As Trece Rosas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Monumento ás Trece Rosas no cemiterio da Almudena de Madrid.

As Trece Rosas é o nome colectivo dado a un grupo de trece novas, a metade delas membros das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), fusiladas en Madrid o 5 de agosto de 1939, catro meses despois de finalizar a guerra civil española. O 3 de agosto de 1939, a sentenza do fiscal do Consello Permanente de Guerra atopou as Trece Rosas como «responsables dun delito de adhesión á rebelión».[1]

As idades das vítimas estaban entre os dezaoito e os vinte e nove anos. En realidade, as mulleres fusiladas foron catorce, porque habería que incluír Antonia Torre Yela, executada o 19 de febreiro de 1940.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Trala ocupación de Madrid polo exército franquista e o fin da guerra, as Juventudes Socialistas Unificadas tentaron reorganizarse clandestinamente baixo a dirección de José Pena Brea, de vinte e un anos. Os dirixentes do PCE e das JSU abandonaran España, deixando a organización en mans de militantes pouco significativos, os cales esperaban pasar máis desapercibidos. José Pena, secretario xeral do comité provincial das JSU, foi detido por unha delación e obrigado a dar, mediante torturas, todos os nomes que sabía e asinar unha declaración preparada.[3][4]

Roberto Conesa, policía infiltrado na organización, colaborou tamén na caída da organización. Conesa foi posteriormente comisario da Brigada Político-Social franquista e ocupou un cargo importante na policía durante os primeiros anos da democracia. A práctica totalidade da organización clandestina caeu deste xeito. A maior parte dos detidos aínda non tivera tempo de integrarse na organización clandestina ou apenas acababan de facelo. Á captura dos militantes axudou o que os ficheiros de militantes do PCE e as JSU non puideran ser destruídos, debido ao golpe de estado do coronel Casado, e foran requisados polos militares franquistas ao ocuparen Madrid. Entre os detidos achábanse as Trece Rosas, que foron detidas e conducidas primeiro a instalacións policiais, onde foron torturadas, e despois ao cárcere de mulleres de Ventas, construída para catrocentas cincuenta persoas, mais na que se arremuiñaban unhas catro mil.

O 27 de xullo de 1939 tivo lugar un atentado contra o coche onde viaxaba o comandante Isaac Gabaldón Izurzún, acompañado da súa filla Pilar de dezaseis anos de idade e o condutor José Luís Díez Madrigal de vinte e tres anos, cando circulaban pola estrada de Estremadura preto de Talavera de la Reina. O comandante Gabaldón, que morreu no atentado, era un antigo membro da «quinta columna» de Madrid e naquel momento desempeñaba un cargo importante na estrutura franquista, pois estaba encargado do «arquivo da masonaría e o comunismo» que fornecía documentación aos fiscais militares nos consellos de guerra contra os partidarios da República. Por ese motivo, o réxime interpretou a súa morte como «un desafío dun adversario ao que cría totalmente aniquilado, e decidiu castigar os verdadeiros ou supostos responsables dun modo exemplar». Aínda que todo parecía indicar que fora obra dalgún grupo de antigos soldados da República, ou de fuxidos —non era a primeira vez que se producía un atentado contra un vehículo en marcha nos arredores de Madrid—, o réxime atribuíuno a unha suposta rede comunista de grandes dimensións.[5] Os corpos sen vida da súa filla e do condutor foron localizados tres días despois.[6]

Celbrouse un primeiro consello de guerra sumarísimo o 4 de agosto en Madrid, onde foron condenados á morte sesenta e cinco dos sesenta e sete acusados, todos eles membros das JSU, dos que foron fusilados ao día seguinte sesenta e tres. O 7 de agosto foron fusilados un número indeterminado de homes condenados noutro xuízo, e poucos días máis tarde foron condenadas vinte e catro persoas máis; foron fusiladas vinte e unha, salvándose tres mozos «porque o réxime comezara a temer que o caso puidese crear un eco desfavorable para a nova España no estranxeiro». Entre os cincuenta e seis executados en Madrid o 5 de agosto de 1939, atopábanse as trece mulleres novas que foron coñecidas como as Trece Rosas, así como corenta e tres homes (43 caraveis), entre os que se atopaba un mozo de catorce anos.[7]

A represión en Madrid tivo lugar baixo o mando de Eugenio Espinosa de los Monteros que como comandante do I Corpo de Exército franquista e primeiro gobernador militar organizou a represión e estes fusilamentos[8] en Madrid.

