Mulleres en Colombia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Policarpa Salavarrieta, heroína do Movemento de Independencia de Colombia. Retrato de José María Espinosa, 1855.

Segundo o estabelecido na Constitución colombiana de 1991, as mulleres en Colombia teñen o dereito á integridade corporal e á autonomía, así como o dereito a votar, a ocupar cargos públicos, a traballar, a salarios xustos ou igual salario, a posuír propiedades, a recibir educación, a servir no exército en certos deberes (están excluídas das unidades de armas de combate), a celebrar contratos legais e a ter dereitos matrimoniais, parentais e relixiosos. Os dereitos das mulleres en Colombia desenvolvéronse gradualmente dende comezos do século XX.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro nome de muller recoñecido pola historia de Colombia é Policarpa Salavarrieta (1795-1817) quen espiou para as forzas independentistas crioulas e desempeñou un papel clave na independencia respecto do Imperio Español.

Ao longo da época colonial, o século XIX e o estabelecemento da era republicana, as mulleres foron relegadas a ser amas de casa nunha sociedade dominada por homes. Por outra banda, as mulleres pertencentes a grupos indíxenas sufriron a marxinación e violencia dos colonizadores españois. Moitas mulleres indíxenas estaban suxeitas a escravitude, violacións e perda da súa identidade cultural.

A sociedade wayuu[editar | editar a fonte]

Mulleres wayuu pintando a cara á maneira tradicional.

Nos grupos indíxenas con respecto á relevancia das mulleres na comunidade salienta o pobo wayuu, presente en Colombia e Venezuela, que a miúdo foi descrito como unha sociedade matriarcal na que o papel da muller é central.[2] Porén, outras investigacións apuntan que se ben se trata dunha sociedade matrilinear, a ollada dende o chamado "exotismo indíxena" mitificou algúns aspectos referidos ao seu poder específico e que se ben as mulleres son importantes na reprodución e no coidado como base da sociedade, son conselleiras, posuidoras dos saberes e donas da preservación da cultura, isto sitúase no espazo privado.[3][4] Na práctica son os varóns quen deciden sobre asuntos legais, problemas entre clans e sobre a vida das mulleres.[4][5]

Finais do século XIX e século XX[editar | editar a fonte]

A educación para as mulleres limitábase aos ricos e só se lles permitía estudar até a escola secundaria nun mosteiro baixo unha educación católica. A comezos do século XX María Rojas Tejada (1890) estudara no estranxeiro e despois de ser profesora na Universidade de Georgetown, regresou a Colombia co obxectivo de promover a educación das mulleres, levando consigo o innovador método Montessori. En 1914, en Yarumal na rexión de Antioquia fundou un Centro Cultural da Muller que tivo pouca aceptación. Máis tarde trasladouse a Medellín mais foi expulsada da universidade e, presionada polo clero, abandonou a cidade. O seu seguinte destino foi Manizales onde os columnistas da prensa local a consideraron unha ameaza para a moral e recomendaron que a poboación non lle dese aloxamento nin traballo. Finalmente instalouse en Pereira onde fundou unha escola mixta e laica, dedicouse a traducir artigos de feministas europeas e norteamericanas e publicou, entre 1916 e 1918, a revista "Femeninas" sobre os dereitos da muller.

En 1920 tivo lugar a primeira folga de traballadoras en Colombia. Foi na empresa Fabricato da fábrica de tecidos de Bello, Antioquia, que comezou o 14 de febreiro e foi dirixida e negociada pola obreira Betsabé Espinal (1896-1932). Foi unha folga realizada sen o apoio dos seus compañeiros varóns. Betsabé asinou a negociación cunha suba salarial do 40% e un acordo de 9 horas e 50 minutos de xornada, a subministración de alpargatas e o cesamento do acoso sexual por parte dos seus xefes.[6][7]

Na década dos vinte salientou a dirixente socialista María Cano (1887 - 1967), que rompeu coa imaxe do papel tradicional e subordinado da muller na sociedade colombiana. Dirixiu xornadas históricas en defensa das liberdades políticas e dos dereitos civís e converteuse nun símbolo da organización obreira. En 1921 participou na fundación da revista Cyrano, onde escribiu poesía e contos. Foi vicepresidenta do III Congreso Obreiro, momento no que se fundou o Partido Socialista Revolucionario. En 1960, nun saúdo que enviou á Organización Democrática de Mulleres o 8 de marzo, lembrou:

Fixen o meu primeiro percorrido pola comarca mineira de Segovia, en Antioquia, e despois percorrín todo o país coma unha bandeira. Dende Buenaventura no Pacífico até Santa Marta no Atlántico, a miña voz de muller estimulou as multitudes. Porque había multitudes como grandes ríos que acudían aos teatros e ás prazas públicas para escoitar a mensaxe de loita que lles levaba. Estraño pero lóxico porque a muller xa non estaba só na casa, no pequeno obradoiro e no campo de cultivo, senón tamén nas grandes fábricas, no gran comercio, nas oficinas e nas institucións. Non é igualmente lóxico que as mulleres teñan os mesmos dereitos que os homes en todas as frontes da actividade económica, social e política do país?
María Cano en 1960.[8]

Tamén unha das artistas máis relevantes da historia de Colombia Débora Arango (1907-2005) desafiou o mandato patriarcal tanto na súa vida como na súa pintura, especialmente comprometida coa política e a sociedade. Destacan as imaxes de mulleres marxinadas e tamén é a primeira pintora colombiana en pintar espidos femininos.[9]

En 1928 a escritora, artista e educadora Georgina Fletcher defendeu na prensa xunto co xornalista e intelectual liberal Baldomero Sanín Cano o proxecto de lei sobre "os dereitos das mulleres colombianas" presentado o 6 de maio de 1928 no Congreso polo senador liberal Absalón Fernández de Soto Lozano e debatido sen votación porque non se acadou quórum.[10]

Durante a etapa comprendida entre 1930 e 1943 constrúense os primeiros espazos de conciencia colectiva en relación á loita polos dereitos das mulleres. Entre as primeiras reivindicacións, a reivindicación da independencia económica dentro do matrimonio, o dereito á administración patrimonial, o dereito de acceso á educación e á función pública. Entre as mulleres que destacan neste período estaban Ofelia Uribe, Clotilde García Borrero e Georgina Fletcher que, en 1930, organizaron o Centro de Cultura da Muller e lograron, mediante negociacións con embaixadas e o presidente de Colombia, a organización en Bogotá do IV Congreso Internacional da Muller. As publicacións da época son Letras y Encajes e El Heraldo Femenino.[11]

Obtención do voto, 1954[editar | editar a fonte]

Esmeralda Arboleda como parte da delegación de Colombia perante a Asemblea Xeral da ONU en Nova York.

As mulleres colombianas teñen dereito ao voto desde 1954. O dereito ao voto foi concedido polo ditador colombiano Gustavo Rojas Pinilla despois de anos de loita das mulleres dende os anos 30 para adquirir a plena cidadanía.[12] Entre as mulleres máis importantes do movemento sufraxista colombiano atópanse Esmeralda Arboleda que liderou o movemento xunto con Josefina Valencia e Ofelia Uribe.

En 1957, as mulleres votaron por primeira vez en Colombia nun plebiscito. A historiadora Lola García Luna sinala:[13]

A obtención do voto das mulleres en Colombia en 1954 é evidente que non se trata dun acontecemento único, illado, posto que foi precedido dunha loita que se estruturou nos anos trinta, pero que ten antecedentes en proclamas anteriores, e onde as mentalidades conservadoras e liberais entraron en xogo durante moito tempo que dura ata hoxe. O cambio para as mulleres, aínda que formal en canto á participación política, foi sobre todo o feito de visibilizarse como suxeitos do sistema político, no que comezaron a producirse, décadas despois, algunhas transformacións, como as novas leis ou a creación da Consellería da Muller en Colombia a finais do século XX
Lola G. Luna

Dereitos[editar | editar a fonte]

En 1932, a Lei 28/1932 recoñece a igualdade de dereitos civís ás mulleres de Colombia logo dunha intensa loita que lideran Georgina Fletcher e Ofelia Uribe. Recoñécese o dereito da muller colombiana a herdar e administrar os seu bens.

Participación política[editar | editar a fonte]

En 2019, Colombia ocupaba o posto 114 na lista de presenza de mulleres no Congreso e no Senado. Tralas eleccións de 2018 a Asemblea contaba co 18,71 % de mujeres 171h/32m e no Senado 20,95 % 105h/22m.[14]

Dereitos educativos[editar | editar a fonte]

Colexialas en Colombia.

