da cidade, foron instigados á revolta e saquearon o palacio en 1494, confiscando en nome da República florentina os tesouros dos Medici (ouro, xoias e as obras de arte).

A ocasión foi propiciada polo vil comportamento do fillo de Lourenzo, Piero, con respecto ao paso do exército do Rei francés Carlos VIII, a quen abriu as portas dos territorios florentinos e, segundo cronistas hostís para os Medici, mesmo bicara os zapatos do rei en sinal de submisión. Este foi o motivo da chamada segunda expulsión dos Medici (tralo primeiro ostracismo de Cosme o Velllo). Desta volta, a escultura de bronce de Xudit e Holofernes de Donatello, ornamento dunha fonte no xardín do palacio, foi trasladada até a Piazza della Signoria, simbolizando a derrota da tiranía polo pobo. Un destino semellante foi para o David, de Donatello, que acabou no Palazzo Vecchio (hoxe exponse no Museo Bargello). Para outros bens, o seu destino ofoi pero ao seren vendidos en poxa en Orsanmichele, aínda que a maior parte deles permanceron en mans florentinas e, posteriormente, foron recuperados polos sucesores da familia.

Tres anos máis tarde, retornaba a Florencia, coa axuda das tropas hispanas, o Cardeal Giovanni (máis tarde León X, papa), o fillo de Lourenzo o Magnífico e o Cardeal Giulio (máis tarde Clemente VII, papa), fillo do irmán de Lourenzo, o Giuliano asasinado durante a conspiración dos Pazzi.

Entre as modificacións do palacio neste período, apareceron as grandes fiestras na planta baixa, á beira da estrada, gañando tanto en espazo coma en seguridade da vivenda. Equipadas cun frontón triangular, e unhas ménsulas de apoio moi marcadas, hoxe son denominadas fiestras axeonlladas e son atribuídas a Michelangelo (1517), e serviron de inspiración para outras construcións. No patio interior, colocouse unha escultura de Orfeo, de Baccio Bandinelli que aínda pode ser admirada hoxe.

A noticia do saco de Roma, que provocou dificultades á figura do Papa Clemente VII (Giulio de Medici) e ocasionou unha nova expulsión da familia da cidade e un novo saqueo do palacio (1527). Trala recuperación da cidade e do famoso cerco de Florencia de 1530, o último descendente da rama principal da familia volveu para o palacio. Mais o asasinato simultáneo do duque Alessandro de Medici, e do seu primo Lorenzino (tamén chamado Lorenzaccio), levou ao poder a un sector, ata entón, secundario de familia, que era alcumado como "o dos plebeos". Cando ascendeu ao título Ducal Cosme I, trasladouse xunto coa súa esposa Eleonora di Toledo ao Palazzo Vecchio (1540), deixando Palacio Medici na Vía Larga, agora desprovisto de calquera función, para os descendentes dos cadetes da familia.

O século XVII: os Riccardi[editar | editar a fonte]

A Galería de Luca Giordano ou  Galería de Espellos

Despois de varios cambios de propiedade dentro dos membros da familia Medici, a mediados do século XVII, o Palacio volveu ao gran duque Fernando II que. daquela, viviá no magnífico Palazzo Pitti polo que decidiu vender, en 1655, a obsoleta e antiga mansión da familia a unha rica familia de banqueiros, os Riccardi, que prestaran servizos importantes á política do gran Duque e que, por iso, recibiran del o título de marqueses. O fiel Marqués Gabriello Riccardi comprou o palacio por corenta mil escudos e, en 1659, cambióuselle o nome tal como o ten hoxe en día.

Ata o século XVIII, o Riccardi fixo moitas transformacións, pero mantivo a morfoloxía externa e o estilo do século XV como unha forma de respecto cara o proxecto de Michelozzo, así como para os ilustres ex-propietarios. O edificio dobrou de tamaño perdendo a estrutura cúbica orixinal pero mantendo na nova fachada na Vía Larga o estilo tradicional.

