Saltar ao contido

Jacinta Landa Vaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJacinta Landa Vaz

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento3 de novembro de 1894 Editar o valor en Wikidata
Badaxoz, España Editar o valor en Wikidata
Morte13 de xullo de 1993 Editar o valor en Wikidata (98 anos)
México Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmestra, musicóloga Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeXoán Vicente Viqueira (1917–1924) Editar o valor en Wikidata
FillosLuísa Viqueira Landa Editar o valor en Wikidata
IrmánsMatilde Landa
Rubén Landa Vaz Editar o valor en Wikidata

BNE: XX6412820

Jacinta Landa Vaz, nada en Badaxoz o 3 de novembro de 1884 e finada en México o 13 de xuño de 1993, foi unha mestra e musicóloga española. Era irmá de Matilde Landa Vaz.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Jacinta Landa naceu en Badaxoz, no seo dunha familia podente e librepensadora, na que se fomentaba a educación e a cultura. Filla do avogado krausista Rubén Landa Coronado e de Jacinta Vaz Toscano, que casaron polo civil en 1886 -algo moi infrecuente naquel momento- en Porcel (Portugal). Non foi bautizada, algo pouco habitual na época. Tivo dúas irmás: Aida e Matilde e un irmán, Rubén.

Dende nena tiña o costume de memorizar as cancións populares que cantaban nos sitios onde vivía e despois as gravaba. Foi educada no ambientes da Institución Libre de Enseñanza. Finalizou a carreira de Maxisterio en 1913, coa especialidade en criaturas xordas e cegas.[1][2]

Casamento

[editar | editar a fonte]

Casou polo civil con Xoán Vicente Viqueira no ano 1917 e dende ese ano ata o 1924 fixo un percorrido de inmersión na cultura galega que lle foi doado por ser súa nai portuguesa.[2] Viviron na Quinta de San Vitorio (Vixoi, Bergondo) e tiveron dúas fillas e un fillo (Luisa, Jacinto e Carmen).

Marcha a Madrid

[editar | editar a fonte]

Despois da morte do seu home en 1924 trasladouse a Madrid e, para manter aos fillos, fixo estudos de xinecoloxía e traballou como comadroa.[2] Porén, axiña contactou con mulleres moi activas na loita polos dereitos sociais e participou como fundadora do movemento creado en Madrid, o Lyceum Club Femenino, un colectivo formado por algunhas das mulleres máis destacadas da República co obxectivo de ser escritoras, ter un trato igualitario e non ser consideradas como "autoras de literatura para mulleres".[3] Baixo a presidencia da pedagoga María de Maeztu, e asociadas relevantes como Clara Campoamor, Victoria Kent, Isabel Oyarzábal, Zenobia Camprubí e Elena Fortún,[2] entre outras, o Lyceum foi fundamental na defensa da igualdade, na incorporacióndas mulleres ao mundo laboral e do sufraxio feminino, entre outros avances de xustiza social.[4]

A finais dos anos vinte do século XX, fundou e dirixiu xunto ao xurista e pedagogo José Castillejo e o seu irmán Rubén Vaz tamén pedagogo, a Escola Internacional (1928) e, posteriormente a Escola Plurilingüe (1933), ambas en Madrid e inspiradas nos principios da Institución Libre de Enseñanza (ILE).[5] Foi este un experimento educativo único en Europa, "cuxa influencia na renovación da vida cultural española caracterizou toda unha época".[1][2] Entre os anos 1933 e 1934 colaborou coas colonias escolares da ILE en Miraflores de la Sierra e tamén foi directora neses centros xunto a Alicia Ortiz, Luisa Viqueira Landa (a súa filla) e Xosé Otero Espasandín.

A Escola Internacional foi un proxecto persoal de Jacinta Landa, unha especie de cooperativa onde pais e nais tiñan a propiedade da empresa e mantiñan unha implicación grande por parte das familias. Alí estudaban "os fillos da intelectualidade madrileña" como Pedro Salinas ou Andrés Segovia.[3]

Segunda República e exilio

[editar | editar a fonte]

No verán do 1936, xunto co profesorado da Escola Pluirilingüe, cedeu o edificio para instalar un albergue na vila de Chamartín e coa axuda dun comité e as milicias poder prestar atención a fillos e fillas das familias que non tiñan ingresos por mor da guerra. A noticia publicouse no diario Crónica cunha reportaxe gráfica asinada por Elena Fortún.[6]

