A basílica de San Lourenzo é unha das igrexas máis grandes de Florencia; está situada na praza homónima que é a sede do mercado no centro da cidade. Posibelmente, é a igrexa máis antiga de Florencia e é considerada a primeira igrexa plenamente renacentista. Cando foi consagrada, no 393, estaba situada fóra da cidade enmurallada. Durante trescentos anos foi a catedral da cidade denantes que a praza bispal oficial fose transferida á igrexa de santa Reparata. Ten a dignidade de basílica menor.[1]
Segundo a tradición, foi fundada durante o século IV nun outeiro próximo ao curso (despois desviado) do Mugnone, grazas á doazón de Giuliana, matrona de orixe xudía. Xa no ano 393 foi consagrada como catedral da cidade ao mártirLourenzo, en presenza de santo Ambrosio e san Cenobio. A zona naquel momento estaba fóra das murallas, como a maioría dos sitios de basílicas paleocristiás nas cidades romanas.[2]
O monticulus sancti Laurentii hoxe está oculto polos chanzos que, na súa disposición actual, datan de 1912-1913. Da igrexa primitiva non queda case nada. Os vestixios arqueolóxicos fragmentarios, non conectados organicamente, saíron á luz aquí e acolá baixo o chan da cripta, durante as escavacións dos anos sesenta e setenta do século XX. Nas obras de 1912-1913 atopáronse restos de casas e tendas construídas preto da igrexa.[2]