Nove das novas fusiladas eran no momento da súa morte menores de idade, xa que a maioría de idade estaba establecida en vinte e un anos.

Os fusilamentos saltaron á prensa internacional cando se coñeceu que entre os primeiros sesenta e tres executados se atopaban trece mulleres novas. Unha filla de madame Curie promoveu unha campaña de protesta en París polas Trece Rosas que tivo un grande impacto en Francia, a pesar do cal o réxime franquista non detivo a represión, xa que se estima que a maioría das trescentos sesenta e catro persoas que foron detidas polo atentado contra o comandante Gabaldón foron executadas.[9]

As Trece Rosas[editar | editar a fonte]

  • Carmen Barrero Aguado (20 anos, modista). Traballaba dende os doce anos, trala morte do seu pai, para axudar a manter a súa familia, que contaba con oito irmáns máis, catro máis novos ca ela. Militante do PCE, trala guerra foi a responsable feminina do partido en Madrid. Foi detida o 16 de maio de 1939.
  • Martina Barroso García (24 anos, modista). Ao acabar a guerra comezou a participar na organización das JSU de Chamartín. Ía á abandonada fronte da Cidade Universitaria a buscar armas e municións (o que estaba prohibido). Consérvanse algunhas das cartas orixinais que escribiu ao seu mozo e á súa familia dende a prisión.
  • Blanca Brisac Vázquez (29 anos, pianista). A maior das trece. Tiña un fillo. Non tiña ningunha militancia política. Era católica e votante de dereitas. Foi detida por relacionarse cun músico pertencente ao Partido Comunista. Escribiu unha carta ao seu fillo a madrugada do 5 de agosto de 1939, que lle foi entregada pola súa familia (todos de dereitas) dezaseis anos despois. A carta consérvase.
  • Pilar Bueno Ibáñez (27 anos, modista). Ao iniciarse a guerra afiliouse ao PCE e traballou como voluntaria nas casas-berce en que se recollían orfos e fillos de milicianos que ían á fronte. Foi nomeada secretaria de organización do raio Norte. Foi detida o 16 de maio de 1939.
  • Julia Conesa Conesa (20 anos, modista). Nada en Oviedo o 25 de maio de 1919. Vivía en Madrid coa súa nai e as súas dúas irmás. Afiliouse ás JSU polas instalacións deportivas que presentaban a finais de 1937, onde se ocupou da súa monitorización. Axiña se empregou como cobradora de tranvías, xa que a súa familia precisaba os cartos para subsistir, e deixou o contacto coas JSU. Foi detida en maio de 1939 ao ser denunciada por un compañeiro do seu mozo. Detivérona cosendo na súa casa. Nas primeiras horas do 5 de agosto de 1939, horas antes de ser fusilada, escribiu «Que o meu nome non se borre na historia» nunha carta de despedida dirixida á súa nai, que conserva a súa familia.
  • Adelina García Casillas (19 anos, activista). Militante das JSU. Filla dun garda civil. Mandáronlle unha carta á súa casa afirmando que só querían facerlle un interrogatorio ordinario. Presentouse de xeito voluntario, mais non regresou á súa casa. Ingresou en prisión o 18 de maio de 1939.
  • Elena Gil Olaya (20 anos, activista). Ingresou nas JSU en 1937. Ao acabar a guerra comezou a traballar no grupo de Chamartín.
  • Virtudes González García (18 anos, modista). Amiga de María del Carmen Custa (15 anos, pertencente ás JSU e sobrevivente da prisión de Ventas). En 1936 afiliouse ás JSU, onde coñeceu a Vicente Ollero, que terminou por ser o seu mozo. Foi detida o 16 de maio de 1939 denunciada por un compañeiro seu baixo tortura.
  • Ana López Galego (21 anos, modista). Nada en La Carolina, Xaén. Militante das JSU. Foi secretaria do raio de Chamartín durante a guerra. O seu mozo, que tamén era comunista, propúxolle irse a Francia, mais ela decidiu quedar cos seus tres irmáns máis novos en Madrid. Foi detida o 16 de maio, pero non foi levada ao cárcere de Ventas ata o 6 de xuño. Cóntase que non morreu na primeira descarga e que preguntou: «É que a min non me matan?».
  • Joaquina López Laffite (23 anos, secretaria). En setembro de 1936 afiliouse ás JSU. Encomendóuselle a secretaría feminina do Comité Provincial clandestino. Foi denunciada por Severino Rodríguez (número dous das JSU). Detivérona o 18 de abril de 1939 na súa casa, xunto aos seus irmáns e levárona a un chalé. Acusárona de ser comunista, mais ignoraban o cargo que ostentaba. Joaquina recoñeceu a súa militancia durante a guerra, mais non a actual. Non foi conducida a Ventas ata o 3 de xuño, a pesar de ser das primeiras detidas.
  • Dionisia Manzanero Salas (20 anos, modista). Afiliouse ao Partido Comunista en abril de 1938 despois de que un obús matase a súa irmá e uns mozos que xogaban nun escampado. Ao acabar a guerra foi o enlace entre os dirixentes comunistas en Madrid. Foi detida o 16 de maio de 1939.
  • Vitoria Muñoz García (18 anos, activista). Afiliouse con quince anos ás JSU. Pertencía ao grupo de Chamartín. Era a irmá de Gregorio Muñoz, responsable militar do grupo do sector de Chamartín de la Rosa. Chegou a Ventas o 6 de xuño de 1939.
  • Luisa Rodríguez de la Fuente (18 anos, xastra). Entrou nas JSU en 1937 sen ocupar ningún cargo. Propuxéronlle crear un grupo, mais non convencera aínda a ninguén máis que ao seu primo cando a detiveron. Recoñeceu a súa militancia durante a guerra, mais non a actual. En abril trasladárona a Ventas, sendo a primeira das Trece Rosas en entrar na prisión.