Segundo avanzaba a guerra civil, o compromiso de Jacinta coa República conduciuna a se mover segundo se ía movendo o goberno republicano. Así, de Madrid, marchou cos fillos a Albacete, Valencia, Barcelona, Francia e, finalmente, ó exilio en México.[2] Alí, gravou a capella un repertorio musical autóctono, recollendo pezas dende a súa infancia en Badaxoz, na quinta familiar de Cabezarrubias, as pezas portuguesas e galegas, cancións da ILE e da colonia de San Vicente de la Barquera entre outras cantigas infantís e contos.[4]

No ano 2017, o investigador e músico José Luis Pico Orjais, presentou en Lisboa O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz, unha obra que xunto co traballo de Domingos Morais, da Universidade de Lisboa e Pilar Barrios Manzano, da Universidade de Estremadura facían un repaso polo repertorio musical autóctono que a mestra gravou a capella durante o seu exilio en México. Estas gravacións recollen as melodías da infancia de Jacinta na súa Badaxoz natal, xunto con pezas portuguesas (terra da súa nai) e galegas; estas últimas lembranza da súa vida en San Fiz de Vixoi xunto co seu primeiro esposo, o filósofo e escritor Xoán Vicente Viqueira.[3][7]

Cando Landa tiña 64 anos, comezou as gravacións para rexistrar en discos un conxunto de cancións cantadas por ela. Segundo se conta na investigación, o estudio de gravación estaba nunha dependencia anexa ao cinema Cinelandia, no número 6 da Rúa de San Juan de Letrán (México D.C). Como a describe Pico Orjais, Jacinta Landa, foi "unha exiliada republicana cun tesouro que nin sequera a rapina franquista lle puido confiscar: a súa memoria".[4]

As gravacións foron a herdanza que deixou a súa descendencia, facendo posible esta investigación e contribuíndo a difusión e coñecemento desta muller silenciada pola historia. A antropóloga mexicana Jacinta Palerm Viqueira, neta de Jacinta Landa Vaz, fai o limiar da monografía dividindo a obra en catro partes con mesmo baixo continuo: a voz que canta e merece unha atenta escoita.[4]

  1. Itinerarios vitais: Cancións para unha viaxe.
  2. Afondamento nas distintas gravacións sonoras empregadas.
  3. Estudo minucioso do repertorio galego, portugués e estremeño.
  4. Conxunto de partituras que reflicten o que se pode escoitar no CD que acompaña o libro, entre as que salientan as tres pezas compostas por Xoán Vicente Viqueira (dúas das composicións baseadas en poemas de Rosalía de Castro, e outra, a Canción do Berce, con letra e música propias).[4]

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

A casa da mocidade do concello de Bergondo está adicada a Jacinta Landa Vaz.[8]

  1. 1,0 1,1 "Unhas notas de lembranza sobre Jacinta Landa Vaz" (PDF). Consello da Cultura Galega. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Marco, Aurora (9 de decembro de 2017). "Presentación de O Legado Sonoro de Jacinta Landa Vaz". sites.google.com. Consultado o 17 de decembro de 2025. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Martínez, Tamara (2017-11-17). "O legado de Jacinta Landa Vaz: lazos musicais entre Galiza, Portugal e Estremadura". Nós Diario. Consultado o 2023-12-18. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Amigo, Uxía Bolaño (2017). "O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz. Galiza, Portugal e Estremadura:". Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación 21: 284–286. ISSN 2659-9589. doi:10.17979/srgphe.2017.21.0.4902. 
  5. Jiménez-Landi, Antonio. La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo de expansión influyente. IV, Volumen 4. Edicions Universitat Barcelona, 1996.
  6. "Crónica (Madrid. 1929). 16/8/1936". Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional de España (en castelán). Consultado o 2023-12-18. 
  7. Costa Rico, Antón (2025-12-13). "A mestra Jacinta Landa, corazón galego desde México". Praza Pública. Consultado o 2025-12-17. 
  8. Concello de Bergondo (7 de maio de 2021). Bergondo en feminino: Jacinta Landa Vaz (1894 - 1993) (YouTube). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Do Pico Orjais, José Luís; Morais, Domingos; Barrios Manzano, Pilar (2017). O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz. Galiza, Portugal e Extremadura. Santiago de Compostela: a Central Folque. ISBN 978-84-9477-1859. 
  • Bolaño Amigo, Uxía (2017). "DO PICO ORJAIS, JOSÉ LUIS; MORAIS, DOMINGOS; BARRIOS MANZANO, PILAR (2017). O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz. Galiza, Portugal e Estremadura. Santiago de Compostela: a Central Folque". Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación (21): 284–286. ISSN 1138-5863. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]