María de la O Lejárraga
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María de la O Lejárraga y García 28 de decembro de 1874 San Millán de la Cogolla, España |
Morte | 28 de xuño de 1974 (99 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Lugar de sepultura | Cemiterio de La Chacarita |
Deputada nas Cortes republicanas | |
Representa: Partido Socialista Obrero Español 4 de decembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Granada (en) | |
Datos persoais | |
Actividade | |
Campo de traballo | Literatura, drama, política e tradución |
Lugar de traballo | Madrid Granada |
Ocupación | escritora, tradutora, política, dramaturga |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Pseudónimo literario | María de la O Lejárraga Gregorio Martínez Sierra María Martínez Sierra |
Familia | |
Cónxuxe | Gregorio Martínez Sierra (1900–1922) |
Premios | |
María de la O Lejárraga García ou María Martínez Sierra polo seu pseudónimo, nada en San Millán de la Cogolla o 28 de decembro de 1874[1] e finada en Buenos Aires o 28 de xuño de 1974, foi unha escritora, dramaturga, feminista e deputada española. Foi a autora orixinal de varias obras do seu marido, o escritor Gregorio Martínez Sierra. Foi deputada por Granada no Congreso español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]María naceu en 1874 nunha familia abastada en San Millán de la Cogolla, na provincia española de A Rioxa. Aos 4 anos de idade, mudouse coa súa familia para Carabanchel Bajo, un dos distritos de Madrid.[2] O seu pai, Leandro Lejárraga, era cirurxián e conseguira un emprego na capital. A súa nai, Natividad García-Garay, encargábase da educación dos fillos, seguindo as cartillas francesas.[3][4]
María estudou na Asociación para la Enseñanza de la Mujer, onde tivo contacto coas ideas pedagóxicas do instituto que xestionaba a escola. Concluíu os estudos na área de comercio en 1891, tornándose profesora de inglés na Escuela de Institutrices y Comercio.[4] Na Escuela Normal de Madrid, concluíu o curso de maxisterio e como estudante, participou do Congreso Pedagóxico Hispano-Americano, onde apoiou as ideas sobre educación de Emilia Pardo Bazán. Traballou como profesora entre 1897 e 1907. Nunha viaxe a Bélxica, en 1905, pode coñecer o sistema educativo do país e onde tivo contacto cos ideais socialistas.[5] No entanto, as súas preocupacións literarias chocaron coa sociedade na que María creceu, contraria á idea de mulleres se dedicaren ás artes e ciencias.[3][4]
Casamento e o teatro
[editar | editar a fonte]En 1899 publicou a súa primeira obra, Cuentos breves, que foi acollida pola súa familia con frialdade. Foi forzada a ocultar o seu nome so o nome do seu marido, con quen casou en 1900. En 1901, editaron a revista Vida Moderna, onde escritores modernistas e realistas tamén publicaron.[6]
Con Juan Ramón Jiménez fundou a revista de modernismo poético Helios (1903-1904), onde publicaron outros escritores, poetas e ensaístas, como Emilia Pardo Bazán, Antonio Machado e Jacinto Benavente.[7] María escribiu tamén na revista Renacimiento, que tivo poucas publicacións en 1907. Tales colaboracións renderonlle amizades duradeiras, tal como a que tivo con Juan Ramón Jiménez. Ambas as revistas apuntaban tendencias literarias na Europa. María era políglota e foi a responsábel de case todas as traducións en lingua inglesa e algunhas en francés de Renacimiento.[6]
María acabou deixando a carreira docente en 1908 para se poder dedicar integralmente á escrita. A súa obra, Canción de cuna, publicada en 1911, recibiu o premio da Real Academia Española como a mellor peza da temporada teatral 1910-1911. De todas as obras representadas en Madrid en 1911, polo menos 20 delas eran da súa autoría, o que mostra o seu talento e aclamación de parte do público e crítica. A Compañía cómico-dramática Martínez Sierra, dirixida polo seu marido, presentouse en varias xiras por Francia, Reino Unido, Estados Unidos e América Latina, onde os programas mostraban o nome tanto de María como o do seu marido.[7] Cando el estaba fóra, era María quen se encargaba dos negocios referentes ao teatro.[8]