Memoria histórica[editar | editar a fonte]

Literatura[editar | editar a fonte]

Aínda que xa en 1985 o suceso foi investigado polo xornalista Jacobo García, foi o escritor Jesús Ferrero quen ao novelalo no seu libro de 2003 Las trece rosas[10] volveu espertar o interese na súa memoria. Un ano despois apareceu o libro de non ficción Trece rosas rojas[3] do xornalista Carlos Fonseca, no que se documentan os sucesos relativos aos intentos de reorganización das JSU e a captura, encarceramento e execución das Trece Rosas. Durante 2006, a xornalista e escritora Ángeles López publicou Martina, la rosa número trece, centrada na historia de Martina Barroso, unha das "rosas", e a medio camiño entre a novela e o rigor histórico.[11]

En xaneiro de 2004 Julián Fernández do Pozo escribiu na súa honra o poema titulado Homenaje a las trece rosas.[12]

Espectáculos[editar | editar a fonte]

En 2005 a compañía de danza Arrieritos creou un espectáculo homenaxe a estas mulleres. En 2007, o espectáculo chamado 13 Rosas foi galardoado con dous Premios Max das Artes Escénicas, Mellor coreografía e Mellor Espectáculo de Danza.

Filmografía[editar | editar a fonte]

En 2004, Verónica Vigil e José María Almela produciron e dirixiron a longametraxe documental titulada Que mi nombre no se borre de la historia, onde se analizan e narran os sucesos das Trece Rosas contados en primeira persoa polas súas compañeiras de militancia. Ten como título a última frase dunha das condenadas nunha carta dirixida aos seus familiares.

En 2006, Emilio Martínez Lázaro comezou a rodaxe dunha película baseada no libro de Carlos López Fonseca protagonizada por Pilar López de Ayala, Verónica Sánchez e Nadia de Santiago, Las trece rosas.[13] A súa estrea tivo lugar o 19 de outubro de 2007.

