Matilde Landa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Matilde Landa
Nome completoMatilde Landa Vaz
Nacemento24 de xuño de 1904
 Badaxoz
Falecemento26 de setembro de 1942
 Palma
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítica
editar datos en Wikidata ]

Matilde Landa Vaz, nada en Badaxoz o 24 de xuño de 1904 e finada en Palma de Mallorca o 26 de setembro de 1942, foi unha política española do Partido Comunista de España

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Matilde Landa naceu en Badaxoz no domicilio familiar da praza de San Andrés (hoxe praza de Cervantes), no seo dunha familia podente e librepensadora, na que se fomentaba a educación e a cultura. Filla do avogado krausista Rubén Landa Coronado e de Jacinta Vaz Toscano, que casaron polo civil en 1886 -algo moi infrecuente naquel momento- en Porcel (Portugal), lugar de nacemento de Jacinta.[1] Non foi bautizada, algo infrecuente na época. Tivo dúas irmás: Aida e Jacinta (fundadora con José Castillejo da Escuela Internacional e, posteriormente, da Escuela Plurilingüe, ambas en Madrid),[2] e un irmán, Rubén, que chegou a ser catedrático de filosofía, pedagogo e amigo de Antonio Machado. Os tres faleceron no exilio en México.

O seu pai tivo unha intensa vinculación coa Institución Libre de Enseñanza (ILE), forxando amizade co seu cofundador Francisco Giner de los Ríos e o pedagogo Manuel Bartolomé Cossío, alumno e posteriormente profesor e director da ILE, chegando a formar parte do primeiro grupo de accionistas do Boletín de la ILE, publicación e institución que foron un referente na educación de todos os seus fillos, incluíndo a Matilde. Rubén, o seu irmán, foi tamén profesor na Institución.

A relación da familia Landa cos Cossío foi causa da amizade de Matilde coa filla deste, Julia Cossío, coa que pasou moitos veráns nun pazo que a familia Cossío tiña en San Fiz de Vixoi (Bergondo).

Matilde pasou a súa infancia e adolescencia en Badaxoz, onde estudou o bacharelato como alumna libre no Instituto General y Técnico. Antes de comezar o bacharelato, pasou algunha tempada na Coruña estudando na Escuela Profesional de Comercio. En 1923, con 19 anos, trasladouse a Madrid para iniciar estudos universitarios de Ciencias Naturales, algo infrecuente entre as mozas da época, licenciándose en 1929. Estivo na Residencia de Señoritas, entón baixo a dirección da pedagoga krausista María de Maeztu.

En 1930 casou con Francisco López Ganivet, militante comunista e sobriño do escritor e diplomático Ángel Ganivet García, considerado precursor da Xeración do 98, que durante a Guerra Civil foi capitán do V Corpo do Exército Republicano.[3] Froito do matrimonio naceron Carmen en 1931 e Jacinta en 1933, aínda que esta última faleceu con poucos meses. O matrimonio disolveuse amistosamente durante a Guerra Civil.

A educación da súa filla Carmen estivo sempre adscrita á ILE e dala consérvase unha colección de cartas escritas na cadea pola súa nai que foron fundamentais para a reconstrución biográfica de Matilde Landa.

Durante estes anos existen poucos datos acerca da súa profesión, aínda que parece que a finais da Segunda República traballou nun laboratorio no Instituto Cajal, como empregada do neurólogo e psiquiatra Gonzalo Rodríguez Lafora.

Militancia política[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda República iniciou a súa militancia política. En 1934 participou no congreso fundacional do Comité Nacional de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo, organización feminista e popular de inspiración comunista que presidía Dolores Ibárruri. Este mesmo ano afiliouse ao Socorro Vermello Internacional (SRI), organización vinculada á Internacional Comunista, que se dedicaba a realizar actos de apoio aos prisioneiros comunistas e que organizaba asistencia material e humanitaria en situacións específicas de necesidade.

Ingresou no PCE nos primeiros meses de 1936, pouco antes da Guerra Civil, grazas aos seus contactos co activista italiano Vittorio Vidali (Comandante Carlos), delegado do Komintern e cofundador e comisario político do Quinto Rexemento de Milicias Populares, e á súa compañeira a fotógrafa e actriz Tina Modotti.