Colaborou con dramaturgos consagrados, como Eduardo Marquina, na súa obra El pavo real e con Carlos Arniches, en La chica del gato, que máis tarde foi levada ao cinema. En 1914, María publicou Margot, con música de Joaquín Turina, un drama lírico en tres actos.[3][8] A parella entrou en contacto con Manuel de Falla en París, en 1913, a petición de Joaquín Turina. Despois de retornar para Madrid, comezaron a colaborar en varios proxectos. En 1915, estrearon El amor brujo, que combinaba música e danza con música de Manuel de Falla e texto de María no Teatro Lara, en Madrid. Con este traballo, querían expresar a alma da do pobo xitano. Para crealo, Falla tocou fragmentos da partitura e María describiu o ton emocional. Viaxaron xuntos a Granada, cidade que ela coñecía moi ben, onde deron os toques finais. A protagonista foi Pastora Imperio.[9]
A pesar do seu nome non aparecer como autora nas obras que o marido presentaba, había sospeitas sobre a certa autoría das obras. En 1930, antes de morrer, Gregorio asinou unha carta recoñecendo a coautoría da súa esposa, mais el reivindicou eses dereitos para si mesmo. Recoñeceuse inclusive que obras doutros autores, como El peaco real, de Eduardo Marquina, tamén foran escritas por María e que Marquina contribuíu exclusiva ou primariamente para a súa versificación.[10]
En 1906 Gregorio Martínez Sierra coñeceu a actriz Catalina Bárcena, con quen tivo unha filla. Non foi ata o nacemento desta en 1922 que Gregorio se separou de María Lejárraga.[1] Mesmo separados, ela continuou a escribir os libros que asinaba como sendo seus.[4] Coa morte de Gregorio en 1947, a filla de Catalina exixiu os dereitos autorais do pai para si. Xa exiliada e con poucos recursos para se manter, María pasou a asumir as súas obras, e comezou a publicar as obras do marido, desta vez coa autoría correcta. Mais non obtivo o mesmo éxito de antes.[4]
Feminismo e política
[editar | editar a fonte]Os seus pensamentos sobre o papel da muller na sociedade xiraban en torno á clase social e do xénero. A maternidade e o traballo doméstico eran temas recorrentes nas súas obras, sempre vinculados coa individualidade feminina como ser de pleno dereito de toda cidadá. En 1914, publicou Cartas a las mujeres de España e en 1917 Feminismo, feminidad y españolismo, alén de varias colaboracións para xornais e revistas.[3] Participou da fundación de varias asociacións feministas. En 1917, participou da creación da Unión de Mujeres de España, que durou só dous anos. En 1920, viaxou para Xenebra, como delegada de España no VIII Congreso Internacional da Alianza polo Sufraxio Feminino (IWSA) onde colaborou coa redacción dunha carta de dereitos das mulleres: recoñecemento de igualdade política, administrativa e civil dos sexos nos ámbitos nacional e internacional.[3]
En 1926, participou da fundación do Lyceum Club Femenino, presidido por María de Maeztu, xunto de Victoria Kent e Zenobia Camprubí, entre outras varias mulleres da época.[3][11] Afiliouse ao Partido Socialista Obrero Español en 1931 e enfocou a súa campaña nas mulleres nun ciclo de conferencias chamado La mujer ante la República que ocorreron no Ateneo de Madrid de 4 a 18 de maio de 1931. Nestas conferencias ela trataba de derrubar os medos respecto ao novo sistema político, inclusive os medos relixiosos.[12]
Cada conferencia trataba dun tema específico. Realidad, era sobre a nova realidade da patria; Egoísmo, en defensa da república; Religión, sobre a cuestión relixiosa; Federación sobre a autonomía e; Libertad sobre a reivindicación dos dereitos das mulleres. Esta última dividíase en dúas partes: o que a muller era e o que viría a ser. Para tales discursos, María revisou amplamente os códigos penais e civil de España.[3] [4][6][7][8][13]
