Saltar ao contido

Lutrinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Londras
Rango fósil: Mioceno tardío-Actual[1]

A londra eurasiática (Lutra lutra), que vive en Galicia.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Mamanlia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Mustelidae
Subfamilia: Lutrinae
Bonaparte, 1838
Xéneros

Aonyx
Enhydra
Hydrictis
Lontra
Lutra
Lutrogale
Pteronura
Algarolutra
Cyrnaonyx
Megalenhydris
Sardolutra
Teruelictis

Os lutrinos (Lutrinae) son unha subfamilia de mamíferos carnívoros que comprende as londras[2] ou lontras[3], das que existen actualmente 13 especies. En Galicia vive a especie Lutra lutra. Todas as londras son animais semiacuáticos ou acuaticos de auga doce ou mariños, con dietas baseadas nos peixes e invertebrados. Lutrinae é unha rama da familia das denosiñas (mustélidos), na que tamén están incluídos os teixugos, rateis, martas, visóns, furóns e glutóns.

Ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

O período de xestación das londras é de entre 60 a 86 días. A cría neonata é coidada polo macho, femia e fillos maiores. As femias chegan á madurez sexual aproximadamente aos dous anos e os machos aos tres. A toqueira constrúena baixo raíces de árbores ou rochas e está tapizada de musgos e herba.

Pasado un mes, a cría abandona a toqueira e no segundo mes xa pode nadar. A cría vive coa súa familia durante un ano aproximadamente. As londras viven ata 16 anos; son moi bulideiras por natureza, e brincan na auga coas crías. A súa fonte usual de alimentos son os peixes, pero tamén poden comer ras e paxaros.

Características

[editar | editar a fonte]

As londras teñen corpos longos e delgados e patas relativamente curtas. As súas características máis distintivas son os poderosos pés palmados que utilizan para nadar, e a súa gran capacidade de natación e de mergullo, que lembra as das focas. A maioría teñen garras afiadas nos pés e todas agás a londra mariña do norte do Pacífico teñen grandes colas musculares. As 13 especies miden de adultas desde 0,6 a 1,8 m de lonxitude e pesan de 1 a 45 kg. A especie de menor tamaño é Aonyx cinerea (sinónimo Amblonyx cinereus) de Asia, e as de maior tamaño son a londra xigante dos ríos suramericanos Pteronura brasiliensis e a londra mariña do norte do Pacífico Enhydra lutris. Teñen unha pelaxe moi suave e cunha capa inferior de pelos illantes e outra superior de pelos máis longos. A pelaxe atrapa aire, que lles axuda a mantérense secas e quentes e facilita a flotabilidade na auga.

Varias especies de londras viven en augas frías e teñen altas taxas metabólicas que lles permiten manter o seu corpo quente. As londras europeas deben comer un 15% do seu peso corporal cada día, e a londra mariña do norte do Pacífico do 20 ao 25%, dependendo da temperatura ambiental. En augas a 10 °C, unha londra necesita capturar 100 g de peixe por hora para sobrevivir. A maioría das especies cazan durante de tres a cinco horas diarias e as nais que están criando ata oito horas ao día.

Para a maioría das londras o peixe é o alimento básico. Adoitan complementalos con ras e crustáceos.[4] Algunhas londras son expertas en abrir moluscos de cuncha e outras aliméntanse de pequenos mamíferos e aves dispoñibles. A dependencia das presas fai que as londras sexan moi vulnerables á diminución das presas no seu ambiente. As londras mariñas do norte do Pacífico recollen ameixas, ourizos de mar e outras crituras con cuncha. Son notables pola súa capacidade de usar pedras que colocan sobre os seus estómagos como bigornias para romper as cunchas. Esta habilidade deben aprendela cando son novos.[5]

As londras son cazadores activos, perseguindo as presas na auga ou buscándoas no leito dos ríos, lagos e mares. A maioría das especies viven á beira da auga, pero as londras de río xeralmente entran nela só para cazar ou viaxar, e pasan o resto do seu tempo en terra para evitar que a súa pelaxe se enchoupe. As londras mariñas son considerablemente máis acuáticas e viven no océano a maior parte das súas vidas.