O 21 de xullo de 1936, uns días despois do fracasado golpe de Estado, foi destinada ao Hospital Obrero ocupado polo Quinto Rexemento en Madrid, e ese mesmo verán enrolouse no batallón feminino do mesmo, realizando alí a instrución militar. Xunto a outras moitas mulleres, entre as que se encontraba Tina Modotti, embarcouse no esforzo de converter o hospital -que fora asilo para tuberculosos rexentado por relixiosas- nun hospital de sangue para as milicias populares, que xa estaban freando o avance fascista na serra norte de Madrid. O batallón feminino do Quinto Rexemento, seguindo a idea de Dolores Ibarruri, pretendía que as mulleres combateran na fronte en situación de igualdade cos homes. A presenza de mulleres nun corpo militarizado como aquel suscitou unha polémica nas filas do PCE, e as dúas únicas compañías de mulleres que chegaron a formarse acabaron disolvéndose.

Despois incorporouse a tarefas sanitarias nun hospital de sangue en Madrid (Hospital Obreiro de Maudes). En 1936 o hospital foi evacuado debido ao avance das tropas franquistas, e Matilde trasladouse en novembro a Valencia para reorganizar o SRI.

Foi relevante a súa presenza e actividade no cuartel xeral das Brigadas Internacionais, e en diversos lugares (Albacete, Madrid, Estremadura, Aragón, Córdoba), particularmente no avance das tropas rebeldes sobre Málaga, organizando tarefas de evacuación da poboación en febreiro de 1937.

Ese mesmo ano era a responsable no SRI de auxilio aos refuxiados, concretamente en tarefas de evacuación de nenos e de inspección de comedores e colonias infantís, e en xullo representou ao SRI nunha conferencia internacional sanitaria de axuda a España celebrada os días 3 e 4 en París (Centrale Sanitaire Internationale d’aide à l’Espagne Républicaine).[4]

En abril de 1938 realizou tarefas de apoio aos refuxiados republicanos da zona de Mérida. Ese mesmo mes incorporouse, en Barcelona, á sección de información popular da Subsecretaría de Propaganda do Goberno Republicano. No verán dese ano foi membro da Xunta Directiva da Casa de Estremadura en Barcelona.

Durante estes meses colaborou coas organizacións antifascistas estremeñas organizadas na zona republicana. A súa frenética actividade por diferente cidades, dificultada por unha afección pulmonar, motivou probablemente a decisión de enviar á súa filla Carmen, que residía nas colonias de Valencia, á Unión Soviética no verán de 1938[5].

Recorreu varias cidades da península, nas que organizou conferencias para levantar a moral aos combatentes republicanos. Nesa época debeu coñecer a Miguel Hernández, que lle dedicou o poema A Matilde, inédito ata 2002.[6]

En novembro de 1938 participou no Congreso Nacional de la Solidaridad, celebrado en Madrid, onde foi elixida membro do Comité Executivo Nacional do SRI.

Residía en Barcelona, e logo da caída da cidade en xaneiro de 1939, unha viaxe clandestina por estrada trasladouna a Madrid onde en marzo de 1939 foi a dirixente designada polo Buró Político do PCE, nun conclave secreto, responsable de reorganizar e encabezar o partido ante a inminente entrada das tropas franquistas na capital. O seu ámbito de actuación incluía tamén, ademais de Madrid, as provincias de Cuenca, Guadalaxara e Toledo. Esto converteuna practicamente no único referente da organización clandestina en España.

O labor do partido nese momento, con grande escaseza de medios e extrema improvisación, organizouse en torno a pequenas células que pronto caeron en mans da policía franquista. Encargada de organizar -actuando co nome de Elvira- a fuga dos dirixentes do partido Domingo Girón, Eugenio Mesón e Guillermo Ascanio, fracasou pola indiscreción dunha antiga dirixente e os tres foron entregados ás autoridades franquistas e fusilados en 1941. Como consecuencia diso, caeu o militante Joaquín Rodríguez, o que provocou a localización de Matilde, que foi detida xunto á súa secretaria María Guerra Micó o 4 de abril de 1939.

O 12 de abril foi conducida á sede do Ministerio de Gobernación -actual Ministerio de Interior-, na Casa de Correos da Porta del Sol, onde foi interrogada polo comisario Jesús Cabezas.[7] Hai versións encontradas sobre se foi torturada ou non, pero se se sabe que estivo illada e incomunicada durante case seis meses.

A cadea[editar | editar a fonte]

Ventas[editar | editar a fonte]

O 26 de setembro de 1939 ingresou na prisión de Ventas. Entre as reclusas alí encarceradas estiveran as Trece Rosas, fusiladas o mes anterior sen chegar a tramitarse a súa solicitude de conmutación de pena.

