Oncoloxía médica
A oncoloxía médica é unha especialidade da medicina, derivada do tronco da medicina interna, dedicada ao diagnóstico e tratamento do cancro, centrada na atención do enfermo con cancro como un todo, ao que se trata con quimioterapia, terapia con hormonas e outros medicamentos,[1] a diferenza da oncoloxía cirúrxica, ou cirurxía oncolóxica, que se encarga da extirpación do tumor e dos tecidos circundantes durante unha operación,[1][2][3] e da radiooncoloxía, que usa a radioterapia para tratar o cancro.[1]
Funcións do oncólogo médico
[editar | editar a fonte]O oncólogo médico é o especialista que atende ao enfermo de cancro. O seu obxectivo é o coidado do enfermo desde o diagnóstico, incluíndo o tratamento e seguimento até a curación, ou durante o período terminal do doente. Atende a patoloxía asociada á enfermidade tumoral, e as complicacións derivadas do tratamento. Colabora activamente no apoio emocional, social e psicolóxico dos pacientes e dos seus familiares.
Ocúpase especialmente do manexo dos fármacos antineoplásicos: quimioterapia, terapia con hormonas e outros medicamentos,[1] e debe posuír un coñecemento amplo da súa farmacocinética e interaccións con outras drogas.
Breve historia da especialidade
[editar | editar a fonte]Na segunda metade do século XX prodúcese un importante aumento, tanto da complexidade dos métodos diagnósticos e terapéuticos, como dos tumores malignos como causa de morte nas sociedades desenvolvidas. Como consecuencia, os médicos que querían dedicarse ao coidado dos enfermos con procesos tumorais necesitaban unha preparación especial, ademais de amplos coñecementos en medicina interna.
A oncoloxía médica xurdiu da necesidade de cubrir aspectos médicos diferentes dos cirúrxicos e radioterápicos.
A oncoloxía médica en España
[editar | editar a fonte]A especialidade de oncoloxía médica en España creouse (extraoficiamente) en 1978. Por aquel entón, non só non existía a especialidade, senón que nom había oncólogos médicos, nin ninguén capaz de facer un enfoque integral do paciente con cancro. Obviamente, estaban os cirurxiáns, e os radioterapeutas, pero faltaba a "pata" dun internista que coñecera a clínica dos tumores e que, ademais, se encargara do tratamento. En 1978 foi cando todo isto comeza a consolidarse grazas a un grupo de facultativos pioneiros nese campo, e que tiveron que saír fóra para aprender como se facían as cousas.[4]
O recoñecemento oficial en España da especialidade de oncoloxía médica produciuse o ano 1981. Constituíuse entón a "Comisión Nacional de Oncología Médica", e establecéronse uns parámetros mínimos para acceder á titulación correspondente, coincidindo co inicio da titulación MIR.[5]
Pero xa moito antes, a "Sociedad Española de Oncología Médica" (SEOM), entidade científica de ámbito nacional, sen ánimo de lucro, constituírase en 1976 coa finalidade de avanzar fronte ao cancro e contribuír a que os seus pacientes recibiran a mellor atención sanitaria posíbel. E na data do recoñecemento da especialidade, a súa preocupación máis inmediata foi asegurar que os máis destacados hospitais españois puideran ter unha estrutura organizativa e xerarquizada da oncoloxía médica.[5]
España, pioneira en Europa da especialidade
[editar | editar a fonte]España foi o primeiro país europeo no que se estableceu a especialidade de oncoloxía médica, e este feito constituíu un exemplo para o resto de Europa, aínda que tamén ocasionou moitos retos. Cando se creu en 1975 a "Sociedade Europea de Oncoloxía Médica" (ESMO),[6] España era o único país no que existía a especialidade como tal (aínda que "extraoficialmente"). Posteriormente, desde a ESMO instouse aos gobernos doutros países para que estableceran a especialidade, e na actualidade (2018) está presente nos seguintes países: Alemaña, Austria, Bosnia-Hercegovina, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Francia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Países Baixos, Portugal, Polonia, Reino Unido, República Checa, Romenia, Suecia, Suíza e Xeorxia.[5]
Por iso, por ser a primeira e levar máis camiño percorrido, España é pioneira e está á vangarda no tratamento oncolóxico. Os primeiros oncólogos médicos españois, na súa maioría procedentes da medicina interna, lograron a súa titulación tras o acordo alcanzado pola SEOM e o Ministerio de Sanidade para o recoñecemento da especialidade. Desde 1987, a SEOM dedicou boa parte da súa actividade a proxectar e prestixiar a oncoloxía española no marco europeo.[5]
En Galicia
[editar | editar a fonte]En Galicia, o SERGAS dispón de Servizos de Oncoloxía Médica nos seguintes hospitais:[7]
A Coruña
[editar | editar a fonte]- Hospital A Coruña, A Coruña
- Hospital Arquitecto Marcide, Ferrol
- Hospital Clínico Universitario, Santiago
Lugo
[editar | editar a fonte]Ourense
[editar | editar a fonte]Pontevedra
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 oncología no Diccionario de cáncer do Instituto Nacional del Cáncer, dos Institutos Nacionais da Saúde dos Estados Unidos.(en castelán).
- ↑ Qué es la cirugía oncológica Arquivado 03 de agosto de 2018 en Wayback Machine. en cancer.net (en castelán).
- ↑ Oncología Quirúrgica Arquivado 03 de agosto de 2018 en Wayback Machine. en News-medical.net (en castelán).
- ↑ "España fue el primer país en reconocer la especialidad de oncología médica" Gaceta Médica, 16 de febreiro de 2018. Consultada o 3 de xullo de 2018.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Historia de la Oncología Médica en España.
- ↑ Web da ESMO (en inglés),
- ↑ Galicia Arquivado 04 de agosto de 2018 en Wayback Machine., na web da Sociedad Española de Oncología Médica.