As londras son animais moi bulideiros e parece que teñen varios comportamentos que realizan por pura diversión, como construíren tobogáns e despois deslizárense por eles ata a auga. Tamén xogan con pequenas pedras. As diferentes especies varían na súa estrutura social, e algunhas son moi solitarias, mentres que outras viven en grupos, e nunhas poucas especies os grupos poden ser bastante grandes.

As feces das londras son identificadas polo seu cheiro distintivo, que se describiu como que vai do da herba recentemente cortada ao do peixe podre.[6]

Lutrinae

Pteronura brasiliensis

Lontra canadensis

Lontra felina

Lontra provocax

Lontra longicaudis

Enhydra lutris

Hydrictis maculicollis

Lutra lutra

Lutra sumatrana

Lutra nippon

Lutra euxena

Lutra castiglionis

Lutra simplicidens

Lutra trinacriae

Aonyx capensis

Aonyx cinerea

Lutrogale perspicillata

Cladograma, segundo Koepfli et al. 2008[1] e Bininda-Emonds et al. 1999[7]
Londra euroasiática
Londra fluvial norteamericana
Londra mariña do norte do Pacífico en Morro Bay, California
Londra xigante do Amazonas

Xénero Lutra

Xénero Hydrictis

Xénero Lutrogale

Xénero Lontra

Xénero Pteronura

Xénero Amblonyx

Xénero Aonyx

Xénero Enhydra

Xénero †Megalenhydris
Xénero †Sardolutra
Xénero †Algarolutra
Xénero †Cyrnaonyx
Xénero †Teruelictis
Xénero †Enhydriodon
Xénero †Enhydritherium
Xénero †Teruelictis
Xénero †Limnonyx
Xénero †Lutravus
Xénero †Sivaonyx
Xénero †Torolutra
Xénero †Tyrrhenolutra
Xénero †Vishnuonyx
Xénero †Siamogale

Relación cos humanos

[editar | editar a fonte]
Sinal en Benbecula, Hébridas exteriores advertindo aos condutores do paso de londras pola estrada.

As londras foron cazadas para obter as súas peles desde plo menos o século XVIII, aínda que a caza puido ter empezado antes. Os primeiros métodos de caza usaban frechas, redes e cepos, pero posteriormente o que máis se utilizou foron as trampas en terra e as escopetas.

Hai unha longa historia do uso das peles de londra en todo o mundo. Na China era característico da realeza usar vestimentas con peles de londra. As persoas ricas tamén as usaban. As colas das londras formaban parte da roupa masculina, en pezas como sombreiros e cintos. Algúns tipos de luvas para nenos tamén se facían de pel de londra.[8]

Tamén se cazaron utilizando cans, especialmente os da raza otterhound.[9] Nas cazas de londras en Inglaterra o trofeo máis prezado era o óso peneano do animal, que se utilizaba como alfinete de garavata.[10]

O programa de conservación Traffic (rede que monitoriza ocomercio de vida salvaxe) informou que as londras están en serio perigo no sueste de Asia e desapareceron de varias zonas da súa antiga área de distribución. Este declive das poboacións débese á caza para obter as peles.[11]

Pescando para os humanos

[editar | editar a fonte]
"Kawauso" de Gazu Hyakki Yagyō por Sekien Toriyama

Durante moitas xeracións, os pescadores do sur de Bangladesh criaron londras da especie Lutrogale perspicillata para usalas para que perseguisen e guiasen os peixes ás súas redes. Antes era esta unha práctica común, que pasaba de pais a fillos en moitas comunidades de Asia, e agora segue practicándose nalgunhas zonas como o distrito de Narail, Bangladesh.[12][13]

Relixión e mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía nórdica o anano Ótr habitualmente tomaba a forma de londra. O mito do "Rescate da londra"[14] é o punto de partida da saga Volsunga.