A directora do penal era a teresiana Carmen de Castro, que fora alumna da Institución Libre de Ensinanza.[8] Matilde, quizais por iso, conseguiu a súa autorización para organizar na súa propia cela da galería de penadas -que reunía ás condenadas a morte coa finalidade de separalas do resto de reclusas, y que naquelas datas chegou a albergar até 190 penadas- unha oficina onde realizou unha impresionante tarefa de axuda ás presas condenadas a morte: era a coñecida oficina de penadas, un gabinete de asistencia xurídica ás presas -fundamentalmente tramitación de recursos para conseguir a súa exculpación-, que conseguiu evitar o fusilamento dalgunhas delas. Aínda que os seus logros al respecto no foron cuantitativamente elevados, consolidouse como un importante apoio psicolóxico que posibilitou establecer unha rede de axuda entre as mulleres e entre elas e as súas familias ante situacións desesperadas e incertas, xeralmente enfrontadas a unha situación de absoluta indefensión legal.

Foi procesada en consello de guerra polo capitán Álvaro Soto Burgos o 7 de decembro de 1939, polo delito de adhesión á rebelión. Condenada á pena de morte, grazas ás xestións realizadas pola súa irmá Aida co filósofo e naquel momento sacerdote Manuel García Morente, converso moi ben relacionado co réxime, alumno e profesor da ILE[9][10] e amigo de Rubén Landa Vaz, irmán de Matilde, a súa pena foi conmutada pola inmediatamente inferior de trinta anos de reclusión o 18 de xuño de 1940.

No seu expediente penal figura, con data de 14 de marzo de 1941, estando recluída xa en Palma de Mallorca, que

Se recibe y une testimonio de sentencia y liquidación de condena de esta penada a treinta años en causa nº 50.683/39, que con el abono de prisión preventiva sufrida extinguirá el 22 de septiembre de 1969.[11]

A súa conmutación foi un caso absolutamente excepcional, e condicionado ao seu traslado a un penal situado fora da península. Logo da conmutación, Matilde solicitou continuar na galería de penadas co seu labor de asistencia xurídica, sen conseguilo. Despois da súa saída da galería, a dirección da prisión prohibiu a oficina e no seu lugar habilitouse un taller de costura.

Palma de Mallorca[editar | editar a fonte]

O 14 de agosto de 1940[11] ingresou na prisión de mulleres de Palma de Mallorca -prisión de Can Sales-, unha das máis terribles cadeas de mulleres da posguerra española, caracterizada pola masificación e a pésima alimentación e condicións das reclusas.

Ao igual que en Ventas, Matilde, a única reclusa con formación universitaria, converteuse de inmediato nun referente moral básico para as presas, encabezando as modestas accións de resistencia que se desenvolveron no penal. Desde o su ingreso foi obxecto dun permanente acoso, no só a causa da súa actividade organizativa, senón pola súa singularidade: era unha muller culta, intelixente, con gran ascendente entre as presas, e sen bautizar.

Foi vítima de numerosas sanciones. Con data 1 de xuño de 1941, no seu expediente penal indícase:

Castigo: la Junta de Disciplina en sesión celebrada el día 1º, a propuesta de la madre superiora [sic] acordó recluir en celda a esta penada y solicitar su traslado a una prisión de incorregibles.[11]

Na cela de illamento permaneceu case catro meses; o 20 de setembro acordouse levantar o seu castigo con motivo da festividade da Mercede.

O 14 de setembro de 1942, doce días antes de morrer, recibiuse un oficio da dirección xeral de prisións ordenando o traslado de Matilde á cadea de mulleres de Santa Cruz de Tenerife, sancionada pola súa conduta. O traslado foi suspendido días despois.

Desde a cadea, escribiu diversas cartas dirixidas á súa filla Carmen, que conseguira saír de España e vivía coe seus tíos en México.

As súa fortes conviccións, coherencia e actitudes consecuentes provocaron que as autoridades relixiosas da prisión, as Hermanas de la Santa Cruz, se interesaran de maneira moi especial pola súa conversión ao catolicismo, o que constituiría un acto propagandístico de primeira orde para a ditadura. Así, desde 1941 sufriu fortes presións para que accedera a recibir o bautismo. A presión das militantes de Acción Católica sobre Landa foi extremadamente cruel, personificada na catequista que lle asignaran, Bárbara Pons. A mellora das condicións de vida das reclusas foron convertidas en moeda de cambio para conseguir a cristianización de Matilde, auspiciada polo bispo de Palma, José Miralles Sbert.

O bautismo público estaba previsto para o 26 de setembro de 1942, xustamente ao cumprirse o terceiro aniversario desde o seu ingreso en prisión, ao que ían asistir o bispo de Palma e o gobernador civil.