Entre os cambios, destacan os realizados na planta baixa, que se entra nunha sala decorado por Andreozzi, con putti ou querubíns en estuco, un material que, nesa época estaba de moda en Florencia e é moi característico do Barroco florentino.

Tamén se construíu, en 1685, a Galería do primeiro andar que, aínda que non é excesivamente ampla, é unha das máis significativas e atractivas do Barroco florentino. Está decorada con estuco dourado e espellos pintados e conta con grandes e brillantes fiestras no lado sur, é especialmente famosa polas grandes unha vez pintados, realizados por Luca Giordano. O pintor napolitano alcumado "Luca fa presto" por mor da súa rapidez de execución, que estaba a realizar na cidade os frescos da Capela Corsini en Santa María do Carmine e recibiu este novo traballo

Na bóveda da galería están representados na Apoloxía da Familia Medici, mecenas e benefactores da Riccardi. O espectador, neste caso,vese impresionado polo xogo da perspectiva e os matices de brillo, de acordo co punto de vista e a luz da galería a plena luz do día creando extraordinarios efectos ilusorios.

Na Galería da planta baixa do edificio son visibles acios tomadas das bóvedas de Cortona no Palazzo Pitti na Sala de Planetas e de Volterrano para a Cámara de Violante della Rovere; nestes acios Foggini inseriu cunchas e follaxe, a continuación,foron colocados na Biblioteca adxacentes, no vestiario de Violante, no palacio Pitti e na Capela Feroni na basílica da Santissima Annunziata.

Tamén foi creada a Biblioteca Riccardiana, como a sede da valiosa colección da biblioteca da familia na nova ala, cuxo teito do salón principal foi, tamén, pintado por Luca Giordano. Igualmente, reorganizáronse os espazos interiores, elevando os teitos e decoráronse os cuartos. Creouse a escaleira monumental (proxectada por Foggini), que comunica o patio orixinal de Michelozzo coa Capela dos Reis Magos.

Unha parte da colección de antigüidades dos Riccardi (estatuas, bustos, relevos, e fragmentos de inscricións en pedra), foron colocados en extravagantes marcos barrocos no patio. No xardín, apoiándose contra a parede traseira, enmarcado por un gran arco, pódese ver unha fonte realizada a partir dunha estatua de mármore, que dá a unha cunca semiciruclar. A esta antiga escultura sen cabeza, que representa quizais a Hércules, durante a renovación do edificio, se lle inseriu a cabeza do marqués Francesco Riccardi, quedando para a posteridade a o seu retrato inmortalizado nun dos máis famosos heroee da mitoloxía grega.

Tamén resulta moi interesante a Sala denominada, agora, do Alcalde, (pechada ao público), que foi a derraderia en ser decorada a finais do século XVIII, con vistas de caprichos artquitectónicos e frescos de grutescos..

A familia dos Riccardi viviu no palacio durante case dous séculos, sendo unha das familias máis ricas e máis influentes da Florencia do tempo. Unha curiosidade do edificio é a pequena sala secreta do século XVII, situada no entrechán entre o primeiro e segundo andar, non accesible para o público, que apareceu durante a campaña de investigación realizada en 1988-1999, para coñecer as medidas do edificio, que estaba totalmente pintado con elementos arquitectónicos en trompe d'oeil. Atópase na parte antiga, e foi creado por riba dos teitos das salas cerimoniais e, por razóns desoñecidas, quedou esquecida durante polo menos de 170 anos, cando o edificio foi vendido polos Riccardi.

Galería[editar | editar a fonte]

Séculos XIX e XX: a administración pública[editar | editar a fonte]

O patio, coa estatua por Baccio Bandinelli

En 1810 os descendentes da familia Riccardi foron castigada pola crise económica e xa que o palacio era demasiado grande para as súas necesidades, e caro de manter, foi vendido ao goberno do Gran Ducado. Os Lorena empregárono como sede da garda da cidade e como edificio administrativo. Posteriormente, coa unificación italiana pasou a ser propiedade do Estado

En 1839 naceu a Biblioteca Moreniana, a partir do cóengo Domenico Moreni, que posuía unha gran colección de libros. Esta colección foi salvada case enteiramente por un funcionario da Accademia della Crusca, Pietro Bigazzi, que a mercou e evitou, deste xeito, a súa dispersión. Estaba ao carón da Biblioteca Riccardiana, e permaneceron institucionalmente separadas, até tal punto que, hoxe, segue a ser xestionada pola Provincia, mentres que a Riccardiana é administrada polo Estado.

