Visón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigos principais: visón americano e visón europeo.

Os visóns son mamíferos carnívoros mustélidos de pelame moi aprezada en pelataría, pertencentes aos xéneros Neovison e Mustela. Hai dúas especies vivas de visóns, que son o visón americano (Neovison vison) e o visón europeo (Mustela lutreola). Ademais coñécese polo menos unha especie extinguidas relacionada co visón americano, pero máis grande, como o Neovison macrodon, un visón mariño. O visón americano é como media máis grande que o europeo, pero, debido ás grandes variacións de tamaño, non se poden distinguir os individuos das dúas especies só polo tamaño e debe determinarse a especie examinando o esqueleto e outras características; por exemplo, todos os visóns europeos teñen unha gran mancha branca no seu beizo superior, mentres que só algúns visóns americanos teñen esta marca: por tanto, calquera visón sen esta mancha é con certeza da especie americana. Taxonomicamente ambas as especies actuais eran clasificadas ata hai pouco no mesmo xénero Mustela, pero recentemente, o visón americano foi separado a un xénero distinto, Neovison.[1] Son animais de hábitos acuáticos, que adoitan vivir nas ribeiras de ríos, lagos e pantanos. Son animais moi territoriais, e os machos non toleran outro macho no seu territorio, pero os territorios das femias poden solaparse cos dos machos.

A pel de visón americano é moi aprezada para o uso peleteiro, polo que os visóns foron cazados durante moito tempo, e despois a caza foi dando paso á súa crianza en granxas. A brillante pelame do visón en estado natural é castaña e sedosa, pero os visóns de granxa poden variar desde brancos a case negros. O aceite de visón utilízase nalgúns produtos médicos e cosméticos, e para tratar, conservar e impermeabilizar o coiro.

A introdución do visón americano en Europa, onde estableceu poboacións florecentes ao escapar ou ser liberado das granxas,[2] crese que contribuíu ao forte declive do visón europeo [3] debido á competencia entre eles, na que ten vantaxe a especie americana, que é máis adaptable e resistente (pero non por hibridacion).[4] O visón americano foi introducido en Galicia na década de 1960 pola industria peleteira, e os escapes e sucesivas soltas por grupos activistas animalistas fixeron que se asentasen en Galicia varias poboacións, que son unha ameaza para a fauna autóctona pola súa voracidade. Nalgúns países colócanse trampas para capturar o visón americano.[5] Tamén se estableceron poboacións do visón americano en Suramérica.

Estola de visón

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "ITIS Standard Report - Error". 27 September 2006. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2006. Consultado o 16 de febreiro de 2019. 
  2. "Animal rights group claims responsibility for mink release". BBC News. 1998-08-09. 
  3. Maran, T., Skumatov, D., Palazón, S., Gomez, A., Põdra, M., Saveljev, A., Kranz, A., Libois, R. & Aulagnier, S. (2011). "Mustela lutreola". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 18 January 2012. 
  4. Lodé, T.; Guiral, G.; Peltier, D. (2005). "European mink-polecat hybridisation events: hazards from natural process?". Journal of Heredity 96 (2): 1–8. 
  5. Haworth, Jenny (3 February 2009) "National cull may exterminate UK mink". Edinburgh. The Scotsman.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]