Morte[editar | editar a fonte]

Pasadas as seis da tarde do sábado 26 de setembro de 1942, día que estaba prevista a cerimonia de bautismo, con 38 anos, caeu desde unha galería da prisión, falecendo. A súa agonía durou case unha hora, tempo suficiente para que se lle administrara finalmente o bautismo in articulo mortis. Apúntase como causa máis probable o suicidio, inducido pola terrible situación de presión a que estaba sendo sometida por parte das autoridades penitenciarias e eclesiásticas da illa para ser bautizada.

A acta de defunción expedida polo xulgado municipal e certificada en extracto na causa xudicial, con data 29 de outubro de 1945, informaba de que “falleció el 26 de septiembre de 1942, a las 19 horas 25 minutos, a consecuencia de hemorragia interna”.[12] Porén, no seu expediente penal figura:

A las 19 horas y 10 minutos del día de ayer – 26 de septiembre - falleció esta penada en esta prisión a causa de la enfermedad que indica el certificado médico que se adjunta.[11]

Na súa cela encontraron 3 obras: as poesías de Bécquer, os escritos de Santa Teresa, e unha edición completa das obras de Quevedo.

Foi soterrada no cemiterio de Palma, nunha sepultura propiedade de Aina Oleza Bestard, pertencente a unha familia aristocrática mallorquina.

A documentación da causa xudicial de Matilde Landa, co número 50.683, encóntrase actualmente nun arquivo militar, o da Capitanía Xeral de Madrid.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Rúa de Matilde Landa (Madrid).

O grupo de rock navarro Barricada, no disco La tierra está sorda (2009),[13] con 18 temas alusivos á Guerra Civil e á posterior represión franquista, dedicou un deles a Matilde Landa.[14] Está acompañado por un libreto de 184 páxinas.

O 26 de setembro de 2012, o Partido Comunista de Balears e Izquierda Unida renderon un homenaxe a Matilde Landa na súa tumba do cemiterio de Palma, ao cumprirse o 70º aniversario da súa morte.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jiménez-Landi, Antonio. La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo escolar (1881-1907). III, Volumen 3. Edicions Universitat Barcelona, 1996.
  2. Jiménez-Landi, Antonio. La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo de expansión influyente. IV, Volumen 4. Edicions Universitat Barcelona, 1996.
  3. Monferrer Catalán, Luis. Odisea en Albión: Los republicanos españoles exiliados en Gran Bretaña (1939-1977). Ediciones de la Torre, 2007.
  4. La salud de la población según los informes internacionales (1936-1940). Josep L. Barona. Universidad de Valencia-CSIC.
  5. Carmen López Landa faleceu en Madrid o 20 de xaneiro de 2006, aos 75 años.
  6. Aparece en Toledo un poema inédito de Miguel Hernández. El País. Archivo.
  7. Hernández Holgado, Fernando. Mujeres Encarceladas: La Prisión de Ventas, de la República Al Franquismo, 1931-1941. Marcial Pons Historia. 2003.
  8. Lafuente, Isaías. Agrupémonos todas. Aguilar, 2003.
  9. Fundación Francisco Giner de los Ríos. Personalidades.
  10. La Institución Libre de Enseñanza y la Masonería. UNED.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Expediente penal de Matilde Landa.
  12. Causa 50.683, ACGM (Archivo de la Capitanía General de Madrid).
  13. Los chicos de Iruña vuelven al ataque. Archivo de RTVE.
  14. Barricada interpreta en acústico un tema de su nuevo disco: 'Matilde Landa'. Archivo de RTVE.
  15. Homenaje a la comunista Matilde Landa. Diario de Mallorca.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ginard Féron, David (2005). Matilde Landa. De la Institución Libre de Enseñanza a las prisiones franquistas. Barcelona: Flor del Viento Ediciones. ISBN 9788496495012. 
  • Monferrer Catalán, Luis (2007). Odisea en Albión: Los republicanos españoles exiliados en Gran Bretaña (1939-1977). Ediciones de la Torre. ISBN 9788479603860. 
  • Jiménez-Landi, Antonio (1996). La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo escolar (1881-1907). III, Volumen 3. Edicions Universitat Barcelona. 
  • Jiménez-Landi, Antonio (1996). La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo de expansión influyente. IV, Volumen 4. Edicions Universitat Barcelona. 
  • Monferrer Catalán, Antonio (2007). Odisea en Albión: Los republicanos españoles exiliados en Gran Bretaña (1939-1977). Ediciones de la Torre. ISBN 9788479603860. 
  • Hernández Holgado, Fernando (2003). Mujeres Encarceladas: La Prisión de Ventas, de la República Al Franquismo, 1931-1941. Marcial Pons Historia. ISBN 9788495379641. 
  • Ramos Mesonero, Alicia (2012). Memoria de las presas de Franco. Huerga y Fierro Editores. ISBN 9788483749555. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]