Antes de 1933, ás mulleres en Colombia só se lles permitía a escolarización ata o ensino secundario. O congresista liberal Jorge Eliécer Gaitán defendeu o decreto número 1972 de 1933 para permitir que as mulleres recibisen estudos superiores, mentres que o conservador Germán Arciniegas opúxose. O decreto foi aprobado e asinado polo goberno liberal de Alfonso López Pumarejo. A Universidade Nacional de Colombia, de propiedade estatal, foi a primeira institución de educación superior que permitiu estudantes femininas. Gerda Westendorp foi admitida o 1 de febreiro de 1935 para estudar medicina. Gabriela Peláez, que foi admitida como estudante en 1936 e graduada como avogada, converteuse na primeira muller en graduarse nunha universidade de Colombia. En 1936, María Carulla fundou a primeira escola de obras sociais co apoio da Universidade Nosa Señora do Rosario. Despois disto, as mulleres comezaron a ser vistas por moitos como iguais aos homes polo seu rendemento académico, creatividade e disciplina. Ao mesmo tempo, os cidadáns comezaron a apoiar a idea da cidadanía para as mulleres seguindo o exemplo doutros países. A violencia política constante, os problemas sociais e os problemas económicos foron os principais temas de estudo das mulleres, principalmente nas áreas de violencia familiar e relacións de parella, e tamén no maltrato infantil.

Dereitos de contratos legais[editar | editar a fonte]

Un grupo de mulleres liderado por Georgina Fletcher reuniuse co daquela presidente de Colombia, Enrique Olaya Herrera, coa intención de pedirlle que apoiase a transformación da lexislación colombiana sobre o dereito das mulleres a administrar propiedades. A lei chamouse "Lei sobre o Réxime de Capitulacións Matrimoniais", que foi proposta posteriormente no Congreso en decembro de 1930 por Ofelia Uribe como reforma constitucional. O obxectivo principal da lei era permitir que as mulleres xestionasen os seus bens e non os seus maridos, familiares ou titores segundo o caso. A medida xerou un escándalo no Congreso. Non foi aprobada e posteriormente xerou persecucións e conspiracións contra o colectivo das mulleres. Como líder do grupo, Georgina Fletcher foi perseguida e illada. O "Réxime do Convenio Matrimonial" foi presentado de novo no Congreso en 1932 e aprobado na Lei 28 de 1932.

Vida familiar[editar | editar a fonte]

A maioría dos fillos nacen fóra do matrimonio. Na década de 2000, o 55,8% dos nacementos foron de nais que cohabitan, o 22,9% de nais casadas e o 21,3% de nais solteiras (que non conviven cunha parella). [15] A vida familiar mudou nas últimas décadas: na década de 1970, o 68,8% dos nacementos foron dentro do matrimonio,[15] e o divorcio legalizouse en 1991.[16]

Violencia contra as mulleres[editar | editar a fonte]

O artigo 42 da Constitución de Colombia aprobada en 1991 estabelece que “as relacións familiares se basean na igualdade de dereitos e deberes da parella e no respecto mutuo de todos os seus membros. Calquera forma de violencia na familia considérase destrutiva da súa harmonía e unidade, e será sancionada de acordo coa lei”.[17]

O 16 de xullo de 1996 promulgouse a Lei 294 de 1996, para combater a violencia intrafamiliar.[18] A violación conxugal foi criminalizada en 1996.[17] En 2008, a Lei 1257 de 2008, promulgou unha norma integral contra a violencia contra as mulleres.[19][20] Unha análise realizada sobre datos de 2014 en relación coa lei sinalaba que se ben a lei, que fora unha conquista dos movementos feministas, tiña un enfoque de dereitos humanos das mulleres "na práctica dos e das operadoras xudiciais persiste a necesidad da conservación da unidade familiar por enriba dos dereitos das mulleres acudindo de forma permanente a lexislacións anteriores como a lei 294 e a 575, para definir cousas que xa a lei 1257 estabalecera de maneira máis progresista para os dereitos humanos das mulleres."[20]

Entre os casos con máis sona de violencia contra as mulleres en Colombia está o caso de Lissette Ochoa.[21]

Aborto[editar | editar a fonte]

Manifestación a prol do aborto en Colombia, 2009.
Artigo principal: Aborto en Colombia.