Promoveu a Asociación Femenina de Cultura Cívica, cuxas actividades se iniciaron en 1932. As amigas que se coñeceron na asociación non querían que fose só un instrumento de reivindicación feminista, querían que fose tamén un lar espiritual e material para as traballadoras, especialmente da clase media. Para iso había espazos, conferencias, cursos e obradoiros. En seis meses xa tiñan 600 socias. Ela defendeu a alianza de asociacións feministas e, con esa arela, estivo na publicación da revista Cultura integral y Femenina, que tivo moito éxito na época.[3]
En 1933, foi electa deputada no Congreso por Granada[1] e foi nomeada vicepresidenta da Comisión de Instrución Pública. Interveu en cuestións xerais, opóndose aos proxectos de lei para expandir a forza de traballo do Corpo de Seguridade e da Garda Civil, e a revogación da Lei dos termos municipais, pois entendía que eran leis inxustas cun "pobo español famento que pide traballo con urxente necesidade".[3] En 1936, ocupou a representación diplomática da República Española na Suíza como Agregada Comercial do Ministerio da Agricultura, Industria e Comercio.[7] Foi fundadora e participou da dirección do Comité Nacional de Mujeres contra la Guerra y el Fascismo, presidido por Dolores Ibárruri e colaborou coa revista Mujeres, da mesma asociación.[11]
Exilio e morte
[editar | editar a fonte]En maio de 1937 foi nomeada secretaria da delegación do goberno español para a XXIII conferencia da Repartición Internacional do Traballo. No entanto, coa mudanza do liderado do goberno en 1937 e coa substitución de Francisco Largo Caballero por Juan Negrín, ela foi cesada do seu cargo e obrigada a se mudar para a súa casa preto de Niza.[3][4][14]
Volveu a escribir en 1948, un ano tras a morte do marido e despois dunha complicada cirurxía para corrección de catarata. Ao redor desa época, comeza a asinar as súas obras co nome de María Martínez Sierra e pasa a reivindicar a autoría do seu traballo para poder recoller os dereitos de autoría que pasaran para a filla de Catalina Bárcena.[4][8]
Durante a guerra civil española, María morou na súa casa, preto de Niza, até ser a residencia requisada polos nazis. Exiliada e fuxindo dos conflitos da guerra civil, María exiliouse en Francia, en México e por fin na Arxentina, onde morreu en 28 de xuño de 1974, aos 99 anos, na pobreza.[3][4]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]Á morte de Gregorio Martínez Sierra en 1947 foi descuberto un documento notarial no que se que indica:
“ | [d]eclaro, para todos los efectos legales, que todas mis obras están escritas en colaboración con mi mujer, Doña María de la O Lejárraga y García.[15] | ” |
O estudo de Patricia W. O'Connor[16] baseado na correspondencia entre os esposos e entrevistas da época concluíu en 1987 que María Lejárraga foi a autora da maioría da obra atribuída a seu home.[17]
Aínda que algunha das súas obras xa fora editada anteriormente,[18] en 2018 saíron do prelo novas edicións que rescataban textos inéditos: Viajes de una gota de agua[19] e Tragedia de la perra vida y otras diversiones[20][21] e en 2019 o Centro Dramático Nacional estrenou a obra sobre a súa figura Firmado Lejárraga.[22][23]
Obras literarias
[editar | editar a fonte](asinadas como María Martínez Sierra)[17]
- Cuentos breves (1899).
- La mujer ante la República (1931).
- Una mujer por caminos de España (1952).
- Gregorio y yo (1953).
- Viajes de una gota de agua (1954).
- Fiesta en el Olimpo (1960).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Martínez Sierra, María (1989). "Nota biográfica de María Martínez Sierra". Una mujer por caminos de España. Madrid: Castalia. pp. 41–42. ISBN 9788470395369. OCLC 20593278.
- ↑ "María Lejárraga". Karabanchel. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Martínez, Rosa M. ª Capel (2012-06-15). "Una mujer y su tiempo: María de la O Lejárraga de Martínez Sierra". Arenal. Revista de historia de las mujeres (en castelán) 19 (1). pp. 5–46. ISSN 1134-6396. doi:10.30827/arenal.vol19.num1.5-46. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Eva Díaz Pérez (ed.). "A grande escritora que apagou seu nome para que o marido levasse o crédito por suas obras". El País. Consultado o 21 de setembro de 2018.
