Manuel Molezún
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1920 A Coruña, España |
Morte | 31 de xaneiro de 2001 (80/81 anos) Madrid, España |
Catedrático | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade Central |
Actividade | |
Ocupación | médico, pintor, catedrático, atleta |
Empregador | Universidade Complutense de Madrid |
Deporte | atletismo |
Participou en | |
1948 | Xogos Olímpicos de 1948 |
Manuel Suárez-Pumariega Molezún, coñecido como Molezún, nado o 19 de novembro de 1920 na Coruña e morto o 31 de xaneiro de 2001, foi un atleta, médico, mestre e pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacido na Coruña, aos 8 anos trasladouse a Madrid coa súa familia, pero coa chegada da guerra civil regresou a Galicia, finalizando o bacharelato no Eusebio da Guarda.[1] Posteriormente volveu a Madrid, onde estudou Medicina na universidade.
Atletismo
[editar | editar a fonte]Foi campión de España de 110 metros valados en 1942, 1947, 1948 e 1949,[2] e estivo en posesión da mellor marca española da especialidade entre 1948 e 1950.[3] Ademais das probas de valados competiu en salto de lonxitude e salto de altura, proclamándose nesta última campión de España en 1948.[2]
Representou a España nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948 correndo os 110 metros valados, e converténdose así no primeiro atleta galego en participar nuns Xogos Olímpicos. Quedou terceiro (de cinco) na súa serie, na que se clasificaban só os dous primeiros atletas, e o ouro acabou sendo para o americano William Porter.[4]
Pintura
[editar | editar a fonte]Exerceu como médico en Madrid ata 1955, cando deixou a medicina para centrarse na pintura.[5] Xa dous anos antes tiña recibido o Gran Premio da X Trienal de Milán pola súa montaxe do pavillón español, en colaboración co seu curmán Ramón Vázquez Molezún e con Amadeo Gabino.[6] En 1956 gañou a Medalla de Ouro da I Biennale Christlicher Kunst Der Gegenwart de Salzburgo, polas súas vidreiras de formigón.[6] Realizou pinturas murais e vidreiras en numerosos edificios públicos, como a Fundación Juan March, as igrexas dos Sagrados Corazóns e da Ventilla de Madrid, ou o pavillón español na Feira Mundial de Nova York de 1964.[6]
Expuxo a súa obra de xeito habitual en Galicia, España e no estranxeiro e foi considerado un dos máximos representantes da pintura de abstracción xeométrica e un dos artistas galegos contemporáneos de máis sólida reputación internacional. Na súa última etapa a súa obra evolucionou cara a unha tímida figuración vinculada ós epígonos do cubismo. A súa obra está presente na colección da Fundación Unión Fenosa, no Centro Galego de Arte Contemporánea, no Museo de Arte Abstracta de Cuenca, e no Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid. Ademais foi profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid.[6]
Familia
[editar | editar a fonte]Casou coa pintora neerlandesa Joos de Wolff Peereboom, coa que tivo dúas fillas.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Navaza, Emilio (17 de xullo de 2014). "Manuel Suárez-Pumariega Molezún" (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Campións de España de atletismo" (PDF). Real Federación Española de Atletismo (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de outubro de 2021. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "Progresión dos récords de España de valados" (PDF). Real Federación Española de Atletismo (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de setembro de 2021. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "110 metros valados nos Xogos Olímpicos de 1948". olympedia.org (en inglés). Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "MANUEL MOLEZÚN" (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Manuel S. Molezún, pintor". El País (en castelán). 2 de febreiro de 2001. Consultado o 19 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do atleta no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional (en inglés).
- Datos do atleta en olympedia.org (en inglés).