O aborto en Colombia estivo historicamente moi restrinxido, e non foi até as leis de 2006 e 2009 que comezou a lexislarse a prol do aborto (antes de 2006 Colombia era un dos poucos países do mundo que tiña unha prohibición total do aborto).[22] En 2022, o aborto a petición foi legalizado até a semana 24 de embarazo, por sentenza do Tribunal Constitucional o 21 de febreiro de 2022.[23][24][25] Ata ese momento, as mulleres que abortaron nesta nación maioritariamente católica enfróntanse a penas que oscilaban entre os 16 e os 54 meses de prisión. Segundo esta decisión, as mulleres poden abortar ata o sexto mes de embarazo por calquera motivo. Unha decisión xudicial de 2006 que tamén permitía aos médicos negarse a realizar abortos en función das crenzas persoais afirmou que antes só se permitía en casos de violación, se a saúde da nai corría perigo ou se o feto presentaba unha malformación intratable.[26]

Conflito armado[editar | editar a fonte]

O conflito armado en Colombia repercutiu especialmente na seguridade das mulleres aumentando os casos de violencia. Segundo un informe da Relatoría sobre os Dereitos das Mulleres da Comisión Interamericana de Dereios Humanos (CIDH) implica ser vítimas e estar expostas a diferentes formas de violencia contra as mulleres e abuso dos seus corpos, incluída a violencia psicolóxica, física e sexual.[27] Informouse que unha de cada cinco mulleres desprazadas polo conflito foron violadas.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. University of Vigo; political rights and citizenship of Colombian women Arquivado 25 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
  2. Pulgarín, Carlos A. (13 de maio de 1997). "La mujer wayúu". El Tiempo (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  3. Caribe afrimativo (14 de xullo de 2018). "Ser mujer o LGBT en la comunidad Wayúu". Sentiido (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 Johnny Alarcón Puentes (2006). "La sociedad wayuu, entre la quimera y la realidad". Gazeta de Antropología. 
  5. "Cristina Gallego: “La sociedad wayúu es matriarcal, pero absolutamente machista”". Revista Ideele (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  6. Obrera, Revolución (18 de marzo de 2016). "Recordando a Betsabé Espinoza". Revolución Obrera (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  7. "Betsabé Espinal, pionera de la lucha de las mujeres por derechos laborales en Colombia". Agencia de Información Laboral - AIL (en castelán). 8 de marzo de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  8. Rocío Pineda (2015). "María Cano - Transgresión y transición femenina en los albores del siglo XX" (PDF). Sufragistas y luchadoras políticas. p. 15. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2019. Consultado o 12 de xullo de 2023. 
  9. M.C. Laverde, Una pintora proscrita, en María Cristina Laverde y Luz Helena Sánchez (eds.), Voces Insurgentes, Fundación Universidad Central y Servicio Colombiano de Comunicación Social, 1986, p.69-88.
  10. Luz Gabriela Arango (2015). "Georgina Fletcher - Por el derecho a la educación y al trabajo" (PDF). Sufragistas y luchadoras políticas. p. 22. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2019. Consultado o 12 de xullo de 2023. 
  11. Velásquez Ocampo, Olga Patricia. "Compañera y no sierva. Los avatares hacia el sufragio femenino en Colombia". Ambiente Jurídico Nº !9. pp 11-34
  12. Velásquez Ocampo, Olga Patricia. Compañera y no sierva. Los avatares hacia el sufragio femenino en Colombia. Ambiente Jurídico. pp.11-34 Nº 18 - 2015
  13. G. Luna, Lola. Los movimientos de mujeres en América Latina y la renovación de la historia política. Universidad del Valle – Centro de Estudios de Género Mujer y Sociedad. Editorial La Manzana de la Discordia, Santiago de Cali, 2003. Págs. 16-17.
  14. "Percentage of women in national parliaments". New Parline: the IPU’s Open Data Platform (beta) (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2019. 