En 1865, durante un breve período, o palacio foi sede do Ministerio do Interior (1865), e en 1874 o edificio foi adquirido pola Provincia de Florencia, que aínda é o propietario do complexo, xunto co Concello. No século XIX, foron realizadas algunhas modernizacións do edificio, ás veces cuestionables, como a construción no xardín dunhas estancias metálicas para o Servizo de Telégrafos.

A partir de 1911 a 1929, realizáronse importantes traballos de restauración, para liberar o edificio das estruturas impostas para os usos administrativos dos últimos corenta anos, e tentouse recuperar, na medida do posible, a estrutura orixinal, sen modificar as obras realizadas durante os séculos XVII e XVIII. Por exemplo, eliminouse o dosel de aceiro do Servizo de Telégrafos e recreado no xardín a estrutura do século XVII, recuperáronse algunhas das columnas orixianis e foi creado en instalacións da planta baixa, un museo na iconografía do Medici, agora xa non existente.

Un evento histórico importante tivo lugar no Palacio, cando en 1938 se celebrou unha cea entre Mussollini e Hitler. Polo que o 11 de agosto de 1944, cando o Comité Toscano de Liberación Nacional, trala liberación de Florencia do xugo do fascismo, asumiu o cargo alí como desagavio. Xa o día seguinte a Deputación, nomeado polo mesmo CTLN, realizou a súa primeira reunión para o goberno administrativo da cidade. En lembranza dese momento histórico, unha pequena sección do edificio aloxa o Arquivo de Resistencia Italiano.

Época contemporánea: o ex-museo dos Medici[editar | editar a fonte]

A sala de lectura na Biblioteca Riccardiana

A creación do museo de Palazzo Medici Riccardi remóntase a 1939, por mor do traballo da Provincia de Florencia, coa creación do primeiro Museo dell'Iconografia Medicea nalgúns cuartos na planta baixa. Nado en pleno período histórico do fascismo, ilustra a historia dos Medici cun enfoque conmemorativo para amosar as glorias do pasado como un medio de propaganda política (un pouco como se fixera tamén coas ruínas de Roma Imperial), e coa exposición de recordos, lembranzas, e mesmo reliquias dos máis famosos membros da familia (tales como máscara funeraria e os dentes de Lourenzo, o vestido manchado con sangue usado por Giuliano durante o ataque que lle custou a vida, etc).

En 1966, unha inundación danou seriamente a configuración, que foi desmontada para a indispensable restauración, pero, ao rematarse, non se considerou necesario a recración do Museo. Máis tarde, en 1972 as salas da planta baixa, foron destinadas para exposicións temporais, con prezo da entrada, como continúa hoxe. A Capela de Benozzo Gozzoli foi aberto ao público, de balde, só por estudiosos, mentres algúns salóns só estaban abertos ao público previa solicitude, e os patios eran utilizados principalmente como aparcadoiro para os coches.

En 1992, decidiuse abrir ao público a Capela dos Reis Magos, con pagamento e coas precaucións necesarias, tales como a imposición dun número máximo de 10-15 visitantes cada cuarto de hora, coa finalidade de protexela.

A partir, do 2000, levouse a cabo unha gran reforma do museo: mudouse para a entrada e o despacho de billetes para a á riccardiana e pechouse a entrada principal, que leva ao patio de Michelozzo, do que se eliminou o aparcadoiro, e púxose un único billete para visitar todo o palacio: a Capela dos Reis Magos, as salas do primeiro andar, patios, xardín e exposicións temporais.