Homenaxes[editar | editar a fonte]

A Fundación Trece Rosas, creada en 2005, a Fundación Domingo Malagón, o PCE, así como diversas asociacións de recuperación da memoria histórica, veñen participando cada 5 de agosto en homenaxes ás Trece Rosas.[14] O acto ten lugar dende 1988, ano en que se colocou a primeira placa conmemorativa na tapia do cemiterio da Almudena, nun lugar próximo a onde foron fusiladas.

En maio de 2006 inaugurouse en Xetafe a fonte das Trece Rosas. Está situada na confluencia das Avenidas de España e de Juan de Borbón. Está composta por trece grupos de chorros de auga. Cada un deles conta cunha escultura de aceiro que simboliza unha vida truncada na que está inserida unha rosa e o nome encastrado de cada unha das trece mulleres.

O 5 de agosto de 2009 conmemorouse o 70 aniversario do seu fusilamento no cemiterio da Almudena coa instalación dunha placa conmemorativa, onde por primeira vez apareceron inscritos o nome e o apelido das Trece Rosas.

En 2016 o concello de Zaragoza erixiu un monumento no Parque José Antonio Labordeta cos nomes das Trece Rosas.[15]

No barrio del Bercial de Xetafe hai un parque chamado O Parque do Trece Rosas en homenaxe ás trece mozas.

En Rota foi inaugurada o 26 de febreiro de 2019 unha rúa dedicada ás mozas represaliadas.[16]

En Oleiros inaugurouse en 2020 o parque das Trece Rosas.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tomico, Mar; Rodrigo, Borja (4 de outubro de 2019). "Ni torturadoras ni violadoras: lo que dice la sentencia de muerte de Las Trece Rosas". Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  2. Pedregal, Ramón (4 de agosto de 2012). "5 de agosto: aniversario de las 13 rosas rojas". La República. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2012. Consultado o 20 de abril de 2013. 
  3. 3,0 3,1 Fonseca, Carlos (2004). Trece rosas rojas: la historia más conmovedora de la Guerra Civil (en castelán). Barcelona: Temas de Hoy. ISBN 848460361X. Consultado o 12 de marzo de 2020. 
  4. Crónica, ed. (18 de abril de 2004). "13 rosas «rojas» fusiladas por el franquismo" (en castelán). El Mundo. Consultado o 12 de marzo de 2010. 
  5. Heine 1983, p. 65-66.
  6. Manjavacas, Fidel (10 de agosto de 2019). "El misterioso asesinato del comandante Gabaldón en Talavera, la excusa para fusilar a las Trece Rosas" (en castelán). eldiario.es. Consultado o 19 de xuño de 2020. 
  7. Preston, Paul (2011). El holocausto español: odio y exterminio en la Guerra Civil y después (en castelán). Madrid: Debate. ISBN 9788483068526. Consultado o 12 de marzo de 2020. 
  8. Artigo
  9. Heine 1983, p. 66.
  10. Ferro, Jesús (2011). Las trece rosas (en castelán). Madrid: Sieruela. ISBN 847844677X. Consultado o 12 de marzo de 2020. 
  11. López, Ángeles (2006). Martina, la rosa número trece (en castelán). Barcelona: Seix Barral. ISBN 8432296724. Consultado o 12 de marzo de 2020. 
  12. "Poema en memoria de las Trece Rosas". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2007. Consultado o 10 de marzo de 2007. 
  13. "Emilio Martínez-Lázaro convierte en heroínas a 'Las 13 rosas', en una película que mezclará realidad y ficción". 3 de agosto de 2006. Consultado o 28 de febreiro de 2020. 
  14. "Acto de homenaje a las Trece Rosas en el Cementerio de la Almudena (Madrid) el 8 de marzo de 2006". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2006. Consultado o 13 de decembro de 2006. 
  15. Abierto, Oficina de Participación, Transparencia y Gobierno. "Zaragoza honra la memoria de las Trece Rosas con un lugar para su recuerdo . Noticia. Ayuntamiento de Zaragoza" (en castelán). Consultado o 1 de outubro de 2019. 
  16. "El Ayuntamiento de Rota inaugura el Pasaje 'Las 13 Rosas'" (en castelán). Consultado o 24 de outubro de 2019. 
  17. Oleiros inaugura las Trece Rosas, un reclamo para los amantes de las vistas y las puestas de sol

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]