  15. 15,0 15,1 "La fecundidad no matrimonial en América Latina: indicadores y análisis comparativos a partir de datos censales" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2 de abril de 2015. Consultado o 14 de xuño de 2015. 
  16. "Colombia profile" (en inglés). 8 de agosto de 2018. Consultado o 20 de decembro de 2019. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "Violence against Women in Colombia - A Report to the Committee against Torture" (PDF). Committee against Torture (en inglés). World Organisation Against Torture (OMCT). 
  18. "Ley 294 de 1996" (PDF). 
  19. "Ley 1257 de 2008" (PDF). 
  20. 20,0 20,1 "Las medidas de protección a mujeres víctimas de violencia: Análisis de la ley 1257 de 2008 y recomendaciones para su efectividad." (PDF). 2014. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de decembro de 2019. Consultado o 12 de xullo de 2023. 
  21. Soho. "¡Nunca más!". Nunca más (en español). Consultado o 20 de decembro de 2019. 
  22. Prada, Elena; Singh, Susheela; Remez, Lisa; Villarreal, Cristina (setembro de 2011). "Unintended Pregnancy and Induced Abortion in Colombia: Causes and Consequences" (PDF). 
  23. Sentencia C-055-22 - 21 de febreiro de 2022 - Corte declra exequible la tipificación del delito de aborto consentido antes de 24 semanas de gestación. M.S. Antonio José Lizarazo Ocampo y Alberto Rojas Ríos, Expediente: D-13.956
  24. Colombia: Despenalización del aborto es un triunfo para los derechos humanos, Amnistía Internacional, 21 de febreiro de 2022
  25. Aborto en Colombia: Corte Constitucional despenaliza el aborto hasta la semana 24, El Espectador, 21 de febreiro de 2022
  26. "With advances and setbacks, a year of struggle for women's rights". france24. 
  27. "Violence and discrimination against women in the armed conflict in Colombia". Rapporteurship on the Rights of Women (en inglés). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Débora Arango, Reseña de Exposición Retrospectiva. Santafé de Bogotá, abril-setembro de 1996. (Banco de la República - Biblioteca Luis Ángel Arango - biblioteca virtual. Debora Arango, exposición retrospectiva. Bogotá, abril-setembro de 1996)
  • De Karpf, Ana. “Balance de 40 años del voto femenino”. En: Unión de Ciudadanas de Colombia. Memorias, 5º Congreso Nacional. Cali, outubro de 1997.
  • Jimeno, Gladys. Las semillas dan sus frutos. En Memoria de María Consuelo Niño, Bogotá, 3 de xullo de 1986. Fotocopia.
  • G. Luna, Lola. Los movimientos de mujeres en América Latina y la renovación de la Historia Política. Universidad del Valle - Centro de Estudios de Género Mujer y Sociedad. Editorial La Manzana de la Discordia, Santiago de Cali.
  • Medina, Medófilo. "Mercedes Abadía - el movimiento de las mujeres colombianas por el derecho al voto en los años cuarenta". En: En Otras Palabras No.7. Mujeres que escribieron el siglo XX. Construcciones del feminismo en Colombia. Santafé de Bogotá DC Colombia, xaneiro-xuño de 2000.
  • Débora Arango, 1937-1984. Exposición Retrospectiva. Catálogo Medellín. Museo de arte moderno de Medellín 1984
  • Peláez Mejía, Margarita María e Luz Stella Rodas Rojas. La Política de Género en el Estado Colombiano: un camino de conquistas sociales. Editorial Universidad de Antioquia. Medellín, 2002.
  • Periódico Una voz insurgente, 1944.
  • Scott, Joan. "El problema de la Invisibilidad". En: RAMOS ESCANDÓN, Carmen (Comp. ) Género e historia, Instituto MORA-UAM, México, 1992.
  • Torres Giraldo, Ignacio. María Cano : Mujer Rebelde. Editorial La Rosca, Bogotá, 1972.
  • Uribe de Acosta, Ofelia. Una Voz Insurgente, Ediciones Guadalupe, Bogotá, 1963.
  • Velásquez Toro, Magdala, Catalina Reyes e Pablo Rodríguez. “Proceso histórico y derechos de las mujeres, año 50 y 60. Las mujeres en la historia de Colombia. Tomo I, Editorial Norma, 1995.
  • Velásquez, Magdala e outros. 40 años del voto de la mujer en Colombia. Feriva, Cali, 1997.
  • Velásquez Ocampo, Olga patricia. "Compañera y no sierva. Los avatares hacia el sufragio femenino en Colombia". Ambiente Jurídico N.º !9. pp 11-34