A oficinas provinciais foron reducidos ao mínimo e o edificio é principalmente usado só como a sede da Deputación Provincial e como residencia do Prefecto (alcalde), que debe residir permanentemente, e algunhas outras salas de representación, como a sala do Presidente da República, que é usada só cando visita a cidade.

Tamén se creou, no soto, un Museo de Mármores Romanos (Museo dei Marmi Romani) a partir dalgunhas obras en depósito, tales como esculturas e material lapidario antigo

Obras que estiveron anteriormente no Palazzo Medici[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Palazzo Medici Riccardi". museumsinflorence.com. Consultado o 25-02-2018. 
  2. Autores como Young (1987), afirman que os traballos remataron en dez anos (p. 77)
  3. VV.AA. (2011). Florencia y la Toscana. Guida completa con itinerarios. Florencia: ATS Italia Editrice. p. 31. ISBN 978-88-6524-403-6. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Chamberlin (1995), p.52
  5. Hatfield, Rab (Setembro de 1970). "Some Unknown Descriptions of the Medici Palace in 1459". The Art Bulletin (52): 235. doi:10.1080/00043079.1970.10789574. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Nieto (2000), p. 148
  7. Maderuelo, Javier (25-02-2018). "Paisaje y villa en la Toscana". Matèria: revista d'art [en línia] (2002) (2): 59–74. 
  8. "Palazzo Medici Riccardi". queverenflorencia.com. Consultado o 27-02-2018. 
  9. Young tamén afirma (p.113) que o palacio era considerado excesivamente suntuoso para un simple cidadán, pois superaba en esplendor as redidencias dos reis de Francia e de Inglaterra e, mesmo, do emperador do Sacro Imperio.
  10. Argan (1996), p. 192

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Italiano[editar | editar a fonte]

  • Bertelli, Carlo; Giuliano, Giuliano; Briganti, Antonio (1990). Storia dell'Arte Italiana II. Milán: Electa/Bruno Mondadori. ASIN B003OFUU0S. 
  • Bertelli, Carlo; Briganti, Giuliano; Giuliano, Antonio (1991). Storia dell'arte italiana III. Milán: Electa/Bruno Mondadori. ASIN B003OFZXOG. 
  • Catling, Christopher (2008). Firenze e la Toscana. Col. Le guide Mondadori. Milán: Mondadori Electa. ISBN 978-8837058890. 
  • Cherubini, Giovanni; Fanelli, Giovanni (1990). O Palazzo Medici Riccardi di Firenze. Florencia: Giunti. ISBN 978-8809201804. 
  • De Vecchi, Pierluigi; Cerchiari, Elda (2004). Dal Gotico Internazionale alla Maniera Moderna. Arte nel Tempo nº 2 I. Milán: Bompiani. ISBN 978-88-450-4221-8. 
  • Paolini, Claudio; Vincenzo, Vaccaro (2011). Via Cavour. Una strada per Firenze capitale. Florencia: Polistampa. ISBN 978-8859609315. 
  • VV., AA. Palazzo Medici Riccardi e la cappella di Benozzo Gozzoli. Col. Biblioteca de "Lo Studiolo". Florencia: Becocci/ Scala. ASIN B019V8Z5BA. 
  • Young, George Frederick (trad. por Giuseppina Taddei Saltini) (1987). I Medici. Florencia: Salani. ISBN 88-7782-003-9. 

Español[editar | editar a fonte]

  • Argan, Giulio Carlo (1996). Renacimiento y Barroco I. De Giotto a Leonardo da Vinci. Col. Arte y Estética (2ª ed.). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-243-2. 
  • Chamberlin, Russell (1995). Florencia y Toscana. Col. Thomas Cook. Viajeros. Barcelona: Granica. ISBN 84-7577364-8. 
  • Nieto Alcaide, Víctor; Checa Cremades, Fernando (2000). El Renacimiento: formación y crisis del modelo clásico. Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-108-7. 
  • Taranilla de la Varga, Carlos Javier (2017). Breve historia del Renacimiento (epub). Madrid: Nowtilus. ISBN 978-84-9967-903-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]