Nalgunhas culturas dos nativos americanos, as londras son consideradas animais totémicos.[15]

A londra considérase un animal limpo que pertence a Ahura Mazda nas crenzas do zoroastrismo, e é tabú matalas.[16]

Na cultura popular e mitoloxía coreana, dise que as persoas que ven unha londra atraerán 'nubes de chuvia' durante o resto das súas vidas.[17]

En lingua xaponesa as londras denomínanse "kawauso". No folclore xaponés, búrlanse dos humanos do mesmo modo que os raposos (kitsune) e tanuki. En distintas partes do Xapón hai diversas historias e lendas sobre as londras que se converten en mulleres ou homes.[18][19][20] Algunhas das historias datan do período Edo.[21]

Na China, igual que no Xapón, hai historias nas que as londras se converten en mulleres fermosas que aparecen en antigos libros como Na busca do sobrenatural e o Zhenyizhi.[21]

  1. 1,0 1,1 Koepfli KP, Deere KA, Slater GJ, et al. (2008). "Multigene phylogeny of the Mustelidae: Resolving relationships, tempo and biogeographic history of a mammalian adaptive radiation". BMC Biol. 6: 4–5. PMC 2276185. PMID 18275614. doi:10.1186/1741-7007-6-10. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para londra.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lontra.
  4. Kruuk H (2007). Otters: ecology, behavior and conservation. Oxford Biology. pp. 99–116. ISBN 0-19-856587-9. 
  5. "Tool use in otters". OneKind. Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 2016-01-01. 
  6. Spraint Analysis. ottersite.btinternet.co.uk
  7. Bininda-Emonds OR, Gittleman JL, Purvis A (1999). "Building large trees by combining phylogenetic information: a complete phylogeny of the extant Carnivora (Mammalia)". Biol Rev Camb Philos Soc 74 (2): 143–75. PMID 10396181. doi:10.1017/S0006323199005307. 
  8. "Otter hunting". Otter-World.com. 2009. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2013. Consultado o 19 September 2013. 
  9. Otter Hunting AKA Otter Hunting Begins 1920. Película de British Pathe sobre a caza de londras con cans, aínda que non contén imaxes de londras.
  10. "Otterhunting". Animal Cruelty Investigation Group/Animal Welfare Information Service. Consultado o 19 September 2013. 
  11. "Otters feel the heat in Southeast Asia". Traffic (programa de conservación). 9 December 2009. Consultado o 17 January 2014. 
  12. de Trey-White, Simon (2007). "Fisherman's friend". Geographical 79 (5). 
  13. Feeroz, M.M., Begum, S. and Hasan, M. K. (2011). "Fishing with Otters: a Traditional Conservation Practice in Bangladesh". Proceedings of XIth International Otter Colloquium, IUCN Otter Spec. Group Bull. 28A: 14–21. 
  14. "The Otter's Ransom". faculty.mcla.edu. Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2006. Consultado o 5 July 2007. 
  15. http://www.native-languages.org/legends-otter.htm
  16. Cooper, JC (1992). Symbolic and Mythological Animals. London: Aquarian Press. pp. 171–72. ISBN 1-85538-118-4. 
  17. Rachel Smith, John Davidson. Otters For Kids. Google books. Páxina 13. [1]
  18. 柳田國男 (1977) [1956]. 妖怪談義. 講談社学術文庫. 講談社. p. 19. ISBN 978-4-06-158135-7. 
  19. 村上健司編著 (2000). 妖怪事典. 毎日新聞社. p. 114. ISBN 978-4-620-31428-0. 
  20. 水木しげる (1994). 妖怪大図鑑. 講談社まんが百科. 講談社. p. 59. ISBN 978-4-06-259008-2. 
  21. 21,0 21,1 柴田宵曲 (1991) [1963]. "続妖異博物館". En 木村新他編. 柴田宵曲文集 6. 小沢書店. p. 477. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • IUCN SSC Otter Specialist Group
  • ARKive Fotografías e vídeos de londras de Eurasia. Tamén fotos e vídeos de Lontra felina, Enhydra lutris, Lutrogale perspicillata e Pteronura brasiliensis.