- ↑ "La escuela de la República: María Lejárraga". La escuela de la republica. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Rodríguez-Moranta, Inma (2018-06-28). "Nuevas luces sobre María Lejárraga (1874-1974). Unas traducciones en la sombra de 1907". Triangle (en castelán) 0 (4): 45–68. ISSN 2013-939X. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Blanco, Alda. "María Martínez Sierra: hacia una lectura de su vida y obra". Arbor (en castelán) 182 (719). pp. 337–345. ISSN 1988-303X. doi:10.3989/arbor.2006.i719.34. Consultado o 17 de setembro de 2018.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Blanco, Alda (2002). Actas de las Jornadas sobre María Lejárraga, ed. Una mujer por caminos de España: María Martínez Sierra y la política. ISBN 84-95747-19-7.
- ↑ Ana María Arcas Espejo (ed.). "ESCENOGRAFÍA EN LA MÚSICA DE MANUEL DE FALLA: DEL AMOR BRUJO AL RETABLO DE MAESE PEDRO" (PDF). Universidad Sevilla. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de setembro de 2018. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ González Peña, María Luz (2009). Instituto de Estudios Riojanos, ed. Música y músicos en la vida de María Lejárraga. Madrid. p. 307.
- ↑ 11,0 11,1 Matilla Quiza, María Jesús (2012). María Martínez Sierra y la República: ilusión y compromiso : II Jornadas sobre María Lejárraga,, ed. María Lejárraga y el asociacionismo femenino 1900-1936. ISBN 84-95747-19-7. Consultado o 18 de setembro de 2018.
- ↑ Aguikera Sastre, Juan (2004). Berceo, ed. MARÍA MARTÍNEZ SIERRA:ARTÍCULOS FEMINISTAS A LAS MUJERES REPUBLICANAS (PDF).
- ↑ Lizarraga Vizcarra, Isabel (2001). María Martínez Sierra y la República: ilusión y compromiso : II Jornadas sobre María Lejárraga, ed. Libertad (1931), de María Martínez Sierra. ISBN 84-95747-19-7.
- ↑ Juan Aguilera Sastre (ed.). "República y primer exilio de María Lejárraga: epistolario con George Portnoff" (PDF). Consultado o 18 de setembro de 2018.
- ↑ María Lafitte (Condesa de Campo Alange), La mujer en España, Cien años de su historia, Madrid, Aguilar, 1964, p. 242.
- ↑ Gregorio y María Martínez Sierra, trad. Juan García Puente, Madrid, García Verdugo, Julia, 1987.
- ↑ 17,0 17,1 Blanco, ADa (1989). "Introducción". Una mujer por caminos de España. Madrid: Castalia. ISBN 9788470395369. OCLC 20593278.
- ↑ Martínez Sierra, María (1989). Una mujer por caminos de España. Madrid: Castalia. ISBN 9788470395369. OCLC 20593278.
- ↑ Martínez Sierra, María (2018). Viajes de una gota de agua : tres obras de teatro para niños. Sevilla: Espuela de Plata. ISBN 9788417146429. OCLC 1043696422.
- ↑ Martínez Sierra, María (2018). Tragedia de la perra vida y otras diversiones : teatro del exilio, 1939-1974. [Sevilla]: Renacimiento. ISBN 9788484724872. OCLC 497567958.
- ↑ Díaz Pérez, Eva (17 de setembro de 2018). "La gran escritora que borró su nombre". El País. Consultado o 25 de abril de 2019.
- ↑ García Miranda, Marta (22 de abril de 2019). "María Lejárraga o "el mayor fraude" de la literatura española". Cadena Ser. Consultado o 25 de abril de 2019.
- ↑ Villena, Miguel Ángel (23 de abril de 2019). "María Lejárraga, la autora de éxito que escribía las obras que firmaba su marido". Eldiario.es. Consultado o 25 de abril de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: María de la O Lejárraga |